Robinsón buscando illa


Semieiro das ideas que non deixan durmir, dos pensamentos que se remexen por sair.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS

 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CRISÁLIDA
crisálida
A crisálida, moura e vermella, foise abrindo paseniño,con preguiza, cun lene ruidiño a seda rota. O frío da mañá condensábase nas paredes e nos teitos , nas follas o orballo deixaba sucos de prata mentres as pingas se arroxaban en caída libre, para estourar no chan do outono.
Dentro da casa soamente había a calor mol da tenrura, e por entre as lousas do teito deixábase caer un raio da luz da mañá, que camiñaba pola parede branca con paso preguizoso.
Os movementos no interior da coroza fóronse facendo cada vez máis evidentes, adiviñándose por baixo da capa protectora o dubidoso mover das extremidades da súa habitante.
O alento xurdía a pequenas bafaradas da miña boca, mentres observaba en silencio tal acontecer.
Fora piañaba un paxaro sen nome, dando pequenos choutos no tellado, outro respondía desde o souto de castiñeiros ,cheos dos ourizos nos que gardaban o tesouro do seu froito.
Paseniño, a cabeza da bolboreta foi aparecendo por medio da tea que a envolvía, saíndo a un exterior frío e hostil. Pouco a pouco o resto do corpo foi rachando naquela pel protectora. Acheguei a miña man a ese ser perfecto, de incrible fermosura. Ela, sen medo, ou coa inconsciencia do descoñecido e dos perigos que trae, suxeitouse aos meus dedos, e dando algún paso inseguro camiñou ate a palma da miña man, agarimándome coa súa fraxilidade.
As súas ás estaban húmidas, pegadas aínda ao seu corpo polo líquido que a protexera na súa crisálida.
Acheguei a miña boca e sopreille un pouco de alento quente, paseniño, para non asustar aquel fermoso ser que se abría diante de min. Non sei se apurada pola miña calor, ou simplemente por que lle tocaba ( sego sen crerme tan importante), a bolboreta abriu por fin as súas ás a mañá, axitounas un anaco, a modiño, activando os músculos que as movían. Sopreille outra vez, vendo como as velas multicolores se axitaban pola lene presión do meu alento. Finalmente, elevou o seu vo cun bater de vento. Deu unha volta pola única habitación daquela casa, e foise pousar nunha raiola de sol, enriba dunha biga de castiñeiro tan vella como o souto.
E entón, como iluminada por unha luz interior, como a bailarina dun cabaré, toda a cor do seu vestido de festa pareceu tomar vida. O vermello, o gris , o azul e o verde pareceron coller conciencia propia. Fiquei mirándoa, en silencio, agardando que ese intre non pasase nunca,gozando de cada iridescencia do seu traxe novo, con brillos de abano de pavo real.
O tempo, esa realidade relativa, pasou nun salouco, Bolboreta ergueu o seu voo, deu unha reviravolta no aire , e como adiviñando a saída, voou pola porta que daba ao balcón, sucando o ceo frío da mañá .Saín espido ao exterior, véndoa perderse entre a follaxe.
Sorrín.
Aínda que non tornase, aínda que non a vise de novo, este pequeno pracer foi abondo. Finalmente, o frío fíxome entrar de novo, e ir poñéndome por riba a miña crisálida, a miña protección contra o exterior . Deixei a porta aberta, coa esperanza de que voltase, pero sabendo que , aínda que non o fixese, ese lene pracer que sentín, esa beleza desatada diante miña foi suficiente.
Paseniño, fun recollendo o meu saco, a miña roupa, a mochila coas miñas dúas cousas, e cando saía pola porta, polo rabiño do ollo, puiden ver unha danza de cores ao meu carón.
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 23-12-2010 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
POEMA
Poema pode ser unha palabra,
un salouco, un agarimo,
un doce sorriso, un pestanexo.
Unha pálpebra entreaberta,
un alento de esguello,
unha lingua que debuxa,
un simple anceio.
Poema é unha ollada a un mar inquedo,
a sombra mesta , no vrao, dun castiñeiro,
a pingueira suicidada estrelándose dun aleiro,
as follas esnafrándose,cun murmurio de pensamento.
Poema son tamén uns versos,
fuxidos por entre os dedos,
deitados paseniño( sssshhh)
no papel, cal branco leito.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 23-12-2010 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Cando espertes
Cando espertes estarei ollando a túa face,
agarimando coa ollada unhas pálpebras pechas,
feitas da lene pelica dos soños.
Cando abras os teus ollos,
logo do sono morte,
logo do descanso quedo,
estarei ollando o teu ser
tras un doce anaco de pel .
E eu sorrindo, coa ollada,
co doce agarimo da memoria.
e eu sorrindo, cos meus beizos,
espidos como os corpos que nos forman,
que fai un anaco vogaban xuntos
nunha maré perversa de pracer.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 14-12-2010 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
Abrente
Abrente, na fondura, dun outono humedecido. Auga limpa de refugallos , de lixos mentais, auga pura que derrama a súa inerte frescura, por un mundo podrecido e miserento.
Abrente, co esplendor de Marte conxugado, coa poesía reducida a detrito de exabruptos comentarios, a verbas valeiras de contido, onde ?merda? é unha verba de moitos significados.
Amencer de venas baleiradas do seu sangue, recheas de verde anticonxelante, frías, amorfas, mortas deidades de tempos fuxidíos, cabeiras ocas de cabezas pensantes.
Retumba o trono, tralo estourido do raio,facendo ecos asoantes , consoantes , amorfos, amortecidos, amordazados, amortallados, alienados nas ideas proscritas.
Lendo a esquela propia, ribeteada en mouro , escrita con rebuscadas letras e con palabras xa vellas cando o mergullo dos tempos eran chegados, sempre no seu eco lascivo, sempre no baño do vómito propio das palabras, do céntrico epicentro das propias veleidades .
Lendo a esquela propia e pensando, na distancia, ? aínda fun algo?, auto axuda, psicanálise, mentira auto contada, verdade esguellada, esgallada de tan sobada. E si, aínda fun algo.
Aínda que ese algo só fose simple merda, zudre da natureza podrecida de tanto amarme.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 13-12-2010 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Impas entre trebóns
Impas entre trebóns,
ar quecido dun outono atípico,
mexer das follas que penduran,
grilandas mortas dunha festa.
Salouco de inverno,
chiscada de ollos.
Samhain roubado.
Castañas sabor a lume, viño novo en elixir.
Mergullo no onte e no antonte,
Na sombra dun mundo esmorecente,
reflexo dun arcaico Parnaso,.
Nubes xogando a ser formas,
entre os cabelos das árbores alopécicas,
Orballo, néboa , escintileos das estrelas.
Ollos que voltan olladas doutros ollos ,
que voltan unha ollada.
Tornando os paxaros do maxín.
Sons de vento de gaita, e redobres de pelica.
Fume.
Memoria que torna,
nun sorriso,
a outras memorias fuxidas.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 28-11-2010 00:09
# Ligazón permanente a este artigo
Nao
Ollando, ao lonxe ,
un barco, unha nao,
sen proa, sen popa,
sen mastro,
sen velas
sen dirección.
Máis eu vogando.
Turrando dos remos rexos,
cravando nas ondas a pá,
vencendo a resistencia forte,
rexa,
dura,
dunha maré .
Loitando, tronando ao lonxe,
con ondas que creban o ar,
que asolagan,
que feren,
que proen.
Máis eu vogando.
Cunha costa esvaecida,
mesturada na invernía,
escura e gris,
sen máis faro
que unha lúa mentireira,
feiticeira,
enganosamente agarimosa.
Máis eu, vogando,
nesta nao,
neste camiño incerto
a un certo e esvaradío
por vir.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 26-11-2010 19:50
# Ligazón permanente a este artigo
Rumbo a ti
Rumbo a ti, nun mar calmo, escoitando o balbordo dunha xente metida nos seus mundos, falando en voz alta do seu dia de traballo, dos ligues de fin de semana ,do prezo da barra de pan, que non deixa de subir, porque claro, a como se está poñendo o gasóleo, pois iso, que toda a culpa e do euro e da nai que os pariu, que eles están de puta nai.
Outros adormecen co sol que entra polas ventaíñas, outono quente . Algúns len un xornal con novas caducas, de onte, resesas con sabor a frescas, repetidas un millón de veces cada xornada: Crise, e a de Alba que se casa. Paro, e a raíña de paseo por algún pobo remoto, campechana ela, baixo o seu casco de laca, protexida por mastodontes dun pobo que se supón que a ama , benvido sexa, míster Marshal, a esta vila innombrada.
Rumbo de novo a ti, de novo , de vello,rumbo a uns ollos mar, a uns beizos ceo, un cabelo sol, rumbo a uns peitos monte, a unhas pernas porta, a uns dedos flor.
Ondas que fan mover o barco, barco refuxio, barco berce, barco camiño a túa calor, camiño as mareas do teu van, mexer de arrolo quente, con escuma branca en beizos vermellos. Ondas de pracer que arrolan. Apreixando unha area esmorecida, que se deixa levar coa intensidade da maré.
Barco que navega ao teu corpo, océano de praceres infindos.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 25-11-2010 20:20
# Ligazón permanente a este artigo
Hepático
Abrúame o silencio, máis tamén o ruído.
As verbas, os amigos, os amores correspondidos, os que non se corresponden, por esquivos . Abrúame o pensar, a dor, a responsabilidade de ser responsable.
Encabúxome, consecuencia inconsecuente, canto tropezo co inxusto; son inxusto coa xustiza.
Tiro a pedra e escondo a man, mexo na botella na que bebe o capital, e comparto nunha cunca o seu contido.
Estou cando quero, cando saco proveito, cando vexo un beneficio.
Invento contos de fadas con final feliz, nas que son un príncipe azul, un heroe de escintilante armadura, un matador de dragóns e roubador de virgos. Abro os ollos, miro as mans, cansas, curtidas, cortadas, lixadas polo tempo e a memoria. Apreixo o sapo ate rebentarlle os ollos, non sexa que remate convertido nun Borbón.
Saco os lentes que me fan ver todo dunha cor distinta, distorsionando a realidade. Fume.Cogomelos dos bos, dos que non son comestibles, dos que se prohiben. Camiño só,dunha man acolledora.
Aborrezo o adorable, bizarro, son un troiano na memoria, fitándolle a Helena por debaixo da túnica .
Empático , apático,simpático, hepático. Alcohólico de kas limón, axitado, non mesturado. Adicto a perfumes febles, a recendos corporais .
Estou canso, vou durmir.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 25-11-2010 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
presentando
Vou ir deitando eiquí anacos arrincados do meu primeiro blogue. Non acaerán na orden en que foron publicados, ireinos poñendo segun me pete, por que si, por ser este o meu espazo para a vanidade.
Irei parindo ademáis cousas novas, que me vaian xurdindo e que me apeteza transcribir a este teclado de letras esvaecidas, porque eu inda escrebo en papel, con letras tortas e enmendas varias que logo , se me prace, dou a ver. E non é por ter nada que aportar, esa querencia deixolla a os que escreben con bufanda, pipa e anteollos de pasta, salvadores do mundo con catro letras e en exceso querentes de poltronas de satén. É, sinxelamente, por que cando alguén se molesta en ler un pouco, e se esa lectura son eu, e se consego decir algo que faga aínda que sexa retorce-lo bico( para sorrir ou cuspir), xa me dou por ben pago.
Nada máis dou, ren máis quero.
Se por riba deixas aínda que soio sexa un " OLA", que máis podo pedir?
Un beixo para os que pasedes por esta , a vosa casa.
Lucio
Comentarios (1) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 22-11-2010 22:24
# Ligazón permanente a este artigo
Esfinxe
Esfinxe
04/04/2010 18:32:00

Ollando aos ollos da Esfinxe, de face impasible e sorriso de pedra.

Ollándoa en fite, sen pálpebras que pestanexen.

Ollándoa e non lendo, non sabendo, non pensando, non falando.

Ollándoa, sen sintonía mental, sen saber o que agochan os seus ollos de area, sen poder interpretar nin un só dos alentos.

Ollándoa, tentando que a súa aura me penetre, tentando penetrarlle o pensamento.

Ollándoa, como a unha pedra Roseta, pobre Champolión afeccionado, sen pautas, sen verbas, sen anatemas.

Ela sorrí, imposible, enigmática, distante, nunha dimensión paralela, debuxa un xesto na súa boca, entre riso e saudade, entre sorna e compracencia.

E a area, coma un pensamento recorrente, cobre todo .

Area de tempos idos,area que noutrora tamén foi pedra, anaco de sorriso doutras esfinxes, tanxendo un ruxerruxe de marea.

Falará, algún dia, fuxirá dese mutismo sagrado, do deserto máis antergo.

Voltarán a estarricarse as súas gadoupas, e con voz de trono, ou de lúa chea, retomará a vella historia dos acertixos, para perder as almas dos camiñantes que sen querer, ou cecais querendo,pasen preto dela.

Porque o inferno non será tan inferno, se vas recomendado por ela.

Porque o ceo será inferno, sen a súa ollada tenra.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 22-11-2010 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0