Robinsón buscando illa


Semieiro das ideas que non deixan durmir, dos pensamentos que se remexen por sair.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS

 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Sherezade
Ultimamente Sherezade visítame de novo.
Na noite, nesas horas nas que o sono debe ser para descansar, ela chega a miña fiestra e cólase como aire entre as contras.
O primeiro día foron ás de bolboreta batendo na miña face.
Espertei sen sobresalto pola súa presenza, case sen peso , case sen ocupar espazo físico. Cos ollos abertos e despexado por completo, puiden ver a súa sombra trocar e converterse na persoa que é.
Sentouse na cama, a carón da miña cabeza, agachouse e deitoume en voz baixa ao oído:
-Cóntame algo.
-De qué?
-De amores.
Estrañoume que ela, a contadora de historias , me pedise a min que lle contase unha. Non dixen nada. Qué contar a quen máis sabe? Era a sensación de ser un neno pequeno, tentando ensinarlle ao mestre a sumar.
-De amores?.- Preguntei máis para facer tempo a pensar que por non ter oído a pregunta.
-De amores .De amores de outros ... ou dos teus.
Tardei pensando unha resposta, e a súa sombra principiou a esvaecerse.
-Agarda!!. Aferreime a palabra para retela un anaco máis.
- Dáme un intre.
E como contador de historias, cando non veñen a cabeza as fantasías, tiras das lembranzas propias
- Amei sempre de xeito equivocado.
Comecei a falar. Ou cando menos , dun xeito inadecuado.
Primeiro fíxeno desaforadamente, sen medida, adolescente desbordado polas hormonas e a novidade da sensación, dando todo , pedir nada. Ao final afoguei o amor, asolagueino de sentimentos que non deixaron agromar de todo a árbore.Tal era a marea do sentimento que os sedimentos que deixaba eran tan mestos que nada podía saír del. Cando as augas se retiraron, so ficaba unha terra pecha, dura como un croio.
Logo o amor foi máis mental, máis frío, máis calculado, con moita cabeza e sen arriscar o corazón. Conxelei o corazón contra o que amaba. Non fun capaz de ver as rosas que agromaban baixo a capa de branca xeada que eu emanaba . E o frío foi queimando o pouco verdor que dera saído entre o xeo.Eu mesmo, eu soíño, sen axuda de ninguén, rompín calquera posibilidade de esperanza.
Desta fixen unha pausa. Ordenei as ideas, sorrín de esguello.
-Por qué?. A pregunta maldita, a que fai pensar. Pausa longa.
-Por medo . A resposta curta, resumo de case todo.
-A qué?. A pregunta agardada, pero non por iso preparada.
-A que rompese. A ficar sen alento. A namorarme.A decatarme de que estaba confundido. A ter que recoller de novo os anacos da miña alma , fendida xa sen remedio.
Escollín danar para non ser danado, eu afoguei coas miñas mans aquilo que xermolaba. Non foi a propósito, consciencia da inconsciencia, marcando unhas distancias que non debería ter marcado. Traizón. Covardía . Dor. Pranto.
Medo.
Esa é a auténtica palabra.
Medo.
O mesmo que dende aquela me marcou , que arrastro e arrastrarei deica que ti non poidas espertarme do meu sono.
-Amar é temer.
-Ti cres?.
-Non creo, seino. Levo máis de dos mil anos contando historias.
-E sempre son as mesmas?
-Só trocan os nomes.
-Entón todo se repite.
-Non todo. Non todo... E agora?
-Agora...Agora...Agora...Agora estou no desamor, no non amor, na quietude.
-Cómodo?.
-Non sei. Se estivese moi cómodo non estaría a falar contigo. Non cres?
Sherezade sorriu. Puiden intuír seus dentes de coral , unha chispa nos seus ollos. Un suspiro .
- Tocada.
- E ti?, preguntei, non tés nada que dicir?Ningunha cousa que contar?.
Ouro salouco. Outro sorriso. Outra candea nos seus ollos.
- Esta noite non, meu ben. Esta noite somentes escoito. Como vento no meu oído. Como á de bolboreta na miña meixela. Como veu marchouse.
E fiquei só, ollando o teito infinito pola escuridade . Maldicindo o espazo que queda entre as contras, por culpa do cal teño que pensar.
Comentarios (0) - Categoría: As noites son de Sherezade - Publicado o 06-01-2012 03:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0