Made in Galiza


Eu nunca serei yo
Um caderno de trabalho de Séchu Sende

A minha obra neste caderno está licenciada baixo creative commons, copiceibe.

O autor solicita comunicar-lhe qualquer uso ou modificaçom da sua obra no email de contacto aqui sinalado.

Contacto
madeingaliza
 CATEGORIAS
 FOTOBLOGOTECA
 OUTROS MUNDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

FLORENCIO DELGADO GURRIARAN





A POESÍA DE TEMA SOCIOLINGÜÍSTICO DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN


1.

Florencio Delgado Gurriarán nace no 1903 e forma parte da denominada "Xeración do 25", que, segundo Méndez Ferrín en De Pondal a Novoneyra, 1984, está "formada por persoas nadas, máis ou menos, entre 1895 e 1909" e que "son unha sorte de fillos da Xerazón Nós", como Alexandre Bóveda (1901), Manuel Antonio (1900) ou Amado Carballo (1901).

A vida desta xeración transcorre paralela a unha serie de acontecementos -en moitos dos cales FDG foi tendo participación activa? que serán fundamentais para o futuro do país e da lingua: 1907, fundación de "Solidaridad Gallega"; 1916, das "lrmandades da Fala"; 1918, Asemblea Nacionalista de Lugo; 1923, creación do "Seminario de Estudios Galegos"-do que Gurriarán se fai socio protector-; 1931, fundación do Partido Galeguista, -afiliado no ano 33, ocupará cargos de responsabilidade-; Guerra Civil; exilio; Consello de Galiza; Galeuzca, etc.

Ao longo da súa vida Florencio Delgado desenvolveu un interesante e polifacético labor intelectual relacionado coa lingua. Ao lado da súa obra poética coñecemos outras aportacións de grande interese que sería preciso analizar de vagar: traduccións (O cemiterio mariño, de Valery, por exemplo); estudios gramaticais, (un sobre o adverbio; unha comparación entre algunhas locucións -refráns- galegas e castelás); vocabularios; achegamentos dialectais á fala de Valdeorras; aproximacións á toponimia; recensións críticas; labores editoriais en revistas -Vieiros, por exemplo-- e nunha antoloxía simbólica na nosa historia: Cancioneiro da loita galega, etc., cunha visión preocupada ora pola historia interna da lingua ora pola súa historia externa; e con consideracións sobre a planificación lingüística que tocan aspectos do estatus da lingua e do corpus.




2.

Os integrantes da Xeración Nós chegan á conciencia de Galicia na madurez das súas vidas, logo do percurso na busca da propia identidade galega. E se Otero, Castelao ou Risco conseguen chegar a Galicia na madurez, a seguinte xeración vai acadar esa meta antes. É fundamental saber que na historia do século vinte, a xeración de FDG ?ou do arredista Manuel Antonio- é a primeira que comeza a adquirir un compromiso cultural e político con Galicia xa na adolescencia.



3.

Nunha sociedade como a nosa -en conflicto lingüístico- o problema da lingua configúrase como un importante tema literario. Desde o "Falade miniñas, falade galego" de Pondal ao " Artefacto Burbur" de Igor Lugrís, pasando polo "Eu falo porque si" de Celso Emilio Ferreiro, o "Teño lingua nai teño lingua pai/ e unha lingua filla/ que me marabilla" de Manuel María, e Manolo Rivas, Chus Pato?, o autor do texto literario escribe co obxectivo de actuar na conciencia do lector. Que a literatura non transforma a sociedade? De certo: non a deixa intacta. Ou, como di Calvet n ´A Guerra das Línguas, as cousas non son como son senón como as describen, ou describimos.


A literatura con intención social de FDG pretende intervir na historia da lingua e converterse noutro instrumento normalizador, porque aspira á transformación dos comportamentos, dos usos, dos valores e das actitudes lingüísticas. A literatura convértese nun medio de comunicación e representación do conflicto lingüístico, construíndo a descrición da realidade do problema desde o punto de vista da lingua minorizada e oprimida.

FDG expón na súa poesía de tema lingüístico os sinais do conflicto. Por un lado poemiza os valores sociais que agreden a integridade da nosa lingua, a diglosia e os prexuízos:

-O galego é "cousa pasada", antiga, "de catro vellos".

-O galego é "ordinario" e "feio".

-O galego é "doce e fermoso" e apropiadísimo para a poesía (sentimental) pero non ten a capacidade que posúen todas as linguas para ser vehículo pleno de expresión.

-dentro ou fóra de Galicia cómpre ocultar que se é galego. A lingua e a orixe galegas desprestixian e son inferiores á lingua e orixe española.

Por outro lado, e como consecuencia da anterior situación social, FDG tamén escribe sobre a natureza e procesos internos da lingua: as alternancias de lingua --en "Preguntade a calquer neniño pera" ; as interferencias --en "Cantarenas do castrapo" e na "Carta de Guan de la Era" ; e, finalmente, a asimilación.

O seu tema lingüístico máis recorrente, o cabalo de batalla de FDG, é o castrapo, síntoma e expresión lingüística do sometemento da lingua minorizada, o galego, pola lingua minorizadora, o castelán.

En "Cantarenas do castrapo" FDG fainos ver perfectamente como o paso intermedio entre o monolingüismo na lingua propia e o monolingüismo na lingua importada é un estadio de bilingüismo diglósico ?absolutamente desharmónico-- que impulsa a invasión das interferencias lingüísticas.

" ¿Bilingüismo? Sei que as cobras
teñen a lingua fendida
¿Bilingüismo é o que nos cómpre?
¿É reptiliña Galiza?"


O castrapo é o "noxentísimo andacio" que perxudica a integridade da expresión lingüística dos galegos, e que frea e impide o proceso de aceptación dunha variante formal do galego.

Neste mesmo poema FDG refírese ao problema da substitución do galego pola lingua española:

"O esquecermos o galego
para falar castelán...".

FDG, que viviu o exilio en México, recoñece o proceso da asimilación ou substitución do galego e equipárao a procesos semellantes, comparando a realidade mundial das linguas, e así, por exemplo, no poema refírese ao "anglotrapo ou ianquitrapo" -espanglish- coñecido por el de primeira man.

Xa nun artigo do ano 1967 ("Notas ó Diccionario galego-Castelán de Don Eladio Rodríguez", revista Compostela, México) FDG refírese a outras manifestacións do problema das linguas no mundo e así comenta os casos dos hispanos no sur dos Estados Unidos e compara o proceso galego co caso do hebreo en Israel.



4.

A descrición dun novo burgués de comezos de século, comerciante enriquecido pola usura, desclasado e que deriva na política por intereses exclusivamente persoais podería xerar un ensaio biográfico de interese.

Pero foi un texto literario, O porco de pé, de Risco, o texto que mellor nos aproximou ao coñecemento da popular figura do cacique. A través do humor, do escarnio, do ridículo.

A antropoloxía relacionou o humor coa sociedade dos homes e das mulleres. A ironía pode considerarse como unha forma de defensa ?ou de ataque-, segundo os antropólogos, nunha situación de conflicto social. No noso caso, xorde a retranca.



5.

Ve1aí a importancia do humor como estratexia: por exemplo, na "Carta de Guan de la Era al Doutor Nuevo Campito". O poema é unha parodia do uniformismo lingüístico, das forzas que pretenden a substitución da identidade galega pola castelá:

" ¿Pra que falarme jal1ejo
cando l'habla castelana..."

"Pra que ter d'apellidos
unas palabras tan bastas
coma Ferreira, Campelo..."


O poema é unha descrición paródica do desertor lingüístico. Coa ridiculización do personaxe Guan de la Era e das súas palabras, dirixidas con alento de apoio ao doutor Nuevo Campito (personaxe histórico, o doutor Novo Campelo, belixerante na altura contra o galego, que á volta dunha viaxe a Berlín presume de cosmopolitismo), FDG consegue un efecto interesante: ao lermos desautorizadas polo ridículo -polo escarño?as súas ideas sobre o galego, o seu discurso aliado de "adimiración" ao doutor Novo atinxe e salpica de desacreditación o propio proceder antigaleguista desa persoa histórica.

É como unha versión máis, esta vez na literatura culta de autor, entre as moitas historias populares de ridiculizacións dos desertores lingüísticos. Como o conto do angazo e do emigrante:

Un emigrante retorna de Suíza á aldea e volve falando castelán. "Yo ya te me olvidé el gallego". Cando vai camiñando por un carreiro pisa os dentes dun angazo e o pao dálle con forza nos morros. "Auh, como doe, carallo!". Ridiculízase así a quen rexeita a súa identidade a cambio doutra, ao renegado. E vén sendo este un recorrente método de defensa diante da castelanización. Un relato popular de resisténcia lingüística. Recordemos o personaxe castrapista de O documento, de Anxel Fole.

Porque este conxunto de poemas de FDG son poesía de resistencia. FDG debuxa a desfavorábel situación da lingua galega e pretende a sensibilización do receptor cara á defensa da identidade galega. Eis o foco temático profundo da súa poesía social: a identidade.

En "Cantarenas do Castrapo" escribe: "Galiza é soio Galiza/ inda que o non queira ser". E en "Loubanza dos nomes enxebres" -O soño do guieiro- fai unha exposición maxistral en defensa da toponimia galega, contra o absurdo da súa castelanización.



6.

Por que non é a lingua a que prestixia a xente, é a xente a que prestixia a lingua.

Un dos primeiros poemas de FDG trata o tema dos prexuízos lingüísticos. De 1931 é o que comeza "Preguntade a calquer neniño pera". Como naquel debuxo de Xaquín Marín onde un personaxe di "Yo llevo a Galicia muy adentro" e outro responde "Pois a ver se a ceibas pola boca", neste poema un personaxe explica: "Yo te soy más gallego que cualquiera" pero "¿como voy hablar cual los paisanos?(...) Yo te soy hombre fino, no te soy ordinario".

FDG expón o prexuízo axial da historia moderna de Galicia: falar castelán é falar ben, fina e educadamente; falar galego é falar mal, de brutos e ignorantes.



7.

Por outro lado, no poema de FDG enseguida observamos nos interlocutores a inclinación ao autoodio cando descubrimos que eses castelán-falantes aparentes -o neno pera, o señorote da calva cintilante, a rapariga feituca testa oca, etc- foron galego-falantes iniciais, como así os delatan os galeguismos do seu artificioso español: "Yo te soy..." "Mismo, mismo, no puedo afegurarme" "La Coruña", etc. Fonética, sintactica, morfolóxica léxicamente, FDG reflicte como o galego se evidencia como un estigma da verdadeira estirpe e raíz do colonizado, do asimilado, do desarraigado.



8.

O FDG de antes da Guerra comeza a participar nun proxecto emocionante: o inicio do proceso de extensión da conciencia colectiva, agora falando en termos sociolingüísticos. É o momento histórico en que aparece a contestación á diglosia, a oposición á marxinación. Organizado por unha elite intelectual e política con intereses populares, é o momento do xiro, da inflexión, da insubmisión á hexemonía do castelán, da revolta fronte á inercia da castelanización, a superación da diglosia. Son os anos do xermolo, valores nos que FDG se educa sentimental e ideoloxicamente. Son os anos da virtual transformación efectiva de Galicia, desbaratada, naquela altura, no ano 1936.



9.

FDG demostra un compromiso globalmente humano. E demóstrao a pluralidade de temas que enriquecen a súa poesía (o amor, a natureza, a xustiza, a lingua...). Coa súa poesía de tema (socio)lingüístico móstrase, tamén, como poeta social, alén do reduccionismo que supón clasificalo como imaxinista.

Florencio Delgado Gurriarán e outros intelectuais formados na Galicia do primeiro terzo do século sabíanse guieiros dunha reforma radicalmente transformadora e eran practicantes, avant la lettre, do interesante principio de Calvet no que se refire que o fenómeno de dominación lingüística é a consecuencia dunha situación de dominación política. Polo tanto, "a hexemonía lingüística combátese ante todo non no dominio lingüístico mas por medio, e no dominio, político."



10.

Nestas poucas páxinas detivémonos nalgúns aspectos da obra de Florencio Delgado Gurriarán relacionados coa historia externa da lingua, co seu estatus social, coa relación entre a nosa lingua e a nosa sociedade.

Entre os poemas de tema (socio)lingüístico procuramos tocar aspectos que consideramos aínda moi actuais no noso tempo. Nestes apuntamentos só rozamos algunhas ideas, pero consideramos que á obra de FDG lle cumpriría un estudio literario xeral en múltiples dimensións.

Hai dous temas que consideramos moi interesantes para recibiren unha ollada mais profunda que a desta aproximación superficial: a súa poesía creoula e a cuestión da normativización do galego, con respecto á que FDG ten vontade reintegracionista.


.......





Esta é umha adaptaçom dum texto publicado originalmente por Patricia Calviño Facal e Séchu Sende em Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, Ricardo Gurriarán, 1999, Ediciós do Castro.


Por suposto, recomendo efusivamente este livro que oferece umha panorámica interantíssima nom só sobre vida e obra de FDG mas sobre a Galiza do século XX.

E obrigado, Ricardo, por ter-me aberto esta porta para conhecer um pouco mais o meu próprio país.


Comentários (5) - Categoria: Geral - Publicado o 04-02-2008 13:36
# Ligazóm permanente a este artigo
Chuza! Meneame
5 Comentário(s)
1 "Penso, como Carballo calero, Paz Andrade, Rodriguez Lapa e moitos máis, que a salvazón do galego como língua de cultura está no achegamento do galego ás variantes irmás xa cultivadas, sen perder, non faltaba máis, a nosa enxebrez#blgtk08#a. Debemos aspirar á universalidade, aproveitando o insino do portugués e do brasileiro, cultivados e oficiais, mais nós temos tamén moito que darlle á FALA"

Carta de FDG a Pepe Gayoso, 1980.


Comentário por madeingaliza (05-02-2008 17:50)
2 coach factory, coach handbag outlet, coach factory outl#blgtk08#et, louis vuitton handbags outlet, coach bags outlet,
Comentário por coach factory (11-11-2012 05:34)
3 http://coachfactoryoutletonsell.com
For the purpose of timeless fashionistas, get a gentle chiffon or even #blgtk08#wide lace top generated clutch case for old pigments along the lines of rustic off white as well as washed out red
Comentário por Coach Factory Outlet (23-11-2012 08:23)
4 O libro inclúe o CD Camballón Mix nº 6, a sexta antoloxía de música galega actual, recompilada polo Clube da#blgtk08# Língua. O CD inclúe dous temas especiais: un do rapeiro Gamy, e outro de Letícia Rey, alumnos do instituto.
Comentário por Zegarki repliki (18-03-2014 10:16)
5 a hexemonía lingüística combátese ante todo non no domi#blgtk08#nio lingüístico mas por medio, e no dominio, político.
Comentário por polo ralph lauren outlet (22-12-2016 04:54)
Deixa o teu comentário
Nome:
Mail: (Nom aparecerá publicado)
URL: (Debe começar por http://)
Comentário:
© by Abertal