Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os Capitán Furilo presentan novo disco
Os capitán Furilo presentan novo disco cunha orixinal Cea-baile o 21 de Maio a partir das 22:00h no restaurante "Cuevas".

Cea, queimada, concerto e sesión de Dj´s por 20 euros.

Entradas á venda (ata o 17 de maio) en A casa da triga, JJ, Vinoteca Eiravella e Blu bar.

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 19-05-2011 09:28
# Ligazón permanente a este artigo
Riobó presenta disco

O vindeiro venres 20 de Maio, Riobó achégase atá FNAC Coruña para presentar cun pequeno concerto acústico, a partires das 19:30, o seu novo traballo discográfico.

Un traballo que baixo un mesmo título nomea a un grupo, un disco, e a unha das mellores violinistas folk do momento, Begoña Riobó. Un “mapa da xeografía das emocións”, como ben di o escritor galego Francisco Castro, que se caracteriza polo virtuosismo dos seus músicos á hora de arranxar e interpretar melodías da tradición galega, sendo fieis ás súas formas e orixe.

Begoña Riobó é, actualmente, a violinista con maior proxección no panorama musical galego. Cunha destacada traxectoria artística, na que formou parte das bandas de Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo ou Sondeseu, presétase como a primeira violinista folk galega en liderar o seu propio proxecto.

Acompañando a Begoña, en “Riobó” atópanse catro recoñecidos músicos cunha sólida traxectoria, habituais nos principais proxectos musicais de Galicia. Son Fernando Barroso (Guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki), e Fernando Pérez (Frautas e requinta).

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 19-05-2011 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
`Acrobata´ sae do estudo
O esperado disco do dúo de Fred Martins e Ugia Pedreira, "Acrobata" (sen til), acábase de gravar e pronto está dispoñíbel en formato CD, con deseños do artista gráfico Pablo Giraldez "O Pastor".

Cancións de nova creación para as voces do brasileiro e da galega con colaboracións de luxo nalgún dos temas: Diego Galaz, Pedro e Pablo Pascual, Germán Díaz,... Este disco presentarase con concertos especiais en Santiago, Coruña, Marín, Ferrol, Mondoñedo, Monçao nos vindeiros meses de xuño a agosto.


www.folque.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 19-05-2011 09:01
# Ligazón permanente a este artigo
Concerto-presentación do disco de Os Viqueiras
O grupo OS VIQUEIRAS DE ORDES teñen o pracer de convidarvos á presentación do seu primeiro traballo discográfico títulado NOITES DE TASCA, gravado nos Estudios Mans da Coruña, dentro do programa "Outra + Outra 2010".

Será o sábado día 14 de maio, ás 20:00 h na Casa de Cultura de Ordes.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 13-05-2011 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Presentacións do novo disco de Doa

DOA presenta nestas semanas o seu último traballo discográfico, A fronda dos cervos, un álbume de dez pezas musicais que nos transportan á Idade Media.

O disco de DOA non é, no entanto, un remedo dos sons daqueles tempos, agás nos temas nos que a propia música está baseada nas pautas de textos antigos, caso das Cantigas de Santa María, de Afonso X de Borgoña ou o Códice Calixtino; pola contra, nas creacións de Bernardo Martínez, Xoán Piñón e Xosé Quintas Canella hai unha busca de apreixar o espírito medieval, adubalo co propio imaxinario que aquela época ten para os galegos, desde o punto histórico e musical e ofrecérllelo aos ouvintes do século XXI cunha frescura clásica que afianza o seu poder na evocación de paisaxes e sentimentos propios do propio ideario do cancioneiro galego-portugués.

Nesa tarefa de cinxir o actual co antigo fai moito a voz de Susana de Lorenzo, que se modula á perfección para captar os diferentes escenarios que se debuxaban nas cantigas que lle serven de letra en cada interpretación.

DOA actualiza principalmente cantigas de amigo, as máis sonadas: o canto de Mendiño á illa de San Simón; a visión do mar de Vigo de Martín Códax; a agarda sensual das mulleres de Pero Meogo, o escarnio elegante de Airas Nunes e o amor ideal que Xohán García de Guillade explica na cantiga Estes meus ollos.

A fronda dos cervos é unha viaxe ao esplendor da cultura galega a través dos soños e da poesía. Non é casual que a introdución que acompaña o cd estea asinada por Eva Veiga, cunha precisa análise do que significa para o lector-ouvinte de hoxe en día mergullarse nos misterios do amor, do desexo, da liberación, todos elementos que simbolizaba o cervo na literatura galega medieval.

É que neste disco ten moito interese o continente. No libreto inclúese unha sucinta pero completa descrición do tempo literario e histórico que nos devolve A fronda dos cervos, escrito por Frederico Pérez. E as imaxes que acompañan o cd gardan esa maxia que inspirou aquelas letras, neste mesmo espazo, hai tantos séculos: a brétema borrando as abas dos montes, os carballos pouco a pouco tomando folla, os prados, as vereas, as sebes... a natureza ordenada en estrofas.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 02-05-2011 15:32
# Ligazón permanente a este artigo
Hoxe 25 de abril sae o novo disco de Ultraqans

Cinco experimentados músicos, inzados de retranca e bo humor que só queren xolda, paixón e frenesí, presentan agora o seu disco.

Os Ulträqäns fabrican un punk‐folk de ciencia ficción, frenético e rotundo, que soa familiar aos ouvidos educados nas tabernas pero nos que os sintetizadores e as bases rítmicas do funk e do ska están presentes ao longo do seu potente directo.

Excompoñentes ou compoñentes de grupos coma Os Diplomáticos de Monte Alto, Ruxe Ruxe, Os Papaqueixos, Alberto MBundi e a Turma Angologalaica, Skupe Skapa, GS 21, Deixa que xa!, Tres Trebóns, ou a Banda Tic Tac, por exemplo, inspíranse de composicións tradicionais de Bulgaria, Rumanía, Rusia, Armenia, Irlanda,e por suposto, Galicia, para fusionalas ate acadar unha mestura particular, fiel á consigna de levar as músicas de raigame tradicional ás “discotascas”…

Este CD, aquí presentado, composto por 17 temas, ilustrado polos impresionantes debuxos de Javi Prieto (debuxante Coruñés) ben podería pasar por unha banda deseñada ilustrada con música. Cada debuxo expresa dun xeito impactante os temas do disco.

Os Ulträqäns son:
- Aarón Bouzón: ..........frauta travesa, Ewi4000s, whistles e gaita
- Antón Díaz: ...............voz, baixo e contrabaixo eléctricos
- Fran Amil: .................batería, voz
- Tino Vilaro: ...............guitarra
- Tomás Saiz: ...............acordeón piano

Como dirían os Ulträqäns, a modo de saúdo ao público:
Que o desfruten.
Chipirixouuuuuuubaaaaaa!
As datas dos concertos confirmados están na axenda da web: www.abada.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 25-04-2011 10:35
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do novo disco de Pé de boi
Presentación aos medios do novo Disco "SomosNós".

A ésta daráselle continuación cunha serie de concertos de presentación en difrentes salas e teatros da Comunidade.

Agardámosvos este xoves 7 de abril a tod@s na Sala de prensa de NovaCaixaGalega (antiga Caixa Galicia).
R/ Nova nº 30-32. Santiago de Compostela.

A presentación dará comezo ás 17:30h da tarde

Nesta falaremos de:

- O novo Disco da banda "SomosNós"
- As colaboracións no disco
- O novo Videoclip do grupo
- Xira de Concertos de presentación
- A nova páxina web
- Concurso "Relatos Hertzianos"

Na presentación acompañarannos tamén algún d@s músic@s que colaboraron con nós neste proxecto Discográfico. Entre eles: Guadi Galego, Juan Collazo, Uxía Pedreira, CONVERSOS (Böel & Luc Copin), Susinho Agrelo,...







Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-04-2011 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Ultraqans
Os Ulträqäns fabrican un punk-folk de ciencia ficción, frenético e rotundo, que soa familiar aos ouvidos educados nas tabernas pero nos que os sintetizadores e as bases rítmicas do funk e do ska están presentes ao longo do seu potente directo.

Os Ulträqäns naceron coa idea de darlle outra volta ao parafuso da música do novo milenio, forxando un son orixinal e non catalogábel, pero que dan ao tempo coa fórmula de provocar o baile intenso no seu público.

Cinco experimentados músicos inzados de retranca e bo humor que só queren xolda, paixón e frenesí.
Ulträqäns é un choco metaloplástico que se propulsa batendo nas moléculas con furia zoupadora de varios quilo-estalos.

Que o desfruten. Chipirixouba!

O disco de Ulträqäns sae en abril do 2011.

Ulträqäns son:
Aarón Bouzón: frauta travesa, Ewi4000s, whistles e gaita
Antón Díaz: voz, baixo e contrabaixo eléctricos
Fran Amil: batería
Tino Vilaro: guitarra
Tomás Saiz: acordeón piano

www.myspace.com/ultraqans





Concertos:

[09-04-2011]Noites do Rebumbinho
Pub Mirinda, O Porriño (Pontevedra)

[16-04-2011]Discoteca Discordia -Maceda

[23-04-2011]Pub Oxígeno, Celanova (Ourense)

[29-04-2011] Padrón (A Coruña)

[18-06-2011] San Xoán de Piñeiro, Mugardos (A Coruña)

[05-08-2011] Bretoña-Lugnasad



Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-04-2011 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Doa



Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-04-2011 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do novo disco de Ataque Escampe (Compostela)
Concerto de presentación en Compostela do novo disco de Ataque Escampe "Violentos anos dez", mércores 30 de marzo no Avante (Compostela) e a partir das 22h.

A entrada é de balde
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 30-03-2011 11:29
# Ligazón permanente a este artigo
A agrupación Leña Verde de Pol presenta o seu terceiro disco, 'A contratempo'
A agrupación musical Leña Verde de Pol, da asociación cultural do mesmo nome, presentou onte no pazo de San Marcos o seu terceiro disco, titulado ‘A contratempo'.

O novo traballo da formación, composta por 13 membros de entre 21 e 62 anos, inclúe temas tradicionais xunto a composicións propias do grupo, que combinan o folk, o jazz e a música de banda.

Como novidade, entre as doce pezas do disco hai temas cantados «con Noemi Basanta e Begoña Coya pondo a voz», explicou o músico de Leña Verde, Carlos Abraira.

A gravación da ‘contratempo' contou tamén coa colaboración de recoñecidos artistas, como o cantautor catalán Dani Flaco, ou os músicos galegos Bruno Villamor e Xaneco Tubío.

O disco pódese adquirir, por dez euros, a través de internet.

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, comprometeuse a incluír ao grupo de Pol nas actuacións do programa Cultura Aberta, «un dous mellores escaparates para vos artistas dá nosa provincia».

www.acontratempo.com
www.elprogreso.galiciae.com
Comentarios (3) - Categoría: Discos - Publicado o 16-03-2011 10:53
# Ligazón permanente a este artigo
As galego-belgas Ialma presentan 'Simbiose'
Cinco mulleres belgas de raíces galegas que levan dez anos facendo música de raíz aberta a todas as tendencias. Agora presentan 'Simbiose', un traballo para o que contaron con moitas colaboracións artísticas.

Ialma ten en Bélxica o seu lar. Alí emprenden os seus proxectos e con distintas entregas levan dez anos de traxectoria que agora queren transportar e simbolizar nun traballo que indisimuladamente titulan Simbiose. A súa década de vida artística e musical amplíase nunha homenaxe a artistas, lugares e disciplinas artísticas propias do país. Todo un monllo que afina e concreta para esta ocasión boa parte da historia do grupo.

Henrique Otero, Casa de Xantar O 16, Marco Méndez, David Aranda, El Puto Coke, Obradoiro Seivane, Carlos Blanco, Xavier Queipo, Adega Terras Gauda e Serxio Cobos quedan contextualizados no agradecido libreto do álbum que se acompaña de fotos e textos paralelos. Nos seus concertos, Ialma pon unha escena no palco preparada pola coreógrafa italiana Katina Genero, que se suma á evolución do traballo vogal que ofrece unha dimensión máis cosmopolita que, en ningún caso, esquece as raíces. As mulleres dos grupo andan a preparar unha xira por diferentes cidades de Europa.

Un traballo no que o son tradicional característico das cantareiras mestúrase con cancións, melodías e arranxos contemporáneos que as compoñentes de Ialma entenden precisos para ofrecer “unhas cancións moi frescas e alegres e unha combinación intelixente entre tradición e pop”. Sons que parten do rap ou atmosferas de música medieval súmanse a composicións propias nadas do patrimonio cultural galego. Un corte de Simbiose baséase nunha melodía tradicional do Quebec, “Na iauga”, que o grupo recoñece que montou para “bailar e cantar”. Outro tema do albúm é un claro tuneado musical baixo o título de "Dance Like A Galician". Ialma compóñeno: Magali, Marisol, Natalia, Nuria e Verónica Codesal. Mozas de Bruxelas con conexión musical e vital con Galiza.

www.anosaterra.org




Comentarios (2) - Categoría: Discos - Publicado o 03-02-2011 08:54
# Ligazón permanente a este artigo
Roi Casal presenta novo disco
Roi Casal lanza o sinxelo do seu novo disco, ‘Maxicamente vello’

Maxicamente vello será o título do segundo traballo en solitario de Roi Casal, que se publicará o vindeiro 8 de febreiro. Tras o seu debut con Lendas douradas en 2009, o músico volve ao primeiro plano cun traballo “máis íntimo e persoal, que a través dunha mirada contemporánea dá como resultado un disco con diferentes matices, que van desde a música tradicional ata o pop-rock”.


O segundo traballo de estudio de Roi Casal, tras dez anos de carreira en Milladoiro, levará o nome do poema de Manuel María ao que puxo música. Segundo o músico, Maxicamente vello é unha das cancións “máis solicitadas” polo seu público. “Levo máis dun ano tocándoa nos concertos e é un dos temas onde hai máis conexión cos espectadores”.

Foi o vento é o primeiro sinxelo do novo disco, onde Silvia Ferre pon a voz e Roi Casal toca a arpa. O músico iniciará unha xira que o levará a doce cidades, galegas e de fóra de Galicia, comezando o 18 de febreiro na sala Capitol de Santiago e o 19 no Teatro Rosalía da Coruña.

www.xornal.com


Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 01-02-2011 09:12
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do disco de A Subela en Noia
O vindeiro domingo 30 de xaneiro terá lugar a presentación do cd do grupo de música tradicional "A Subela" do Liceo de Noia, no salón de actos de dita Sociedade (Noia - A Coruña).
Un saúdo
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 28-01-2011 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Recompilatorio de Quempallou
Foi aló polo ano 99 do século pasado, cando un fato de mozos de Bueu se xuntaba con outros dous do Incio para darlle forma a un proxecto que agromou vizoso de festa en festa por toda a Galiza e parte do estranxeiro.

O proxecto chamouse Quempallou, palabra sonora cunha historia que contar e que chegou incluso a coller mestiza forza naquel aturuxo en galinglish co que os teñen agasallado @s máis ferventes seareir@s no fragor da foliada: “let’s go, Quempallou!!”.

Unha tropa que tivo que ir mudando por circunstancias naturais, mais que sempre buscou un camiño claro e dereito: a festa e o folk galego sen complexos, con calidade e orixinalidade.

Quempallou convídate a compartir estes once anos de camiño a través dunha compilación que da boa conta do que foron, do que son e do que queren seguir a ser. Benvid@ á tropa Quempallou.
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 20-01-2011 16:32
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco dos Trasnos de Moscoso
Casa da Joaquina é o segundo trabalho de Os Trasnos De Moscoso. As 7 cançoes que a formam som uma pequena viagem pelos 4 últimos anos da banda. Com este trabalho Malvares “O último que ri” e mOn fecham a sua etapa como OTDM e abrem outra com o nome de PROJETO XIDO dentro do coletivo LÍNGUA NATIVA"


OS TRASNOS DE MOSCOSO - Casa da Joaquina


Créditos:
Letras e voz: Malvares “O último que ri”.
Scratching: mOn
Beats: Arre-O! (Língua Nativa).

Casa da Joaquina foi gravada, misturada, masterizada e produzida em Xabelo Records por Jimi Damolinera (Bleak Days).
Faixa 5: Teoria do Flow de Mihaly Csikscentmihalyi e guitarra slide por Jimi

Desenho e fotografia: Zalo e Ingrid
Debuxo: José Nogueira “Pito do Valente”.

Descarga o disco de balde:
http://aregueifanetlabel.blogspot.com


Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 20-01-2011 15:51
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro disco de Tambaluca
Tambaluca é un novo grupo de cantareiras que, máis aló do canto acompañado de pandeiretas, engaden a éste sons de acordeón, gaitas e de percusión tradicional.

As cancións populares de A Guarda, mesturadas co repertorio habitual das pandereteiras galegas, conforman esta nova proposta de Dos Acordes en prol da nosa música patrimonial.

Todos os temas recollidos neste CD son tradicionais, arranxados por Tambaluca: Mª Emilia Martínez Pérez (voz, pandeireta, trécola), Ana Pérez Fernández (voz, pandeireta), Margarita Martínez Lomba (voz, pandeireta), Mª Natividad Pacheco Pacheco (voz, pandeireta), Carmen Mª Pacheco Pacheco (voz, pandeireta), Verónica Collazo Cabaleiro (voz, pandeireta), Mª Josefa Baz Cadilla (voz, pandeireta, culleres), Margarita Santiago Adrover (voz, pandeireta), Carmen Rivero Alonso (voz, pandeireta, botella de anís), Carmen Luisa Rodríguez Cruces (voz, pandeireta, pandeiro), Alma Mª Caamaño Romero (voz, pandeireta, acordeón, gaita, tamboril, bombo)
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 20-01-2011 15:43
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Beladona
Beladona é un grupo de longa traxectoria que hoxe se atopa na vangarda do panorama folk máis contemporáneo da península.

A formación crea un espazo sonoro que parte da voz cálida e fresca de Elena Paz, arroupada de arranxos suxerentes onde a música tradicional, folk e de autor, nútrese con cores próximos ao pop e funk que non deixan indeferentes ós ouvidos que a escoitan. O son inconfundible e orixinal da banda foi premiado en tódolos concursos onde Beladona participou, ademáis de ter sido aclamados pola crítica e o público nos máis pretixiosos festivais internacionais.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 20-01-2011 15:41
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro disco de Carrero Bianco
En pouco máis dun ano -Carrero Bianco nacen en Ferrol na primavera do 2009- convertéronse nunha das grandes esperanzas da escena independente galega. A súa peculiar revisión da new wave levounos a defender unha proposta que poderiamos definir como a nova onda dentro a nova onda, é dicir, un cóctel explosivo no que caben o post punk, o electro e o tecnopop, todo iso aderezado cun chisco de Pegamoides, outra de Derribas Arias e Devo, e unhas pingas de metafísica. En definitiva, estamos ante un grupo con corazón 80s que actualiza a proposta para elevala a un novo nivel.

Carrero Bianco son Rocío Bianco (batería electrónica e voces), Blas Bianco (baixo e voces), Joaquín Bianco Quincho (guitarra, microkorg, voces) e Sergio aka Agostinho Bianco (teclados varios e microkorg)."

Podes descargar o disco de balde en
http://aregueifanetlabel.blogspot.com

Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 20-01-2011 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
O gaiteiro Freixo publica o primeiro disco con 92 anos
O Freixo por fin verá gravado o seu repertorio musical. Ese que leva interpretando á gaita desde hai oito décadas, vendo como o seu mundo mudaba sen que o instrumento deixase de amosar profundos sentimentos.

O disco do gaiteiro Freixo

É Manuel Vicente Castro. Maís tamén é o Freixo. Leva 79 anos coa gaita ao lombo. Toda unha vida animando a troula e a festa e agora, ben vello, vai pasar á historia. Freixo vén de gravar un disco aos 92 anos e vaino a presentar o sábado, 15 de xaneiro, na Casa Dopeso das Pontes, xunto ao dúo Bicarelo de Alfonso Cheda e María Xosé López..

Manuel pode ser tamén dos gaiteiros de máis idade de Galiza en activo e para el é moito, pensando que colle o seu instrumento por vez primeira aos dez anos. Seica non tivo mestre de música e que aprendeu de seu o suficiente para suavizar o seu servizo militar cun destino de gaiteiro.

Antes xa percorrera a súa comarca e contorna animando calquera festa maior ou menor. Na súa madurez formou parte de Os Ponteses, un grupo que marcou xeracións de bailes soltos e agarrados. Tamén animou con outros coma el a charangada Palla Mollada polo barrio das Campeiras. Mais o seu territorio de actuación non só foi As Pontes senón que o seu xeito e as súas décadas de tocar a gaita foron coñecidos por toda Galiza. Moitos gaiteiros tomaron del pezas e ollaron como os seus dedos atacaban o punteiro.

Freixo deulle tempo a moita xente a coñecelo en foliadas e verbenas. Os músicos da súa vila levan anos recoñecéndolle a súa habelencia e bo facer gaiteiro con premios e homenaxes.

Desta vez a posta colectiva foi por agasallarlle unha gravación que lles deixase constancia do seu repertorio ás xeracións do futuro. Na primeira edición publícanse 500 copias do traballo.

Chegou en forma dun cd con 21 escollidos temas que foi gravado no conservatorio das Pontes por Paco Xarel con coordinación e idea de Manolo Lamas e Bieito Rivas. Muiñeiras, valses, xotas e até rumbas e pasodobles que Freixo interpreta acompañado de Aurora Maceira e Hugo Arias. Manuel Vicente Castro, Freixo, anda contento como se fose un rapaz que comeza.

www.anosaterra.org


Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 12-01-2011 09:39
# Ligazón permanente a este artigo
Disco de Marta Quintana
Marta Quintana ex componente do duo Setesaias, e da Orquesta folk Sondeseu.

Presenta un proxecto en solitario: Marta Quintana, como cantante, instrumentista (arpa celta), compositora e arranxista. Este grupo segue baseándose na música tradicional pero con aires renovados, coa arpa e a voz como elementos primordiais mais tamén arroupada por uns instrumentistas únicos e todo elo engalanado coa presenza do baile tradicional.
Comentarios (4) - Categoría: Discos - Publicado o 23-12-2010 16:06
# Ligazón permanente a este artigo
Disco de Fonteliño
No ano 2002 un grupo de amigas, cunha afección compartida pola canción galega, pensaron na posibilidade de formar unha agrupación folclórica que lles permitise cultivar esa rama da nosa cultura popular. A idea callou de sucesivo.
Cando buscaban un nome para diferenciarse doutros grupos, alguén propuxo o de FONTELIÑO. Soaba ben e foi aceptado. Fonteliño é un lugar entre as parroquias de Cans e Atios, por onde pasa un pequeno regato que vai desembocar no río Louro. Cando pasa polo Fonteliño faino entre pedras nuns rápidos, e o seu paso por elas é unha constante cantiga.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 23-12-2010 15:58
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Avelaiña
AVELAIÑA
CICLO

CICLO. O espazo do ano no que nos atopemos da lugar a distintas actitudes nos pobos. Viviranse situacións diferentes segundo a estación, o mes no que cheguen a Galicia. Actitudes, sentimentos, situacións e costumes que van desde a alegría e a festa nos meses do verán ata o recollemento no mes de defuntos e no inverno, pasando pola tristeza e a reflexión do outono ou o renacer que todos podemos sentir coa primavera.

AVELAÍÑA recolle toda esta variedade nas pezas da súa 4º disco titulado "Ciclo". Un CD conceptual que pretende ser o eixo central dunha proposta escénica chamada O Ciclo DO CAMIÑO e na que o grupo quere dar a coñecer a súa música acompañándoa de proxeccións, narracións efectos de son e luz.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 23-12-2010 15:57
# Ligazón permanente a este artigo
Fiandola edita o seu segundo disco `Mimá´
Un regreso ás fontes da música tradicional

As vellas pedras de Santiago viron nacer en 1996 ao grupo Fiandola. Consolidado xa na escena musical galega e vai sacar o seu segundo disco, "Mimá", un traballo no que Warren, Cristina, Fran, Santi, Manolo e Sandro queren amosar "algo noso propio".


Beben nas fontes máis tradicionais porque nelas foi onde naceu a verdadeira música. Fiandola regresa ao formato de disco, porque dos escenarios aínda non se baixaron desde 1996, ano no que se formaron, cun novo traballo no que só o título xa evoca sorpresa e emoción, especialmente nas Rías Baixas, de onde son a maior parte dos seus componentes. "Mimá" estará listo antes de que remate o ano e atrás van quedar moitos meses de duro traballo nos que Alberto Barreiro "Warren", Cristina, Fran, Santi, Manolo e Sandro (todos de Moaña e Cangas, agás Cristina e Fran) recopilaron e adaptaron varias pezas tradicionais. Todas elas de transmisión oral, pero que contan co estilo propio de Fiandola, incluindo novas harmonías, novas voces e outras sorpresas.

Así o destaca "Warren", nado en Moaña, residente en Betanzos e profesor de música da Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa dende hai anos. "O obxectivo de todos os temas, ao igual que no primeiro disco que temos, é conseguir un son propio, unha estética nova e persoal, algo que cremos que acadamos", asegura o acordeonista e voz do grupo.

Neste traballo non estiveron sós. Nel colaboraron o violinista Xacobe Lamas, unha minibanda formada por trombón, saxos, trompetas, tuba e clarinete, e o fotógrafo Juanba. Os doce temas parten dun intenso traballo de campo que tiveron que desenvolver os músicos de Fiandola antes de comezar a traballar no estudo, especialmente Warren e Manolo, que tiveron que sacar tempo ás súas familias para poder facer a compilación. Hai tres temas que son de composición: "Parabí Papipó", que é unha rumba que compuxo Serxio Cobos -acordeonista e compositor de Compostela-; "Ghoxada", que foi composta por Fran López, membro do grupo; e "A Amora", un traballo de Warren composto para os nenos dunha campaña de dinamización lingüística que desenvolveu a editorial Kalandraka en Allariz, onde se tomou un conto acumulativo publicado pola editorial.

Dentro das pezas tradicionais é especial "Rosas Negras", xa que se trata dun arranxo que fixo o grupo dunha melodía tradicional recollida na Illa de Ons; a melodía é un tango que eles mesmos adaptaron e ao que despois se lle puxo como letra unha adaptación do poema de Rosalía de Castro "Castellanos de Castilla". "Pensamos que a melodía do tango nos podía achegar quizáis mellor á outra Rosalía, a menos coñecida, e non á saudosa de "Adeus ríos adeus fontes", senón á loitadora e reivindicativa", argumentan desde o grupo. Tamén son especiais outras cancións como "O Turito" e a "Danza de Xastre" xa que son pezas rescatadas de partituras orixinais do arquivo de Betanzos, sito no museo das Mariñas.
Todo este traballo de adaptación das melodías e das cancións levou máis dun ano, que culminou coa gravación nun mes do disco nas dependencias dos estudios Edisco, con Fernando Campos como técnico de son.

Despois de todo este traballo chegou o momento de producilo e "autofinancialo". O primeiro disco de Fiandola "Bricania" foi un traballo editado no 2005 e que tivo un éxito considerable xa que conseguiron vender máis de mil copias, unha cifra elevada para un grupo destas características, e ten un bo número de visitas na páxina web. Unha vez presentado o disco, o obxectivo é comezar a traballar para o seguinte.


www.farodevigo.es
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 14-12-2010 08:51
# Ligazón permanente a este artigo
Disco Celtic roots
O vindeiro 11 de decembro presentarase no Auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo, ás 20.00 horas o dobre traballo (CD/DVD) de Celtic Roots, un proxecto educativo que une a música, cultura e tradicións galega e irlandesa.

Michael McGoldrick, o afamado músico e produtor irlandés Dónal Lunny e o gaiteiro Xosé Manuel Budiño son os padriños do traballo. Ademais, tamén colaboran outros grandes músicos como James Mahon, Graham Henderson, Ángela Durcan, Pancho Álvarez, Segundo Grandío, Antón Seoane (ex Milladoiro), Xaquín Xesteira (Treixadura), Rodrigo Romaní, Luís "Caruncho", "Chisco" (Son de Seu) ou Guille Fernández (Berrogüetto).


Celtic Roots é un proxecto educativo multidisciplinar que ten como obxectivo afondar no coñecemento e na comunicación entre nenos e nenas de países que comparten unha cultura atlántica común.

Este CD-DVD recolle temas da música tradicional galega e irlandesa, interpretadas polo alumando dos colexios CEIP. Humberto Juanes de Nigrán (Galicia), St. John's Catholic Primary School de Manchester (Reino Unido) e St. Cronan's School de Bray (Irlanda), contando coa colaboración especial de Xose Manuel Budiño en Galicia, Michael McGoldrick no Reino Unido e Dònal Lunny en Irlanda, que fixeron posible este traballo.
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 10-12-2010 09:20
# Ligazón permanente a este artigo
Guillerme Fernández e Xabier Díaz sacan novo disco
Guillerme Fernández e Xabier Díaz, membros de Berrogüetto, editan este disco composto por once cancións, no que recollen nanas tradicionais e outras de nova creación.

“Convidámosvos a durmir”. Esta é a invitación que incluirán Xabier Díaz e Guillerme Fernández no seu novo disco, Arrolos de Salitre, onde contan coa participación de oito artistas emerxentes galegos, os cales cederán as súas voces a estas cancións construídas dende a tradición ou empregando a mesma como materia prima para a súa elaboración.

Ademais, o disco incluirá 10 textos de diferentes autores como Carlos Rivero, Xabier Díaz ou unha selección de coplas de tradición oral extraídas do Arquivo de Salitre. Xunto a estas oito voces, as guitarras de Guillerme Fernández e o acordeón e percusións de Xabier Díaz, en Arrolos de Salitre participarán outros artistas como Quim Farinha, Pedro Lamas e Suso Iglesias.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 09-12-2010 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de María do Ceo
María do Ceo, neste traballo móstrase madura, sabia, coñecedora, veterana, máis mestra que discípula, máis cantora que fadista, máis fadista que anteriormente, tan creadora e compositora como valente e vangardista...

Dentro deste novo disco podemos atopar temas emblemáticos como o Himno Galego, "Alfonsina e o mar" ou "Cabecinha non ombro", unha canción brasileira de Paulo Borges interpretada ao piano por Cristina Pato e ao violoncelo por Xurxo Lois; coa mesma instrumentación e intérpretes, no "O Badal da Berenguela", tributa unha chiscadela ao Ano Santo desde o punto de vista dos que fan o camiño ao andar.
Con valentía , María do Ceo presenta tamén dúas músicas compostas por ela mesma
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 09-12-2010 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
O Coro da Rá publica o seu primeiro disco
Curtidos nas actuacións por sorpresa en bares, prazas, verbenas, feiras e mercados, o Coro da Ra, este grupo de composición ampla, variante e indefinida acaba de publicar o seu primeiro disco, Fráxil, alimentado por versións a capela de grandes clásicos da música popular, dende The Beach Boys ata Stevie Wonder, por citar dous exemplos a distancia un do outro.

Seguindo os arranxos que fan para os concertos, o Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo, xoga coas melodías e coas posibilidades de utilizar un gran número de voces e moito sentido do humor.























Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 09-12-2010 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica ao novo disco de Mercedes Peón
Nin unha soa obxección cabe opor ante o novo disco de unha Mercedes Peón en plenitude, cuxa voz vai gañando en dons, recursos e destrezas.

Xa non se trata só de enerxía, de dinamismo, de fortaleza, senón tamén de momentos íntimos, de lances lúdicos,de emocións melódicas que redondean aquela fórmula máxica que iniciou con "Isué", e que aquí alcanza o seu cume, consistente en propor unha relectura das cancións e os ritmos da música tradicional galega como eixo dunha mensaxe con vocación universal.

"Sós" é un álbum brillante, o máis rico en matices de todos cantos gravou; é primitivo e vangardista, fresco e fondo, é duro e tenro, e moi contemporáneo: unha obra mestra.

Salvador Rodríguez
Faro de Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 30-11-2010 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica ao novo disco de Cristina Pato
Algún día Cristina Pato tiña que dar ese salto cara a adiante para que puidese ser tomada en consideración pola magnífica gaiteira que sempre foi,algo que lle foi negado en diversas instancias debido o seu, para algúns, carácter excesivamente desenfadado e desa extroversión circense que convertía os seus concertos en divertidos, si, pero carentes dun contido cualitativo de altura.

Con"The Galician Connection", no entanto, Cristina demostra que sabe moito máis que xogar coa gaita e que esta é un instrumento que domina ao seu antollo e do que xa podemos asegurar que se converteu nunha virtuosísima intérprete.

Sobran algúns"efectos sónicos" poucos afortunados, pero en xeral o disco é moi intersante.
// S.R.
Faro de Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 30-11-2010 10:09
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Keltoi!
A Nosa Cinza é o latexo de quen se resiste a morrer, de quen sabe que ainda ten algo que contar e se nega a desaparecer sen compartilo. É unha escolma de vellos temas que nunca foron gravados, ideas e cancións que ate hai ben pouco eran so iso, proxectos esquecidos, e coma non, é tamén unha homenaxe a todo o que tanto nos ten influenciado no persoal e no musical.

Este disco é o noso xeito de dicir adeus a todos e a todas, de dicir grazas a quen tanto apretou pra que a banda volvera. Mais tamén é unha ledicia pra nós e unha excusa pra seguer a face-la música que nos gusta e pra berrar ben alto contra o que non nos gusta".

Participaron na gravación:
Kino: Batería e coros
Dani: Baixo e coros
Michele: Guitarra.
Gontxu: Guitarra e coros
Sime: Voz

A gravación comezou no abril de 2006, continuando no 2009 pra rematar no 2010. Os temas foron gravados nos estudios Sonoroterapia, AreaMaster e Estudios Océnao (Galiza), así coma Studio Apogeo di Siracusa (Italia). "A Nosa Cinza" foi masterizado por Javier Abreu nos Estudios Océano en Xuño de 2010.

O Cd é autoproducido por Keltoi! baixo o ONDC Records (O Noso Día Chegará Rec.). A edición en vinilo é un proxecto de Casual Records (Estado Francés), Anfibio Records (Italia), Zerowork Records e Can I Say Records (Portugal), e La Contra Records (Galiza).

Os temas son:
1. Da mar e dos homes
2. Bos e xenerosos
3. La Unidad
4. Vigo
5. Raiba operaria
6. Unha terra, un pobo, unha fala
7. Contradizzione
8. Xan
9. Argy Bargy
10. 1923

O estilo é bastante semellante ao primeiro disco do grupo "Casco Vello", pero con mellor calidade de son e arranxos. Oi! e Punk-Rock con influenzas de bandas coma Stiff Little Fingers, Cockney Rejects ou Cock Sparrer. E letras que falan da vida da súa xeración, das condicións da clase obreira, á situación da lingua e o país, da cidade de Vigo e o seu equipo de fútbol etc...

Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 30-11-2010 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do novo traballo de Renato Spencer e Café Caxaça
Renato Spencer e Café Caxaça presentan, por primeira vez e en directo, o seu novo traballo discográfico que leva por título “Peneirando”. Será durante a próxima fin de semana coa presenza do músico de orixe brasileiro e a súa banda na cidade de Pontevedra, onde ofrecerá un concerto enmarcado nas actividades da Feira das Industrias Culturais “Culturgal” o venres 26 ás 18:30 h. Xa o sábado, Renato viaxa ata Vigo para presentar o seu traballo no Auditorio Municipal ás 20:30 h.

“Peneirando” é o resultado de cinco anos de convivencia entre Renato e músicos de diversas orixes tanto xeográficas como musicais que residen en Galicia. Rumba e forró, tamboril e zabumba, muiñeira e afoxé, gaita e cavaquiño mestúranse de forma natural no disco con ritmos e sons, tanto de composición propia, como versións de músicas populares brasileiras e galegas.
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 27-11-2010 00:48
# Ligazón permanente a este artigo
Soas, pacto da música e a poesía
Rosa Cedrón e Cristina Pato son agora Soas, un proxecto que vén de publicar o seu primeiro traballo, ‘Muller’, composto por 14 temas extraídos de entre os clásicos populares en galego nunha versión máis académica.

‘Muller’ de Soas, é un disco feito ao revés. “Primeiro estivemos facendo unha xira xuntas durante dous anos e logo decidimos publicar unha escolma dos temas que interpretabamos”, conta Cristina Pato (Ourense, 1980). “E agora toca volver poñerse en xira para dar a coñecer o disco”, engade sorrindo Rosa Cedrón (Monforte, 1972). Soas presenta hoxe mércores o seu disco no CGAC de Santiago e alí interpretarán parte do seu repertorio. O mesmo farán o xoves, 25 de novembro, na tenda de música O pazo das musas, tamén en Compostela.

Para as artistas, o desafío principal do proxecto de Soas era aproximar dous mundos nos que se senten cómodas como músicas. “As dúas temos formación clásica, académica pero as nosas vidas profesionais xiraron sempre arredor da música popular”, explica Pato. “Queriamos encontrar un punto en común, un estilo propio e unha nova dimensión para cancións sobradamente coñecidas polo público”. Para Rosa Cedrón, esta vía foi unha oportunidade persoal. “Recuperei o contacto coa música clásica sen perder de vista a música tradicional, á que estou tan apegada. Foi como unha oportunidade perfecta”.

O disco, en palabras de Pato e Cedrón, ten tres partes ben diferenciadas. Unha orquestral, na que destacan os arranxos de Octavio Vázquez. “Fixo un grande esforzo por renovar os sons tradicionais sen danalos, dándolles unha nova dimensión”, comenta Cristina Pato. A outra, íntima, na que conviven voz e piano, e unha final, que combina os outros dous estilos.

Sorpresa e satisfacción do público
Contan Rosa Cedrón e Cristina Pato que o máis simpático da xira de Soas foi a relación entre as expectativas do seu público e o resultado final. “En moitos lugares colocaban os nosos nomes xuntos pero case dando a entender que fariamos concertos separados”, recorda Cedrón. “Alí ían os meus seguidores e os de Cristina, esperando que ela tocase a gaita e que eu cantase como de costume e de repente víannos con outra posta en escena, cun piano e cun estilo completamente diferente. Afortunadamente, a sorpresa duraba uns minutos. Ao final a conexión entre nós e a xente foi total”. Engade Pato. “É o grande da música popular, que nace do pobo, transfórmase na voz e os instrumentos de cada artista e volve ao pobo, que a agradece e a recoñece. Esa comuñón foi total e moi emotiva en Carballo ou A Laracha, por exemplo”.

País de trobadores
Os temas de Muller proceden de poemas compostos por escritores galegos. As palabras de Manuel Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro ou Yolanda Castaño. “Do total de temas que interpretabamos nos concertos, ao final a escolla de 14 cancións tivo moito a ver coa poesía”, explica Pato. “Decatámonos de que funcionaban mellor as palabras creadas por un escritor e que se fixeran populares decontado. Hai que lembrar que os poemas de Curros, dez anos despois de seren escritos, xa se coñecían de memoria en todas as aldeas de Galiza”. “Hoxe en día, quizais hai menos comunicación entre poetas e músicos”, completa Cedrón. “Por iso quixemos incluír a Yolanda Castaño entre as autoras escollidas”. Ambas as artistas recoñecen que sería estupendo encontrar un punto de confianza entre músicos e escritores para devolverlle á poesía galega aquela fasquía popular que provén xa do tempo dos trobadores. “Nós estamos dispostas”.

Dúas artistas que non paran
Soas é un proxecto poderoso pero non conseguiu que Rosa Cedrón e Cristina Pato abandonasen as súas carreiras en solitario. A monfortina anuncia que lle rebole na cabeza un ambicioso proxecto. “Non adianto nada que logo entra unha raiola de sol pola fiestra e son quen de cambialo todo”, di sorrindo.

A ourensá, que vive en Nova York, onde dá clases na universidade, ten unha axenda nutrida. Antes do verán percorrerá a India e as principais cidades dos EE UU coa súa banda norteamericana, onde toca a gaita a ritmo de jazz. “O meu gran soño sería levar a América este Muller”.

www.anosaterra.org
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 24-11-2010 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro traballo de Pesdelán
Na punta do pé é o título do primeiro traballo de Pesdelán. Un libro-CD-DVD que anima a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués dun xeito divertido e participativo.


Unha proposta didáctica dirixida por Mercedes Prieto e Montse Rivera coa produción musical de Pedro Pascual e colaboracións como Guadi Galego ou Celina Piedade.


O traballo publicado en Galicia e Portugal (Pezinhos de lã) pola editorial Kalandraka, conta ademáis coas ilustracións de João Vaz de Carvalho, un dos debuxantes máis relevantes do actual panorama artístico en Portugal.

Presentación do disco
Culturgal
Domingo 28 de novembro de 2010 ás 17h,
Cuarto dos Nenos, Pazo da Cultura de Pontevedra












Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 24-11-2010 09:39
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Luar na Lubre
Presentación do novo disco de Luar na Lubre "Solstício" o 2 de Decembro, en Alcalá de Henares (Madrid).

mais xa podes escoitar o single "Ven bailar Carmiña" no Spotify.


Se queres asistir como público o próximo 1 de decembro (16h30 a 18h30) para ver actuar en acústico a Luar na Lubre no programa "Abierto hasta las 2" de RNE, envíanos un mail con todos os teus datos (nome, dni e tlf de contacto) a acusticos.rne@rtve.es o chama ao contestador do programa 91.346.14.11

www.luarnalubre.com
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 18-11-2010 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [13]
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer