Continuando con esa fraternal irmandade entre Amalghama e Malmequer, este venres 9 de novembro celebraráse o noso II Encontro Festivo-Gastronómico, como bos galegos que somos e xunto a un bo cocido, botaremos unhas boas repichocas e bailes, disfrutando dos bos compañeiros de viaxe e mellores amigos...o de mellores pandereteiros e bailadores deixarémolo en suspense até despois da cea.
Unha aperta a tod@s e vémonos no Furancho de Donas este venres.
Lembrade levar gañas de festa e de pasalo ben.
P.D.: Punto de encontro, ás 22:00 diante do pavillón das Travesas
O dúo compostelán edita o seu segundo álbum, Finais dos 70s, comezos dos 80s, no que converten o verso libre de nove poetas contemporáneos en alfaias de pop electrónico. Alén disto, no álbum, disponible nas tendas , pero tamén en descarga gratuíta no netlabel A Regueifa Plataforma , hai algunha sorpresa: unha remestura a cargo de Projecto Mourente, a relectura do S.O.S. de Manuel Antonio que Fanny + Alexander fixeran hai un tempo, ou a versión completa do Berlín de María Lado musicado precisamente por F+A. Ah, e un regaliño máis: a versión galega do "Panic" de The Smiths, que nos leva dende o "pánico nas rúas de Vigo, pánico nas de Compostela..." até un retrouso que se vai repetir moito nos vindeiros meses "imos queimar a disco, meterlle ao papán do DJ, porque a música que anda a poñer non di nada sobre a nosa vida, ¿que che dixen? Merda de DJ". O disco é unha delicia, unha hora de música e poesía que engancha e que ás veces fai tremer. A beleza é ás veces terrible (...)
Este disco contén algunha das letras mais fermosas da historia da musica galega. Non teño na cabeza moitos discos contemporáneos, e moito menos en Galicia, baseados case en exclusiva en poemas musicados. ¿Regresan Voces Ceibes pero electrónicos?
A verdade é que a intención era esa, recuperar a tradición que había nos 70s, un fenómeno que, visto con perspectiva, deu á poesía galega un caracter verdadeiramente popular xa que foi quen de popularizar obras que doutro xeito nunca terían saído dos andeis das librarías. Se hoxe en día a xente sabe de memoria versos de Celso Emilio, Curros, Manuel María ou Rosalía é grazas a esta promiscuidade entre música e poesía que se deu nos 70s. Ademáis pensa que na época era xeralizado, non só se cinguía a Voces Ceibes, facíao dende Amamcio Prada até Juan Pardo pasando por Los Tamara. No noso caso a dificuldade sempre reside en percurar poemas mínimamente "modernos", que concorden no ton, no estilo e nas temáticas cos postulados etico-estéticos de Fanny e Alexander. Por certo que a diferenza do noso debut, Lusco e Fusco, neste disco todos os empréstitos son de poetas contemporáneos, dende María do Cebreiro a Daniel Salgado pasando por Elvira Riveiro, Pilar Pallarés ou Lois Pereiro. A única que se sae un pouco desta liña é María Silenzo, baseada nun poema que Carvalho Calero escribiu na súa mocidade, en plena guerra civil. Aínda asi, a súa temática -a sinistralidade laboral- segue tan vixente coma entón asi que non desentona en absoluto.
¿Por que o título: "Finais dos 70, comezos dos 80"?
Aínda que non é un disco conceptual si queriamos porlle un título "xeracional". En certa maneira enlaza co que se ven chamando a xeración Songoku, que é a que nasceu neses anos, os que nos perdimos a movida pero vivimos o Bravú e o Xabarín, os que aforrabamos para mercar un CD cada tres meses, os que non soupemos o que era falar coa nosa primeira moza por un teléfono movil e bebimos nos bares no canto de nos parques. Eses pequenos grandes detalles que marcan as diferenzas entre unha xeración e a posterior. Evidentemente o espazo temporal do título tamén ten moito que ver coa música xa que case todas as influenzas que sobrevoan sobre os temas do disco son desa etapa do século XX.
¿Hai algún poeta co que aínda non traballarades e ao que vos gustaría poñerlle unha bola de discoteca aos seus versos?
Faltounos un pelo para musicar uns versos da amiga Yolanda Castaño, ao final ese tema quedou nun caixón. E menos mal, que co recente affaire Yolanda-Aduaneiros igual se interpretaba coma unha mostra de apoio ou algo. Que conste que nós somos filoaduaneiros de vello.
Defíneme a "postpunkeirada" (titulo dun dos cortes do álbum, realizado a partir dun poema de Lois Pereiro)
O título orixinal era "electropunkdeirada", que case que a definía moito mellor. No primeiro disco metimos un tema, Lene, no que poñíamos as percusión tradicionais ao servizo do pop e a electrónica. Con Postpunkdeirada a idea era levar o concepto máis alá, enriquecendo a fórmula e mesturando gaitas, cunchas, pandeiretas e pandeiros con sintetizadores, caixas de ritmos e guitarras eléctricas. Nese tema a receita sería un terzo de electrónica, un terzo de punk-rock e un terzo de música tradicional galega. No fundo é levar a proposta dos Resentidos ao século XXI.
Traballades sobre textos poéticos alleos, ¿como é o proceso de creación?
No musical é moi natural, sempre e cando o texto sexa inspirador e afin. En xeral o máis complicado é adaptar os poemas ás músicas xa que a maioría dos poetas dos que gostamos soen empregar métricas libres, cun estilo cercano á prosa. Moitas veces non queda máis remedio que deconstruir o poema e voltalo construir de novo.
Xa sei que tedes un millón de influencias, e seguramente das máis delas nin sequera sodes conscientes. ¿Algún grupo que vos impactara nos últimos tempos e que pensades que si influiu no son deste album?
Si, dende logo, todo o que escoitamos na nosa vida está ai. Pero está claro que o último que escoitas sempre está máis presente. No disco hai pegadas de grupos ben diversos que van do electrónico ao pop máis espido, dende Ladytron a Belle & Sebastian. Pero aínda que no disco hai dous experimentos mesturando outros estilos con música tradicional galega, Postpunkdeirada e Cando eu era mozo, eu creo que a todos os temas do disco os cubre a moi abrigosa manta do pop, na percura da melodía e da canción redonda que emociona e é lembrada ao momento.
Grazas por "Pánico", unha cancion necesaria, que podería converterse en todo un himno. ¿Como xurdiu? ¿Foi un intento consciente de facer un "Panic" en galego, como fixera Fangoria en castelán? ¿Ou saiu de casualidade e aí quedou?
Foi a típica cousa que se che ocorre ás 4 da madrugada cando estás nun local e o DJ non para de poñer a peor música do mundo. Pensamos que se houbese un tema equivalente ao dos Smiths estaría ben que a xente o cantase e empregase coma arma contra os DJs papáns, que son lexión, dende os que se cren músicos até os que se cren que por mercar un par de pratos en Ebay xa teñen background musical suficiente e non son máis que cutres Jukeboxes. A versión é, igual que a orixinal, un canto ao bon gosto e ao criterio musical.
Por certo, moi bo o vídeo de Amei-te tanto . ¿Quen é o autor?
Os tres videos que temos até agora fixemolos nós mesmos, igual que o deseño gráfico do disco. Gustanos poder facer todo o que teña que ver con F+A, ter o control creativo total. E en xeral, nisto dos videoclips, cunden moito máis as boas ideas que 3.000 euros. Non hai máis que ver os boísimos videos de Niño y Pistola e 6PM, tamén realizados polos propios grupos.
Faise música en galego en todos os estilos, mesmo música bailable en calquera discoteca, por exemplo a que facedes vós, ou Mourente, Colectivo Oruga, etc., pero nas discotecas de Galicia seguen sen entrar, o mesmo que nas listas de hits tipo 40 Principales, ¿como potenciar a industria musical galega?
Sinceramente creo que o que se está facendo dende as institucións (Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Locais de ensaio...) é o camiño, está sendo moi importante xa que apoia e pon as infraestruturas pero non orienta, algo fundamental. E sobre a industria, pois tendo en conta que a nivel mundial está a esmorecer vexo un futuro feliz e non moi lonxano en que non exista, onde as relacións entre os artistas e os ouvintes sexan directas, sen intermediarios. Non hai máis que ver o caso do novo disco de Radiohead para comprobar que a industria non vale para nada. E quen quera vivir da música que traballe, ou sexa, que dea concertos, coma sempre se fixo antes de existir os malditos royalties. Ademais estamos vendo como a xente non paga 15 euros por un disco pero si 30 por un concerto. O negocio está ai, evidentemente.
Fanny+Alexander, Homens, Mourente, Leo, Apenino, Ataque Escampe, 6pm, Niño y Pistola, novas cousas de TAB e moitos outros discos novos: ¿Significarán estes ultimos meses de 2007 a madurez da música galega?
Si, levamos dende 2006 anunciando o do mellor momento que se recorda da música galega. Agora chegaba o auténtico exame, o da continuidade, o dos segundos discos. Eu creo que o nivel se está a manter e aínda por riba non paran de sair propostas novas. Este final de 2007 promete ser o da confirmación.
¿Vaise poder escoitar a Fanny+Alexander en directo máis veces? Mira que a Mourente xa non hai quen o baixe dos escenarios...
Si, seguro que si. Temos ademáis unha vantaxe importante pola natureza da nosa música, que podemos adaptar o noso formato e as propias cancións á situación, tanto podemos dar un concerto case acústico en plan intimista e con ar experimental e co público sentado como podemos poñer a todos a bailar cun formato 100% festa rachada.
Finalmente será Camerún a selección que se enfrentará a Galiza o 27 de decembro en Balaídos.
Haberá que apuntar esa data no calendario, un novo partido de ambiente excepcional nas bancadas.
Asímesmo este ano presentaráse a primeira selección feminina galega de futbol, que enfrentaráse tamén aa mesma data e no mesmo campo á selección feminina do Camerún.
Coa creación desta nova selección feminina (que se une ás xa existentes seleccións de balonmán e baloncesto), seguese a avanzar no proxecto de creación e apoio ás seleccións nacionais galegas.
27 de decembro de 2007
Galiza-Camerún
Estadio de Balaídos (Vigo)
Os alumnos da Escola de Artes e Oficios convocan unha concentración pola precariedade
A asemblea de alumnos da Escola Municipal de Artes e Oficios decidiu convocar unha concentración pola situación precaria na que se encontra o centro. Será o vindeiro luns ás 19.00 horas no edicifio da escola.
Ao termo da mesma celebrarase unha asemblea na que se decidirán as medidas a adoptar para pór fin á situación irregular.
A asemblea celebrou o luns unha reunión para tratar a problemática que afecta ao colectivo ao non comezar as clases e ante os rumores do futuro incerto dalgúns alumnos. Acordou solicitar unha entrevista coa concelleira de Educación.
Programa da Mostra de Patrimonio Cultural
Inmaterial Galego-Portugués
Na Praza da Ferrería, en Pontevedra MÉRCORES 7, DÍA DA ORALIDADE
Mañá
obradoiros de 10:00 a 14:00:
Olaría (Tomás López, de Corbelle, Proendos, Sober, Lugo)
Regueifas (O Caruncho e o Pinto d?Herbón)
Forxa (Oliverio Alvarez, Queixoiro, A Fonsagrada, Lugo)
Luthería (Germán Arias, Sarria, Lugo)
Ourivaría (Arlindo, Oficina do Ouro, Sobradelo da Goma)
Redeiría (Beatriz Molanes de Cangas e Josefa Abal de Cambados)
Cantos de cego (Carlos do Viso)
Torneiro (Oli Xiraldez, Cascandelo, Balcaide, Teo)
Obradoiro de xogos tradicionais organizado pola Asociación Brinquedia
Tarde:
Continuación dos obradoiros da mañá, de 16:00 a 19:00, e conferencias:
17:30 Descuberta e partilha dum patrimônio comun. Alvaro Campelo (Universidade de Porto) e Xerardo Pereiro (UTAD).
18:10 Vida e Fala do afiador ambulante. Antonio Fidalgo Santamariña (Universidade de Vigo).
19:00 Acto de inauguración oficial da mostra.
19:30 Proxección do documental Ainda há pastores? de Jorge Pelicano.
Coa idea de contribuír a animar os pais e as nais a transmitirenlle a lingua aos fillos desde que nacen, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha a iniciativa Encontros dos Axóuxeres para bebés en familia, que se desenvolve en distintas localidades de toda Galiza durante o mes de novembro.
A diferenza coa Festa dos Axóuxeres, estes encontros musicais de outono terán lugar en recintos pechados e nun ambiente recollido. De feito, o aforo é limitado para 20 bebés e os/as seus/súas acompañantes.
Para asistir é preciso reservar praza chamando ao teléfono 981 555 930.
O traballo xa figura na web da organización educativa xunto a outros informes relacionados co celtismo
The celtic legacy of the gaita in galician music é o título do traballo que ao longo de catro anos preparou o director da Real Banda-Escola de Ourense, Xosé Lois Foxo, por mor dun encargo da profesora de Antropoloxía da Universidade de Wisconsin, Bettina Arnold. A través da páxina web da universidade americana pódese consultar o traballo científico que, como curiosidade, ofrece a oportunidade de acceder a diversas melodías, a través do formato MP3, simplemente con clicar no lugar correspondente.
Foxo destaca a peculiaridade que supón facer un traballo deste tipo, escrito en inglés, e que ten como principal obxectivo o de demostrar o celtismo da música galega. Non en balde o estudo inclúese no centro de estudos celtas do departamento de antropoloxía, que conta coa publicación electrónica chamada e-keltoi, a través da cal se visiona o traballo de Xosé Lois Foxo e o doutros estudiosos do celtismo en Europa. A través das 52 páxinas coas que conta o estudo, o musicólogo ourensán ofrece ao lector as diferentes variantes por áreas que existen na tradición gaiteiril, o seu entroncamento e as súas similitudes.
Nacemento nos castros
Xosé Lois Foxo reflexiona sobre o nacemento da música celta ao redor dos castros ou sobre os parecidos entre os tipos de música de áreas de países diferentes. Foxo inicia o estudo falando da gaita como o símbolo principal de irmandamento entre as rexións celtas e a partir de aí fai un estudo exhaustivo do instrumento.
A análise ofrece a posibilidade de escoitar exemplos de melodías
O estudo de Foxo ofrece a posibilidade de escoitar exemplos das melodías. A alborada de Rosalía de Castro, Muiñeiras dá Valiña dá Osa e Veiga de Forcas, Alalá do Courel ou o cantar de seitura de Manzaneda son algúns dos exemplos que se mostran a través do traballo científico que establece como conclusión que a música de Galicia e outras comunidades de España e Portugal presenta claras similitudes con rexións de Escocia, Gran Bretaña e Irlanda. Hai que ter en conta que se trata dun traballo dirixido a un público que descoñecen a tradición celta que existe en Galicia.
Xosé Lois Foxo púxose en contacto hai catro anos con Bettina Arnold por mediación dun profesor sueco. Hai unha semana, o ourensán terminou o traballo, e o autor espera que en breve o estudo sexa traducido ao alemán e ao castelán, e véxase publicado como libro.
O PP critica a decisión de trasladar a Escola de Música Tradicional
A concelleira do grupo municipal do Partido Popular, Marta Iglesias, criticou a decisión do goberno local de emprazar a futura Escola Municipal de Música Tradicional, integrada ata o momento no organismo autónomo da Escola de Artes e Oficios, no solar anexo ao colexio Doutor Fleming, xa que esta localización estaba destinada a albergar unha infraestrutura de carácter social que inclúe un centro sociocomunitario veciñal, así como un centro de rehabilitación psicosocial e laboral.
Marta Iglesias denuncia que esta decisión tomada pola concelleira de Educación, Laura López Atrio, non se comunicou debidamente aos integrantes da Xunta Reitora da Escola Municipal de Artes e Oficios, durante a reunión que mantiveron o pasado xoves. «O único que se trasladou foi a intención de que as clases de música tradicional continuarían impartíndose no mesmo centro, a pesares do cambio de xestión», afirmou a concelleira popular Marta Iglesias .
Centos de personas participan nos actos programados no novo Castañazo Rock. Unha mesa redonda analiza a escena actual
«Un chute nacional de autoestima emocional e de ansia emocional». Iso foi o rock bravú en palabras de Xosé Manuel Pereiro, monfortino, xornalista e cantante de Radio Océano, un dos grupos percursores daquel movemento nacido en 1994 na cantina da aldea chantadina de Viana. A descripción de Pereiro figura na folla promocional de 120 capadores, o disco homenaxe aos Diplomáticos presentado onte en Chantada nun dos actos programados dentro do novo Castañazo Rock.
As cancións do disco, revisións de letras do grupo que liderou Xurxo Souto desde o barrio coruñés de Montealto, abriron a media tarde o festival e deron paso a unha mesa redonda que se celebrou no hotel Mogay. Moderado por Belén Regueira, presentadora do programa Extrarradio da Radio Galega, no coloquio participaron Xosé Manuel Pereiro, Xurxo Souto, a xornalista María Yáñez, o crítico literario Xosé Manuel Eiré e o escritor Xavier Valiño. Faltaron o xornalista Santiago Jaureguizar e o escritor Manuel Rivas, que a última hora tivo que marchar a Arxentina por razóns de traballo.
No debate, seguido por unhas duascentas persoas, Xurxo Souto recordou que o manifesto fundacional do bravú foi ideado na cea previa ao segundo Castañazo Rock baixo a dobre premisa da distorsión musical e o idioma galego, «o que nos caracterizaba a todos por riba de disquisicións ideolóxicas ou formais máis espesas». Para Pereiro, o do bravú foi o triunfo do auténtico contra a música «de plástico» dominante ata os primeiros noventa.
Como a maioría dos participantes na mesa redonda, Xavier Valiño evitou lamentar o esmorecemento de todo aquilo. «O bravú durou o que tiña que durar», pero relacionou aqueles anos coa vitalidade da actual escena musical en galego. «A efervescencia de agora pare de aí», dixo. Porén, o chantadino Xosé Manuel Eiré, que repasou a efímera pegada do bravú na literatura, si bota en falta un maior grao de compromiso ideolóxico nos grupos novos. «O bravú case foi unha miragre -retrucoulle María Yáñez-, e hoxe a situación tende á normalidade, con tendencias moi diversas; antes había pouco público e moito fan e hoxe pasa o contrario».
Ao tempo que empezaba a mesa redonda, abrían no mercado gandeiro os postos das discográficas e distrbuidoras que participaron na primeira edición da Feira do Disco Galego, outra das convocatorias do novo castañazo. A presenza de público no recinto do campo da feira foise incrementando a medida que avanzaba o día. Ás nove da noite estaba previsto o arranque do acto central do día, o concerto cos grupos Rastreros -reunidos de novo para a ocasión-, Os tres trebóns. Ruxe Ruxe, Motor Perkins, Zënzar e Os Cuchufellos.
Rastreros e Os Tres Trebóns foron os triunfadores do Castañazo Rock
O concerto reuniu en Chantada a preto de dúas mil persoas e prolongouse ata as seis da madrugada
Ao redor de dúas mil persoas asistiron ao concerto que se celebrou a noite do pasado sábado en Chantada e que foi o acto central do Castañazo Rock.
O comezo estaba previsto para as 21 horas, pero demorouse ata case as 22.30, en parte para solucionar algúns problemas de son. O grupo Zënzar foi o encargado de abrir o lume nun escenario polo que pasaron Motor Perkins, Os Cuchufellos, Rastreros, Ruxe Ruxe e Os Tres Trebóns.
O público acudiu ao concerto con ganas de gozar e entregouse aos artistas desde o principio. O primeiro grande momento da noite foi a actuación dos Tres Trebóns, actual grupo do ex integrante dos Diplomáticos, Xurxo Souto. Ao marxe da marcha que de seu adoitan ter as súas actuacións, neste caso a emoción foi en aumento cando un a un foron subindo ao escenario ata unha vintena de artistas amigos da banda que corearon algún tema.
Esta actuación era das máis esperadas ao presentarse dentro dos distintos actos do Castañazo Rock apenas unhas horas antes o disco compacto homenaxe aos Diplomáticos, un traballo que contén 20 temas de distintos grupos. Esta produción sairá ao mercado o próximo mes de decembro.
O mellor da noite faltaba aínda por chegar e fíxose esperar ata as 2.30 da madrugada cando saíron ao escenario os catro compoñentes do grupo local Rastreros, formación que levaba unha longa tempada sen pisar os escenarios.
Os músicos saíron ao escenario cunha camiseta co nome do seu ex compañeiro Xullo, falecido hai pouco tempo e ao que dedicaron a súa actuación de onte.
O público non cesou de acirrar todas as cancións da actuación de Rastreros, que foron obrigados a interpretar unha grande parte do seu repertorio e que, ata, víronse obrigados a facer un bis antes a insistencia dos asistentes. Con tanta emoción non é de estrañar que o tempo, milimetrado ao máximo para cada grupo neste tipo de actuacións, excedésese un pouco e o concerto prolongásese ata preto das seis da madrugada.
A noite foi perfecta para a banda chantadina e ata o equipo de son, que lles fixo pasar un calvario aos Cuchufellos, afinouse como por encanto para que Rastreros soasen de marabilla nunha noite máxica para eles e para centos de afeccionados que estaban a desexar verlles de novo en acción.
Ao marxe dos seis grupos, merece un á parte o presentador do acto, o polifacético actor Carlos Blanco , que soubo manter o ritmo durante toda a noite coas súas ocorrencias e orixinal xeito de presentar como nel é habitual
Lugar: Auditorio Municipal do Concello de Vigo.
Praza do Rei sn
Horario: 20,30 horas
Prezo: Entrada: 2.-?
Cine non sonoro con música en directo: Mitos en branco e negro
Luns, 05 de Novembro de 2007 [20:30]
"The Kid"
(EEUU, 1921).
Director: Charles Chaplin.
Música en Directo, Cuarteto Ancestral:
Afonso Franco, Violín
Alfonso Merino, Violín
Lago Mouriño, Piano
Felipe Gonzalez, Clarinetista
Luns, 12 de Novembro de 2007 [20:30]
"Metrópole"
Alemaña, 1926).
Director: Fritz Lang.
Música en Directo, Cuarteto Do Noroeste:
Marcos Seoane, Violín
Isabel Abril, Viola
Gabriel George Tanasescu, Violonchelo
Zita Tanasescu, Piano
Luns, 19 de Novembro de 2007 [20:30]
"Carmen"
(Alemaña, 1918).
Director: Ernst Lubitsch.
Música en directo: Grupo ARSENIO MARTINS ENSEMBLE
Cine non sonoro con música en directo: Paixón e suspense.Alfred Hitchcock:
Luns, 26 de Novembro de 2007 [20:30]
"The Lodger" (O enimigo das rubias)
Gran Bretaña 1927.
Música en directo: Grupo ARSENIO MARTINS ENSEMBLE
Luns, 03 de Decembro de 2007 [20:30]
"Easy Virtue"
Gran Bretaña 1927.
Música en directo: Grupo Arsenio Martins
Ensemble
Luns, 10 de Decembro de 2007 [20:30]
"The Ring"
Gran Bretaña 1927.
Música en directo: Grupo ARSENIO MARTINS ENSEMBLE
* A Vía Rápida do Barbanza está pechada, polo que é importante saír con tempo para chegar ás 12:00 ao Porto de Corrubedo. Aos que se acheguen da Galiza Norte aconsellámoslles ir pola estrada Santiago-Noia e desviarse a Corrubedo un chisco antes de chegar a Ribeira. Os que veñan da Galiza Sur terán que coller a vella estrada Padrón-Ribeira, pasando por Boiro e a Pobra do Caramiñal. Sendo domingo pola mañá o tráfico é pouco, pero cando menos se emprega media hora máis do normal en chegar a Corrubedo.
* Aparcadoiros: a entrada ao cabo de Corrubedo ten unha recta ben longa con arcéns suficientemente anchos para aparcar vehículos (ver mapa). Non se poderá aparcar no porto, polo que haberá que deixar os coches e autobuses nesa estrada ou na estrada do faro. Haberá policía local para regular esta cuestión.
* Corrubedo é un pobo pequeño e os seus servizos son limitados. No entanto existen algúns negocios de hostalería á entrada do pobo e tamén no porto. Ribeira está a só 7 quilómetros.
Tras un mes impartindo clase sen case a metade dos profesores, a Escola de Artes e Oficios podería volver á normalidade. Na reunión da Xunta Rectora -celebrada o martes pasado- acordouse contratar aos nove docentes que se atopan en situación ilegal debido á súa eventualidade.
Unha decisión que non garante que os máis de 300 alumnos afectados polo atraso no inicio das clases -neste momento hai 1.400 matriculados-poidan comezar a súa preparación de forma inmediata. "No caso dos profesores de artes plásticas, a solución continúa sendo temporal e o proceso levará bastante tempo", explica Elvira Larriba, integrante da Xunta Rectora.
Os nove profesores -5 da sección de música e 4 de artes plásticas- solicitaron unha inspección de traballo o pasado mes de xuño trala que se constatou a ilegalidad na que incurrira o Concello mantendo os contratos eventuais destes 9 docentes. Un feito que levou á presentación dunha demanda xudicial contra o Concello que aínda está pendente de resolución e que podería agravar o problema e atrasar, aínda máis, o inicio das clases.
A solución acordada pola Xunta Rectora da Universidade Popular será a de contratar como interinos -dous por un ano e outros dous de forma indefinida- aos catro profesores de artes plásticas. Proceso para o que aínda hai que convocar e resolver o concurso.
Os cinco profesores da sección de música tradicional tamén serán contratados, pero mediante un convenio entre o Concello e a Fundación SondeSeu. A solución neste caso pasará pola segregación da rama de música da Escola de Artes e Oficios e a creación dunha Escola Municipal de Música Tradicional que pasará a depender da concellaría de Educación. Así e todo, as clases continuarán impartindose no actual edificio mentres non se atope unha ubicación.
Á indignación dos máis de 300 alumnos que aínda non puideron iniciar as súas clases, engadese o malestar de parte dos docentes da Escola de Artes e Oficios. "O problema é que sempre os políticos quixeron manipular a escola, e esta queda a disposición do capricho do que vén", critica un dos profesores que prefire manterse no anonimato.
Na actualidade exercen 22 docentes na Universidade Popular, dos cales só seis teñen a praza en propiedade. "Se queren unha solución de verdade, non entendo por que non convocan oposicións para cubrir as prazas", propón este profesor. "Hai interinos que cobran máis que os titulados", engade.
Malia a solución acordada na Xunta Rectora -que aínda non se reuniu logo dun mes funcionando sen case a metade de profesores- non todos están convencidos de que se arranxou o problema, e ata critican a separación da rama musical.
"Estamos aínda sen director -non entendo por que se cesou ao anterior- e aínda non está aprobado o plan de actividades", expón.
A posibilidade de que se incentive a rama de artes e oficios co traslado da escola de música a outro edificio, tamén se descarta por parte dalgúns docentes. "Será a longo prazo, porque agora non hai orzamentos", sentenza.
O edificio da Escola de Artes e Oficios quedará liberado da rama musical en canto o Concello atope unha ubicación para a Escola Municipal de Música Tradicional que se creará mediante un convenio coa Fundación SondeSeu. "A miña intención era conservar ao profesorado actual debido á gran calidade que demostraron. Por iso, o grupo de música folk da Universidade Popular converterase nunha Escola Municipal", explica a concelleira de Educación, Laura López Atrio.
A Escola estará dirixida por Rodrigo Romaní e a súa ubicación podería ser un edificio de propiedade municipal sito nas proximidades do colexio Fleming, segundo anuncia a concelleira de Educación.
Director
Outra das decisións tomadas na Xunta Rectora foi a de convocar un concurso para a elección do director da Escola de Artes e Oficios. Institución que continuará durante varios meses sen órgano executivo, pois aínda non se fixou unha data para a convocatoria.
A LNB apresenta en exclusiva mundial o espectacular cartaz da Copa Cantábrica e por medio da recén creada PxA (Plataforma de xestión da Auténtica) pilotada por Fram Folgueira e Xermán Viluba faise pública a lista de convocados para defender á Galiza niste seu primeiro compromiso oficial. O PxA quere informar que será o grande Zidane da Billarda quen dirixirá á Auténtica a pé de pista exercendo de máximo responsábel técnico nas concentracións e no propio desenrolo do partido. Os elexidos son:
Nota: o selecionador asturiano Xosé Pravia xa aniciou que os palanadores e palanadoras asturianos da Superliga de Billarda : Urbano , David , Chema, María e Mónica e o xogador con doble nacionalidade Hugo van formar parte da potentísima selección Astur, polo que se prevé un durísimo combate entre a sidra e o ribeiro por chegar a encher a tan desexada Copa Cantábrica.
A LNB informa que todos aqueles que queiran apoiar á auténtica nista 1º edición da Copa Cantábrica aínda están a tempo dirixíndose a (ovaral@hotmail.com) para reservar praza na Guagua e para un espectacular xantar colectivo no Restaurante Casa Adolfo de San Miguel en Pedras Blancas, a saída do teleclube de Barreiros ás 9 da mañá e o prezo son 12 euros.
O vindeiro venres, 2 de Novembro, o pop galego ten a súa particular festa co concerto de presentación dos novos discos de The Homens e Fanny + Alexander.
As once xoias power-pop que fan parte de "Tres" sairon á rúa o pasado día 15 mentres que as once alfaias de pop electrónico de "Finais dos 70s, comezos dos 80s" chegaron o día 29 deste mesmo mes, ambolosdous discos editados baixo licenza Copyleft tanto dixital coma físicamente.
A cita será ás 22,00 h. na sala NASA de Compostela.
O malestar e as críticas cara ao Concello aumentan na Universidade Popular, á falta de case a metade do profesorado veñen a sumar dúas baixas, o que obriga a cancelar as clases.
O malestar na Universidade Popular é cada vez máis evidente tanto entre o profesorado como entre os alumnos debido a unha situación, que é é cualificada de abandono por parte do Concello.
A falta de director, de xefe de estudos e dun plan de actividades, que habitualmente se aproba antes de iniciar as clases, sumiu ao centro na máis completa desidia, segundo o colectivo.
Cando aínda non se cumpren quince días desde a apertura do curso, xa hai profesores que se encontran en situación de baixa laboral, o que acrecentou o malestar pola falta de substitutos e provocou a suspensión de clases.
Información
Unha das críticas que apuntan desde o profesorado é que non está a ser informado das intencións municipais, o que fai que nos últimos tempos decátese do que pasa a través da prensa.
Tampouco existe unanimidade co recente peche da biblioteca.
Mentres que para uns é unha boa medida cautelar para evitar posibles extravíos en tanto se catalogan os fondos, para outros este traballo poderíase realizar sen necesidade de recorrer ao peche, máxime cando existe tanta demanda deste tipo de servizos na cidade.
Outra circunstancia que ocasionou problemas é a matriculación sen fixar previamente os horarios, o que provocou máis dunha sorpresa entre o alumnado unha vez iniciado o curso.
O grupo municipal do PP critica a través dun comunicado a mala xestión do centro, que cando xa debía levar funcionando un mes, aínda falta case a metade do persoal.
Tampouco está de acordo co peche da biblioteca, xa que, segundo a concelleira Elvira Larriba, deberían de garantirse os postos de lectura, aínda que non se poida acceder aos fondos.
Director
O PP advirte que a crise do centro vese agravada polo inicio do curso sen un director con dedicación plena.
Neste sentido, o alcalde anunciou recentemente que se está estudando unha fórmula que permita nomear a unha persoa con certa estabilidade no cargo.
A concelleira Elvira Larriba sospeita que o goberno local non ten claro a estas alturas o programa docente da Escola de Artes e Oficios para o actual curso académico, o que explica os atrasos nalgunhas materias, á marxe das que non empezaron a impartirse por problemas coas contratacións.
Larriba non entende que se para o goberno local estes estudos teñen gran interese e preténdense ampliar con dúas especialidades máis, por outra banda non se contrate a tempo e de forma regular ao profesorado que as impartía.
Onte a xunta reitora celebrou unha sesión que se prolongou ata entrada a noite.
Obradoiros de cabazas, contacontos de medo, magosto e foliada para rematar a festa.
Ata hai trinta anos por moitas aldeas de Galicia tallábanse cabazas por estas datas, e a día de hoxe cada vez hai mais lugares nos que se está a recuperar esta tradición na forma da festa do Samaín.
Se se busca en libros de etnoloxía polas celebracións que se fan no noso país con ocasión do día de Defuntos atoparemos unha serie de costumes ancestrais propias do País. Desde o deixar un oco na mesa ou racións de comida para os defuntos ata facer colares coas castañas novas. A pouco que se pregunte a persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía (Noia, Catoira, Cedeira, Muxía, Sanxenxo, Quiroga, Vilaboa, Portonovo e a zona sur de Pontevedra onde era coñecida como a Noite dos Calacús) lembran que tamén era habitual por Defuntos coller cabazas, tallarlles unhas caras feroces, poñerlles un pauciños coma dentes e deixalas nos camiños para asustar ós viandantes. Todo isto con ocasión da festividade dos Defuntos, o dous de novembro. Este costume coincide co americano de Halloween (All Hallow's Eve, que significa "Véspera de Todos os Santos") festa que chegou ao continente americano a través dos emigrantes irlandeses no século XIX e aínda máis atrás coa antiga celebración celta do Samaín, no que eran os cranios dos inimigos os que brillaban na escuridade con candeas no seu interior.
A recuperación desta anterga tradición por todo o País e os seus vencellos co Samaín por colexios e asociacións de todo tipo, está a provocar que cada vez haxa máis lugares nos que se celebra esta festa sen pasar pola peneira do Halloween americano.
Este mércores 31 de outubro, véspera de todos os Santos, a Asociación Veciñal e Cultural Casco vello voltará celebrar a recuperada Festa do Samaín e por segundo ano consecutivo organiza na Praza do Berbés un obradoiro de cabazas para que os rapaces poidan traballar as súas cabazas e divertirse coa actuación dun grupo teatral que ambientará a festa con contos de medo como é tradición nesta época.
Para rematar teremos un magosto infantil acompañado dun ambiente de festa e foliada con grupos de música tradicional que animarán a Praza do Berbés.
Teremos cabazas a disposición dos rapaces, pero para evitar que poidan escasear dependendo do seu número invitamos a que poidan traer á súa propia para traballala na Praza do Berbés.
Programa da Festa do Samaín no Casco Vello: Mércores 31 de outubro de 2007
18:00. Obradoiro de Cabazas
19:30 Contacontos de medo polo grupo de teatro Codia e Miolo
20:30 Magosto infantil coa animación musical dos grupos:
- As Tarambainas de Lavadores
- Malmequer
- Amalghama
- Aula de canto popular da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo
Programa da Mostra de Patrimonio Cultural
Inmaterial Galego-Portugués
Na Praza da Ferrería, en Pontevedra, do 7 ao 11 de Novembro de 2007
MÉRCORES 7, DÍA DA ORALIDADE (de 10:00 a 20:00)
Mañá, obradoiros de 10:00 a 14:00:
Olaría (Tomás López, de Corbelle, Proendos, Sober, Lugo)
Regueifas (O Caruncho e o Pinto d?Herbón)
Forxa (Oliverio Alvarez, Queixoiro, A Fonsagrada, Lugo)
Luthería (Germán Arias, Sarria, Lugo)
Ourivaría (Arlindo, Oficina do Ouro, Sobradelo da Goma)
Redeiría (Beatriz Molanes de Cangas e Josefa Abal de Cambados)
Cantos de cego (Carlos do Viso)
Torneiro (Oli Xiraldez, Cascandelo, Balcaide, Teo)
Obradoiro de xogos tradicionais organizado pola Asociación Brinquedia
Tarde:
Continuación dos obradoiros da mañá, de 16:00 a 19:00, e conferencias:
17:30 Descuberta e partilha dum patrimônio comun. Alvaro Campelo (Universidade de Porto) e Xerardo Pereiro (UTAD).
18:10 Vida e Fala do afiador ambulante. Antonio Fidalgo Santamariña (Universidade de Vigo).
19:00 Acto de inauguración oficial da mostra.
19:30 Proxección do documental Ainda há pastores? de Jorge Pelicano.
XOVES 8, DÍA DA COSMOVISIÓN (de 10:00 a 20:00)
Mañá, obradoiros de 10:00 a 14:00:
Olaría (Tomás López, de Corbelle, Proendos, Sober, Lugo)
Forxa (Oliverio Alvarez, Queixoiro, A Fonsagrada, Lugo)
Luthería (Germán Arias, Sarria, Lugo)
Ourivaría (Arlindo, Oficina do Ouro, Sobradelo da Goma)
Poteiro (Manolo da Sara, O Figo e O Kike, Arbo. Pontevedra)
Torneiro (Oli Xiraldez, Cascandelo, Balcaide, Teo)
Construción de instrumentos musicais vexetais (Emilio Lois, A Baña, A Coruña)
Obradoiro de xogos tradicionais organizado pola Asociación Brinquedia
Tarde, continuación dos obradoiros da mañá, de 16:00 a 19:00, e conferencias:
17:30 O que ti fas importa. Xavier Simón (Universidade de Vigo).
18:00 A actualidade das embarcacións Tradicionais. Lino Prieto (Presidente da Asociación Amigos da Dorna Meca).
18:30 Recursos Turísticos a partir do Mar. GUIMATUR
19:00 As Plantas Medicinais na Tradição Galego-portuguesa, Padre Fontes (Vilar de Perdizas).
VENRES 9, DÍA DOS RITUAIS E ACTOS FESTIVOS (de 10:00 a 22:30)
Mañá, obradoiros de 10:00 a 14:00:
Olaría (Tomás López, de Corbelle, Proendos, Sober, Lugo)
Forxa (Oliverio Alvarez, Queixoiro, A Fonsagrada, Lugo)
Luthería (Germán Arias, Sarria, Lugo)
Ourivaría (Arlindo, Oficina do Ouro, Sobradelo da Goma)
Poteiro (Manolo da Sara, O Figo e O Kike, Arbo, Pontevedra)
Obradoiro de fabricación de máscaras de antroido de Laza (Manuel Quintas)
Torneiro (Oli Xiraldez, Cascandelo, Balcaide, Teo)
Obradoiro de xogos tradicionais organizado pola Asociación Brinquedia
Durante todo o día actuarán representantes dos antroidos do Antroido Ribeirao de Chantada (Lugo), Laza e Xinzo de Limia (Ourense), así como Os Caretos de Podence (Portugal).
Tarde, continuación dos obradoiros da mañá de 16:00 a 19:00 e conferencias:
17:30 Festas Etnográficas de Allariz. Teresa Devesa (Concelleria de Cultura), Pilar Gallego (Pariticipación cidadá), e Elena Rodríguez Bouzas (Técnica de Cultura).
18:30 Ritos de apropiación dos lugares, Anxo Fernández Ocampo (Universidade de Vigo).
19:00 Proxección dos vídeos O Besadoiro, A seitura e A sega da herba comentados por Olimpio Liste Regueiro do Museo Etnográfico de Liste e Fundanción Liste en Vigo.
Noite, de 20:30 a 22:30
Festival de música tradicional coa colaboración da AGG
Cuarteto Tradicional Picuíña de Marín.
Os Terribles de Donas.
A Gaita de Sarandón.
Durante estas actuacións poderase asistir a un obradoiro de baile tradicional impartido por Gustavo Couto e á queimada e degustación dos augardentes destilados neses días polo noso poteiro.
SÁBADO 10, DÍA DAS ARTES DO ESPECTÁCULO (de 10:00 a 24:00)
Mañá, obradoiros de 10:00 a 14:00:
Feitura de Corozas (Alejandro Regal, Castro de Carballedo, Lugo)
Olaría (Tomás López, de Corbelle, Proendos, Sober, Lugo)
Forxa (Oliverio Alvarez, Queixoiro, A Fonsagrada, Lugo)
Luthería (Germán Arias, Sarria, Lugo)
Ourivaría (Arlindo, Oficina do Ouro, Sobradelo da Goma)
Poteiro (Manolo da Sara, O Figo e O Kike, Arbo. Pontevedra)
Obradoiro de instrumentos musicais (Emilio Lois, A Baña, A Coruña)
Obradoiro de Regueifas cos regueifeiros Suso e Antonio de Xornes (Ponteceso).
Torneiro (Oli Xiraldez, Cascandelo, Balcaide, Teo)
Durante todo o día actuarán na mostra catro dos mellores gaiteiros tradicionais galegos e portugueses:
José Marentes (Santa Xuía, A Fonsagrada)
Manuel Viqueira (Ordes, A Coruña)
Joaquim Pereira ?O Carriço? (Quinta do Valongo, Mealhada, Portugal)
Antonio Ribeiro ?O Toni das Gaitas? (Porto, Portugal)
Tarde, continuación dos obradoiros da mañá de 16:00 a 19:00 e conferencias:
17:30 O vello rasto e o acordeón. Eduardo Parada e Manuel Parada.
18:10 Os instrumentos tradicionais galegos. Concerto didáctico por Pablo Carpintero.
18:50-20:30 Actuación comentada dos catro gaiteiros tradicionais no escenario.
Noite, de 20:30 a 24:00:
VI Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa coa colaboración da asociación ?Ponte ... nas Ondas!? e da Asociación de Gaiteiros Galegos.
-Pauliteiros de Sendim (Terra de Miranda, Tras-os-Montes, Portugal)
-Caretos de Podence (Portugal)
-Zés Pereiras de Vilaverde-Braga
-Suso e Antonio de Xornes (Ponteceso)
-Charanga de Ultreia
-Pandereteiras e gaiteiros de Pontecaldelas, Toutón, A Ermida e Gargamala.
-Durante estas dúas últimas actuacións Luis Prego impartirá un obradoiro de baile tradicional galego para que todas e todos poidamos bailar os nosos ritmos agarrados e soltos.
Durante este festival poderase asistir á queimada e degustación dos augardentes destilados neses días polo noso poteiro.
DOMINGO 11, DÍA DOS OFICIOS (de 10:00 a 21:30)
Mañá, obradoiros de 10:00 a 14:00:
Olaría (Tomás López, de Corbelle, Proendos, Sober, Lugo)
Forxa (Oliverio Alvarez, Queixoiro, A Fonsagrada, Lugo)
Luthería (Germán Arias, Sarria, Lugo)
Ourivaría (Arlindo, Oficina do Ouro, Sobradelo da Goma)
Poteiro (Manolo da Sara, O Figo e O Kike, Arbo. Pontevedra)
Redeiría (Beatriz Molanes de Cangas e Josefa Abal de Cambados)
Torneiro (Oli Xiraldez, Cascandelo, Balcaide, Teo)
Tarde, continuación dos obradoiros da mañá, de 16:00 a 19:00, e conferencias:
17:30 Homes de Oficio. Concepto e proposta de inventario. Antonio Fidalgo Santamariña (Universidade de Vigo).
18:10 O ghancho, unha técnica de extracción selectiva de nécora e A Innovación no mar co PCI: a experiencia de Mar de Lira. Patrón Maior da Confraría de Lira, Carnota. Xerente da Confraría de Lira, Carnota.
Ás 19:00 comezará a queimada e degustación dos augardentes destilados polo noso poteiro.
Noite de 20:30 a 21:30.
Clausura da Mostra de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués 20:30
Actuación do grupo Ruote.
A Deputación de Ourense acaba de publicar no Boletín oficial da Provincia do día 26 de outubro a apertura de prazo para a presentación de solicitudes a:
- 2 prazas de profesor axudante de Gaita
- 1 praza de profesor de percusión
A Universidade Popular aborda hoxe a contratación do profesorado
A xunta reitora da Universidade Popular abordará hoxe a contratación dos dez profesores que permanecen á espera para iniciar as clases.
A proposta da concelleira de Educación Laura López Atrio pasa por contratar aos que imparten música, a metade, a través da Fundación Sondeseu e ao resto mediante unha convocatoria municipal. A idea é solucionar o problema a longo prazo e que as clases da escola poidan comezar na súa totalidade o próximo mes.
Ao mesmo tempo informar que xa están expostas no taboeiro de Secretaría a listaxe de alumnos que pasaron a proba de acceso de primeiro curso das materias do Conservatorio Folc.
O vindeiro 15 de Decembro do 2007 terá lugar no Teatro Rosalía Castro o Festival Folclórico no que será entregado o PREMIO ? IAR? DE FOLCLORE GALEGO correspondente a súa XVI edición, que este ano coincide co 25 Aniversario do Grupo de Bailes Populares ?IAR?
Os interesados en presenciar esta nova Edición do premio ?IAR? poden reservar as localidades (dúas invitacións) no telefono 981-13-36-46, en horario de 20:00 a 22:00 hrs. o día 10 de Decembro.
Podedes consultar nesta nova as bases que rexerán a XVI EDICIÓN DO PREMIO ?IAR? DE FOLCLORE GALEGO no caso de estar interesados en participar no mesmo, ou ben propor candidaturas, o prazo atópase aberto ata o día 30 de Novembro do 2007.
Deberedes remitilas a :
XURADO PREMIO ?IAR? DE FOLCLORE GALEGO
R /CERCA, 30 BAIXO 15.009 A CORUÑA
iargrupo@hotmail.com
FAX:981133646
O fallo do xurado emitirase o vindeiro 10 de Decembro e a entrega do Premio terá lugar durante o FESTIVAL. Para rematar queremos animarvos a todos a que propoñades candidaturas e a que acudades o 15 de Decembro a participar neste evento.
O Premio ?IAR? de Folclore Galego nace no ano 1992, coa vontade de dar un recoñecemento público non crematístico, e coa finalidade de premiar cada ano a persoa física ou xurídica, grupo, asociación, entidade ou institución, á que se lle teña recoñecido o seu labor neste campo, durante a súa traxectoria, ou a que máis destacara durante o ano anterior no seu traballo polo folclore deste país.
Con posterioridade, acordouse valorar o desenvolvemento dunha traxectoria prolongada de traballo no folclore galego e no somentes ó labor no último ano.
As bases polas que se rexeu, dende o inicio ata o día de hoxe, a concesión anual do Premio ?IAR? son as seguintes:
1. Poderá concorrer á obtención do Premio ?IAR? toda persoa física ou xurídica, agrupación, asociación, entidade ou institución radicada en calquera parte do mundo, adicada á potenciación e fomento do folclore galego, nos eidos da investigación, música, baile, canto e vestiario; pódese outorgar incluso a título póstumo, segundo a valoración do xurado.
2.As candidaturas poderán presentarse directamente ou através de terceiras persoas que poidan propoñelas.
3.O prazo de presentación de candidaturas para o Premio ? IAR? estará aberto dende o 1 de outubro ata o 30 de Novembro do 2007, e nesta decimosexta edición valorarase o labor realizado ata o ano 2006 , en calquera das facetas relacionadas co folclore galego.
4.As candidaturas deberán ir acompañadas dun ?currículo? do/a candidato/a e unha memoria dos traballos realizados ata o ano 2006.
5.As candidaturas deberán remitirse por correo ao Grupo de Bailes Populares ?IAR?, sito en Rúa da Cerca 30-baixo, 15009 A Coruña, no correo electronico iargrupo@hotmail.com , ou no FAX 981-13-36-46 ao coidado do Xurado Premio ?IAR?.
6.O Premio ?IAR? será outorgado por un xurado composto por tres persoas destacados do folclore galego, nomeadas pola Directiva do Grupo de Bailes Populares ?IAR?, e o/a Presidente/a do Grupo de Bailes Populares ?IAR?, que actuará como Secretario/a, con voz e sen voto. Ningún membro do xurado poderá ter relación directa con ningunha das candidaturas presentadas.
7.Non poderá presentarse o gañador dun Premio ?IAR? anterior.
8.O xurado poderá declarar deserto o Premio, se non atopa méritos suficientes nas candidaturas presentadas.
9.O Premio ?IAR? 2007 fallarase antes da celebración da XVI edición do Festival do Premio ?IAR? de Folclore Galego, que terá lugar no Teatro Rosalía Castro, o día 15 de Decembro de 2007.
Asdo.: O Presidente da Sección de Folclore
Da A.V.V. Castrillón ?urbanización Soto ?IAR?
O vindeiro sábado 27 de outubro celébrase a décima edición do Certame Internacional de Regueifas a partires das 19:00 horas no Novo Centro Sociocultural do Pedregal en Valadares-Vigo baixo a seguinte programa:
PROGRAMA:
- De 16:30 a 18:30 horas obradoiro de improvisación en verso para interesados e novos practicantes de regueifa ese mesmo día para todos os que se presente no actual Centro Vecinal. A inscripción é de balde.
- 19:00 horas. Apertura do acto a cargo dos novos Regueifeiros que participaron no obradoiro previo.
- 19:30 horas.
Espectáculo de Regueifas no que intervirán:
o Pinto D´Herbón (Padrón)
o Luis ?O Caruncho? (Vigo)
o Bieito Lobariñas (Gondomar)
o Josiño do Viso (Redondela)
o Felipe de Dodro (Dodro)
- 21:00 horas. Desafío de hip-hop en estilo libre a cargo de catro rapeiros vigueses apoiados por un picadiscos no que representarán un pique de galos e outras actividades.
A Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello organiza a proxección do documental ?A Cidade Perdida? do director Miguel A. Romero, interesante traballo sobre a historia arquitectónica industrial de Vigo, unha mirada que non nos queda tan lonxe e que índa trae complicados intereses creados, como no caso do solar da Panificadora, en pleno centro de Vigo.
Documental ?A Cidade Perdida? Día: Venres, 26 de outubro
Lugar: Salón de actos do Centro Cívico Casco Vello, rúa Oliva 12
Hora: 20:00
Sinopse do documental:
O auxe económico que experimentou a cidade de Vigo a principios do século vinte atopou reflexo na construcción de multitude de factorías industriais que conformaron, co paso do tempo, a paisaxe da urbe. Edificios como a Panificadora, a Metalúrxica ou a Fábrica de almacenaxe de Santa Clara, respondían na súa concepción primixenia a unha nova vontade do arquitectónico, na que o vangardismo tivo un especial protagonismo.
Milleiros de persoas, de traballadores, desenvolveron a súa vida laboral nestes complexos contribuíndo co seu traballo ao crecemento e benestar dos cidadáns de Vigo. A historia da nosa cidade, dos nosos pais ou dos nosos avós é a historia destes edificios.
O esquecemento, a especulación urbanística e a indiferencia pola historia fai que as poucas factorías de principios de século que aínda quedan en pé estean a piques de desaparecer....
O vangardismo arquitectónico practicado a principios do século vinte na cidade de Vigo dá testemuño do dinamismo e receptividade dunha urbe que empezaba naquel momento a realizar o seu despegue industrial. Daquela, moitas empresas optaron polo cambio nos conceptos arquitectónicos ata entón tradicionais das súas fábricas. O emprego de novos materiais na construción e a pureza nas formas, fóronse impoñendo grazas a influenza do vangardismo arquitectónico europeo.
Así, a tradición da arquitectura industrial en Vigo seguiu a evolución ?ás máis das veces con detalles propios-, do que ían sendo as discusións desenvolvidas en Europa arredor do que se concibía como unha nova rama da arquitectura: a industrial. Discusión fundamentalmente artellada polo movemento moderno, Vigo recolleu a pegada visible das teses de Walter Gropius e da Bauhaus, tanto en edificios de vivendas como en arquitectura industrial.
A tradicional estética da "fealdade" da cidade, coas súas grandes superficies fabrís sen ornamentación e o emprego constante do formigón armado, non só gardan a personalidade propia que ten acadado Vigo, senón tamén parte da memoria arquitectónica industrial colectiva.
O racionalismo ?incluido dentro da arquitectura moderna-, que durante máis de corenta anos foi a dominante europea e que creou escola tamén nos Estados Unidos, tivo o seu pequeno reflexo na cidade máis nova e a que acollía a un maior número de xente de Galicia. Vigo, que precisou tanto do funcional, apenas vela hoxe pola historia desta arquitectura e é doado atoparse con impresionantes edificios en ruinas que teñen por destino a demolición. En concreto, o obxecto deste documental é poñer en valor dous destes edificios. Unha cidade como a olívica, para a que a arquitectura industrial é un dos máis claros compoñentes da súa fisonomía, debería ser consciente deste patrimonio e desentrañar o valor histórico e artístico dos seus edificios:
A Panificadora ou Fábrica de Fariñas é un exemplo de arquitectura industrial único en Galicia. Ergueito o seu impresionante perfil no centro da cidade, o seu aspecto mudará en breve porque só se respectarán ?a isto sí obriga a lei- a cheminea e os silos. A fábrica de almacenaxe de Santa Clara, cronololóxicamente posterior, é o exemplo das teses racionalistas que artellaron nos anos vinte a arquitectura industrial. O futuro inmediato desta fábrica é, asímesmo, a demolición.
As opcións que se suxiren no documental son pois a recuperación destes edificios como parte do patrimonio histórico de Vigo, e a rehabilitación e restauración como reflexo da madurez da súa propia sociedade.
A biblioteca da Escola de Artes e Oficios reabrirase ao público en canto contrátese a persoal cualificado para traballar na catalogación dos seus valiosos fondos documentais. Así o asegurou a concelleira de Educación, Laura López, quen recalcou que "son razóns de seguridade as que nos levan a pechala de xeito provisional ata solucionar este problema porque non queremos que nos pase mesmo que á Biblioteca Nacional", en alusión ao recente roubo de importantes documentos.
A edil lamenta que "é algo herdado porque se abriu sen condicións nin persoal adecuado e nós queremos darlle estabilidade e facer as cousas ben". Neste sentido, anuncia que tratarán de chegar a un convenio coa Xunta "para dotala de persoal estable e cualificado".
Doutra banda, sinala que a dotación é "unha biblioteca de consulta para investigadores, non para estudar, e para que os alumnos da escola teñan opcións de acceder a libros das materias que alí se imparten".
En canto á demora no inicio das clases de varios cursos, Laura López subliña que "é máis do mesmo" e detalla que "o profesorado traballaba con contratos de servizo e obra ano tras ano e agora chegou o requirimento de Inspección de Traballo para solucionar esta situación".
Así, levará o vindeiro martes á xunta de Educación a contratación "con todo legal e indefinida" do profesorado da Escola de Artes e Oficios "que está integrado por buenísimos e moi válidos profesionais". Por este motivo, confía en que as clases poidan comezar "a primeira ou a segunda semana de novembro e que este problema non volva xurdir nunca máis".
Recalca tamén que non só se impartirán os mesmos talleres do pasado ano senón que a oferta "amplíase este curso con dúas especialidades máis de música xa que queremos fomentar a institución como unha escola de música tradicional e folc".
Insistiu tamén en que "o proxecto é fabuloso e só falta a autorización da xunta reitora para polo en marcha, algo que se fará efectivo o martes"
Preséntase Retranca unha revista que aposta por recuperar o humor galego co lema ?lerasnos de morto se non nos les de vivo?.
A partir deste mes de novembro os galegos teremos unha cita mensual co sorriso nos nosos quioscos. O Café Moderno de Caixa Galicia, en Pontevedra, acolle o vindeiro día 31 de outubro ás oito da tarde (noite se Samaín) a presentación de Retranca.
Esta nova revista chega ao mercado disposta a recuperar a longa tradición humorística galega e conta coa Santa Compaña coma Mascota, baixo o lema ?Lerasnos de morto se non nos les de vivo?. O feísmo é o tema principal do primeiro número desta publicación, que agasalla os lectores cunha foto do rei ?que espertará as paixóns máis ardentes?, advirte o envoltorio. A proposta chegará a primeira semana de novembro ao público a través dos quioscos de todo o país, cunha distribución de 8.000 exemplares que se venderán a un prezo de 2,20 euros cada un.
A Kiko da Silva, director e promotor do proxecto, súmanse nestas páxinas auténticas estrelas como son as firmas de Manuel Rivas e Miguelanxo Prado. Canda eles, autores xa coñecidos dos xornais galegos coma Xaquín Marín, Pinto e Chinto, Kohell, Leandro, Luís Davila ou Andrés Meixide. Alberto Guitián, Jacobo Fernández ou os colectivos Pestinho+1 e Reizentolo, entre outros son algúns dos colaboradores galaicos do proxecto. Desde fóra do país achegan a súa ollada os coñecidos Idígoras & Pachi ou Mel, coñecidos polas súas colaboracións en El Mundo ou El Jueves. Boa parte destes autores participarán no evento de presentación.
A iniciativa parte do humorista gráfico e ilustrador Kiko da Silva, e quere ocupar un espazo ata agora descoidado nas bancadas. ?Hoxe en día non hai ningunha publicación dedicada a nos facer rir de nós mesmos en Galicia?, explica, ?e coa tradición de humor que temos, con nomes coma Castelao, Fernández Flórez, Julio Camba, Siro ou Pepe Carreiro non é de crer que non haxa público?. Da Silva xa leva anos a traballar no campo da edición co proxecto BD Banda, revista de cómic que verá en breve o seu segundo número e que xa foi galardoada en diferentes eventos dedicados á novena arte.
Un contrabaixo, unha guitarra e un bouzouki son os instrumentos que forman a base de traballo de Entre Trastes, unha formación atípica dentro do panorama musical galego que conta xa cun traballo discográfico no mercado
Os responsables desta proposta son tres músicos que contan cunhas intensas e dilatadas traxectorias artísticas: Daniel Vilar, Álvaro Iglesias e Xosé Liz. O último deles foi o encargado de presentarnos este novidoso e interesante trío.
A idea de reunirvos e formar Entre Trastes ¿cando e de que xeito naceu?
Xurdiu despois das presentacións do primeiro traballo do grupo Beladona Bicos de Sol. Dani tiña unhas ideas, traballadas en guitarra acústica, sobre música tradicional para un grupo reducido que funcionara comodamente en pequenos aforos. A idea semellaba interesante e, tras escoitar os primeiros arranxos, apunteime de inmediato ao proxecto.
A incorporación de Álvaro, co seu contrabaixo, redondeaba a idea musical que tiñamos na cabeza; faltaba soamente escoller as datas para ir ao estudio de gravación.
O nome do grupo é moi apropiado para o voso trío pero, ¿a quen se lle ocorreu?
A Dani; el é tamén o único de nós que é capaz de dicir Entre Trastes tres veces seguidas sen liarse (risas).
Ese nome fai referencia soamente aos intrumentos ¿ou tamén a vós mesmos?
A resposta pode incriminarnos e dar lugar a perigosos efectos colaterais nos nosos respectivos fogares. Acóllome ao dereito a non declarar na miña contra (risas de novo).
Examinando polo miúdo o repertorio escollido para esta estrea discográfica, o primeiro que destaca é a moita composición propia, ¿non?
Si, é a protagonista de máis da metade do repertorio do disco, porque estabamos convencidos de que serían esas pezas as que lle darían, rapidamente, un carácter diferenciado e unha personalidade propia ao grupo.
Ademais, incluídes pezas tradicionais de Galiza; dentro do repertorio tradicional do noso país, ¿hai moitas pezas que se adapten ben á vosa proposta instrumental?
Moitísimas. O repertorio tradicional galego para instrumentos de corda é un terreo en barbeito que agarda nova semente. O que si hai que ter en conta é o que se ten entre mans. Traballar arranxos sobre música tradicional galega implica, en todo momento, poñer os cinco sentidos en non perder a natureza, a esencia da música coa que se traballa. Se non, corres o risco de pasarte de voltas, de mexar por fóra, de que xa "non soe a?" e que o resultado final difumine a orixe, de tal xeito, que sexa difícil atoparlle adxectivo ao que acabas de parir. É como xogar a un xogo que (como todos os xogos) ten determinadas regras para cumprir. Pero non por iso deixa de ser un xogo moi divertido.
Tamén aparecen pezas tradicionais de Bretaña e Irlanda. ¿Por que deses dous lugares en concreto?
Son países con moita tradición e con moitos grupos e discográficas que están a traballar neste tipo de proxectos desde hai moitos anos. Ou sexa, o contrario do que, por desgraza, acontece no noso país.
A inclusión de pezas deses lugares débese ao contacto que temos establecido con músicos e que temos participado en diversos festivais internacionais (Lórient, Quimper, Cork, Piping Festival etc.). É toda unha experiencia compartir a túa música con intérpretes doutras culturas musicais.
Conseguir apoio económico para un proxecto destas características, ¿foi complicado?
Aquí tamen tivemos sorte ao contar co apoio incondicional, desde o primeiro momento, do coñecido músico, produtor, manager, editor etc., Xoán Carlos Fernández Fasero. É un namorado das cordas e demostrouno ó amosar a súa confianza en nós.
A nivel estético, este disco conta cunha portada moi atractiva, ¿quen a deseñou?
Deixámonos levar neste caso pola aposta do selo discográfico, por Gerardo de "Gerhard Designs". Buscabamos darlles importancia ós instrumentos sen recorrer á típica estética céltico-preciosista; pero que ó mesmo tempo, si deixara claro o contido estilístico do traballo. O resultado foi máis que convincente.
Entre a variedade de ofertas musicais coas que conta na actualidade a música do noso país, ¿confiades en que a vosa proposta teña o seu propio espazo?
Non. Lamento ser escéptico, pero penso que o negocio e o mercado deste país é unha pantasma. Calquera proposta musical, de artes escénicas ou de calquera tipo relativa ao eido cultural, en Galiza subsiste unicamente grazas á subvención pública. A xente non ten o costume de pagar por ver ou escoitar cultura propia, porque, de sempre, déronllo gratis. Que os cartos públicos soporten case a totalidade deste tipo de manifestacións, convértese pouco a pouco nun cancro que nos afasta da Europa, onde a xente paga 20 euros por entrar a ver un festival folk. Con este panorama, semella máis doado facer un espazo en Kuala Lumpur.
O público que xa tivo a oportunidade de escoitarvos en directo, ¿que tal reaccionou diante da vosa proposta?
Moito mellor do que esperabamos, sobre todo cando recoñecen un tema tradicional galego aínda que esté interpretado cun contrabaixo, unha guitarra e un bouzouki. Dábanos un pouco de respecto facer un concerto de música folk de hora e pico sen as tímbricas habituais, gaita, violín ou acordeón. Pero a verdade é que a positiva resposta do público, desde o primeiro momento, sorprendeunos.
Á hora dos concertos, ¿preferides os grandes escenarios ou os locais máis íntimos?
Boa pregunta. Persoalmente, fánseme cada vez máis atractivos os recintos pechados e pequenos; aínda que seguen a existir tamén grandes exteriores nos que paga a pena tocar. Pode que a elección veña condicionada pola actitude da xente. Postos a escoller, prefiro o local pequeno, no que 100 persoas se interesan polo que fago, antes que o macro-festival no que a maioría dos milleiros de persoas que asisten non acoden, realmente, coa idea de escoitar música.
Entre Trastes, ¿é un proxecto a curto prazo ou pensades afondar na proposta e seguir editando máis discos?
Afondaremos na proposta. De feito, xa estamos traballando en novos temas para un segundo traballo.
Nese futuro segundo disco, a estética sonora do grupo, ¿será a mesma?
Nada está prohibido sempre que sexa anecdótico e deixe un espazo musical claro para o trazo diferenciador do grupo: a nosa sonoridade; que é, indiscutiblemente, novidosa nun grupo de folk galego.
Sábado 17 de novembro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
Chega ao Auditorio de Galicia con Sons da Diversidade unha das figuras máis relevantes da música de raíz no noso país: Mercedes Peón. Con ela poderemos coñecer os temas que compoñen o seu disco Sihá e facer un percorrido antolóxico polos mellores temas que integran a súa carreira profesional.
Consigue unha das 5 entradas de balde para o concerto! Participa no concurso!
Venda de entradas
O prezo das entradas para asistir aos concertos de Sons da Diversidade 2007 é de 15 euros, con descontos do 50% para estudantes e persoas xubiladas (7,50 euros). Como vén sendo habitual as entradas poden mercarse no posto de venda do Auditorio de Galicia, na véspera e media hora antes do concerto.
Caixa Galicia, ofrece tamén a posibilidade de mercar as entradas sen ter que achegarse ata o Auditorio, empregando tanto o teléfono 902 43 44 43 coma a través da súa web (www.caixagalicia.es).
Horario do posto de venda: 12:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 horas.
O día do espectáculo a posto de venda pecha ás 21:00 horas.
Teléfonos do posto de venda: 981 571 026 e 981 573 979.
O Concello de Ames negocia un conservatorio de folclore similar ao que xa funciona en Lalín
O Concello de Ames admitiu onte a existencia de negociacións coa dirección do conservatorio Folque, ata a data con sede no Auditorio de Lalín, de face a asentar o proxecto musical no municipio. Desde o goberno municipal confirmaron a existencia de contactos con este obxectivo, á vez que subliñan o interese cultural dunha iniciativa deste tipo para o municipio.
Neste sentido, manifestaron fontes municipais que «para Ames sería importante contar cun proxecto destas características». E é que, ata a data, en toda Galicia existen só dous conservatorios de folc: o de Vigo e o de Lalín, cuxa continuidade no municipio está no aire.
Desde o Concello de Ames indican, no entanto, que o proceso negociador continúa aberto, e tamén apuntan a que existen contactos por parte doutros municipios para contar co proxecto.
Mentres se desenvolven as negociacións para trasladar o conservatorio Folque fóra da comarca, o goberno municipal de Lalín continúa á espera de manter unha reunión coa directora do centro, Ugía Pedreira. O concelleiro de Educación de Lalín, Manuel Gómez Estévez, indicaba onte que pretenden fixar un encontro coa directora do conservatorio Folque a próxima semana, coa presenza do alcalde Xosé Crespo.
Alumnos e alumnas da Escola de Artes e Oficios de Vigo maniféstanse pola falta de profesorado no centro.
Os alumnos e alumnas, ademais de tocar pezas de música tradicional galega, berraron consignas como ?as clases xa, queremos empezar?, ?non ten pase que non teñamos clase?, ou ?concelleira mentireira?.
Diante do Marco, na rúa Príncipe de Vigo, un numeroso grupo de alumnos e alumnas da Escola de Artes e Oficios concentrábanse cos seus instrumentos e moita música para denunciar a situación na que se atopa este centro, que con máis de 300 alumnos aínda non conta con profesorado para este curso.
Os alumnos e alumnas da Escola de Artes e Oficios de Vigo aínda non contan con profesorado para atender a demanda de cursos e o numeroso alumnado. Este motivo, así como a demanda dunhas condicións de traballo dignas e que se teña en conta ao alumnado, foron as razóns que levaron a un bo numero destas alumnas e alumnos a concentrarse este mércores 17 de outubro diante do Marco de Vigo ás oito da tarde.
Na rúa Príncipe, con unha amena e combativa concentración musical, explicaron a súa situación e reclamaron ?que empecen as clases xa, e que estas aulas sexan impartidas por un profesorado que teña unhas condicións de traballo dignas, e reclamamos que se teña en conta o alumnado desta Escola de Artes e Oficios?.
Situación laboral do profesorado
Así mesmo os alumnos e alumnas ?facemos partícipe e responsábeis a este goberno municipal que non creou a situación laboral necesaria para o noso profesorado, o que provoca que a día de hoxe aínda non coñezamos a data de inicio das nosas clases?.
Os alumnos e alumnas, ademais de tocar pezas de música tradicional galega, berraron consignas como ?as clases xa, queremos empezar?, ?non ten pase que non teñamos clase?, ou ?concelleira mentireira?.