Durante un ano esta terapia cumpriu todos estes puntos, e aínda máis, moitos máis dos que nolas dúas (a miña paciente e máis eu) agoirábamos cando abrimos esta consulta (a distancia).
Todas as palabras, os puntos as comas, as parénteses ... e os silencios... escritos aquí, deixaron (querendo ou sen querer) o son da vosa voz, enchendo este recuncho de pensamento e sentimento, de agarimo e respecto, de risos, de seducción, de acción, evasión, e compromiso, tamén.
A vosa palabra foi (é) o antídoto contra cada unha desas pílulas coas que a realidade envelena e anestesia o inconformismo. E iso, meus-miñas, queridos doutores e doutoras (vós si), xa é por si só: sentido, porqué, principio, e fin.
O tempo pactado de mutuo acordo cumpriuse, a partir de agora, a miña paciente dirá... ela sempre foi a única dona deste sen sentido. A porta queda aberta, e por se acaso a pecha o vento... a chave queda baixo o felpudo, e por se acaso a chave se perde... sempre sabemos onde atoparvos a vós.
Aínda así, e dende aquí, grazas.
“(…) Cando dous textos, dúas afirmacións, dúas ideas son opostas, esforzarse en concilialas máis que en anular unha por medio da outra; ver nelas dúas facetas diferentes, dous estados sucesivos do mesmo feito, unha realidade convincente porque é complexa, humana porque é múltiple.(…)”
Caderno de notas de “Memorias de Hadrián” - Marguerite Yourcenar
As siluetas habituais do cuarto esvaecían a plena luz do mediodía dando paso á (auto)metamorfose das sombras nas baldosas do chan. O corpo (auto)durmido, debruzado en éxtase no sofá. As palmas das mans cara arriba, a medio (auto)pechar. As plantas dos pés fronte a fronte, as pernas (auto)abertas, como sempre lle dixeran que non se debía. As meniñas (auto)dilatadas, (auto)famentas da paisaxe que comezaba a (auto)debuxar.
E a boca entreaberta.
Un fío de cabelo na comisura.
Xogando coa saliva que (auto)segregaba a xerras, preparando o estómago para os recordos que ía (auto)invocar.
Ao seu carón o espertador (auto)programado para soar ás dúas menos cuarto. Deixando un cuarto de hora para (auto)borrar os restos da (auto)nostalxia
antes de deixarse ver por ninguén.
Furo a terra cunha culler (pequena) porque hai moito tempo que non aireo o substrato da begonia, e xa que estou, pois aproveito o vaso do iogur que veño de tomar e tamén lle boto nove doses de auga que collo na billa do lavabo. Despois sento no sofá e miro para ela, e lembro o día que a merquei nun hipermercado. Daquela era unha planta tipo, tiña a medida exacta que aconsellaría calquera decorador, foron tempos, hoxe é unha besta inescrutable detrás da que se agocha a metade do meu salón.
A dicir verdade é que só a merquei para ver canto me duraba (non aturo as flores de invernadoiro nin as plantas domésticas), e aquilo de traela para casa foi unha arroutada desas que dan cando un xa ten o carro do hiper cheo pero pensa que aínda cabería algo máis. O caso (non vou relatar todo o proceso paso por paso) é que, digamos, mirei para ela e que dun xeito case automático comecei a elaborar un plan. O meu plan era curtila, salvala, imporlle os rigores máis extremos para que ,no caso de liberala, o mundo real fose para ela un paraíso. Foi unha inspiración súbita que me deu. Un acto altruísta e magnánimo que me cubriu cunha aureola mentres pagaba na caixa número tres.
Mais o tema fóiseme das mans.
Á begonia prestoulle aquela disciplina milimetrada máis propia dun espartano dos de antes que dunha galega doce e melosa coma min..., e agora... hai noites nas que escoito (ao lonxe) percusións e cantos tribais que despois de comprobalo polo método empírico máis fiable que coñezo (pondo a orella) concluín que xorden da espesura (mesta e redundante) que cubre o que en tempos foran os andeis as vitrinas e os caixóns daquel moble por módulos que (noutra arroutada menos inspirada) mercara en Ikea, Alcorcón, Madrid.
Foi iso o que fixo que mudara de parecer, e que relaxara a man de ferro coa que levaba o proceso de reinserción daquela planta noutrora mexericas e miñaxoia. Dende entón xa non son tan estricta con ela, cando as follas comezan a dar signos de que están a piques de renderse, régoa o xusto para que erga as pólas (nota: é un feito que de cada vez precisa menos auga) e sega tirando. A miña prioridade neste momento xa non é o adestramento da begonia, é ver (só por curiosidade científica) canto tempo tardan en extinguirse os entes que deixan esas pegadas diminutas e retortas que van en liña recta dende os restos do último testo ao que fun quen de transplantar a besta, ata o corredor, para dividirse despois en equipos ( segundo o rastro 10 ou 15 individuos diferentes en cada un) que percorren a miña casa (non sei con que propósito) cando eu non estou.
( Doutora Seymour, non lle apetecería unha planta para adornar a consulta? teño uns gallos (adestrados) que plantei hai unhas semanas. Xa prenderon...)
“(…)
Sobre que escribo: sobre o ovo.
Frustracións e ganas, amor que devora, soga e cravo,
disputas por un pelo e póla palabra caída na sopa.
Sobre o conxelador e o que pasou
cando marchou a corrente.
Escribirei sobre todos nós
sentados diante de pratos xa baleiros;
e tamén sobre ti e sobre min, e sobre a espiña na gorxa.”
(O rodaballo – Günter Grass )
(No núcleo xénese e apocalipse, mesturados e confundidos, o resto só son figuras retóricas, a cuadratura da elipse, inventos para dissssimular... Ssssseymour...)