Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A música galega está en perigo
Betanzos será este domingo a próxima escala da xira actual de Berrogüetto, unha das bandas máis exitosas do panorama folk galego. Xabier Díaz (A Coruña, 1970) é unha das súas sete inquedas cabezas.

-Tamén preparan un deuvedé en vivo e unha biografía. ¿Tocaba xa facer balance destes primeiros quince anos de vida?
-Foi algo que xurdiu o ano pasado, en Nadal. Tiñamos un concerto en Compostela en colaboración coa Televisión de Galicia e xurdiu a posibilidade de gravalo e editalo como celebración do 15.º aniversario do grupo. E ao mesmo tempo apareceu a idea de facer a biografía.

-¿Como se di nestes casos, de hoxe en quince anos?
-Somos tremendamente optimistas e esperamos estar outros quince anos polo menos, aínda que o rum rum das bandas, da cultura e da economía non vaia por aí. A música non pode nin debe apagarse, é algo que nos alimenta.

-Hai pouco alertaba de que a música galega corría perigo.
-Os feitos acreditan que está en perigo. Se vemos os cartaces das festas apreciase un baixón do produto propio. As Administracións deben apostar decididamente pola cultura propia. Hai bandas senlleiras que están no dique seco e por iso toca prender as alarmas. A ninguén se lle ocorrería prescindir de sectores estratéxicos, como o peixe, o marisco, os caldos... pois coa música tamén debería pasar o mesmo.

-¿É un problema só das Administracións ou tamén da sociedade?
-É cousa das Administracións, pero tamén da sociedade e dos medios, que deberían darlle máis visibilidade. Resulta paragóxico que, ás veces, haxa que saír do país para ser consciente do valor que ten o propio.

-¿Como acolleron o premio da música ao «Alalá da noite»?
-Valorámolo coa alegría coa que hai que tomarse todos os premios, pero tampouco é que supoña un xiro na inercia da banda. Sentímonos contentos porque coincidiu cos 15 anos da banda e porque son os propios músicos os que o conceden.

-¿Que ten Berrogüetto para manterse quince anos na cima?
-O segredo da lonxevidade é sentirnos músicos as 24 horas do día, sentir a necesidade da dedicarnos a isto, e ter un gran cariño pola música tradicional.

-¿Xa teñen en mente o próximo traballo discográfico de Berrogüetto?
-Nunca deixamos de traballar. Somos sete cabezas que estamos pensando na música permanentemente. Agora estamos co libro e co deuvedé, pero supoño que a comezos do próximo ano empezaremos a traballar no próximo disco.

-Ademais, compaxina o grupo cunha carreira propia e coa compañía Nova Galega de Danza. ¿Cal é o segredo?
-É unha cuestión de adecuar a axenda e as velocidades, de ir facendo. Berrogüetto é o que manda na miña axenda, pero teño tempo para outras cousas e penso que todo iso se retroalimenta.

-E tamén imparte obradoiros en escolas. ¿Que impón máis, o público dun concerto ou os alumnos?
-[Ri]. Ás veces impoñen mesmo máis os rapaces.

-¿Que acollida lle dan eles á música galega?
-Fantástica, porque os rapaces teñen unha facilidade tremenda para asimilala, eu mesmo empecei con once anos. É un entorno que mestura aprendizaxe e diversión, e ademais é algo que os vencella directamente á terra na que viven. Ademais, é unha inversión no futuro da cultura propia porque quen coñece a música tradicional de pequeno vive con ela un romance para toda a vida.


La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-08-2011 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer