Robinsón buscando illa


Semieiro das ideas que non deixan durmir, dos pensamentos que se remexen por sair.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS

 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Outono no Caurel
A través da pequena fiestra vexo a auga a estrelarse contra os teitos de lousa. Nesta vella mesa desta non menos vella casa prestada,onde apousento o meu caderno, teño a arrefriar un café.
As nubes, como odres de auga, grises e inchadas, van ceibando a súa carga de outono, mollando as follas secas duns castiñeiros cobizosos, que repousan a súa preguiza nesta aldea courelá de tempo quedo .
É cedo, a luz dun amencer que parece chegar tan pausado como as nubes percorren o ceo, fíltrase entre os vidros da fiestra e o vidro dun garrafón que adorna unha xaneliña pequerrecha.
Arriba, o lixeiro renxer da madeira lémbrame que non estou só neste pequeno paraíso emprestado.
O ar recende a follas secas, a fumazo , a castañas asadas a véspera na pequena cociña de leña; o ar recende a ese outono que nos xungue a terra, terra repouso, outono de madurez camiñando cara o descanso, que non a morte, dun inverno que se presume nevarento.
Fóra , un can está ulindo a porta pechada da casa, seguro que estrañado do cheiro, descoñecido para el, destes novos habitantes.
Ao pouco, a fala dunha cabuxa e respostado por outra, nese idioma que soamente elas poden entender?Tódalas cabuxas falarán do mesmo xeito? seria bo iso de entenderse aquí e en Romanía, poñamos por caso?O can deixa de cheirar esa madeira que non fala, para seguir o rabaño, ao pouco escoitase un ? tomaaaa? que dirixe a manifestación.
Din que un non escolle onde nace, pero si pode escoller de onde quer ser. Eu síntome cómodo aquí, nesta vella e enlousada terra, silenciosa, tranquila, chea aínda dos soños de antano que percorren as corredoiras na forma de espíritos, de mouras e trasnos agochados nos recantos onde non chega a luz. Nesta terra que pariu e dou forma a Novoneira, e acubillou a Ánxel Fole. Nesta terra fértil en novos amigos, capaces de ofrecerche a súa casa, síntoma máximo da xenerosidade, a súa comida, un leito.
Teño a sorte de ser da mellor aldea do mundo, a aldea que viu nacer aos Campaneiros, a aldea que me deu a miña cultura, a miña forma de ser e pensar. A aldea que me deu froita roubada, bailes no torreiro, bicos no medio do millo, tabaco e toses na palleira, amores prohibidos cunha española, amizades eternas, un idioma de seu. O idioma.
Teño a sorte de terme criado na mellor aldea, e a de querer ser doutra aldea tan distante a ela que moitos téñenme por tolo, pero o meu celme, esa alma que non teño, esa nostalxia de querer voltar, sempre que podo, a respirar este anaco do Caurel fanme pensar de onde quero ser.
O son da madeira cambiou, arriba, espreguizándose do sono, alguén se move.
Bebo o café dun grolo, arrefriado de máis, pecho o meu caderno de pequenas memorias e subo a empinada escaleira cara a calor duns brazos que me ensinaron esta outra parte dun Caurel fai anos coñecido, que tan xenerosamente me trouxeron novos amigos, queridos amigos, que me deron outros amigos...
Comentarios (1) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 26-12-2010 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
CRISÁLIDA
crisálida
A crisálida, moura e vermella, foise abrindo paseniño,con preguiza, cun lene ruidiño a seda rota. O frío da mañá condensábase nas paredes e nos teitos , nas follas o orballo deixaba sucos de prata mentres as pingas se arroxaban en caída libre, para estourar no chan do outono.
Dentro da casa soamente había a calor mol da tenrura, e por entre as lousas do teito deixábase caer un raio da luz da mañá, que camiñaba pola parede branca con paso preguizoso.
Os movementos no interior da coroza fóronse facendo cada vez máis evidentes, adiviñándose por baixo da capa protectora o dubidoso mover das extremidades da súa habitante.
O alento xurdía a pequenas bafaradas da miña boca, mentres observaba en silencio tal acontecer.
Fora piañaba un paxaro sen nome, dando pequenos choutos no tellado, outro respondía desde o souto de castiñeiros ,cheos dos ourizos nos que gardaban o tesouro do seu froito.
Paseniño, a cabeza da bolboreta foi aparecendo por medio da tea que a envolvía, saíndo a un exterior frío e hostil. Pouco a pouco o resto do corpo foi rachando naquela pel protectora. Acheguei a miña man a ese ser perfecto, de incrible fermosura. Ela, sen medo, ou coa inconsciencia do descoñecido e dos perigos que trae, suxeitouse aos meus dedos, e dando algún paso inseguro camiñou ate a palma da miña man, agarimándome coa súa fraxilidade.
As súas ás estaban húmidas, pegadas aínda ao seu corpo polo líquido que a protexera na súa crisálida.
Acheguei a miña boca e sopreille un pouco de alento quente, paseniño, para non asustar aquel fermoso ser que se abría diante de min. Non sei se apurada pola miña calor, ou simplemente por que lle tocaba ( sego sen crerme tan importante), a bolboreta abriu por fin as súas ás a mañá, axitounas un anaco, a modiño, activando os músculos que as movían. Sopreille outra vez, vendo como as velas multicolores se axitaban pola lene presión do meu alento. Finalmente, elevou o seu vo cun bater de vento. Deu unha volta pola única habitación daquela casa, e foise pousar nunha raiola de sol, enriba dunha biga de castiñeiro tan vella como o souto.
E entón, como iluminada por unha luz interior, como a bailarina dun cabaré, toda a cor do seu vestido de festa pareceu tomar vida. O vermello, o gris , o azul e o verde pareceron coller conciencia propia. Fiquei mirándoa, en silencio, agardando que ese intre non pasase nunca,gozando de cada iridescencia do seu traxe novo, con brillos de abano de pavo real.
O tempo, esa realidade relativa, pasou nun salouco, Bolboreta ergueu o seu voo, deu unha reviravolta no aire , e como adiviñando a saída, voou pola porta que daba ao balcón, sucando o ceo frío da mañá .Saín espido ao exterior, véndoa perderse entre a follaxe.
Sorrín.
Aínda que non tornase, aínda que non a vise de novo, este pequeno pracer foi abondo. Finalmente, o frío fíxome entrar de novo, e ir poñéndome por riba a miña crisálida, a miña protección contra o exterior . Deixei a porta aberta, coa esperanza de que voltase, pero sabendo que , aínda que non o fixese, ese lene pracer que sentín, esa beleza desatada diante miña foi suficiente.
Paseniño, fun recollendo o meu saco, a miña roupa, a mochila coas miñas dúas cousas, e cando saía pola porta, polo rabiño do ollo, puiden ver unha danza de cores ao meu carón.
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 23-12-2010 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
POEMA
Poema pode ser unha palabra,
un salouco, un agarimo,
un doce sorriso, un pestanexo.
Unha pálpebra entreaberta,
un alento de esguello,
unha lingua que debuxa,
un simple anceio.
Poema é unha ollada a un mar inquedo,
a sombra mesta , no vrao, dun castiñeiro,
a pingueira suicidada estrelándose dun aleiro,
as follas esnafrándose,cun murmurio de pensamento.
Poema son tamén uns versos,
fuxidos por entre os dedos,
deitados paseniño( sssshhh)
no papel, cal branco leito.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 23-12-2010 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Cando espertes
Cando espertes estarei ollando a túa face,
agarimando coa ollada unhas pálpebras pechas,
feitas da lene pelica dos soños.
Cando abras os teus ollos,
logo do sono morte,
logo do descanso quedo,
estarei ollando o teu ser
tras un doce anaco de pel .
E eu sorrindo, coa ollada,
co doce agarimo da memoria.
e eu sorrindo, cos meus beizos,
espidos como os corpos que nos forman,
que fai un anaco vogaban xuntos
nunha maré perversa de pracer.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 14-12-2010 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
Abrente
Abrente, na fondura, dun outono humedecido. Auga limpa de refugallos , de lixos mentais, auga pura que derrama a súa inerte frescura, por un mundo podrecido e miserento.
Abrente, co esplendor de Marte conxugado, coa poesía reducida a detrito de exabruptos comentarios, a verbas valeiras de contido, onde ?merda? é unha verba de moitos significados.
Amencer de venas baleiradas do seu sangue, recheas de verde anticonxelante, frías, amorfas, mortas deidades de tempos fuxidíos, cabeiras ocas de cabezas pensantes.
Retumba o trono, tralo estourido do raio,facendo ecos asoantes , consoantes , amorfos, amortecidos, amordazados, amortallados, alienados nas ideas proscritas.
Lendo a esquela propia, ribeteada en mouro , escrita con rebuscadas letras e con palabras xa vellas cando o mergullo dos tempos eran chegados, sempre no seu eco lascivo, sempre no baño do vómito propio das palabras, do céntrico epicentro das propias veleidades .
Lendo a esquela propia e pensando, na distancia, ? aínda fun algo?, auto axuda, psicanálise, mentira auto contada, verdade esguellada, esgallada de tan sobada. E si, aínda fun algo.
Aínda que ese algo só fose simple merda, zudre da natureza podrecida de tanto amarme.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 13-12-2010 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0