meu dito meu feito


consulta (a distancia) dunha damnificada das salas de espera da seguridade social
consulta (a distancia) dunha damnificada das salas de espera da seguridade social.anuncios


O meu perfil
 CATEGORÍAS
 OUTRAS TERAPIAS?
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

UN ANO - 104 TERAPIAS

Todo ten un sentido

(inexplicable),

un porque

(que auto xustifica),

un principio

( con caducidade),

e un fin

(sen ningún fin).


Durante un ano esta terapia cumpriu todos estes puntos, e aínda máis, moitos máis dos que nolas dúas (a miña paciente e máis eu) agoirábamos cando abrimos esta consulta (a distancia).

Todas as palabras, os puntos as comas, as parénteses ... e os silencios... escritos aquí, deixaron (querendo ou sen querer) o son da vosa voz, enchendo este recuncho de pensamento e sentimento, de agarimo e respecto, de risos, de seducción, de acción, evasión, e compromiso, tamén.

A vosa palabra foi (é) o antídoto contra cada unha desas pílulas coas que a realidade envelena e anestesia o inconformismo. E iso, meus-miñas, queridos doutores e doutoras (vós si), xa é por si só: sentido, porqué, principio, e fin.

O tempo pactado de mutuo acordo cumpriuse, a partir de agora, a miña paciente dirá... ela sempre foi a única dona deste sen sentido. A porta queda aberta, e por se acaso a pecha o vento... a chave queda baixo o felpudo, e por se acaso a chave se perde... sempre sabemos onde atoparvos a vós.
Aínda así, e dende aquí, grazas.

( (....) )
Comentarios (34) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2008 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
EXERCICIO Nº 15




Yellow

red

blue

-

Kandinsky





“(…) Cando dous textos, dúas afirmacións, dúas ideas son opostas, esforzarse en concilialas máis que en anular unha por medio da outra; ver nelas dúas facetas diferentes, dous estados sucesivos do mesmo feito, unha realidade convincente porque é complexa, humana porque é múltiple.(…)”

Caderno de notas de “Memorias de Hadrián” - Marguerite Yourcenar


(Vostede x min = (+ -) ....)
Comentarios (8) - Categoría: literaturaterapia - Publicado o 28-03-2008 00:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
TRANSO
As siluetas habituais do cuarto esvaecían a plena luz do mediodía dando paso á (auto)metamorfose das sombras nas baldosas do chan. O corpo (auto)durmido, debruzado en éxtase no sofá. As palmas das mans cara arriba, a medio (auto)pechar. As plantas dos pés fronte a fronte, as pernas (auto)abertas, como sempre lle dixeran que non se debía. As meniñas (auto)dilatadas, (auto)famentas da paisaxe que comezaba a (auto)debuxar.
E a boca entreaberta.
Un fío de cabelo na comisura.
Xogando coa saliva que (auto)segregaba a xerras, preparando o estómago para os recordos que ía (auto)invocar.
Ao seu carón o espertador (auto)programado para soar ás dúas menos cuarto. Deixando un cuarto de hora para
(auto)borrar os restos da (auto)nostalxia
antes de deixarse ver por ninguén.

(auto)Lembrou....(se)

(...por vontade propia, gozando do saboroso vicio, (auto)clandestino, Doutora, Seymour, ...)

Comentarios (7) - Categoría: musicoterapia - Publicado o 23-03-2008 00:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
SEMENTE
Furo a terra cunha culler (pequena) porque hai moito tempo que non aireo o substrato da begonia, e xa que estou, pois aproveito o vaso do iogur que veño de tomar e tamén lle boto nove doses de auga que collo na billa do lavabo. Despois sento no sofá e miro para ela, e lembro o día que a merquei nun hipermercado. Daquela era unha planta tipo, tiña a medida exacta que aconsellaría calquera decorador, foron tempos, hoxe é unha besta inescrutable detrás da que se agocha a metade do meu salón.

A dicir verdade é que só a merquei para ver canto me duraba (non aturo as flores de invernadoiro nin as plantas domésticas), e aquilo de traela para casa foi unha arroutada desas que dan cando un xa ten o carro do hiper cheo pero pensa que aínda cabería algo máis. O caso (non vou relatar todo o proceso paso por paso) é que, digamos, mirei para ela e que dun xeito case automático comecei a elaborar un plan. O meu plan era curtila, salvala, imporlle os rigores máis extremos para que ,no caso de liberala, o mundo real fose para ela un paraíso. Foi unha inspiración súbita que me deu. Un acto altruísta e magnánimo que me cubriu cunha aureola mentres pagaba na caixa número tres.

Mais o tema fóiseme das mans.

Á begonia prestoulle aquela disciplina milimetrada máis propia dun espartano dos de antes que dunha galega doce e melosa coma min..., e agora... hai noites nas que escoito (ao lonxe) percusións e cantos tribais que despois de comprobalo polo método empírico máis fiable que coñezo (pondo a orella) concluín que xorden da espesura (mesta e redundante) que cubre o que en tempos foran os andeis as vitrinas e os caixóns daquel moble por módulos que (noutra arroutada menos inspirada) mercara en Ikea, Alcorcón, Madrid.

Foi iso o que fixo que mudara de parecer, e que relaxara a man de ferro coa que levaba o proceso de reinserción daquela planta noutrora mexericas e miñaxoia. Dende entón xa non son tan estricta con ela, cando as follas comezan a dar signos de que están a piques de renderse, régoa o xusto para que erga as pólas (nota: é un feito que de cada vez precisa menos auga) e sega tirando. A miña prioridade neste momento xa non é o adestramento da begonia, é ver (só por curiosidade científica) canto tempo tardan en extinguirse os entes que deixan esas pegadas diminutas e retortas que van en liña recta dende os restos do último testo ao que fun quen de transplantar a besta, ata o corredor, para dividirse despois en equipos ( segundo o rastro 10 ou 15 individuos diferentes en cada un) que percorren a miña casa (non sei con que propósito) cando eu non estou.


( Doutora Seymour, non lle apetecería unha planta para adornar a consulta? teño uns gallos (adestrados) que plantei hai unhas semanas. Xa prenderon...)

Comentarios (16) - Categoría: literaturaterapia - Publicado o 14-03-2008 01:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
EXERCICIO Nº 14


“(…)
Sobre que escribo: sobre o ovo.
Frustracións e ganas, amor que devora, soga e cravo,
disputas por un pelo e póla palabra caída na sopa.
Sobre o conxelador e o que pasou
cando marchou a corrente.
Escribirei sobre todos nós
sentados diante de pratos xa baleiros;
e tamén sobre ti e sobre min, e sobre a espiña na gorxa.”

(O rodaballo – Günter Grass )




(No núcleo xénese e apocalipse, mesturados e confundidos, o resto só son figuras retóricas, a cuadratura da elipse, inventos para dissssimular... Ssssseymour...)
Comentarios (14) - Categoría: literaturaterapia - Publicado o 06-03-2008 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal