Made in Galiza


Eu nunca serei yo
Um caderno de trabalho de Séchu Sende

A minha obra neste caderno está licenciada baixo creative commons, copiceibe.

O autor solicita comunicar-lhe qualquer uso ou modificaçom da sua obra no email de contacto aqui sinalado.

Contacto
madeingaliza
 CATEGORIAS
 FOTOBLOGOTECA
 OUTROS MUNDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Epaminondas Gonatás


O OURIZO

Ao longo da miña vida teño visto moitos acróbatas de fama e prestixio internacionais subindo por escaleiras de corda ata alturas de vertixe e executando, alí arriba, no ar, milleiros de perigosos exercicios; pero ningún deles espertou en min tanta simpatía e admiración como un pequeno ourizo que, unha tarde de sol, rubiu con rapidez, soltura e donaire excepcionais polo cercado de arame que separa a miña leira da contigua, coándose no meu xardín ben polo simple desexo de cambiar ou tentado quizá polas uvas que, en acios maduros e apertados, colgaban da miña vella parra.

Collín da caseta de ferramentas un par de grosas luvas amarelas de coiro de porco e, protexido con elas, capturei ao pequeno invasor. Nada máis tocalo, engurrouse e quedou feito unha boliña redonda decorada con alfinetes. Leveino ata un caixón grande de madeira cheo de terra ata pouco máis da metade e depositeino alí suavemente.

Ao sentirse libre, recobrou a súa forma habitual e volveu ser un bacoriño de ollos mouros que, en lugar de sedas, tiña o corpo recuberto por unha densa matogueira de espiñas eréctiles e escuras.

Ofrecinlle uvas, pero non as quixo; dinlle anaquiños de carne crúa e tampouco os comeu. Supuxen que tal vez preferise alimento vivo.
A miña acacia, unha árbore xigantesca, ademais de regalarme o delicado aroma das súas flores brancas na primavera e a frescura da súa sombra no verán, resultou ser tamén unha abundante e inesgotable fonte de alimento para o meu animaliño. O seu tronco ten un oco no que doadamente cabería a cabeza dun cativo e polo cal metía eu a man co mesmo arrepío que se fose a boca dunha quenlla, pois alí aniñaban bichiños de toda especie: carricantas, lagostas, cochinillas, crisálidas e vermes.

Ademais, tirando da cortiza seca da árbore e deixando ao descuberto as súas capas brancas, podías atopar grandes formigas, negras e vermellas, e unha morea de cacafedes dun esmeralda relucente, aínda que as había tamén grises e marróns, coma cangrexos diminutos. Provisto dunha pinza longa collía cacafedes e lagostas, metíaas nun frasco de vidro e logo botábaas no caixón do ourizo, que non deixaba escapar ningunha e as devoraba con avidez.
Ao principio tíñame medo.

Cada vez que me inclinaba sobre o seu caixón, engruñábase de contado e ficaba convertido nun pequeno acoirazado infestado de pugas. Pero segundo foron transcorrendo os días, foise afacendo a min e ata empezou a entender cando o chamaba.

?Ei, Pipico!? ?pois con ese nome o bautizara?, ?Non te agoches. Achégate a min para que te vexa.?

Viña entón correndo e púñase a uliscarme os dedos, que eu facía bailar sobre a súa cabeza. E tanto chegou a familiarizarse comigo que ata me deixaba que lle quitase cunha pinza as gordas carrachas que o traían martirizado.

Deste xeito, cumpríronse tres meses desde o día en que o tomara baixo a miña protección. Con todo, co paso do tempo, a reclusión empezou a oprimilo e teimaba en escapar do seu cárcere, malia que todas as súas tentativas de gabear as lisas paredes do caixón estivesen condenadas de antemán. Cando empezou a rexeitar a comida, comprendín que chegara a hora de deixalo marchar.

Pola mañá, púxenme as luvas e fun pór en práctica a miña decisión. Atopeino ríxido, frío e sen alento.

Aprendín a lección. Nunca máis volvín privar a un ser vivo da súa liberdade para o meu divertimento.


...

Gonatás, traducido por Carlos R. Méndez, gracie mille!



Lucía, eucaristeo!
Comentários (1) - Categoria: Geral - Publicado o 27-02-2008 12:17
# Ligazóm permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentário(s)
1 Soy periodista grieco-brasilleno. Conoci el traductor Carlos R. Méndez en Salonica, Grécia#blgtk08#, en 1989, mas perdi contacto. Puede conceder su email ou telefono para contacto? Gracias.
Comentário por João Ninos (08-12-2015 08:50)
Deixa o teu comentário
Nome:
Mail: (Nom aparecerá publicado)
URL: (Debe começar por http://)
Comentário:
© by Abertal