Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sés na Coruña
O primeiro disco de Sés, a banda de María Xosé Silvar, preséntase hoxe xoves na Coruña

O disco titúlase 'Admirando a condición' e presentarase en concerto este xoves, 21 de xullo, no teatro Rosalía de Castro da Coruña. Está producido por Airparo, gravouse, mesturouse e masterizouse nos estudos Bruar, con David Paz, Nicolás Vieites e Javier Ferreiro á fronte dos traballos de gravación e produción e coa propia María Xosé Silvar, autora de todos os temas, supervisando os arranxos musicais. Encabezados polo single ?Rolling Stone?, son en total dez temas gravados con toda a banda, cos metais, os coros e a impoñente voz de Sés que conseguen un son dacabalo entre os ritmos americanos e a música latina. Admirando a condición conta cun undécimo corte extra gravado co formato acústico co que actuaron Silvar e Tito José Calviño nos meses pasados en bares e locais de toda Galicia. Canto á imaxe do disco, todo o deseño e as fotografías de 'Admirando a condición' están asinadas por Marcos Martínez, autor tamén da web www.mariaxosesilvar.com

Sés presentará Admirando a condición en directo o vindeiro 21 de xullo, nun concerto no teatro Rosalía de Castro con toda a banda. O concerto comezará ás nove da noite e as entradas xa están á venda: custan 8 (anfiteatro) ou 10 euros (platea) e pódense adquirir na billeteira da praza de Ourense (de luns a venres de 21:30 a 13:00 e de 16:30 a 19:30), no propio teatro Rosalía (só os días de función, de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00) ou por telematicamente no teléfono 902-504-500.

SÉS

Dos coros africanos aos ritmos ska, do blues á pachanga, de Aretha a Janis, da Habana a Budapest? Sés é unha descarga de ritmos e sons cun denominador común: as boas vibracións. Unha banda de dez músicos con sección de vento e coros, un feixe de temas orixinais cantados en galego e unha vocalista que canaliza toda a enerxía do escenario: María Xosé Silvar, autora de todas as cancións, lidera Sés cun torrente de voz imposible, espontánea e chea do eclecticismo máis festeiro e bailable. Sés distribúese en tres formatos: formación completa (11 músicos), formación reducida (guitarra, baixo, batería e voz) e formato acústico, un plantexamento máis íntimo no que María Xosé Silvar presenta os temas de Sés ?desenchufados? acompañada do guitarrista Tito José Calviño.

MARÍA XOSÉ SILVAR

Formada na música e no baile tradicional, María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Despois de máis de 30 concertos por toda Galicia con Chámalle Xis! e logo de colaborar con grupos coma Zënzar, AiraPro produce o primeiro álbume de María Xosé Silvar (ou Sés, como lle chaman ?na casa?), con temas propios e acompañada dunha banda de músicos profesionais. Un proxecto en feminino no que o carácter, a forza e a creatividade de María Xosé rompe o molde da muller na música galega.

SÉS, A BANDA

Os músicos que completan Sés son David Paz --que ademais de tocar o saxofón e o clarinete, é o produtor musical de SÉS e responsable, xunto con María Xosé Silvar, dos arranxos dos temas--, Tito José Calviño na guitarra, Pablo Cedeño no baixo, Miguel Queixas á batería, Jose Rodriguez no saxo, Moncho Ces á trompeta, Cristian Leggiero no teclado e Aixa Romay, Lucía Souto e Carla Álvarez nos coros.

COLABORACIÓNS

Ademais do traballo en Sés, María Xosé Silvar ten colaborado con outros grupos e artistas, dos máis destacados do panorama galego, como Zënzar ou Xabier Díaz: María Xosé canta con Bocixa un dos temas de ?A tribu?, o último disco da mítica banda rockeira de Cerceda. Trátase da peza ?Caneando ruainas?, escrita nunha antiga xerga empregada polos canteiros ourensáns. No caso do cantautor coruñés, María Xosé participou no último álbume de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, titulado ?Arrolos de Salitre?, interpretando unha fermosa nana, ?Caravel de mel?.

O DISCO "ADMIRANDO A CONDICIÓN"


En 2010, Sés gravou unha maqueta con tres temas (Tola atrás de ti, Admirando a condición e Se te vas), producida por Airapro. En xullo de 2011 edítase o primeiro disco de banda, titulado ?Admirando a condición? que se presentará en directo o vindeiro 21 de xullo nun concerto no Teatro Rosalía de Castro.

www.mariaxosesilvar.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 21-07-2011 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer