Robinsón buscando illa


Semieiro das ideas que non deixan durmir, dos pensamentos que se remexen por sair.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS

 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Silencio
Hai silencio no alto do cumio. Silencio. Nin un motor, nin unha voz, nin sequera un pequeno son que proceda do ser humano. Non vexo construcións, nin valados,nin aramios, nin tan sequera un anaco de plástico.
Hai silencio, nese vento que me agarima, nese sol que racha nas nubes brancas dunha primavera aínda moza.
Hai silencio nos agromos aínda novos das follas dos castiñeiros e dos carballos. No canto lonxán dun paxaro novo.Silencio.
En silencio, unha nube percorre un mar azul, navegando nun ceo infindo ,eterno, que se racha en ondas de silencio no cume que oculta o horizonte. Silencio.Veleiro branco de soños perdidos, de soños virxinais por non soñados, prostituídos por soñalos de máis. Veleiro sen forma, de velas arriadas, que se deixa arrolar nun silencio de ventos moles.
Silencio na brisa que, nun murmurio mudo, agarima aos novos xermolos da herba miúda que principia a crecer por entre os penedos.
Hai silencio, por fin, na miña cabeza.Silencio de ideas, de trebóns , de berros desaforados, silencio de mentiras e verdades, silencio de verbas.Silencio.
Silencio de baleiros, de cousas cheas á presa, de saturacións non desexadas e indesexables. Silencio.
O son que non existe dunha man que agarima, dun sorriso disimulado tras dunha ollada. Silencio nun corazón que latexa. Silencio.
Hai silencio aquí, no cumio, neste monte , neste anaco atemporal da historia, neste fusco dun sol que xa se esvaece tras da outra parte dun mundo que din redondo. No tempo que pasa sen medir por un reloxo, cando un segundo e unha eternidade , e un ano un salouco. Hai silencio e eu, por fin, respiro, aspirando esa quietude do son que me rodea, deixando que cada átomo dese non-ruido , vaia enchéndome por dentro , disgregándome, disolvéndome, esparexéndome neste berce coa forma do ar que me moldea . Silencio. Silencio. Silencio
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 05-12-2011 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
O home perfecto
Estiven revisando estes pequenos anacos de vaidade que vou deixando deitados neste espazo, e en moitos deles falo do amor, ou de desamor. Falo de varios tipos e maneiras de amor. Hoxe vou contar unha historia que lin fai moitos anos, esta distorsionada polo tempo, pero aínda conservo a esencia na miña memoria.
Dous vellos coñecidos da infancia, atopáronse un dia , preto da súa morte, no cumio dun monte sagrado.
Abrazáronse, contáronse un millón de historias, choraron, riron, paráronse a ollar o fusco dende un penedo mirando o fronte. Namentres o sol se ia deitando detrás dos castiñeiros cargados de ourizos,empezaron a falar do amor.
_ Eu coñecín unha muller, a verdade e que non era moi fermosa, nin tampouco moi intelixente,pero gustámonos, e o remate casamos e tivemos dous fermosos fillos, que nos coidaron deica o remate . Fun feliz. E ti?
O amigo meditou a resposta, mirou o seu compañeiro , cheo de san envexa e logo dunha pausa, empezou a falar.
_Eu coñecín unha muller, era fermosa, abofé, moi fermosa, pero con ela non tiña nada de que falar, era valeira e frívola. Non nos foi ben.
Fixo unha pausa, lembrando, cun sorriso .
_Logo coñecín outra muller, intelixente por demais, perfecta na conversa e no sexo, pero carecía de beleza.Non funcionou. Máis adiante, andada a vida, unha muller pasou cabo de min, era unha muller fermosa, de moita intelixencia, pero algo fallaba na cama, rematei por deixala.
Agora, co sol xa case metido de todo, coa follaxe medio seca iluminada polo derradeiro salouco dun sol moribundo, o ancián fixo unha pausa máis longa, remexeu a terra coa punteira do seu caxato , escorregoulle un sorriso pola súa boca vella e unha bágoa tenra pola súa fazula,
_Finalmente, coñecín a unha deusa, unha muller extraordinaria: Fermosa, intelixente , xenerosa na vida, pracenteira no sexo, de riso sempre a punto, con mil ideas, mil respostas, millóns de charamuscas na súa clara ollada....
_ Máis iso é perfecto!, (aledouse o seu amigo, ). Por fin atopaches o que buscabas: a muller perfecta, de seguro que fuches moi feliz con ela...
_Non, foi a resposta do vello. O final non puido ser.
_Entón?, preguntou preocupado o amigo, namentres apoiaba a súa man no ombreiro do seu compañeiro. Qué pasou?
Un sorriso derrotado brotou da comisura da boca.
_Ela tamén buscaba o home perfecto.
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 05-12-2011 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
Os peitos da cabritiña
Agardando outrora a luz do fusco, cos oídos aínda medio axordados do volume da música de onte, co corpo magoado da falta de sono, e do exceso de cervexa.
Noctámbulo, nesa hora na que o maxín pode tornar a outros estados do tempo e á case materia do recordo.
Unha orquestra fai o seu traballo encima dun escenario multicolor, con luces , confetti, unha moza escasa de roupa e un cantante tan entrado en anos que podería ser o Cid gañando batallas trala morte...
Estou na miña aldea, ese anaco de terra, ese pequeno recanto que inda consegue facerme sentir parte dun algo case esvaecido, e nembergantes,o desasosego , o desarraigo faime un pouco alleo.
Son as caras de sempre, as de tódolos anos, un detrás doutro, as que podo ver na xente que me rodea.
Son as caras de cando neno, con mais sucos na súa pel, algúns abdomes máis recheos, algunhas tetas máis caídas, algunhas testas máis despexadas .
O tempo non pasa en van, aínda que queiramos, e vai deixando en nós as feridas do seu pasar.
Como nenos vellos, a iso das catro da mañá, bailamos? Paquito Chocolatero ? (hai que foderse) collidos da man e rindo como pampos...esa felicidade do alcohol, é a escusa que podo poñer...
Pasado Paquito, a muiñeira de Chantada, unha ou dúas cancións de Los suaves, e outra horrenda , nun suposto portugués, que di algo así como ...? eu gosto de mamar, nos peitos da cabritiña...?... en fin, nada e importante a estas horas da noite , e dende logo non e intre de escoitar a Sabina.

Comentarios (1) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 17-08-2011 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
SUOR
Ollando o interior mol da arxila húmida. Agarimando coas mans espidas esa masa informe que xira, constante e paseniñamente, co run-run do torno de pé.
Pechando os ollos e deixando irse a conciencia polos dedos, namentres o oco que se forma na bola de barro toma a forma dunha cunca, e logo dun pote e logo dunha xerra e logo dun prato, e logo a forma quente e branda das tetas dunha muller espida.
E tras das tetas a cova da clavícula, da que arrinca un pescozo soporte de ollares e sorrisos.
Un van curvo, preto, base, forma de bico de botella, marcado polo embigo orixe, principio que é nada, pois nada é un burato, baleiro de todo e comezo da vida .
E logo do ventre montes de deusas para escalar, para rubir devagar parándose en cada pregue, en cada sombra que acubilla na súa humidade.
Cordilleiras de xeonllos pregados, de nocellos espidos, de dedas saborosas.
Vales de antecóbados , de antebrazos, de pulso latexante, de dedos que apreixan ar e pracer.
Ocos de beizos húmidos , camiño dun interior carnoso, pasadizo infindo á auga de verán, agardada nas sombras do fusco estrelecido , sudoroso, pudoroso, impúdico, abafante.
Espertar dunha sesta cálida , dun verán pastoso da calor asolagante.
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 30-07-2011 18:30
# Ligazón permanente a este artigo
TOMEMOS A RÚA
Tomemos a rúa,outrora.
Que as rúas de pedra redobren
ao son dos pes espidos.
Que as congostras se enchan
do repenique dos zocos.
Tomemos rúas, camiños ,prazas;
praias, campos e torreiros.
Tomémolas e ergamos a vista do chan,
miremos fite a fite aos ollos ao inimigo,
chantándolle na cara a súa vergoña,
pois e súa, que non e nosa.
Tomemos a rúa en festa,
fagamos que se escondan nos
suburbios que crearon para mexarnos enriba.
Pois hoxe, amigos, cando mexan por nós,
xa non temos que dicir que chove.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 27-05-2011 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
Mascarón
Nao de pedra,
Mergullada en ondas de chumbo,
Nunha virada longa, sen máis porto
que o baleiro.
Nao de pedra,
Navegando sen rumbo,
Trebón asolagante,
de algas mortas.
Ollando
Na proa,
O intre
Exacto
Da dor xusta.
Fico
No lonxe mesto
Das ideas non nadas,
Das palabras non ditas,
Dos desexos insatisfeitos.
E como un mascarón de proa,
Confío.

Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 15-05-2011 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
a peito crebado
A peito crebado,
un berro seco,
un salouco , un laio,
A peito crebado.
Ouveo de can arrepiado,
devecendo a morte infinda
dun soño eterno.
Fusco da razón da xente,
inerte masa gris,
nun país de nunca xamais .
A peito crebado,
un berro seco,
un salouco , un laio,
A peito crebado.
Comentarios (0) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 14-05-2011 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
Verbas
Verbas que non se din, que fican agochadas na memoria,
e van, e veñen, como unha bambán.
Condenadas a ser ditas pero sen que saian da boca.
Verbas metidas baixo a lingua, suxeitas con gadoupas de lume
á gorxa seca de non falar, de non tragalo cuspe velenoso.
Verbas complexas, pregadas baixo o control fatuo
dun espellismo de ferida curada .
Verbas que din perdón, desculpa, síntoo moito :
Errei.
Trabuquei as intencións, mais pensas mal sen ser preciso.
É tan doado cuspir veleno, trocar o riso
nun aceno de dentes violentos ,tan doado fuxir,
que se prefire iso a unha ollada.
E aínda que fiquen reproches,
aínda que a verdade non se dixera toda,
que ben a ser o mesmo que mentir de vez,
é tan preciso o bálsamo do recoñecemento, do coñecemento.
Verbas que non se din, por iso proen,
moito , tanto tempo,
que ate que saian, mesturadas con zume salgado de ollos,
que se deiten canda o derradeiro reproche,
non deixarán de ser biles ,que acede o interior dun corazón xa corroído
polas mesmas verbas apreixadas .
?Síntoo?.
As veces non vale.
?Perdoa? .
As veces non se quer.
? Déixame que che diga?.
As veces non se quere oír.
Mellor navegar na ira, porque ela si nos é fiel,
ela si nos alimenta, ou polo menos, enche o espazo que non ocupa
un novo comezo.
Comentarios (2) - Categoría: retrousos para que ninguén lea - Publicado o 10-03-2011 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
Tómannos por gilipollas ou directamente pasan de nós?
Estas datas, logo das festas do Nadal , estanse a medio encher os comercios do no noso país de xente cargada de bolsas ( non tanto) a rebulir na procura dunha ganga, unha rebaixa no prezo da roupa ou do calzado ( compre tres y pague cuatro, oigaaaaa!!!!)
ESTAMOS NAS REBAIXAS!!!!
Cousa que a dicir verdade , a min nin me vai nin me vén , teño roupa abondo e os meus zapatóns han durar un aniño máis; e a fin de contas, ao remate sempre termina por caerche algo de alguén a quen lle soben as endomorfinas mercando barato e ben , así que sempre hai que deixar un oquiño no roupeiro; que un pode ser hipi, pero non é desagradecido.
Ao caso: paseando á saída do choio de cara a estación de RENFE (estes si que non fan rebaixas nin p?a dios), non podo evitar ir ollando os escaparates de vagar : as cores, os bonecos en poses??sexis? (apuntamento, hai que dicirlle aos donos das tendas que poñan calefacción nos escaparates, se vos fixades, de fai un tempo para aquí, as manequies sobresáenlle as mamilas cousa mala, miñas probes),as xentes entrando e saíndo con bolsas, remexendo na roupa, os carteis de ¡¡¡¡¡REBAJAS !!!!!¡¡¡¡¡REBAJAS!!!!!?
E este é o asunto, os carteis; os carteis e unha das miñas teimas: O idioma.
A cartelería en galego volta a ser minoritaria, non sei por que será..., pero é que iso xa non é o problema agora( ao desprezo estamos xa acostumados, a lo mellor de máis, durante séculos ): Quedei pampo diante dun cartel que tiña a palabra ?rebaixas? en castelán, catalá, éuscaro, inglés,? pero non en galego. Olleino ben un anaco( mágoa non ter a cámara de fotos), reviseino varias veces, e non atopei ?rebaixas? por ningures, pensei que sería un erro de impresión, non fora a ser que se lles despegase no camiño, e ollei os outros dous carteis que o xigantesco escaparate da tenda tiña : todos iguais? E agora vai a pregunta, a ver se alguén me pode responder?Se a tenda que vin é unha tenda a nivel estatal, e a cartelería se supón que ven feita de Madrí?ummm? como dicilo, sen que soe a teoría da conspiración?Tómannos por gilipollas ou directamente pasan de nós? A tanto chega o desprezo? E que mira que non podo entender ( sen contar con a proximidade fronteiriza con Portugal) que se esqueceran de por REBAIXAS nun carteliño de merda?
Como xa vou maior e estas cousas xa non me afectan do mesmo xeito, teño claro que falo unha lingua que vai soportar todos os trallazos que os españolitos nos manden( posto que xa o fixo no medievo, mais recentemente coa dictadura do tío Paquito, e agora mesmo co aprecio que parece darlle o señor Feighoo). Pero unha cousa si teño clara, cando precise uns calzóns, xa sei en que tenda non entrar...
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 15-01-2011 11:16
# Ligazón permanente a este artigo
Outono no Caurel
A través da pequena fiestra vexo a auga a estrelarse contra os teitos de lousa. Nesta vella mesa desta non menos vella casa prestada,onde apousento o meu caderno, teño a arrefriar un café.
As nubes, como odres de auga, grises e inchadas, van ceibando a súa carga de outono, mollando as follas secas duns castiñeiros cobizosos, que repousan a súa preguiza nesta aldea courelá de tempo quedo .
É cedo, a luz dun amencer que parece chegar tan pausado como as nubes percorren o ceo, fíltrase entre os vidros da fiestra e o vidro dun garrafón que adorna unha xaneliña pequerrecha.
Arriba, o lixeiro renxer da madeira lémbrame que non estou só neste pequeno paraíso emprestado.
O ar recende a follas secas, a fumazo , a castañas asadas a véspera na pequena cociña de leña; o ar recende a ese outono que nos xungue a terra, terra repouso, outono de madurez camiñando cara o descanso, que non a morte, dun inverno que se presume nevarento.
Fóra , un can está ulindo a porta pechada da casa, seguro que estrañado do cheiro, descoñecido para el, destes novos habitantes.
Ao pouco, a fala dunha cabuxa e respostado por outra, nese idioma que soamente elas poden entender?Tódalas cabuxas falarán do mesmo xeito? seria bo iso de entenderse aquí e en Romanía, poñamos por caso?O can deixa de cheirar esa madeira que non fala, para seguir o rabaño, ao pouco escoitase un ? tomaaaa? que dirixe a manifestación.
Din que un non escolle onde nace, pero si pode escoller de onde quer ser. Eu síntome cómodo aquí, nesta vella e enlousada terra, silenciosa, tranquila, chea aínda dos soños de antano que percorren as corredoiras na forma de espíritos, de mouras e trasnos agochados nos recantos onde non chega a luz. Nesta terra que pariu e dou forma a Novoneira, e acubillou a Ánxel Fole. Nesta terra fértil en novos amigos, capaces de ofrecerche a súa casa, síntoma máximo da xenerosidade, a súa comida, un leito.
Teño a sorte de ser da mellor aldea do mundo, a aldea que viu nacer aos Campaneiros, a aldea que me deu a miña cultura, a miña forma de ser e pensar. A aldea que me deu froita roubada, bailes no torreiro, bicos no medio do millo, tabaco e toses na palleira, amores prohibidos cunha española, amizades eternas, un idioma de seu. O idioma.
Teño a sorte de terme criado na mellor aldea, e a de querer ser doutra aldea tan distante a ela que moitos téñenme por tolo, pero o meu celme, esa alma que non teño, esa nostalxia de querer voltar, sempre que podo, a respirar este anaco do Caurel fanme pensar de onde quero ser.
O son da madeira cambiou, arriba, espreguizándose do sono, alguén se move.
Bebo o café dun grolo, arrefriado de máis, pecho o meu caderno de pequenas memorias e subo a empinada escaleira cara a calor duns brazos que me ensinaron esta outra parte dun Caurel fai anos coñecido, que tan xenerosamente me trouxeron novos amigos, queridos amigos, que me deron outros amigos...
Comentarios (1) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 26-12-2010 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0