Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Leilía en Ourense

Data: Domingo, 4 de marzo de 2012.
Hora: 19.00 horas
Lugar: Auditorio Municipal (Ourense)(rúa da Canle, 2)

Entrada: 10?.
Venda: Xa á venda en www.servinova.com e na taquilla do Auditorio dende dúas horas antes do concerto.

O grupo de pandereteiras Leilía presenta este domingo no Auditorio Municipal de Ourense o seu último disco, un traballo titulado Consentimento co que renden homenaxe ?a todas as mulleres que souberon crear, manter e trasmitir o legado que forma parte da nosa tradición oral?, segundo explican, personificando este recoñecemento na figura de Eva Castiñeiras, a primeira muller que participou nunha gravación dun disco de vinilo a principios da década dos 70.


Montserrat Rivera, Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Mercedes Rodríguez, Felisa Segade e Patricia Segade contan na entrevista como foron os inicios e a evolución do grupo ao tempo que subliñan a gran riqueza, a variedade e a gran capacidade creativa da música tradicional galega.

- O grupo de pandereteiras Leilía nace no ano 1989 da man de seis mulleres. Cal era entón o obxectivo do grupo?
- O obxectivo do grupo foi desde un principio dar a coñecer e compartir as melodías e toda a riqueza que atopabamos nas recollidas que viñamos facendo por Galicia desde principios dos anos 80.

- Editaron o seu primeiro traballo discográfico, Leilía, no ano 1994. Como era este disco?
- Con este primeiro traballo quixemos dar a coñecer a música que alegraba o día a día das aldeas, dos seráns, a música que interpretaban os mozos e mozas ao son de voces, pandeiretas ou calquera outro ?instrumento? do que botaban man para facer percusións, de aí que fixeramos un traballo etnográfico de recuperación da tradición, sen adubios nin artificios, un traballo purista que amosara o xeito de cantar e tocar dos nosos avós sen licenzas nin concesións á ?creatividade?; o que tiñamos que amosar era o suficientemente rico, variado e descoñecido como para intentar ?disfrazalo?.

- A aquel traballo seguíronlle outros: I é verdade, i é mentira, no ano 1998; Madama, no ano 2003 e Son de Leilía, no ano 2005. Como evolucionou a súa música neste tempo?
- Creada xa a base coa gravación de Leilía, amosada a raíz, pensamos que era tempo de intentar traer a música do pasado ao presente e, como facelo? Pois incorporando polifonías, novos instrumentos que non pertencen á nosa tradición como guitarras, baixos, frautas?, creando letras para esas melodías. Deste xeito fixemos que a música tradicional, recollida nas aldeas de Galicia, chegase a un público máis amplio que descoñecía a riqueza da nosa tradición oral, e foi así como moitos deles chegaron a coñecer e amar a música que crearon, transmitiron e conservaron os nosos antepasados.

.- O día 4 de marzo presentarán en Ourense o seu último traballo discográfico, titulado Consentimento e publicado no ano 2011. Fálenos deste disco.
- Consentimento supón un paso máis na evolución da nosa traxectoria. Con este disco quixemos render homenaxe a todas as mulleres que souberon crear, manter e trasmitir o legado que forma parte da nosa tradición oral, a elas debémoslle o que hoxe recoñecemos como parte da nosa identidade, e quixemos personificar este recoñecemento, a reivindicación do seu papel, na figura da primeira muller que participou nunha gravación dun disco de vinilo, Eva Castiñeira, que prestou a súa voz e o seu xeito de tocar para o disco Recolleita, editado a principios da década dos setenta. Pero por outra parte, tamén quixemos que a muller de hoxe en día estivese representada neste disco e así foi como tivemos a inmensa sorte de contar con sete escritoras que xenerosas se prestaron a colaborar en Consentimento poñendo as letras a sete dos temas, elas son Ana Romaní, Ana Amado, Eva Veiga, Eva Moreda, Iolanda Castaño, Mariña Pérez Rei e Marilar Aleixandre, e logo, dúas de nós tamén nos atrevemos a facer a letra doutros dous temas. Ademais, musicalmente seguimos da man de Xoán Porto que fixo os arranxos dos temas, con apenas tres instrumentos: contrabaixo, guitarra, acordeón e gaita. Cada un deles aporta a musicalidade e a maxia a través das notas e a interpretación dos tres grandes músicos que nos acompañan nos directos: o propio Xoán Porto á guitarra e gaita, Xacobe Martínez ao contrabaixo e Xosé Lois Romero ao acordeón.

- Como vai ser o concerto que van ofrecer en Ourense?
- Ahh, iso é unha sorpresa?! O concerto convértese nun espectáculo acústico e visual. Tivemos a sorte de contar con Quico Cadaval para o deseño da escenografía e luces, temos novo vestiario, novo repertorio, por suposto, en fin todo é novo, distinto e vén con aire moi, moi fresco!

- Na actualidade, o grupo segue a manter os mesmos obxectivos que impusaron o seu nacemento a finais dos anos 80?
- Si, seguimos divertíndonos tocando e cantando, subindo aos escenarios, compartindo o entusiasmo do público e conscientes e sabedoras de que hai algo moi importante detrás de todo isto: a conservación e a trasmisión da nosa cultura, o respeto polo que nos identifica e o orgullo de ter participado na súa conservación e difusión . Despois de 22 anos pódese dicir que Leilía tivo un papel decisivo na recuperación e trasmisión da música de raíz e da música que se está a facer hoxe en Galicia, que mira cara dentro, que bebe do manantial que non é outro que as vellas melodías que formaron e forman parte da vida cotiá deste pobo.

- Que subliñaría da música tradicional galega e por que é necesaria a súa recuperación?
- Cabe destacar o rica e variada que é, e tamén a capacidade creativa que se amosa nas melodías, nos toques, nas coplas..., pero o que máis chama a atención é a imaxinación empregada para facer de case calquera elemento un ?instrumento?? De aí o emprego de culleres, cunchas, sachos, latas? elementos da vida cotiá do que se botaba man, para percutir e facer festa! O caso era pasalo ben! A música tradicional é parte da nosa cultura, danos identidade como pobo, fala de nós, e iso xa de por si é moi importante, como para deixalo esvaecerse e que se perda co paso do tempo. Con cada recollida que se fai, con cada copla que se rescata, con cada toque que se aprende estase contribíndo a dar proxección de futuro e continuidade a un xeito de expresarse que, aínda que está esmorecendo, recobra vida a través das persoas máis novas que se interesan e se esforzan por facelo seu. Daí a importancia de que se coñeza esta fonte de riqueza que aínda habita nas nosas aldeas.

- De toda a súa discografía, cal é o tema ou a composición favorita de Leilía que tocan en todos os seus concertos?
- ?, cal escoller! Depende do escenario, da situación..., pero ben é certo que hai un tema que case sempre forma parte do noso repertorio: o Chorei, chorei, que é o exemplo máis claro de que a música que saíu das aldeas, creada por persoas anónimas, volve á rúa, ás festas, ós pubs..., para ser cantada por persoas de hoxe en día, e mira que non se fixeron versións! A música do pobo volve a ser do pobo. Péchase o círculo, e iso é un moi bo pago para as persoas e grupos, que coma Leilía buscan rescatar do esquecemento parte da nosa identidade cultural.

- Son os concertos en directo a mellor maneira de achegarse ao público? Gaña Leilía nos directos?
- Os espectáculos en directo son a mellor vía para empaparse da esencia dun traballo, para transmitir e compartir co público os matices que lle dan singularidade a cada tema! Nos escenarios flúe a enerxía. Nós trasmitímola cantando e tocando e o público devólvenola por medio dos aplausos, dos sorrisos, das miradas?, que nos dan ás para seguir adiante! Da man de Quico Cadaval, Leilía sube ó escenario para interpretar os temas de Consentimento, e por medio da escenografía creada para a ocasión os instrumentos, as voces... gañan presencia, o que axuda a fixar a atención do espectador... Pero o mellor e velo por un mesmo, así que vos convidamos a vir e compartir este espectáculo conosco o vindeiro domingo! Alí nos vemos!

www.tempodelecerourense.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-03-2012 18:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0