Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xa está en marcha o financiamento popular do novo disco dos Cempés
Os Cempés estamos de volta, e facémolo con moita forza.

Andamos a rematar un novo traballo discográfico que se empezará a gravar en xaneiro de 2012. Este ano cumprimos o 20 aniversario da nosa primeira actuación, nun concerto benéfico en Cedeira no ano 1992.


O disco será unha mostra máis do espírito festeiro que Os Cempés sempre demostramos nas gravacións e nos concertos en directo, tan sinxelo e tan complicado como facer cantar e bailar. Para esta ocasión queremos, ademais, axudar a facer visibles iniciativas como a da Escola Livre da MPG e a músicos mozos que gustan de coñecer e interpretar a música popular.

O tema central do novo traballo é a xente nova, os pícaros, os rapaces, a enerxía e imaxinación da mocidade. Lembrando que a música que queremos facer está baseada na que aprendiamos doutros cando os mozos eramos nós.
No disco incluiremos novas pezas de autor, arranxos de temas clásicos da música galega … creemos que vai ser moi bonito e por suposto: ¡¡¡bailable!!!

CONVIDÁMOSVOS A COLABORAR
Propoñemos a todos os que simpaticedes con esta aventura musical financiar a gravación: ser mecenas do novo disco de Os Cempés coa Escola Livre da MPG.

O micromecenazgo, o financiamento en masa ou “crowdfunding” é un sistema no que moitas persoas identificadas co proxecto proposto e que desexan que se leve adiante, fan aportacións económicas segundo as súas posibilidades, e optan a diferentes recompensas.

Verkami aloxa a web na que se explica este e outros proxectos: os obxectivos, as recompensas e tamén xestiona as aportacións realizadas que só se farán efectivas na vosa tarxeta de crédito, se no tempo máximo de 40 días se consegue o obxectivo. Se neses 40 días non se chega á cantidade que precisamos, o proxecto terá que financiarse doutro xeito.

Este sistema de financiamento permite realizar o traballo creativo e de coordinación coa seguridade de que se vai poder pagar nun prazo razoable os servizos dos técnicos e os gastos de desprazamento, manutención, etc. dos músicos participantes.

O CD e o acceso á versión en formato en Mp3 en exclusiva antes da edición oficial, é a principal recompensa que ofrecemos aos mecenas, pero non a única.
No lateral dereito desta páxina descríbense detalladamente.

O OBXECTIVO
O custe estimado para rematar o “máster” ou a mistura final do traballo é de 5.500€ incluíndo a comisión do 5% de Verkami e os custes polas xestións bancarias.


Eses 5.500€ destinaránse ao pagamento duns 25 días de gravación, edición, mistura e masterización nun estudio profesional, así como os gastos dos músicos do grupo e os dos convidados durante as sesións de gravación.

Falamos de máis de 20 persoas: queremos que neste disco soen os acordeóns diatónicos, as frautas, os violíns, as zanfonas, a percusión, as gaitas e as voces da ELMPG. Teremos que realizar un complexo traballo de preparación de arranxos e de ensaios que xa comezou en xulio do pasado verán.



AS RECOMPENSAS E A DIFUSIÓN DO PROXECTO
As aportacións e recompensas que propoñemos son variadas e esperamos que para todas as posibilidades: o acceso á versión dixital en Mp3, o CD físico, aparecer nos créditos do CD como mecenas, invitacións aos concertos de presentación do disco, mesmo gozar dun concerto/festa con Os Cempés na vosa casa máis a degustación ese mesmo dia de percebes de Cedeira capturados e cociñados ¡¡¡polo mismísimo Serxio Ces!!


É moi importante que este proxecto teña a máxima difusión, que se comparta o evento coa maior cantidade de xente a través das redes sociais, coa familia, no traballo…

As aportacións pódense facer individualmente, en grupo, dende asociacións, ou tamén directamente aos Os Cempés, comprometéndonos a entregar as recompensas que veñen explicadas en Verkami por igual para todos os mecenas.

De conseguir o obxetivo fixado antes dos 40 días, poderanse seguir facendo aportacións. Isto proporcionará aínda máis marxe de manobra na realización da gravación, na calidade da edición, mesmo poderiamos optar pola auto-edición.

No Facebook de Os Cempés ou Os Cempés Volven, no blog oscempes.blogspot.com poderedes seguir todo proceso de creación, facer suxerencias, críticas e ir coñecendo os prazos nos que se fará a entrega das recompensas.

Os Cempés dámosvos as grazas por adiantado pola vosa colaboración. ¡¡Opa iii!!

Páxina web do proxecto Os Cempés www.verkami.com

Última hora: Nos primeiros catro días xa se ten acadado o 80% do financiamento!!!
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-11-2011 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer