O dúo Lobalú, integrado pola cantante Najla Shami e o guitarrista Héctor Lorenzo, protagonizará este mércores día 2 no Salón Teatro ás 21:00 unha nova cita do ciclo de concertos 'ST Música Presente', no que presentarán o seu disco debut 'Haikus'.
O seu primeiro traballo discográfico materialízase nunha ducia de temas interpretados en galego e de gran sonoridade, que navegan entre a música galega, a brasileira e o jazz, con "un son moi persoal e cheo de cor".
O de Lobalú será o segundo dos concertos desta terceira entrega de ST Música Presente, tras a actuación ofrecida o pasado 11 de outubro pola banda viguesa The Blows. A prioridade deste programa é ofrecer ás discográficas galegas unha canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial.