Robinsón buscando illa


Semieiro das ideas que non deixan durmir, dos pensamentos que se remexen por sair.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS

 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CRISÁLIDA
crisálida
A crisálida, moura e vermella, foise abrindo paseniño,con preguiza, cun lene ruidiño a seda rota. O frío da mañá condensábase nas paredes e nos teitos , nas follas o orballo deixaba sucos de prata mentres as pingas se arroxaban en caída libre, para estourar no chan do outono.
Dentro da casa soamente había a calor mol da tenrura, e por entre as lousas do teito deixábase caer un raio da luz da mañá, que camiñaba pola parede branca con paso preguizoso.
Os movementos no interior da coroza fóronse facendo cada vez máis evidentes, adiviñándose por baixo da capa protectora o dubidoso mover das extremidades da súa habitante.
O alento xurdía a pequenas bafaradas da miña boca, mentres observaba en silencio tal acontecer.
Fora piañaba un paxaro sen nome, dando pequenos choutos no tellado, outro respondía desde o souto de castiñeiros ,cheos dos ourizos nos que gardaban o tesouro do seu froito.
Paseniño, a cabeza da bolboreta foi aparecendo por medio da tea que a envolvía, saíndo a un exterior frío e hostil. Pouco a pouco o resto do corpo foi rachando naquela pel protectora. Acheguei a miña man a ese ser perfecto, de incrible fermosura. Ela, sen medo, ou coa inconsciencia do descoñecido e dos perigos que trae, suxeitouse aos meus dedos, e dando algún paso inseguro camiñou ate a palma da miña man, agarimándome coa súa fraxilidade.
As súas ás estaban húmidas, pegadas aínda ao seu corpo polo líquido que a protexera na súa crisálida.
Acheguei a miña boca e sopreille un pouco de alento quente, paseniño, para non asustar aquel fermoso ser que se abría diante de min. Non sei se apurada pola miña calor, ou simplemente por que lle tocaba ( sego sen crerme tan importante), a bolboreta abriu por fin as súas ás a mañá, axitounas un anaco, a modiño, activando os músculos que as movían. Sopreille outra vez, vendo como as velas multicolores se axitaban pola lene presión do meu alento. Finalmente, elevou o seu vo cun bater de vento. Deu unha volta pola única habitación daquela casa, e foise pousar nunha raiola de sol, enriba dunha biga de castiñeiro tan vella como o souto.
E entón, como iluminada por unha luz interior, como a bailarina dun cabaré, toda a cor do seu vestido de festa pareceu tomar vida. O vermello, o gris , o azul e o verde pareceron coller conciencia propia. Fiquei mirándoa, en silencio, agardando que ese intre non pasase nunca,gozando de cada iridescencia do seu traxe novo, con brillos de abano de pavo real.
O tempo, esa realidade relativa, pasou nun salouco, Bolboreta ergueu o seu voo, deu unha reviravolta no aire , e como adiviñando a saída, voou pola porta que daba ao balcón, sucando o ceo frío da mañá .Saín espido ao exterior, véndoa perderse entre a follaxe.
Sorrín.
Aínda que non tornase, aínda que non a vise de novo, este pequeno pracer foi abondo. Finalmente, o frío fíxome entrar de novo, e ir poñéndome por riba a miña crisálida, a miña protección contra o exterior . Deixei a porta aberta, coa esperanza de que voltase, pero sabendo que , aínda que non o fixese, ese lene pracer que sentín, esa beleza desatada diante miña foi suficiente.
Paseniño, fun recollendo o meu saco, a miña roupa, a mochila coas miñas dúas cousas, e cando saía pola porta, polo rabiño do ollo, puiden ver unha danza de cores ao meu carón.
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 23-12-2010 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0