Robinsón buscando illa


Semieiro das ideas que non deixan durmir, dos pensamentos que se remexen por sair.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS

 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Catro pingas
catro pingas
28/02/2007 23:02:30

Catro pingas, vai unha calor do demo, a terra cheira a lume, a ferruxe, a pan queimado. O sol bate arreo entre os carballos, e a sede corta o cuspe, converténdoo nunha maionesa intragábel. Ostias que puta calor!
Catro pingas , preciso esa auga, a do ceo, a que a natureza nos empresta( que non nos regala), esa auga que fai arrecender todo a novo, ata as máis miserentas ideas, esa auga que asolage, por un intre, os camiños da miña aldea, que faga que o lombo dos animais escomenze a soltar vapor, como se fosen arrincados dun inferno no que non creo.
Catro pingas, a terra cheira a lume , a ferruxe , a pan queimado.Abafo, arrastro o meu ser entre o pó miserento do camiño que percorro, na procura dun fuxidío soño que non remato de alcanzar.
Espellismo.
Ilusión de ver unha pouca sombra, un pouco de frescor , absurdo neste verán que nos aperta coa forza do puño dun xigante.
Ao lonxe alguén arrastra os seus pés, arrincándolle ao carreiro unha constelación de terra que, por un intre, fica voando no ar requecido. Fago un camiño, o camiño do pensamento, tan seco e morto como a corredoira que percorro coa mochila ao lombo, coas tiras a se me cravar nos ombreiros , a rozarme de tal xeito a pel que anacos dela están despelexándose e deixando unha marca cor viño nas miñas costas. Camiño coa testa caída, co suor a escorregar pola miña fazula e a golpear no chan na forma dunha pérola salgada, podo vela caer como en cámara lenta, podo ver ata as cristas que se forman no liquido cando este golpea os grans de terra, ou se cadra é a miña fantasía, unha imaxinación que escomenza a ser o único que me mantén en pé. Un pe diante do outro, un pensamento diante do outro, un latexo diante do outro...
Catro pingas, a terra cheira a lume , e eu xa non son eu, sómente son unha pantasma vagando sen máis rumbo que os meus pes que me levan , paseniño, onde eles queren, sen mais impedimento que o cansazo que veñen acumulando, que as maniotas que taladran os meus xemelgos, que a miña camiseta, ela si, asolagada da miña auga salgada...

O mar bate nas rochas, a escuma molla os penedos mouros , cubertos de algas que se amarran con forza , loitando co embate das ondas. O sol de marzal vai quecendo a area e o meu corpo espido, vou adurmiñando.

Espértame un son desagradábel, un horrible berro, entreabro os ollos e podo ver un paxaro carroñeiro pelexándose con outros da súa especie. Loitan por un anaco de peixe morto, arrincándose da boca uns a outros o despoxo.
Unha boa metáfora.
Non podo deixar de pensar nuns políticos.Sorrío, sen ganas, con esforzo, e volto a negrura do meu adormecer. Alí son eu , sen mais roupa que os meus medos máis profundos, eses medos que saen do celme e que son de difícil descrición...Eses paxaros sigen a facer ruído, cada vez máis, empeza a ser incomodo. Abro un ollo e podo ver a un deses animaliños que me olla de medio lado.Está pousado sobor dunha rocha, mírame coa cabeza virada, parece pensar no numero de bocados que precisaría para poder engulirme, e en se podería comerme tan rápido que o resto dos seus conxéneres nin se percataran da súa zampada, todo por non repartir...como os políticos os que representa.
Volto a pechar os ollos.O mar é bálsamo, guía,arrolo , peito tépedo de nai. O mar é agora azul, outra vez, con reflexos verdes e dourados, outra vez.
... " Hilillos como de plastilina salen del barco...La presión solidificará...No hay peligro...La población no debe alarmarse...Las playas estan impolutas ( impolutas rima co nome da nai desos individuos)...plastilina...impolutas...hilillos...situación controlada...."

" Apura, foder, trae dunha vez o capacho, ostia, que sube a marea...¿ chegou á Lanzada?"

O cheiro é fedorento, a fuel, a chapapote, a morte.As mans mergúllanse nesa sustancia xelatinosa, tan moura que as sombras non se reflicten nela.Os anteollos de protección non poden evitar que teña o lacrimal irritado, e as bágoas, non se sabe se de irritación ou de dor, esvaran pola fazula.

Antes tiña unhas luvas vermellas, agora trocaron de cor, e o peor é que esa sustancia xa revasou a súa capacidade e inunda o interior, manchando a pel de algo difícil de limpar, tan difícil como a lembranza que ficará de todo isto; tan mouro como a conciencia dos cazadores de osos, dos propietarios de zapatos de pel, dos acusadores de fotos demagóxicas, dos mentiráns gobernantes que, por desgraza, sempre lle tocaron o meu pobo.

Antes a miña funda era branca, ela si, impoluta, agora é un puro contraste, como a viñeta dun cómic, un Sim City ben ilustrado. A merda, perdón pola miña linguaxe soez, señores da gaivota, alcánzame o peito, e cóbreme as mangas , soio fica de cor branca un pequeno espazo, entre o pescozo e as tetas, un oco curiosamente romboidal, como o dun super-heroe, " super enmerdado", o anagrama ben podía ser ...unha gaivota morta...

Escribo co dedo, aproveitando a negrura da tinta que tanto abunda, nunha recen caleada parede " benvidos a república galega, aproveiten antes de que os monárquicos españois a fodan" o Xan ( chamémoslle así) rise, e eu explícollo no meu mal castelán( Xan, chamémoslle así , e un catalán miúdo, con mais hosos que carne, vexetariano el, bueno, vexetariano ata que probou o lacón con grelos de miña nai, ) Que coma sempre, os nosos mandamais foxen a todo meter cando hai problemas, e como sempre, é o pobo o que se tira ao monte, ou ao mar, a resolver coas súas mans e o seu maxín, o que outros cobran por arranxar."Mira arredor, dígolle, todos estes veñen por que sí , por que no fondo saben o que realmente aman" El rise e dáme unha pancada no lombo, " Infeliz..." sorrí.

O sol vaise metendo, paseniño, con medo de mergullarse no mar mouro.Nós camiñamos cansos, cheos de chapapote, a rúa é silenciosa, a xente camiña por ela como pantasmas, o corpo inda metido nas noxentas fundas, unha muller sae dunha porta " queredes auga, miniños" , Dicimos que si, como xa lle dixemos a outra muller que saíu dous portais mais abaixo co mesmo ofrecemento.Ríome para dentro, uns días antes era viño ou cervexa o que ofrecían, pero case que ninguén aceptaba, o sabor dos vapores que despedía a roupa era tan noxento que beber calquera cousa que non fose auga facía trousar.

Chegamos á casa de dona Carme,a viúva do Roxo; ali agárdanos unha ducha quente, un vaso de viño( agora si) e unha cea. " que tal hoixe , mociños" "Mellor, dona Carme, mellor" " mintides mal, raparighos, mintides mal...." e sorrí. Dona Carme ten máis de oitenta anos. É cega. Perdeu a vista fai máis de de vinte anos.Somentes tres anos despois de que o seu marido e os seus dous fillos ficaran para sempre a durmir no mar, " durmir no mar" así foi como ela nolo dixo." total, pro que hai que ver, manda carallo, que aghora ghobernannos os que antes casi me afusilan...e non habían de morrer, coño..." Os seus ollos grises, valeiros, parecen cobrar vida por un intre, cunha faísca de carraxe, pero logo dulcifica..." ...polo menos coxea , da perna esquerda...tomou polo cu...". Ríome, tradúzollo o Xan, rimos os dous, e o pouco únesenos dona Carme..." hai, carallo, como se vos ve o plumeiro, recoño..." Máis risas, certamente, é o máis doce que nos ten acontecido en todo o dia...Entre conversas informais, mesturadas de comentarios profundos, o fusco vai pasando.

Dona Carme morreu fai ano e medio. Entereime o mes pasado. Xan veu de vacacións e pasou pola súa casa. Vímonos esa tarde e fomos a beber unha botella na súa honra, empregamos a súa lápida de improvisada mesa e verquemos , sobor dela, o que sobrou do viño...Máis tarde paseamos polas praias, agora si, impolutas ...O xan marchaba de Brigadista para Irak, "estás tolo" dígolle"¿tes envexa?" é a súa resposta, "xa sabes que si..." O Xan, bo home, libre de certo, libertario...e inxenuo, ...ou cecais non, cecais o inxenuo sexa eu...
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 22-11-2010 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
Venus
Venus


Venus xurdiu, púdica, entre as ondas dun mar inquedo, apoiada cos pes espidos nunha cuncha. Venus navegou ceibe, ate que unha ninfa envexosa tentou cubrila cun manto, tentou agochar a beleza dun corpo espido coa beleza dun manto de ouro; un burca de tea e metal para ocultar unha desnudez fráxil , etérea , sensual .

Venus atracou a súa nao nunha praia esquecida, brindando ao sol a súa fermosura de xénero, os seus seos cor leite, o seu pube dourado.

E o sol envexou aos humanos por ter mans e poder tocala, beizos e bicala, por ter ollos que se extasiasen na súa ollada.

E o mar rompeu en escuma, bruou de arrepentimento por deixar partires a esa Venus de curvas perfectas, esa perla de nácar iridescente.

E a lúa sorriu compracida, por ficar sen competencia nun ceo aborrecido.

Venus chegou, tras do asubío dun imberbe varón, suxeitado polos brazos dunha femia ciumenta, incapaz de ver a xenerosidade coa que a deusa regalaba o seu corpo de muller a unha humanidade ponzoñenta e mortal.

E as portas abrironse a un val, que daba a un mar, no que batía a escuma e os ventos alancaban por agarimar unha pel espida , namentres, icona de beleza, a fonte da eterna xuventude cinguía o van da deusa .

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-11-2010 22:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0