Made in Galiza


Eu nunca serei yo
Um caderno de trabalho de Séchu Sende

A minha obra neste caderno está licenciada baixo creative commons, copiceibe.

O autor solicita comunicar-lhe qualquer uso ou modificaçom da sua obra no email de contacto aqui sinalado.

Contacto
madeingaliza
 CATEGORIAS
 FOTOBLOGOTECA
 OUTROS MUNDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sexo, lingua e rock ´n roll: Livro-disco!




Fantástico! Um livro-disco Made in Vila de Cruzes!:

"O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón e o Festival Novo Cruceiro Rock presentaron o venres 22 de xuño, no Festival da Lingua do instituto cruceño, o libro-disco cooperativo Sexo, lingua e rock´n. O volume foi elaborado por alumnado, exalumnado e profesorado do centro e conta con textos de xente vinculada á comarca, como a xornalista Belén Regueira ou a poeta Iria Anido Pedreira. Tamén participan no libro creadores como O Leo e Arremecaghona ou Vituco Neira, cantante de Ruxe Ruxe, junto ao desenhador gráfico Raio.




Xente Nova de Vila de Cruces

O libro supón a saída á luz pública dunha nova xeración de escritores e escritoras, como os exalumnos Vítor Pinheiro, Irene Portas, Juan Salgado, César Gúzman ou Álex Fiúza, que publican os seus primeiros textos literarios ao lado de escritores como Séchu Sende, profesor no instituto, ou Iria Anido, autora do poemario "Cambio de estrela". As alumnas Lina Iglesias, Natalia Santiso, Belén Quinteiro. Noelia Casal e Isabel Carmoega participan con textos que xiran en torno aos temas do libro: a lingua, o sexo e o rock´n roll.

O libro preséntase como "un proxecto dun grupo de xente nova que está a construír a súa vida desde a creatividade e o inconformismo, xente que cre na capacidade das palabras para cambiar as cousas, para cambiar o mundo".





Libro Disco


O libro inclúe o CD Camballón Mix nº 6, a sexta antoloxía de música galega actual, recompilada polo Clube da Língua. O CD inclúe dous temas especiais: un do rapeiro Gamy, e outro de Letícia Rey, alumnos do instituto.

Neste CD inclúense ademais temas de Ruxe Ruxe, Sacha na Horta, Carlos Gende, Dios Ke te Crew, Chupa de Sky, Joao Lucas e Marcelo, Sés, Aline Frazao, A cada canto, Fred Martins e Ugia Pedreira, Deolinda, Medomedá, O Leo, Deseqilibrio Mental, Familia Caamagno, Invivo e Heredeiros da Crus.


Lingua e rock

O libro é o resultado dunha creación cultural colectiva e participativa que vincula a nosa lingua coa modernidade e visibiliza a forma en que a xente nova do concello se enfronta aos conflitos sociais e culturais con valores de cooperación, xustiza social e creatividade.

Colaboración co Cruceiro Rock



O libro parte da cooperación de dúas entidades baseadas na participación da xente nova de Vila de Cruces: o Equipo de Normalización Lingüística do Marco do Camballón e mais o Cruceiro Rock. O Cruceiro Rock, que este ano terá lugar o 10 de agosto e contará cos grupos Ruxe Ruxe, Invivo, Deseqilibrio Mental e Familia Caamagno, é un dos festivais históricos do país e segundo Álex Fiúza, un dos seus organizadores: "É un Festival que abre fronteiras, un soño feito realidade".



A presentación do libro tivo lugar no Festival da Lingua, no que actuou o cantante Carlinhos Gente, no Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces."


O evento foi recolhido em perfeito castelhano polo Faro de Vigo, aqui!


Aqui vos deixamos um dos textos do livro-disco, a experiéncia como neofalante de Belén Regueira!:



Unha neofalante en Bodaño


Chámome Belén Regueira e falo galego desde hai 16 anos. Iso quere dicir que a primeira metade da miña vida falei outra lingua (xa imaxinades cal), o que me converte en “neofalante”, que non é unha enfermidade grave nin un insulto, pero parecer paréceo. Pensaredes que non é tan terrible, que tampouco hai que dramatizar, pero non me resulta fácil confesarvos este pecado orixinal meu.

Sei que a miña declaración pública non pode borrar o meu pasado, que nin sequera podo aspirar a converterme un día en ex-neofalante porque unha neofalante sempre é neofalante por moito tempo que estea neofalando o que neofale. No meu caso, desde os 18 anos, cando deixei a cidade na que nacín. Porque eu sonvos... da Coruña.

-Pero de “Coruña Coruña”?, pregúntanme sempre, co abraio de escoitar unha coruñesa falando en galego.

-Pois si, de “Coruña Coruña”, (e de Bodaño por parte de nai).

Miña nai naceu en Susovila, a aldea de abaixo de Bodaño, filla de Eduardo (de Leal) e Rogelia (de Casal), e como tantos mozos e mozas nados nos anos 50 desertou do arado e marchou traballar á cidade buscando unha vida algo mellor cá de seus pais.

A Coruña que a recibiu a mediados dos 70 demostroulle axiña que falar galego se consideraba unha demostración de ignorancia e incompatible coa mellora económica e social. De xeito que miña nai e meu pai empezaron a comunicarse habitualmente na “lingua do progreso”, non sen esforzo, e fixeron o posible para que as súas fillas a aprendésemos algo mellor ca eles falándonos en castelán sempre. Máis ben case sempre, porque se a trasnada que fixeramos era moi grande a berra ía en vernáculo (Vouche facer un traxe!, tronaba meu pai, Vai haber máis cu que onde o fan!, ameazaba miña nai).


Pero cando volviamos a Bodaño todos, e tamén meus pais, falaban en galego. Todos... menos eu. Seguro que nas vosas familias hai algún curmán de Vigo ou algunha prima da Coruña ou sobriños de Santiago ou de Lalín que se dan aires de grandeza porque falan en español. Eu era desas, pero en Bodaño logo me baixaron os fumes. O meu dominio do castelán non me gañaba alí admiración ningunha, só era unha máis das miñas torpezas de nena de cidade con medo ás vacas cotonas e aos cans ceibos, así que a miña intelixencia adaptativa (tamén chamada falta de personalidade) resolveu que falaría galego... en Bodaño. E ese foi o meu primeiro pasiño.


Para dar o segundo tiveron que chegar as clases de galego, que me serviron para saber que a lingua dos meus avós tamén se usaba fóra da aldea, nas fábricas, na poesía, na política ou no rock. Empecei a preguntarme con rabia quen decidira que eu sería a primeira da miña familia en non falar galego e cando cheguei ao instituto empecei a utilizalo na intimidade (na intimidade familiar, claro, que os tempos aínda non eran chegados para ligar en galego na Coruña).


E chegamos ao punto de inflexión nesta historia, o verán no que aprobei o Selectivo e me preparei para ir estudar a Santiago e para falar sempre en galego. Sabía que era daquela ou nunca. Tiña que aproveitar que Compostela era “galego friendly” e que coñecería un lote de xente que non sabería o que eu falaba “antes”. Ademais, a distancia coa Coruña axudaríame a cambiar de lingua cos coñecidos de toda a vida, un asunto delicado.

-¿Y ahora hablas gallego? ¿Y luego, te hiciste galleguista? ¿No te estarán comiendo la cabeza los del Bloque? Sobre todo, tú no te cierres, que el mundo es muy grande...

O camiño dos neofalantes está cheo de meteduras de zoca bastante divertidas (a máis vergonzosa das miñas foi dicir “isto é miño”) e de incomprensións que non o son tanto. Tanto galegofalantes como castelanfalantes adoitan vernos con certa displicencia e considérase que estamos condenados a falar galego mal “porque non o mamamos”. Non tal. Demóstrano decotío moitos e moitas neofalantes, e oxalá haxa moitos e moitas máis, porque o galego nos necesita con urxencia para seguir sendo unha lingua viva de aquí a unhas décadas.

Por iso creo que hai que facer publicidade positiva dos neofalantes e por iso prefiro denominarme así, 16 anos despois de empezar a falar en galego. E por iso cando coñezo alguén espero pacientemente ata que me fai a pregunta coa que voluntariamente me delatarei como neofalante:

-E logo ti de onde es?

-Da Coruña

-Pero de Coruña Coruña???, falando galego??

-Pois si, de Coruña Coruña (e de Bodaño por parte de nai).
Comentários (47) - Categoria: Geral - Publicado o 25-06-2012 09:41
# Ligazóm permanente a este artigo
© by Abertal