Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Fai un sol de carallo', 25 anos despois

'Galicia Caníbal', o disco de Os Resentidos que marcou un fito no rock galego, cumpre 25 anos


No verán de 1986 era imposible saír de casa e non escoitar nalgún sitio unha canción que non paraba de soar,"Galicia Caníbal". Todo o mundo tarareaba aquel tema repetindo a que posiblemente sexa a frase máis soada da historia do rock en galego: "fai un sol de carallo". A canción de Os Resentidos converteuse nun boom e no primeiro tema en galego que, anos despois de Andrés Dobarro, picábase sen complexos nas emisoras comerciais de Madrid.

"É o himno de rock en galego por excelencia", di o crítico Xavier Valiño, bo coñecedor da historia musical recente. Catro anos antes, en 1982, Os Resentidos empezaban a súa traxectoria liderados por Antón Reixa, entón un profesor de literatura e poeta interesado nas vangardas. Ao amparo da nova onda que xeraba a movida viguesa, Os Resentidos gravaran xa dous discos, ata que chegou o traballo que os catapultó a toda España, cantando en galego e cunha letra-collage que reflectía a esencia das festas patronais: tradición, devoción, gastronomía e baile.

Como outros grandes acontecementos, todo xestouse unha noite de farra nun bar, neste caso nun dos santuarios da movida, o Ruralex. "Nacera a miña filla Antela e saímos a celebralo Julián Hernández e o produtor Paco Trindade. Chegado un momento, un tipo expulsounos do local, e como levabamos lentes, dixo ao saír, "fai un sol de carallo", e xa quedou como unha ladaíña que se repetiu toda a noite" lembra Antón Reixa.

O chiste acabou nunha canción que en 1986 non paraba de radiarse nos diales de toda España, e nun disco que despachou ese ano 30.000 copias, unha cifra moi alta tendo en conta que o disco de ouro andaba polas 50.000 unidades. O álbum fora editado pola compañía independente Gasa e estaba integramente en galego. "Eramos a primeira xeración de galegos sen complexos. Cantabas en galego e era unha opción natural, sen problemas nin discusións. A contorna da movida era castellanohablante, pero nunca ninguén me preguntou por que cantaba en galego" explica Reixa, con respecto a unha época que parecía moito máis tolerante que a actual.

"Corrían bos tempos para o pop español e as discográficas de Madrid, que tiñan máis opcións de chegar a medios masivos, eran receptivas ao que viña de Vigo, por iso coou mellor o galego" analiza o crítico Xavier Valiño sobre o éxito que tiveron Os Resentidos, e o tema "Galicia Caníbal". A pesar de todo, Reixa confesa que a punto estivo de prohibir a saída da canción ao mercado. "Cando recibín o single quixen parar a distribución, porque me deu a impresión que estaba moi mal mesturado e que aquilo non se podía vender", confesa o que foi líder de Os Resentidos. Reixa recoñece que no proceso de gravación houbo certas tensións entre a banda e o produtor, e que algúns dos seus compañeiros se cabrearon, co cal a gravación do tema supuxo un momento desalentador. "Acabei eu só no estudo metendo a voz á canción sen ninguén máis, e era algo moi estraño", se sincera 25 anos despois.

Debían ser detalles só percibidos polos músicos, porque a canción alcanzou tal popularidade que a discográfica propuxo ao grupo unha versión en castelán. "Dixen que non porque se me ía a notar o acento" ironiza Reixa, que a cambio ofreceu "medio de broma", unha versión en inglés e outra en eúscaro, "que acabou sendo un disparate gravado sílaba a sílaba" .

Como ocorrera outras moitas veces na historia do rock, o éxito de Os Resentidos provocou un debate interno no grupo, o momento da eclosión, a profesionalización e o cambio de plans: "Uns eramos profesores e outros combinaban a banda con Siniestro Total, co cal as actuacións se solapaban, e ese verán de éxito obrigounos a elixir e a reformar o grupo".

Na distancia dos 25 anos, Reixa confesa con todo unha frustración no que puideron achegar Os Resentidos. "É frustrante que aquel éxito non servise nin para crear un esbozo dunha industria do rock en galego, nin nas discográficas, nin nos circuítos de actuacións. Non se logrou consolidar nada, a pesar de que a creatividade estea máis viva que antes", conclúe con certo ton amargo. En 2012 cúmprense 30 anos do nacemento de Os Resentidos, Reunirase de novo a banda? "Uf, non se eu se estou para virar con tantos tacos ao lombo, e tampouco falamos nada, pero hai un disco homenaxe en marcha e nunca se sabe", comenta sen despexar a incógnita de se lle dará o gusto aos fillos daqueles "ye-yés" escondidos tras os seus "jafas de sol".



Disco homenaxe no 30º aniversario da banda

En 2012 cumpriranse 30 anos do nacemento de Os Resentidos, aquela banda que o profesor de literatura Antón Reixa montou para acompañar os seus poemas. O que non sospeitaba Reixa é que fosen alcanzar tal popularidade, e chegar a un público tan variado. "Abrimos unha nova vía nas festas patronais, iso que empezaron a chamar "atracción", e que non había até o momento. Tocaba unha orquestra e iamos como atracción Os Resentidos, e tiñamos un público moi amplo", lembra Reixa.

Os Resentidos son a banda en galego máis relevante da exigua historia rockeira do país, e unha das máis influentes nas novas xeracións de músicos. "Son un referente total, e estou seguro que se nacesen hoxe mesmo, neste momento, seguiría sendo unha banda igual de moderna", di Roberto Sobrado. Este músico é, xunto con Marcos Payno, un dos impulsores dun disco-homenaxe que se está preparando para conmemorar os 30 anos de Os Resentidos. Sobrado acaba de sacar un disco, Noroeste Estraño, no que xa fai algunha versión de Os Resentidos. Entre os grupos que preparan temas para a homenaxe están formacións como Ataque Escampe, Projecto Mourente, The Homens ou Fany e Alexander. "Tentaremos ser máis ambiciosos e contar tamén con músicos coñecidos como Siniestro Total, Fermín Muguruza ou Víctor Coyote, pero esa parte vai máis lenta", explica o coordinador do disco Marcos Payno, cuxa idea é facer un dobre CD, no que teñan cabida unha vintena de grupos.

"Influíron decisivamente en todos os que facemos música en galego, pero ás veces sorpréndeme que os rapaces non os coñezan ", expón Payno, membro do grupo Das Kapital, que tamén estarán neste disco homenaxe.

A popularidade de Os Resentidos permanece vixente no termómetro de youtube, onde o videoclip de Galicia Caníbal segue recibindo decenas de miles de visitas. Este clip supuxo un traballo rompedor nunha época na que se experimentaba co vídeo. Reixa deixouse guiar polo oficio e o talento creativo dun novo cineasta, Xavier Villaverde, mesturando tradicións como a matanza, con imaxes de Xosé Ramón Gayoso e Tareixa Navaza, dúas iconas mediáticas nesa época, ou a canallada de introducir a aparición recorrente do entón presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor.

www.elpais.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-08-2011 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer