Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Dios Ke Te Crew
Foron os últimos en actuar o sábado do último Festigal. O campus estaba inzado de xente e ninguén parou de bailar ata que o concerto rematou. Dios Ke te Crew intensifican a súa enerxía coas guitarras de Machina no seu último disco, 'Humanose', que chegou ás tendas hai só uns días. Para quen non puidese aínda escoitalos en directo, hai outra oportunidade o día 11 de agosto no festival Brincadeira, en Ordes, a partir das 2.35 horas, nunha xornada na que compartirán cartel con Samesugas ou Skarallaos, entre outros grupos. 'Humanose' é un álbum cargado, como o anterior, 'Xénese', de crítica política e social. De "sucias verdades", como lles gusta dicir. Cóntano eles mesmos nesta entrevista.

Unha das primeiras cousas que primeiro chaman a atención deste disco é a presenza da guitarra eléctrica. ¿Como xurdiu ese encontro con Machina? No disco anterior xa había influencias de estilos como o jazz ou o propio rock. ¿Pedíavos o corpo máis guitarra neste?
O encontro xurdiu cando o ano pasado quixemos facer un concerto especial na sala NASA de Compostela, reunindo a varios amigos nosos para que nos acompañasen no directo. Ocorréusenos facer unha parte do espectáculo con banda e para nós non había ninguén mellor. Neste disco pode haber máis presenza de guitarra eléctrica. Sempre nos gustou o aire rock nas producións, pero cremos que saíu como algo natural sen premeditacións.

¿Como serán os concertos de presentación deste disco? ¿Seguirá habendo graffiti, break, etc).
Os directos ímolos realizar facendo un mestura, metade con instrumentais puramente hip hop e metade coa banda aportando o lado máis analóxico e eléctrico. En canto as condicións o permitan, seguiremos realizando breakdance e graffiti xuntando tódalas vertentes do hip hop no escenario.

O disco ten varias conexións temáticas con 'Xénese'. Unha, a chamada a vivir a vida, e outra, a reivindicación da cultura do hip-hop. ¿Podedes explicar como xurdiu ese dobrete de 'Berra' e 'Rebenta', esa dobre versión?
Pois foi ensaiando os temas no local de Machina para o concerto da Nasa. Gustounos moito como quedou a versión e decidimos gravala, vendo o resultado decidimos incluíla no álbum.

Outra conexión con 'Xénese' é o berro ecoloxista, tan presente en 'Profecía'. Se 'Virus' xa dicía que os humanos son un cancro para o planeta, en 'Humanose' está máis desenvolta esta idea. E todo o disco parece unha chamada a non resignarse, a reaxir. ¿É así?
Si, por suposto. Nós non temos as respostas para parar todo isto, o que si podemos facer é plasmar nas nosas cancións o que vemos diariamente, e se con iso logramos espertar algunhas conciencias, perfecto.

A falsa liberdade volve estar moi presente. En 'Xénese' simbolizábana, por exemplo, os abusos da Policía ou da Garda Civil. En 'Humanose' está en '4ª guerra mundial' e a súa reflexión sobre o cárcere como o contrario da rehabilitación ou sobre a desigualdade. Son o medo -inducido- e a comodidade -consumismo- a clave da falta de rebelión?
O sistema penitenciario é efectivamente un xeito de castigo, baseado na inxustiza de cara á xente de a pé, moi lonxe de ser un modelo solucionador dos problemas. Pois eses problemas ademais teñen unha raíz, entón algo vai mal. O Estado español ademais ten o réxime penitenciario máis duro da Unión Europea, os informes sobre tortura multiplícanse e as mortes baixo custodia tamén. Todo iso forma parte da '4ª guerra mundial' na que estamos inmersos, que ten por nome: Neoliberalismo, a fase actual do sistema capitalista. É a forma de escravismo deste século 21 e nós dicimos Berra! ou Rebenta!, pois as nosas vidas só nos pertencen a nós. O movemento 15-M é unha resposta totalmente natural. Nalgún momento tiña que xurdir, o que se precisaría agora é levar este movemento ós barrios, as vilas e aldeas, para facelo con toda a xente de abaixo. Moitos dos movementos reivindicativos na sociedade xa levan moito tempo a tratar de concienciar coa idea de que este sistema non nos vale e que temos que construír outras realidades. A cousa agora está en tecer as redes.

A política volve estar, por suposto, moi presente. 'Herdeiros da ditadura' chamaba a atención sobre a alienación lingüística e cultural, 'Política de asfalto' sobre a compra caciquil de votos... En 'Humanose' o tema 'Están tolos' critica o imperialismo americano... Apuntades moito á coviza como orixe de todas estas corruptelas. ¿Que responsabilidade teñen nisto os votantes?
A democracia somos nós, o poder do pobo, hai que horizontalizar o poder e iso é responsabilidade de todos nós. A denuncia do que vemos no noso entorno sempre está presente nos nosos discos, non podería ser doutro xeito, como ben di no tema 'Benvido a Mördor 2.0' "...denunciando realidades". O que está claro é que o sistema electoral tal e como está concibido non funciona e está obsoleto, sería necesario unha revisión neste campo.

A televisión volve ser criticada no disco. Do 'Apagha a tele' de 'Xénese' chégase ben ó 'Ollo ó parche remix': o Gran Irmán como metáfora dunha sociedade controlada. Por certo, 'Ollo ó parche', ¿non ía ser título dun disco? En conexión con esta idea da TV está a crítica ós músicos que se deixan comprar pola industria...
'Ollo ó Parche!' pertencía ó maxi que sacamos como adianto do álbum xunto con 'Chove'. En ningún momento tiñamos pensado que fose o nome do disco, eran simplemente dúas cancións de anticipo. Nós cremos no hip hop como unha vía para utilizar a palabra, como unha forma de denuncia e de transmitir a nosa realidade. Moitos grupos, non só no rap, senón en todos os estilos musicais, vense absorbidos pola industria discográfica. Por tentar chegar á fama perden a súa liberdade como músicos e creadores: en definitiva, o control sobre o seu traballo. A televisión é a versión moderna do 'Pan e Circo' dos romanos, a masa en silencio e entretida para non facer moito ruído.

Hai en 'Humanose' unha chamada a ser un mesmo e non deixarse levar polo que che impoñen: as modas... 'O coro dos nenos distintos' fala de persoas discriminadas por ser diferentes. 'Dáme ighual' convida a ser como es, gozando da vida. Podería ser a idea principal do disco: sé como es, e non te deixes manipular por modas, caciques, televisións... ¿poderíase resumir así o sentido xeral do disco?
Podería ser... concibimos o traballo como algo aberto, tocando moitos enfoques e temática. En definitiva, o que quixemos foi analizar diferentes temas que como nexo común teñen os comportamentos humanos, con esperanza e tamén con moita autocrítica.

¿Queredes destacar algo sobre os colaboradores do disco, ademais de Machina? ¿Como foi a preparación da parte do deseño con Ligen e Sekone?
Neste traballo tiñamos clara a incorporación doutros músicos ós nosos temas, por iso a colaboración con compañeiros do noso contorno como pode ser a xente de Machina foi dun xeito moi natural e sen prexuízos de ningún tipo. Tamén destacamos a presencia do saxo de Gilbert Carballo en clave jazz na '4ª Guerra mundial' ou o Leo i Arremecághona e Loli Nogueira en 'Dáme igual', o violonchelo de Cristina Sánchez no 'Coro dos nenos distintos'... O mesmo pasou co deseño. Liqen tiña unha serie de obras tituladas 'Humanosis' e vimos clara a conexión coa temática do noso disco. Xuntámolo con Sekone e quedamos moi satisfeitos co resultado, a verdade.

www.elmundo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-08-2011 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer