Volta o programa Alalá á programación da TVG.
Agora a emisión será os sábados ás 16:15.
Neste primeiro programa da nova xeira achegaranse ás Cantareiras Fonteliño (O Porriño)
Os protagonistas do programa Alalá son persoas, grupos ou asociacións que se dedican á música tradicional ou folk galegas. Alalá mestura interpretacións musicais con fragmentos documentais sobre a vida cotiá dos protagonistas, o seu xeito de pensar, sentir e percibir a música tradicional e o mundo.
A música tradicional galega naceu nun contexto rural. A aldea foi a gran transmisora da cultura e do saber musical galego. En Alalá non son os gaiteiros ou as pandereteiras quen se traslada ao estudio de gravación senón que é a cámara a que vai á aldea, para retratar coa maior fidelidade e profundidade ese contexto onde se produce ou producía a música tradicional.
A presenza da cámara na aldea procura non ser intimidatoria senón amiga e confidente, retratando o mundo rural galego e en moitos casos o mundo das persoas maiores, non só con respecto senón cun profundo agarimo. Considerando os maiores mestres dunha forma de vida que pouco a pouco vai esmorecendo polo abandono da aldea, polo avellentamento da poboación, a globalización e as novas formas de vida da sociedade galega.
A necesidade da participación colectiva en tarefas agrícolas obrigaba na aldea galega á unión entre os veciños, a dificultade nas comunicacións e a falta de medios de diversión, supoñían a necesidade de divertirse co que había. Nese contexto é onde se desenvolve a música tradicional, nas tarefas agrícolas e artesás (labradas, colleitas, muiñadas ou fiadas) ou en reunións de veciños para pasalo ben (seráns, foliadas, polavilas). A música tradicional galega, chea de alegría, de forza, de ironía, de vida non se pode comprender por completo fóra deste contexto.
Quizais esteamos ante a última xeración que viviu a transmisión directa e no seu contexto da música tradicional. De aí a importancia cultural de Alalá e dos folcloristas e musicólogos que se dedican á preservación do noso patrimonio. Alalá conta con algúns dos máis recoñecidos e brillantes investigadores da música galega tradicional como asesores musicais. Eles foron tamén protagonistas de varios capítulos de Alalá e a eles debe o programa o seu rigor científico.
LEILIA entra no posto 9 nas World Music Chart Europe
"CONSENTIMENTO", entra no número 9 das listas máis importantes da world music en Europa. Esta lista está elaborada por 49 locutores con programas nas radios publicas de 24 países de Europa.
Vituco Neira atópase nos últimos meses nunha encrucillada de micrófonos, equipos de son e técnicos que transforman a súa voz en Música do País e no voceiro dun País de Música. Xunto outros seis amigos (Alex Sevilla, Xaco Barona, Antón Torroncho, Miguel Duarte e Xan Pericán), os Ruxe Ruxe baixarán de Aríns a Compostela (Sala Capitol, 31 de marzo) a mostrar a súa oitava colleita musical.
P: Dixo Xavier Valiño no seu libro A paixón que queima o peito que era o 'bravú' un “rock sen capar, que xurdiu cando as guitarras chegárom às aldeias". ¿Que lle suxire?
R: O rock bravú foi un espello no que mirarse. Ata ese momento as referencias que nos chegaban eran do rock español e inglés. Os grupos do bravú facían música similar á que nos gustaba, achegada ao punk, empregaban instrumentos da tradición galega ou asimilados, coma o acordeón nos Diplomáticos de Monte Alto.
P: ¿Que foi o orixinal dos grupos deste movemento?
R: Falaban do que lles petaba, como lles petaba e en galego, empregándoo tamén como querían, o máis punki que escoitáramos nunca! Tivemos a sorte enorme de vivir esas bandas como público. Ruxe Ruxe naceu nesa época, cando o bravú case esmorecía. Queda todo do bravú, foi o camiño que escollemos.
P: A influencia desta corrente dilúese cada vez máis. ¿É unha vía rematada?
R: Seguimos con aquel espírito, entendendo o bravú como o movemento que enmarca as nosas intencións: música no noso idioma, falando do noso mundo e empregando instrumentos propios da nosa tradición. Evolucionamos moito, pero o xérmolo continúa intacto. Mirando atrás, sentímonos orgullosos do que fixemos cos poucos medios que tiñamos. A música é algo que sempre tivemos nun lado das nosas vidas, xa que temos outros traballos, non chega o tempo para mellorar a proposta.
P: A figura do gaiteiro en Ruxe Ruxe entra nas premisas, de habelas, do bravú. ¿É máis umha obriga ca un desexo?
R: Non, para nós xurde de algo máis sinxelo. O noso gaiteiro, Xaco, era un veciño da nosa quinta, e que o que tocaba era unha gaita. Se fose unha trompeta seguramente tamén estaría con nós. Sempre nos fascinou a figura e a sonoridade da gaita e coidamos que estivese presente nos discos. Non concibimos Ruxe Ruxe sen ela, é parte da nosa música e non tempos ningún tipo de presión de metela. Tampouco nos vemos obrigados a buscar os recursos técnicos. O grupo tirou cara a un ritmo máis rápido, máis punk, e soubemos seguir tirándolle proveito e Xaco, de formación tradicional, é quen máis disfruta desta evolución.
P: Esta relación non é tan prolífica en propostas de rock máis clásico. ¿É un problema de protagonismo que queren adquirir os gaiteiros nas formacións?
R: Iso depende de cada grupo, do gaiteiro e de que arranxos consigan. En definitiva de que preste ou non preste. O que pode haber é o que pasa coas cousas máis enraizadas no país: hai autoodio. A gaita ten moitos amantes, unha maioría, pero tamén ten os seus detractoressomos pouco imaxinativos.
P: ¿De onde sae entón Non hai novas de Gurb?
R: (Risos) Directamente do libro Sin noticias de Gurb, de Mendoza, que lemos os membros do grupo nun periodo determinado e a todos nos fixo moita graza. Estabamos lendo e acordounos cambiar un pouco a idea de Gurb sen ser fieis sequera ao argumento do libro, pois trasladámolo á Costa da Morte.
P: ¿Sabe algo da canción o propio Mendoza?
Non. ¡Nin lle pedimos permiso, nin sequera llo dixemos! Realmente teríamos que telo feito no seu día para que a escoitara, aínda que fóra só para ver que merda fixemos.
O NOVO DISCO
P: ¿Que hai de vello e de novo no traballo que van presentar?
R: De vello hai 2 cancións que recuperamos doutros anos, Que o demo me leve, grabada xa en 1997, e Os vellos punks nunca morren, que estaba aí nun caixón, sen grabar. En canto a novidades hai un estilo máis tranquilo ca 'Na fura de diante'. En canto a concepto probablemente sexa máis punk. En canto a temática está impregnado do que aconteceu no grupo nos dous anos previos. Pasaron cousas importantes para o grupo. Moi malas novas e moi boas tamén. Fala de xente que non está, xente que volve... Xa escoitaredes, son moi malo vendendo o noso propio grupo.
P: Na fura de diante ten un tinte menos reivindicativo nos seus temas. ¿Foi intencionado?
R: Non pensara niso, é probable que así sexa. A selección foi un proceso que dependeu de que nos prestara máis que de buscar a reivindicación. A disconformidade co mundo é unha constante que está implícita en todo canto facemos. Está claro que non funciona ben e todo, ou case todo, é decepcionante. Ás veces mola máis facer cousas de amor. Non tes por que estar sempre metendo o dedo na ferida.
P: Renovaron a interface de entrada á web e colgaron o primeiro videoclip. Rock do país, unha frase que di no sempre no programa. O título e a letra é case de himno, todo un manifesto.
R: Totalmente, pero o bravú xa era 'rock do país', non queremos rachar con el. É unha homenaxe a todos eses grupos que fan rock e punk en galego, e que seguirán facendo, que contra vento e marea, desde o underground e sen chegar a un gran número de xente. Seguen en loita e marcando camiño. Sentímonos moi en débeda, porque dan forza a seguir cando vén un momento frouxo. Skacha, que hai pouco que deixaron a actividade, e Zënzar, con 20 anos facendo rock desde o underground, son só dous exemplos de fidelidade a si mesmos. Por iso colaboran Esteban, de Skacha, e Bocixa, de Zënzar.
P: ¿Por que non tocades nunca Radio Ruxe ao vivo, aínda que os fans volo piden?
R: Sempre nos reclaman Radio Ruxe e Lobicán. ¡As dúas teñen unha chea de anos! Se son sinceiro, non as tocamos porque non somos capaces de facelas sonar ben. Cando as grabamos tíñamos menos experiencia, moitos menos recursos, pero agora, non sei por que non conseguimos ese resultado. Lobicán si que a tocamos hai pouco, na capitol en Compostela. Chamounos a atención que todo o mundo a sabía. Algún día tocaremos tamén Radio Ruxe... Temos 8 discos e máis de 100 cancións editadas. Tocarlle a cada fan a súa canción preferida sería perfecto, un premio para eles e para nós.
P: ¿A industria galega é autosuficiente en canto a estudos, calidade e saída comercial das produtoras?
R: Si que se podería facer todo. O problema da industria é quen a consome. Todos os procesos costan diñeiro e o problema é que non consome cultura propia. Estamos condenados a contar cun público que si é moi fiel, pero moi pequeniño. O potencial cultural neste país é moito maior. A cultura de aquí ten un nivel é bastante alto e sobresaliente. Á xente gústalle, pero os medios miran para outro lado, non temos demasiada repercusión, non nos deixan demasiados espazos...
A REDE, EN POSITIVO
P: Teñen toda a discografía colgada na rede.
¿Foi unha decisión que tomastes desde o inicio? R: Somos pro descarga total, aínda que nos colle o proceso no medio da historia do grupo. Na rede se a xente pode conseguilo gratis é complicado que pague. É lóxico, ademais. Nós decidimos que a nosa música é para que se escoite. Desde aí, se gusta, van mercar. Ruxe Ruxe vendeu máis no último disco que co anterior, que non estivo na rede desde o principio. Os fans saben que colaboran co grupo con cada camisola ou disco que mercan ou a cada concerto que van.
P: ¿Internet beneficiou mais do que prexudicou?
R: Internet é unha boa ferramenta. As redes socais son incribles para darse difusión. Rock do País nunha semana ten 4.000 visitas. Que o poñan nunha tele é impensable. Aínda así, segue sendo un geto. Podemos escoitar unha canción ou un grupo caralludo, pero non sabemos onde atopalo, aínda que posiblemente estea dispoñible para descargalo. Seguimos precisando dos medios convencionais.
P: Nos últimos tempos foron tocar a Madrid, anos atrás a Milán e Porto. ¿É máis doado saír agora cara ao exterior ca nos primeiros anos?
R:Non temos ningún tipo de traballo de management, ninguén que nos venda no exterior, mais todos os anos vimos tendo algunha actuación lonxe. Nalgunhas ocasións non podemos ir. ¡Un mércores por aí adiante é incompatible co traballo! Pasounos desde o comezo, sen ser unha gran banda nin tendo un grande impacto comercial.
P: ¿Que anécdotas vos deixaron nas actuacións fóra de Galicia?
R: En Madrid tocamos moito e sempre está cheo de galegos. Hai un pequeno grupo que sempre nos vai ver e é coma estar na casa. E respecto ao do gaiteiro precisamente, en Cantabria, a gaita é o reclamo, Xan era o xefe do pobo, era moi atractivo para a xente levar un instrumento máis descoñecido, sobre todo en contextos rock, que se considera máis estrano.
PROXECTOS E ILUSIÓNS
P: Detrás de Lobicán Records, ¿Están vostedes?
R: Si, é un selo noso. A idea que tíñamos era editar moitos discos e editamos algúns, outros máis ben usaron o selo e editaron eles. Era un selo en principio para nós, sacamos Na fura de diante e este tamén. Xa estivemos con discográficas e sabemos o que é, queremos currar nós o proceso todo. É un soño, que non dá beneficio económico, máis ben o contrario, pero fainos felices ter o seliño.
P: ¿Hai algún escenario que se vos resista? Por exemplo, o palco dunha verbena, algún enclave no que sempre quixésedes actuar...
R: Hai moitas ilusións que nos quedan por cumprir, tocamos en moitos festivais e escenarios, pero falta moitos. Non tocamos na Carballeira de Zas, no Festival de Ortigueira...
P: ¿E en Aríns?
R: [Risos]¡Alí tocaremos cando nos paguen máis ca na Panorama!. É difícil a condición, pero hai que intentalo. Ademais, alí están ata o carallo de nós, trátannos moi ben, non temos nada que dicir. Tamén quereríamos facer un disco en vinilo.
P: ¿Sae tan caro?
R: Non é tanto iso, non nos cadrou. Supoño que o cumpriremos pronto. Para este último xa non vai ser posible, xa que estamos con outras loitas económicas, e un vinilo agora sáese do orzamento.
P: ¿Un disco ao vivo?
R: É algo que leva na cabeza do grupo desde hai 4 ou 5 anos. Eu son un dos que está en contra de facelo, que conste. Gústame a idea de que a xente que te viu en directo te recorde por aquilo. Se o grabas creo que se perde esa maxia.
P: Pero o público afín xa o vai ter, e para o resto é coma un cebo...
R: Hai moita ilusión no grupo. Hai xa algún festival onde temos a vista posta. Hai unha ducia deles, que lle temos moito aprecio e que sería o sitio perfecto para facelo. Outro plan a medio prazo.
PLANETA FURANCHO, 'MÚSICA DO PAÍS'
P: ¿Contabas ter un espazo na Radio Galega despois de teren cancelado 'Aberto por reformas'?
R: Foi unha nova moi mala a do peche, triste para a música do país. Tiven a sorte de compartir tempo con Xurxo, unha honra enorme, e ver o orgullo que se pode ter nunha radio pública pola súa música é algo obrigatorio. ¡Todo o que non sexa facer iso é un atentado! Pola nosa parte presentáramos xa algúns proxectos á Radio Galega e presentamos naquel momento un, sen pensar demasiado se sairía, e ao pouco déronnos o visto e prace.
P: ¿Cal foi o concepto que manexastes ao comezo?
R: Desde o primeiro minuto o obxectivo era que fose un programa dos músicos, con nós como simples intermediarios. Fixemos máis de 300 entrevistas, programas especiais, indo a concertos e facéndoos na propia Radio. O único que facemos é poñer o micro e abrilo para que a xente amose o que ten. Como a música e os contidos son moi bos, o programa funciona moi ben. O mérito é da música galega.
P: Depois de 2 anos e medio, ¿cal é o balance?
R: Estamos encantados polo trato e a liberdade para facer o programa como queremos e con toda a música que queremos. Sería ideal que houbese máis destes programas, que a RG Música tivese 24 horas ao día con programación de música do país. A ver se co tempo se mellora isto.
P: ¿Ten algún proxecto en mente para renovar a proposta?
R: O programa préstame que siga sendo un programa de radio, que funcione como tal, esa maxia, que a xente saiba que lle ten que dar á rosca do aparello... ou buscar o podcast. O proxecto máis importante é continuar coñecendo grupos. Non todos saen no Furancho, polo que estamos ás expensas de todo o que nos chega para darlle difusión.
P: Grupos coma The Homens toman un respiro, Quempallou volve con disco de estudo, Machina volve ás andadas, Os Cempés están en fase de grabación... ¡A cabeza non para!
R: Non para porque hai moito talento e porque vivimos un momento cultural moi activo desde hai moitos anos. É normal que agromen cousas e se fagan cousas, ademais de que cada vez a técnica é máis doada. Talento hai a esgalla. Despois, como a propia vida: uns nacen, outros morren, algún retorna... The Homens e Skacha deixan atrás unha traxectoria incrible cun feixazo de cancións. Calquera día o retomarán e aí estará o público para seguilos. O que precisamos é medios de comunicación para espallala. Os medios do país, públicos e privados, teñen que facerlle caso á música e cultura do país, esa é a batalla e témola que ter sempre.
P:¿ Anti-SGAE ou pro-SGAE?
R:Unha cousa son os dereitos de autor e outra esta entidade. A SGAE non trata demasiado ben nin os autores nin os dereitos, por iso está sempre en tea de xuízo. Outra cousa é o que decide facer un autor: o que se pode e que non se pode facer coa súa creación. Os dereitos de autor hai que coidalos e sobre a súa obra ten que haber uns dereitos, dun tipo ou doutro.
P: ¿Unha noticia recente do mundo musical que che chamase a atención?
R: A volta dos Cempés fíxome moita ilusión, é unha superbanda que eu xa non contaba velo tan pronto. Tamén a dos Diplomáticos.
P: Unha recomendación da túa discografía privada?
R: Galegos non digo ningún para non mollarme, préstanme todos e faríamos unha lista... De fóra, nada novo, clásicos coma The Clash, sobre todo punk inglés dos 70. Ultimamente Jonnhy Cash, o último disco que gravou con Rick Rubin. É moi difícil tamén atopar algo que non me guste, non soporto a Muse, que lle gusta a todo o mundo. Eu vinos en directo, escoiteinos e non me gustaron. Non sei se será mellor que non sei se está ben que o poñas ou non (risos).
A desidia municipal pecha a maior colección de etnografía galega
A cultura está de loito. Un museo pechou. Un museo dedicado a recordar de onde vimos e quen somos. É igual. Entre uns e outros, entre todos, matámolo.
Olimpio Liste soñou un día que a súa colección de pezas relacionadas coa etnografía galega podía ser visitada na cidade máis grande de Galicia. Chegou a acordos co goberno municipal e coa Xunta, e o museo abriu. E creceu. E foi nomeado Ben de Interese Cultural e ata institución de interese galega. Coma se nada. Nunca foi suficientemente promocionado nin mimado.
Dentro, con todo, con moito cariño, as súas empregadas lograron confeccionar un caloroso e fidedigno percorrido polas diferentes manifestacións creadas, ao longo dos séculos, polos galegos. Cousas moi afastadas da actual cultura dixital, como un moble para gardar o gran ou un exvoto para protexerse de determinada enfermidade. Todo era contado de forma individuais, se facía falta, porque eran visitas guiadas e moi ben explicadas.
Agora, Olimpio Liste está triste. Tamén o seu museo de Oseira pechou. Non vítima da crise. Vítima da incultura que nos goberna. ¿Ou alguén deixa sen atender á súa nai cando esta é anciá e xa non produce?
Os «museicidas»
Hai un ano, unha estraña xogada reducía de 96.000 a 6.000 euros o orzamento achegado polo Concello a esta institución, que conta con cinco empregadas, con diferentes xornadas laborais. Santiago Domínguez e Eudosio Álvarez dixeron que era un erro, que unha modificación orzamentaria deixaría as cousas como estaban. A dirección do museo creulles e, como todos os anos, pediu o crédito correspondente ao banco. É sabido que a administración paga a final de ano. Chegaron as eleccións e o BNG decidiu saír do goberno. E se che vin non me acordo.
Entrou en xogo o segundo grupo de museicidas, conformado por Abel Caballero, Carmela Silva e Isaura Abelairas. Estes xestores públicos non recoñeceron as promesas dos nacionalistas e dixeron que se o orzamento pon 6.000 euros, 6.000 euros recibiría o museo.
Cando a dirección do museo dixo que se vía abocada a pechar, o alcalde dixo que, bo, que había unha partida de 40.000 euros para ir tirando ata que se aprobasen os orzamentos, onde se lles entregarían 146.000 euros. Non é que se volveu xeneroso Caballero, é que pretendía entregarlles a xestión do Centro de Artesanía Tradición, pechado por el, que tiña ese mesmo orzamento. Quedaba ben e aínda, por encima, aforrábase 96.000 euros.
Sen intermediarios
Pero nin así. De 40.000 euros, nada. Resulta que o Concello lle pide á dirección facturas alleas ao museo para xustificar a entrega dese diñeiro. «Nós non traballamos con intermediarios senón que somos as empregadas as que asumimos todas as actividades, pero non lles vale coas nosas nóminas», afirma Victoria Vázquez, directora do museo.
E aínda por encima, o alcalde prorrogo os orzamentos do 2011. Resultado. «Con gran dor de corazón vémonos obrigadas a pechar porque xa non podemos pagar nin as nóminas, nin a seguridade social nin nada», conclúe Victoria Vázquez.
A este grupo de museicidas tamén hai que engadir á Consellería de Cultura, que durante algún tempo achegou 30.000 euros ata que deixou de facelo.
Se ata hai uns anos, asistiamos ufanos á inauguración de numerosos centros culturais, agora chega a resaca e o Liste non é a única vítima.
O 'New York Estafes' destapa o arquivo sonoro que demostra que o xenio do jazz inspirouse en 'Alborada de Vigo', tocada por un afiador ourensán, para un dos seus temas
O músico norteamericano Miles Davis inspirouse nunha melodía interpretada fai 60 anos por un afiador ourensán para compor 'The pan piper', un dos temas do seu álbum 'Sketches of Spain'. Aquela gravación foi realizada na aldea ourensá de Faramontaos, na Merca, polo norteamericano Alan Lomax, un etnomusicólogo que descubriu a lendas do blues e o folk como Muddy Waters e Leadbelly, e cuxo vasto arquivo sonoro colgouse onte en internet
Moitos musicólogos sospeitábano, pero ata agora non resultou evidente que Miles Davis se inspirou nunha melodía interpretada por José María Rodríguez, afiador e castrador de porcos ourensán, para compor o tema The pan piper, O intérprete de ocarina. O que é seguro é que Davis, unha das maiores figuras da historia do jazz, escoitou varias gravacións realizadas fai sesenta anos polo etnomusicólogo norteamericano Alan Lomax (1915-2002), e que agora se puxeron a disposición de todo o mundo en internet, coincidindo co 97 aniversario do nacemento deste investigador. A similitude melódica entre a peza tradicional Alborada de Vigo, interpretada con chiflo -especie de ocarina que utilizan os afiadores para anunciar a súa chegada- e o inicio do tema contido en Sketches of Spain (1960) é evidente.
Era sabido que o xenial trompetista de San Luís inspirouse en Joaquín Rodrigo e en Manuel de Falla para os seus Esbozos de España, pero ata agora a conexión galaica de Davis, que onte apuntou o portal culturagalega.org, non había resultado tan palmaria. O luns, o prestixioso diario The New York Estafes facíase eco da dixitalización do extenso arquivo sonoro de Lomax, que durante décadas de traballo de campo gravou máis de 5.000 horas de son e máis de 100.000 metros de cinta, e sacou máis de 5.000 fotografías. Entre elas, a de José María Rodríguez, obtida o 27 de novembro de 1952.
Ademais de varios toques de chifro do afiador ourensán, pódese escoitar na web da organización Cultural Equity -que difunde o legado de Lomax- a canción Ou cantar do arrieiro, interpretado por Rodríguez e por un tal Emilio Soto (á voz) en Luintra (Nogueira de Ramuin, Ourense).
Trinta destas pezas musicais foron recollidas en The Spanish recordings: Galicia, disco que se pode adquirir en CD e MP3 no portal estadounidense Amazon.com. Alborada de Ourense, Ai Rosiña, Muiñeira de Carballo e Carballeiriña escura son algúns dos cortes sonoros que o estadounidense rexistrou en Ribadavia, Fisterra, Corcubión e a provincia de Ourense.
Lomax, considerado "o home que gravou o mundo", viaxou durante ese mesmo mes por Asturias, e as súas gravacións alí foron tamén recollidas nun disco, Alan Lomax In Asturias, November 1952, tamén dispoñible en Amazon. Ademais, editáronse gravacións de Lomax en Andalucía, Estremadura, Murcia, Castela, Valencia, Baleares, o País Vasco e Navarra.
O etnomusicólogo estadounidense chegara a Europa a principios dos anos 50, algúns din que fuxindo da "caza de bruxas" do senador Joseph McCarthy contra os comunistas. Lomax, de ideas esquerdistas, estaba sendo investigado polo FBI e polo O meu5 británico. Iso non lle impediu continuar un labor que comezara sendo moi novo xunto ao seu pai, o tamén soado musicólogo John Lomax, que gravou a escravos e prisioneiros do sur de Estados Unidos a mediados dos anos trinta.
Lomax entrevistou e relanzou a músicos do folk e o blues como Woody Guthrie, Lead Belly, Muddy Waters e Pete Seeger, pioneiros que influíron decisivamente na traxectoria de lendas como Bob Dylan, os Rolling Stones e Bruce Springsteen.
A recado que Miles Davis, falecido fai vinte anos, gozaría agora a "gramola global" en internet das músicas gravadas por Lomax.
PARTICIPARáN O SONORO MAXíN E NOVEDADES CARMINHA ENTRE OUTROS CONVIDADOS
A tribo toda baila é o título co que Os Resentidos, o coñecido grupo vigués dos oitenta capitaneado por Antón Reixa, volta aos escenarios. Cando se fan trinta anos da súa formación, e logo de 18 sen se xuntar, o conxunto prepara un concerto para o vindeiro 12 de maio en Expourense.
O Sonoro Maxín e Novidades Carmiña serán o encargados de abrir o espectáculo, no que participarán abondosos convidados aínda por desvelar. As entradas están xa á venda por seis euros máis gastos de distribución.
Prevese que moitos dos participantes no evento colaboren tamén no disco de homenaxe que se publicará este mesmo ano.
www.culturagalega.org
CONCERTO - PRESENTACIÓN DE CONsentimento, o novo disco de LEILÍA
Vernes 3 de febreiro de 2012 ás 20:30h,
Teatro Rosalía de Castro (A Coruña)
A finais do 89 decidimos dar a conÞecer a muìsica tradicional de Galicia, ao son de pandeiretas e voces, convencidas de que o canto galego, pola suìa singularidade e forza, debiìa ter un espazo propio nos escenarios.
ConSentimento eì un homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creacioìn, a conservacioìn e a transmisioìn da tradicioìn oral galega. Un agradecemento personificado na figura de Eva CastinÞeira, unha cantadora, unha pandereteira, unha muller como tantas e tantas mulleres que dende case o anonimato sementaron a nosa terra de arte, cultura e beleza.
Coa inestimable colaboracioìn do muìsico e arranxista compostelaìn Xoaìn Porto, proponÞemos neste quinto traballo unha concepcioìn musical acorde a unha nova realidade.
Un disco no que a guitarra, o acordeoìn, o contrabaixo e a gaita, abrigan aì perfeccioìn a beleza do canto tradicional e os versos de varias das mellores poetas galegas da actualidade:
Ana Romaniì, Yolanda CastanÞo, Eva Moreda, MarinÞa Peìrez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre.
O desenÞo do espectaìculo corre por conta doutro dos grandes profesionais da escena galega: Quico Cadaval.
O regreso dun dos grupos emblemáticos do rock galaico suscitou un gran interese. As 3.000 entradas postas á venda hai catro días están a piques de esgotarse. Tanto en Internet como nas tendas físicas.
Polo que a produtora Airapro porá a disposición do público outras 300 na súa tenda en liña. Poderán adquirirse a partir do xoves.
A banda de Ribeira regresa aos escenarios oito anos despois da súa disolución. A banda barbancesa formada por Fran Velo, Tucho, Javier e Tonhito de Poi actuará o 3 de marzo na sala LP 45 de Ordes nun ano, o 2012, no que se cumprirá o vixésimo aniversario do seu primeiro concerto, na Festa dá Dorna de Ribeira.
Anxo Lorenzo xa ten en casa o galardón que lle acredita como o autor do mellor concerto do Folkherbst Festival, segundo o público
O fin de semana o gaiteiro moañés Anxo Lorenzo, en compañía do violinista Eoghan Neff e de Luís Peixoto, que toca o bouzouki, volveron á cidade alemá de Plauen, onde fai escasos tres meses actuaron no marco do prestixioso festival de música de raíz Folkherbst. Nesta ocasión fixérono para recoller o premio que lles acredita como o mellor grupo entre o público que asistiu ao que pasa por ser o mellor evento de Alemaña especializado en música folk. O grupo logrou o recoñecemento necesario para volver percorrer unha gran parte do vello continente en 2012, exhibindo o mellor da tradición musical galega.
A prestixiosa figura Eisernen Eversteiner, que recoñece ao vencedor do festival Folkherbst da cidade de Plauen–o maior evento de toda Alemaña no que a música de raíz refírese– regresa a Galicia por primeira vez desde que en 1998 o grupo Berrogüeto fose merecedor do premio. Nesta ocasión foi o grupo Anxo Lorenzo Trío, liderado polo gaiteiro moañés, o que saíu ao escenario desta cidade do oriente alemán para recibir o premio nunha gala dun cinco horas de duración celebrada o sábado.
En compañía do violinista irlandés Eoghan Neff e do portugués Luís Peixoto, que toca o bouzouki, volveu asombrar ao público alemán con outro concerto de dúas horas de actuación, que puxo a guinda á cerimonia. Recolleron a figura de mans do propio alcalde de Plauen, que xunto a outras autoridades non se perderon a cerimonia no teatro Malzhaus.
Anxo Lorenzo Trío recibiu concretamente o premio do público, que gozou da súa actuación no festival celebrado en novembro. O respectable decantouse polos sons de tradición galega por encima do resto de grupos. Eran unhas 20 as formacións de elevado nivel que compartiron festival co gaiteiro natural de Tirán.
"É importantísimo o apoio do público. Sobre todo porque serve para que en Alemaña coñezan mellor o folk galego. Notamos a calor do público despois de anos de traballo, e iso déixanos moi contentos", explicaba onte Lorenzo, ao seu regreso de Alemaña.
Un dos descubrimentos que tivo o grupo nestes anos é o recoñecemento que a música celta ten en Alemaña. "É o máis importante. Ver que a xente goza co que fas", conclúe o músico. Chámalle a atención especialmente que aos xermanos gústenlles tanto as muiñeiras.
No concerto que ofreceron este fin de semana contaron coa colaboración especial dunha pandereteira do Centro Galego de Frankfurt, Nerea Silveira Praza. Os temas do seu disco, "Tirán", foron o fío condutor da actuación.
Xunto a Anxo Lorenzo foi galardoado o grupo francés Pad Brapad que fusiona música electrónica con ritmos propios do leste de Europa. Obtiveron o premio do xurado e tamén tocaron o sábado en Plauen.
Este recoñecemento xa contribuíu a abrir as portas de distintos países europeos á formación liderada polo moañés. Aínda que nos últimos anos consolidouse como o grupo de folk galego con maior proxección internacional.
En maio actuarán precisamente na semana cultural do Centro Galego de Frankfurt. O público de Bélxica, Escocia ou Irlanda tamén poderá velos en directo este ano. Curiosamente, dos dous últimos países Lorenzo destaca "o alto nivel de esixencia que teñen as organizacións de festivais e o público".
Máis difícil será velos en casa. De momento só o norte de Galicia terá o privilexio de gozar dun concerto de Anxo Lorenzo, que prepara o seu novo disco para esta primavera.
Quinta feira 2 (Xoves)
• Marful no Mosteiro de Carboeiro (Silleda)
• Serán no Sarela (Compostela)
Sexta feira 3 (Venres)
• Quique Peón Cia no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo ás 20:45
• Romaría de San Brais (Bembrive-Vigo)
• Leilía no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña)
• Noite de Tasca no bar Quique en Mesía (A Coruña)
• Serán en San Xoán de Tabagón (O Rosal) na praza do Maio
Sábado 4
• Noitarega no auditorio de Gondomar
• Serán en Meirol (Mondariz) na Casa da Comunidade de Montes
Xosé Manuel Seivane Rivas, patriarca da familia de gaiteiros e artesáns de instrumentos, deixou este mundo coa melodía que máis amaba: a da gaita galega, esa á que tantas veces lle deu forma e forza no seu taller e pola que loitou como como parte da nosa cultura. Onte, no seu último adeus, no municipio lucense de Ribeira de Piquín, xunto aos seus familiares non faltaron decenas de gaiteiros e outros músicos para tocarlle a el, ao mestre. Estiveron Carlos Núñez, Luis O Caruncho ou membros de Treixadura, entre moitos outros.
Antes do enterro, rendéronlle unha homenaxe no Chao do Pousadoiro, diante do busto que recorda a súa figura ao lado da casa na que formou unha familia e onde creou o seu primeiro obradoiro, antes de trasladarse a Cecebre. Alí tamén soaron as gaitas, e na igrexa, e no cemiterio, con temas como O son da sega, («que el nos ensinou», lembraba un dos gaiteiros), a Marcha de San Benito ou a súa Muiñeira do Chao. Tampouco faltou un poema de Manolo Pipas.
O funeral de Seivane, que naceu en Fonmiñá (A Pastoriza) en 1921, tivo lugar en San Xurxo (Ribeira de Piquín), e foi oficiado polo párroco José María Huertas e polo cura de Guitiriz Alfonso Blanco. A música foi unha constante en toda a cerimonia, porque esa era a súa paixón. Así o recordaba unha das súas netas: «Cando naceu o seu bisneto Brais díxome: ?Só quero vivir dous ou tres anos máis para velo danzar coa gaita?. E ese soño cumpriuse». Dixo Blanco que Seivane seguirá «entre nós». O seu espírito permanecerá nos seus instrumentos, espallados por todo o mundo, pero tamén na súa familia, que soubo conservar a tradición musical e artesá: Álvaro e Xosé seguen na fabricación, e a súa neta Susana Seivane, no eido musical.
O seu legado
Alfonso Blanco, cura de Guitiriz e organizador do Festival de Pardiñas, un dos referentes musicais e artísticos de Galicia, loou a figura e o traballo do gaiteiro Seivane na súa homilía.
Del destacou que «traballou para que o noso pobo medrase en cultura e identidade» e sinalou que, por medio das súas gaitas e do seu taller, transmitiu ese amor pola cultura aos seus fillos, netos e bisnetos. «Seguindo o seu exemplo, nós tamén nos temos que comprometer coma el, para que os sinais do noso pobo sigan vivos», destacou o sacerdote. Blanco recordou que Seivane foi un autodidacta «que se foi facendo a si mesmo».
SERÁNS DO SARELA
Xoves 2 de febreiro (21:30h)
Discoteca O Sarela (Rúa da Codeseira de Vidán, Compostela)
“Seráns en Compostela agora no Sarela!”
ENTROIDO!
Non teñades vergoña en vir disfrazad@s!
Ademais este mes sortearemos un “kit” para facer cocido!
Quen vén tocar esa noite? 21h30 . Obradoiro de iniciación ao baile
22h30 . A. F. Colexiata de Sar
23h15 . Orquestra Os Modernos
24h00 . Os Viqueiras de Ordes
01h00 . Foliada até que o corpo aguante!
Seivane foi un dos precursores na modernización da gaita galega e o referente de toda unha familia de artesáns que se adica a este instrumento, símbolo da música do país. Vídeo no que explica a súa traxectoria no interior.
Segundo a súa familia, Seivane morreu hoxe aos 90 anos. Nado en 1921 na Pastoriza (Lugo), construíu a súa primeira gaita en 1939, nun pequeno taller deste recuncho da comarca da Terra Chá, creando así o primeiro selo “Seivane”. Aínda que xa era gaiteiro e clarinetista, cumpría así o seu sono infantil de facer o seu propio instrumento.
O seu pai Francisco, un grande ebanista, e a súa nai Estrela, dotada dun marabilloso oído musical, achegáronlle unhas bases moi sólidas para desenvolver toda a súa capacidade artesanal. Do seu pai herdou a técnica, ferramentas e as madeiras e da súa nai a sensibilidade musical, especialmente no que se refire á afinación e ton. Dela recibiu tamén as melodías de gaiteiros que xa desapareceran, como Curuxeiras, nado na Pastoriza.
Cumprindo o seu servizo militar en Pontevedra, entra en contacto co artesán Antón Represas “O Marreco”, co que comparte experiencias e coñecementos axudándolle a construír varias gaitas para o exército.
Era o comezo dun camiño difícil pois, en plena guerra civil, as necesidades do momento non pasaban por comprar algo que só achegaba satisfaccións. Naquela época, as gaitas eran construídas polos ebanistas–torneiros, e os gaiteiros afinábanas e facían as súas propias palletas. Moi poucas eran as persoas que reunían a dobre condición de construtor de gaitas e gaiteiro; unha delas foi, sen dúbida, Xosé Manuel.
Conseguiu, deste xeito, reunir as condicións necesarias para desenvolver a técnica construtiva dende un profundo sentimento musical. As súas expectativas víronse cumpridas e, anos máis tarde, casa e establécese en Ribeira de Piquín (Lugo). Nun primeiro momento, abastece unicamente os gaiteiros do seu ámbito, pero pronto ensanchará máis e máis o seu campo de acción ata superar os límites do Estado e converter o obradoiro en lugar de peregrinación de gaiteiros e amantes da música tradicional de Galicia.
A continuación
Os seus fillos, Álvaro (Ribeira de Piquín, Lugo, 1952) e Xosé Manuel (Ribeira de Piquín, Lugo, 1964) seguen os seus pasos dende moi nenos da mesma forma que lle acontecera a el con respecto ao seu pai. Ao seu lado van recibindo os pequenos segredos do traballo diario, os que xorden co tacto diario da madeira, así como a capacidade para recordar o son ao escoitalo, impregnándose para sempre do timbre da marca Seivane.
No ano 1972, Álvaro trasládase a Barcelona, por motivos de estudos, e acaba creando alí outro obradoiro a imaxe e semellanza do do seu pai. En 1986 decide regresar a Galicia para continuar o seu traballo aquí, o que anima a todos a unirse de novo. En 1994 toda a experiencia adquirida por cada un deles se fonde para formar, en Cambre (A Coruña), o actual Obradoiro de Gaitas Seivane.
Velaquí a reportaxe que lle fixo ANT Tv hai dous anos:
Sexta feira 27 (Venres)
• Presentación do libro Para cantar veño eu! (Pontevedra) na Galería Sargadelos de Pontevedra ás 20:00
• Ses e Som do Galpóm no Festival de apoio aos servizos publicos de Ames na Casa da Cultura Bertamiráns
• Noise Project no Mardigras (A Coruña) ás 22:30
• Zurrumalla no furancho Matamáfolc (Vigo)
• Pardal na rúa no pub Bibendum (Baiona) ás 23:00
• Marta Quintana na Guinda (Vigo) ás 21:00
• Foliada no Lar (As Pontes)
• Foliada no Portobelo (Meira - Moaña)
Sábado 28
• Gala Cantigas e Agarimos no Teatro Principal (A Estrada) ás 21:00
• Moxenas Musical Galego no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas ás 20:30
• Banda baile Asalto no furancho Matamáfolc (Vigo)
• Falperrys e Vacalouras no C.S. O Fresco (Ponteareas)
• Ses no bar Queira (A Barqueira)
• Guintervan no furancho Troula (Bembrive-Vigo)
• Baile d'Abaixo ás 22:00 na Gentalha do Pichel (Compostela)
• Serán en Pazos de Borben, na praza do Concello
• Serán en Arbo
• Serán en Mondariz, no pavillón de deportes(próximo á igrexa) • II Serán de Ribadavia na Igrexa da Magdalena ADIADO
Domingo 29
• Tequexetéldere, Nos de Sobradelo, Lume na Lareira e Ruadeiras de Loimil no Teatro Principal (A Estrada) ás 19:00
O día 28 de xaneiro de 2012 farase un Serán en Mondariz, no pavillón de deportes (próximo á igrexa), co fin de recadar diñeiro para a excursión que farán rapaces do CPI de Mondariz a París.
Ese é o fin, pero o propósito é pasalo ben todos xuntos disfrutando da nosa música. Contamos coa vosa presenza e colaboración. Un saudo!!
“Presentación do libro Para cantar veño eu! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos”
Autor: Rafael Quintía Pereira (licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, licenciado en Ciencias Empresariais e músico)
Participan: Rosalía Rodríguez (secretaria da Asociación Cultural ‘Os Chichisos’), Paz Castro (xornalista e responsable de comunicación da Sociedade Antropolóxica Galega) e Rafael Quintía
Día: venres 27 de xaneiro de 2012
Hora: 20:00
Lugar: Galería Sargadelos de Pontevedra (Oliva, 24)
O Ateneo de Pontevedra organiza a presentación do libro Para cantar veño eu! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos, de Rafael Quintía Pereira, publicado pola Sociedade Antropolóxica Galega e a A.C. Os Chichisos. O acto, no que participan Rosalía Rodríguez (secretaria da Asociación Cultural ‘Os Chichisos’), Paz Castro (xornalista e responsable de comunicación da Sociedade Antropolóxica Galega) e Rafael Quintía, celébrase o vindeiro venres 27 de xaneiro, ás 20 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra.
Sobre o libro Para cantar veño eu!
Empregando como fío condutor o labor que a asociación cultural e grupo de música tradicional Os Chichisos leva a cabo dende hai case dúas décadas, o autor ofrécenos nesta obra un compendio de apuntamentos etnográficos sinxelos e concisos en torno ó universo da música popular galega e das súas diferentes expresións e manifestacións. Un percorrido polos instrumentos tradicionais, os ritmos e os bailes, as festas do ciclo do ano e as tradicións musicais a elas asociadas, a ancestral linguaxe das campás, os cantos de berce e moitas outras dimensións do noso folclore que irán desfilando polas páxinas deste libro para achegarlle á xente nova e ó neófito do noso folclore o rico e variado tesouro da música tradicional galega.
“Para cantar veño eu” complétase cunha amena unidade didáctica que inclúe os exercicios e as prácticas necesarias para que a xente máis nova practique, comprenda e asimile os diferentes contidos deste traballo. Para cantar veño eu! é unha obra de Rafael Quintía, antropólogo, economista e membro fundador da Sociedade Antropolóxica Galega.
Datos técnicos:
Autor:Rafael Quintía Pereira
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega e A.C. Os Chichisos
Sábado 28 de xaneiro de 2012 ás 21h
Teatro Principal, A Estrada (Pontevedra)
Entrada: de valde.
Organiza: Agadic, Concello de A Estrada
A obra Os vellos non deben namorarse, de Castelao, serve de fío conductor á nova gala de Cantigas e Agarimos.
Cantigas e Agarimos quere rendir homenaxe a todos e todas as persóas que en xullo de 1961, fixeron posible aquela primeira representacioìn, foìra de Ameìrica, da obra de Castelao.
Neste espectáculo, mais de 80 persoas tentarán trasladar ó espectador no tempo, levándoo nunha viaxe imaxinaria pola nosa historia e as nosas raizames.
O 25 de xullo de 1961 o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, dirixido por D. Rodolfo Loìpez Veiga, puxo en escena por primeira vez en Galicia a obra de Castelao, Os vellos non deben de namorarse.
A parte musical da obra, dirixida por D. Rosendo Mato Hermida, incluiìa entre outras, a peza Serenata de Boticarios, máis coñecida co título de Lela.
No ano 2011, no que celebramos o noventa aniversario da Agrupacioìn e cumplíanse 50 anos daquela primeira representacioìn foìra de Ameìrica da obra de Castelao, Cantigas e Agarimos presentou a gala Lela, en lembranza e homenaxe a todos e todas as que, no seu diìa, fixeron posible aquel acto senlleiro da cultura galega.
Este é o fio que serve as diferentes seccións de Cantigas e Agarimos (coral, instrumental, grupo de baile e pandeireteiras) para presentarnos un espectáculo de calidade, no que mais de 80 persoas tentan trasladar ó espectador no tempo, levándoo nunha viaxe imaxinaria pola nosa historia e as nosas raizames.
Baile, musica, vestiario, pinceladas de teatro... todo un despregue visual e sonoro que non te deixará indiferente...
Cantares do Brión, de Vincios, cumpre un ano como único coro tradicional da provincia de Pontevedra
Entre foliadas, muiñeiras e alalás, ao ritmo de pandereitas e tambores e arroupado polas gaitas, o coro tradicional Cantares do Brión leva catro anos abanderando desde a parroquia gondomareña de Vincios a música polifónica tradicional na provincia, onde a agrupación é única no seu xénero.
Cunha forma de facer música "máis natural" que as corais clásicas, a agrupación Cantares do Brión, de Vincios, abandera desde a súa xestación, en 2008, a música polifónica popular na provincia. Os seus 65 membros considéranse herdeiros dunha tradición que desde finais do século XIX deu nomes á cultura galega como a ourensá Coral de Ruada, Toxos e Froles, de Ferrol, Cantigas e Agarimos, de Santiago, ou Cantigas da Terra, da Coruña, que durante décadas contribuíron á supervivencia dunha música de raíz que aínda goza de boa saúde.
Como proba, o director da agrupación gondomareña, Pablo Rial, recorda con entusiasmo como ao "reducido" grupo de persoas que emprendeu o proxecto folclórico fai catro anos fóronse agregando "case en avalancha" coristas non só de Gondomar, senón tamén "de Nigrán, Vigo, Condado, Pontevedra ou o Baixo Miño".
"Non houbo casting", explica Rial, "porque non queremos ser perfeccionistas, senón buscar a voz natural que requiren as pezas populares que interpretamos". É por iso que a agrupación abriu as súas portas a todos, con ou sen formación musical e de idades tan diversas que hoxe comparten afección "desde unha nena de 14 anos ata un home que supera os 70".
Neste punto en que cumpriu o seu primeiro aniversario sobre os escenarios, o coro non pode asumir máis incorporacións, aínda que o seu director cre que sería un bo "proxecto de futuro" establecer unha escola para formar novos talentos e garantir a substitución xeracional que "está custando moito a outros grupos".
Todos os membros da agrupación colaboran cunha pequena cota mensual a sufragar os gastos correntes do coro, que, segundo a súa tesoureira, Miriam Rodríguez, é "solvente" e recibe ademais axudas puntuais de empresas da zona e do Concello de Gondomar. Pero os propios coristas `algúns deles familiarizados de antes co folclore tradicional galego´ responsabilízanse da fabricación dalgúns instrumentos, do vestiario e ata de compor cancións orixinais.
O seu repertorio está integrado no seu maior parte por pezas dos coros históricos, pero poden presumir de cantar algunhas propias. "Luís Correa, un dos membros da agrupación, compuxo xa varios temas como a Foliada de Vincios ou Na touba do brión, esta última a partir dunhas coplas recollidas a Rosalía Hermida, unha veciña da parroquia", explica Pablo Rial.
"Trátase de continuar unha tradición e tamén de abrir novos camiños", apunta pola súa banda o presidente de Cantares do Brión, Xosé Manuel García Crego, que agradece o respaldo constante que recibe a agrupación por parte da Comunidade de Montes e do Centro Cultural de Vincios.
De momento senten que os seus esforzos están dando froito e á súa breve carreira musical, con recitais en varios municipios da provincia, sumaranse este ano que acaba de comezar concertos en Ourense, Vigo, A Baña e, por suposto, Gondomar.