Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O éxito de asistencia acompaña a fin da primeira década do Festigal
O Día Nacional de Galicia atopou no Festigal un escenario idóneo para a súa celebración, que durante toda a xornada de onte contabilizou milleiros de asistentes, continuando a tónica destes últimos dez anos.

Os concertos celebrados o domingo no escenario principal–con Deolinda e Dios Ke Te Crew como cabezas de cartel– contaron cun éxito rotundo de público, aumentando notablemente a afluencia habitual dos últimos anos. Esta elevada participación continuou durante a segunda xornada do Festigal que, a partir das dúas da tarde acolleu aos milleiros de asistentes que acudiran as manifestacións convocadas polo BNG con motivo da celebración do Día da Patria pola mañá, que se achegaron ás carpas gastronómicas para desfrutar dos manxares propios da terra nun día que a organización cualifica como “máis familiar”.

Malia que os rexedores dos postos situados na zona de xantar non se amosaron moi satisfeitos coa cantidade de clientela rexistrada no conxunto dos dous días –aseguran que houbo menos xente que o pasado ano–, as instalacións estiveron ateigadas de xente durante toda a tarde, que se espallou por tódalas galerías do recinto ao longo do día.

Uns dos espazos máis visitados foron as galerías das Artes e as Ideas, onde moitos amantes da lectura se reuniron ao abeiro da carpa libraría, descubrindo novos títulos que engadir ás súas bibliotecas persoais.

Mentres tanto, ao carón deste recinto, presentáronse diferentes libros e iniciativas coma a de Sermos Galiza, un proxecto presentado por Teresa Moure e Néstor Rego, entre outros, que ten como obxectivo a creación dun grupo de comunicación “libre, crítico e galego” formado a través dun capital social achegado por todo aquel que o desexe. O momento máis internacional do Festigal viviuse pola tarde, coa celebración da mesa redonda que versaba sobre as revoltas populares no norte de África e Oriente Medio na que interviron Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG; Fayez Badawi, da Frente Popular para a liberación de Palestina; e F.Eyyuo Doru, do Partido Paz e Democracia do Kurdistán.

A partir das nove, as instalacións do Café Concerto acolleron á meirande parte dos asistentes ao Festigal coa saída á escena da Orquesta Os Modernos. Con eles, o público comezou a animarse e foron moitos os que saíron a bailar, sós ou en parella. A festa continuou coa actuación do grupo de música tradicional Os Carunchos, que puxo a nota folk ás actuacións recollidas durante o día. Cé Orquestra Pantasma, foi o encargado de pór o punto final á décima edición do Festigal, que conseguiu, unha vez máis combinar as diferentes facetas culturais en clave exclusivamente galega.

www.xornal.com







Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 27-07-2011 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer