Robinsón buscando illa


Semieiro das ideas que non deixan durmir, dos pensamentos que se remexen por sair.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS

 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Robinsón
Robinsón parou.

Deixou de buscar.
Deixou de vogar na marea.
Esmoreceron as súas forzas,ficou sen azos.
Quedou debruzado na súa balsa, na corrente entre dúas terras.

Robinsón, canso da súa indecisión, perdido nas súas decisións.

Sentou coas pernas de fora, deixando que a auga fría cortase a súa carne.

Empurrouse.

Seu corpo foi engulido pola auga, que logo o cuspiu a flote.
A balsa, a seguridade, ese anaco de realidade que o cinguía á vida foise alonxando, paseniño. Por un intre botouna de menos. Medo.

Robinsón flotou, ollou ó ceo azul, sen direccións, sen este nin oeste.

Unha rosa dos ventos cos puntos trabucados, errante, errática.

As ideas desbocadas, acabalgadas, bulindo nunha cabeza espesa de cansazo.
As marcas do tempo foron tinxindo o seu corpo.
As dentadas da realidade devorando carne é ósos.

Robinsón co peito ardendo, con ese lume que acouga só con aturuxos


Robinsón foi pantasma, transparente, só éter.

E nun destello de loucura, foise diluíndo , deixando que o salitre comese cada átomo, cada enlace, cada electrón.

E por fin, Robinsón foi... ren.
Comentarios (1) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 08-07-2016 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
Harri o sucio
Antes de entrar,miro a hora no móbil: as catro da mañá. Saco as chaves do peto e como podo métoas na pechadura. Ollo para a porta; despecho,retiro as chaves e volto gardalas no peto, atadas co mosquetón que lle tiña cosido para non perdelas.
As chaves e máis eu?eu e mailas chaves...Tres xogos nun mes perdidos, o encargado da ferretería xa me trata de ti pola confianza...Cos brazos pendurados míroa, sei xa , antes de abrir, o que me agarda tras dela, pero e inevitable, ou iso ou volto por onde viñer...e non queda xa nin unha cafetería aberta, así que se quero calor, non me queda outra que entrar. Fora hai unha xeada do demo, e as orellas comezan a proer...Acendo a luz do corredor, e o primeiro que fago e sacar os zapatóns , que me están matando. O chan está frío, síntoo a través da tela de algodón dos calcetíns. Próenme os ollos, os lentes quedáronme perdidos en algunha parte do taller, agardo que o do quenda de noite non mas pise, ou non as tire ao lixo, ou non mas cambie de sitio...
Vou a neveira, está máis valeira que min, so fican dúas cervexas, acolloadas, ao fondo dun estante, e un bote de olivas sen óso, as birras tremen , chocando entre si ( non estou borracho, o motor da neveira fainas mover), así que míroas, agarro polo pescozo a da dereita ( a da esquerda collería mais amablemente, marmurandolle a Neruda, pero esta e a da dereita...)...ábroa facendo xirar a tapa ( estas cervexas de merda, agora nin abridor se precisa..a todo isto, decateime un día, despois de foder tres Coronitas especiais co meu súper abridor, pero esa é outra historia, e noutra ocasión será contada) . Doulle un grolo longo e deixo que o liquido percorra o meu gañote... miro para a solitaria cervexa de esquerdas, agora mais ben de centro, pola falla de referencias, e imitando a Harry el Sucio ( por certo, cando na galega pasan as súas pelis din Harry o sucio, nunca Harry o porco...), espétolle " logho veño por ti, boneca".A botella parou de tremer...Ou parou o motor da neveira, ou doulle un paro cardíaco...Pecho a porta co cadril, pero antes, no derradeiro segundo, agarro o bote de olivas...dieta equilibrada.
Saio o corredor...ben, na miña casa o de corredor e un mal chiste, non chega nin a paseador do INSERSO...A porta do dormitorio está pechada, véxoa dende a entrada da saliña. cando quero andar, métolle unha hostia a un dos zapatóns xusto co dedo meiniño do pe esquerdo ( merda de esquerda, sempre tocando o carallo),merda de zapatóns, por que non irán sós para o seu sitio? cáenme as olivas da man , esnafrase o tarro e cincocentos gramos de " aceitunas sin hueso calidad suprema, tamaño extra" marca DIA e embotelladas en Marrocos, coa súa respectiva auga salgada ( por certo, sabedes que as maduran con sosa?, así andamos logo de frouxos cando se comen moitas, non hai tubaria que se lle resista)...

Pouso o pe e o borde do vidro que forma a boca bo cacharro, reforzado pola puta tapa de metal esta xusto alí, onde vou por o puto pé.

Resultado un: vidros espetados a degolo no calcañar.
Resultado dous: a cervexa ciscada polo chan , mais vidros no corredor,mais líquido no chan, ( dende aquela soamente a compro en bote) mais lubricante entre o pé que pousa no chan, (o outro téñoo ergueito, agarrado coas mans mentres me cago en Deus e en todo o Olimpo ), e entre os saltiños, a luz apagada, a falla de equilibrio, os calcetíns e o líquido, o resultado é o que xa estades imaxinando, malas persoas? Remato esvarando e dándome a cuada pai?nos vidros que me quedaban por pisar?Coa testa deille tal hostia a parede, que a carauta que me regalou miña irmán, un cabezón de indio duns dez quilos de peso,e medio metro de madeira maciza, ( a moi raposa non sei se non querería herdar máis), caeume no nariz, facendo unha parábola imposíbel . O bo e que non me rompeu o tabique , o malo e que comezou a sangrar como a dun porco, deixando a parede feita un cadro de deseño, deses que nin Deus quere na casa colgados, pero que nos museos nos parecen caralludos, sobre todo pola pasta que custan).
O cu pícame como o lombo dun faquir primeirizo , o ruído do testarazo deveuse escoitar en Guinea, a carauta óllame cunha cara de mala baba que me inflama aínda máis o fígado, e de non ser un regalo de alguén a quen quero, estou por tirala dentro da cociña de ferro.
Paso un anaco de tempo así, cunha man a tapar o fociño, coa outra a agarrar do pé lesionado, e co cu de medio lado para que os vidros non me fixeran mais burato que o que xa por natureza teño?ou que non mo ensanche máis, ( e que eu polo cu nin supositorios).
Cando por fin me ergo como podo, (podedes imaxinar a escena, douvos permiso), cun millón de coidados para non cravar máis anacos de vidro( unha parvada, total xa os teña espetados en medio corpo) saio afora da casa para ir ao baño?Si , ledes ben, saio para ir ao baño, que pasa? Algún comentario o respecto? Pois iso , que saio e vou co meu pé coxo, ciscallando todo de sangue, a cervexa e a auga salgada escorregándome polo cu dorido e acupunturado dor mil vidros, proéndome a rabiar ;o meu naris xa do tamaño dunha pelota de golf; e a miña testa cun pote do tamaño dun ?ghuevo de ghaliña? dos de dúas xemas e tres claras,en fin , todo un poema?E non sei que agardades agora, pois a partires de aquí todo foi do mais normal, saqueime os anacos de vidro do cu, un por un , cunhas pinzas de depilar que case non vía, curei o calcañar cunha venda e o nariz tapeino con algodón ( o mesmiño que o defuntiño do Bosque animado, lembrades a película? E o dedo meiniño, dislocado, por certo, cágome outra vez nos deuses do Olimpo para poñelo no sitio e vendalo.
Como as cinco da maña, o tempo e a hostia de relativo nestas danzas, cagado de frío,( no meu baño os pingüíns levan bufanda, luvas e botas alpinas ) saio do escusado e voume para o corredor, mais parecido a o escenario dos crimes da familia Manson que a miña casa. A cabrona da carauta óllame de medio lado, e ate parece rir entre dentes.A mestura pegañenta de sangue, cervexa e auga de olivas deixa un tufo a baño de estación de gasolineira de estrada de quinta categoría, a verdade , se non me credes e algún día queredes, facede a proba, o fedor e noxento con ganas?Total: que é o primeiro que fago? Votar man da vasoira , claro. ..e o segundo ? tirala vasoira a venta do carallo, coller a alfombra de diante da porta, un farrapo mercado en Portugal por catro euros, cando aquí custaban ?nos chinos? tres euros e medio,pero claro, os farrapos e as toallas onde se mercan? En Portugal, que parecedes parvos!...pois iso, que collo o farrapo e zapateo encima da desfeita, o carallo, xa limparei maña, e non estou como para andar recollendo os restos dos vidros cavándoos no único pé san que teño?Voume cara o dormitorio , abro a porta pechada, íspome, nin ducha nin hostias , e déitome na cama, na miña grande, valeira e fría cama.
E agora dúas posdatas. A primeira:
Si: o que ledes aconteceume de verdade, tal cal, e nese orden, aínda o lembro con cara de ghilipollas,e na parede inda se aprecia unha parte do graffiti.
A segunda, para os? graciosiños de turno ?...Desta non foi cando quedei parvo, o de parvo xa me ven de máis lonxe?de cando meus irmáns foderon as bolas do arbore de Nadal e panquei eu toda a somanta de zapatillazos de miña nai?Pero esa é outra historia, e mellor tamén será contada?
Comentarios (2) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 27-04-2013 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
Hoxe
Hoxe erguinme como o día : gris.
Nin branco nin negro, dun gris indefinido e cruel.
Hoxe móllanseme os lentes, e todo se distorsiona en prismas a través dan gotas de auga. E se quito os lentes,é o mesmo gris o que se espalla ate o horizonte. Sinto a auga a baterme nas fazulas, síntoa mesturarse con outras pingueiras salgadas que se verten da miña nube interior. Son bágoas na choiva.
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 25-03-2013 09:02
# Ligazón permanente a este artigo
Linguas de zucre
Vou soñando linguas de zucre,
con sabor a zume de laranxa.
Namentres o sol se recorta, paseniño, na xanela.
Vou pensando en ti. Que me les agochada .
Mentres pensas "que bárbaro...!!! Que parviño es..!!!
Vou medio sonánbulo ( un corpo deitado solo é un corpo deitado... Nin sequera esta morto).
E mentres fora. No frío, comenza hoxe a primavera. cComo dicía Aute : " Deixa que me quede aquí... Onde sempre e primavera" .
Déixame instalarme ao teu carón,
xerando calor animal, para que reverdeza o cañoto case seco da esperanza.
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 20-03-2013 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
Arume de frescor
Esborrállanse as ideas neste calor estival, van saíndo polos poros e enchoupando a sabas mesturándose co suor.
Apenas entra pola xanela un arume de frescor. Un can ouvea preguiceiro nun sitio indeterminado da aldea, sen ganas, arrastrando as vocais do seu ouvear.Calor, calor, calor...
As tres da mañá e aínda Morfeo non veu. Paréceme a min que hoxe non vai aparecer, de seguro que estará mellor nunha praia da Arousa que arrastrando o seu incorpóreo ser por estas campas que radian o sol dun día espeso.
Nin sequera unha ducha fría alivia este abatemento ... a auga da traída e morna por demais, como bañarse nun Mediterráneo afastado .
Calor, por favor, que calor vai !!!!
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 09-08-2012 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
-Como se ri un galego?
-Como se ri un en galego?
-Agarrando o bandullo, supoño...
Pechando os ollos e deixando fluír o son : Coa gorxa aberta e os ollos pechos, non se pode un rir con eles abertos.
Deixando sacudirse o peito a ritmo asonante, cunha danza de alento a saír do interior en forma de tarantela .
Ceibando unha gargallada pura, de bruído estridente.
Agarrado aos brazos dun amigo.
Entre o van dunha amiga , namentres as sabas se enroscan nunhas pernas inútiles para a risa.
Pernas que , de estar de pé, rematan por dobrarse ate perder calquera función para a que fosen deseñadas.
Agarimando un licor café co doce xusto, co café xusto, co licor xusto, namentres en algures soa unha música nos altofalantes, abouxando os sentidos, rebotando nas paredes de pedra dun garito . Agarimando un licor que nubra o sentido, que mesture a néboa do alcohol coa auga das bágoas.
Xirando na rolda dunha muiñeira, mentres ceiba un aturuxo mesturado.
-Como se ri un galego?
-Un galego sempre se ri con gheada...
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 08-05-2012 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
Can de palleiro..A Fraga, con amorFO
Unha canción de outra época...ou non?.
Agora son outras as ditaduras, pero aínda fican eiqui , neste país de pandeireta, antigos fósiles que veñen da opresión... asasinos e xenocidas, xentes que se aproveitaron do seu cargo para facer da súa capa un saio e beneficiarse no persoal.
Algúns temos memoria, moita, e non imos andar lambendo cus por que un fillo da puta morrese tranquilamente na súa cama, cando impediu que moitos puideran facelo, por min, que o enterren nunha cuneta...ou que teña que dar mil voltas na súa cova.. e curioso como algunhas voces falaban de soterralo no Panteón de Galegos ilustres..buf, xa vexo a Castelao dándolle couces por toda a eternidade...
E agora dirán que foi un demócrata, pai da nosa "prostitución", e ate aqueles que dicían aborrecelo, louvarán a súa persoa... País de fariseos, máis, que queren que lles diga...



¡Ai!, rabioso e vello
Can de palleiro
¡Ai!, rabioso e vello
Can de palleiro

Daste conta de
Que vas morrer
E non poderás pegar
E non poderás morder

Os teus podridos dentes
Xa ves caer
Os teus podridos dentes
Xa ves caer

Caer un tras doutro
Xa ves caer

Está caendo toda
A túa dentadura
Está caendo toda
A túa dentadura

Túa forte dentadura
Virase abaixo
Abaixo a dentadura
Abaixo a dentadura

Vello can de palleiro
Xa vas morrer
E non poderás pegar
E non poderás morder

Os teus podridos dentes
Xa ves caer
Os teus podridos dentes
Xa ves caer

Caer un tras doutro
Xa ves caer

Está caendo toda
A túa dentadura
Está caendo toda
A túa dentadura

Túa forte dentadura
Virase abaixo
Abaixo a dentadura
Can de palleiro
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 17-01-2012 00:51
# Ligazón permanente a este artigo
Gaivotas carroñeiras
Hoxe, é un día triste para os galegos e galegas. Finou un dos últimos vestixios dunha memoria de ferro da nosa Cultura, da nosa Lingua, da nosa Patria, con maiúsculas.
Tras do pasamento de Don Isaac , mestre de mestres, non queda menos que chorar a marcha dun dos poucos e íntegros defensores da cultura, a lingua e a memoria.
A memoria é o que queda na nosa orfandade, no alma espida que nos fica aos galegos que aínda entendemos a terra e a fala como algo noso , como un ben inmaterial que cada día está sendo atacado polo cancro do centralismo, pola enfermidade do auto odio que sempre xermolou no corazón de algúns dos nosos gobernantes.
Hoxe a memoria lévame a outro ilustre, outro profeta da terra asoballada : Castelao.
A memoria lémbrame como foi soterrado e recibido eiqui polos mesmos voitres que o obrigaron a fuxir, arroupados por un nacionalismo descafeinado e traidor a súa memoria, cómplices do roubo que se lle fixo ao pobo no intre de honralo como o heroe que foi .
E hoxe escoitaba na televisión a outros voitres, con forma de gaivota, que orneaban ( se as gaivotas puideran ornear) palabras que na súa boca soan a cartón pedra.
O presidente da xunta, con minúsculas, orneaba un discurso xa trillado... El precisamente, que aproveita a menor escusa para falar no idioma do imperio ao cal lle lambe os pés, porque os collóns fícanlle demasiado altos e o cu seria para el demasiado saboroso. Foi sensación miña ou intuíase por debaixo do seu nariz de pau un sorriso cínico?. El que amparado nas leises de castela, con minúsculas, vilipendia e humilla a nosa Língua e o noso Pobo.
A señora ministra de non-sei-que.Recentemente ascendida ao goberno de madrí, esta non sei que lambería,que se esqueceu do idioma nada máis pasar o Padornelo, falando sen decir ren, total para qué? De seguro que se acercaron para ver se realmente o seu inimigo ( pois inimigos son todos aqueles que defenden a cultura propia)estaba morto, por que non podía ser boa tanta ledicia para empezar o ano. ..Este foi o seu regalo de Reis
Gaivotas carroñeiras, na procura dos despoxos que van ficando dunha memoria esmorecida de tanto soterrala, de tanto esconderlla aos nosos cativos, que xa non saben o que son, nen teñen conciencia de onde son.
Gaivotas carroñeiras que rebentan cos seus pútridos peteiros o celme do que somos, tentando eivarnos para que non sexamos.
Polo menos, Don Isaac, vostede non verá como estes desleigados estarán en primeira liña, reservada e custodiada polos cans do estado, para ver como soterran a un dos seus derradeiros inimigos, entre pompas e farándula de medios.
De existir outro mundo, déalle unha aperta a Don Daniel, e dígalle que eiquí aínda ficamos algúns...
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 06-01-2012 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
Quen
Quen pode culpar de que a tenrura
se lle escape entre os dedos,
que as dubidas agromen na cabeza.
Quen pode culpar o sentimento doce dun amor ,
do lene roce de dous beizos,
das verbas ditas de vagar
a carón dunha orella.
Quen pode culpar da rebeldía do sangue,
do corpo que se ispe amodiño,
deixando esvaecerse a seda.
Quen pode culpar de amar,
Quen de chorar.
De desexar ,
e desexarse.
Quen de ver o seu reflexo,
no reflexo dunha pupila,
que te reflexa.
Quen pode poñer chatas a unha obra
que sempre se empeza.
Quen pode dicir que non,
ou que si,
ou impureza.
quen negala fermosura dunha risa fresca.
Quen puidera namorala, meu amigo
Quen pode culparme,
de chegar tarde a unha cita
nunca marcada na axenda.
Comentarios (1) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 03-01-2012 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
Paraugas
Hai xa anos que desistín de empregar un paraugas en días de choiva. Con eles pásame como coas chaves, que nunca sei onde van parar , pérdoos sen remedio.
E curiosa a teima que temos cos paraugas, e tamén é curioso o pouco que nos protexen da choiva, parecen deseñados para cando chove en vertical, sen moita forza. Están feitos para estar debaixo deles parado, sen camiñar, e coa caluga case a tocar na tea,... case, porque como toques, xa está a pasar auga.
Se hai vento ( cousa rara na Galiza, verdade?), de nada serven.
Se camiñas, de nada serven, a auga chégache ao van.
Si se vai en parella, de nada serven, móllanse as dúas persoas como parvas ( tampouco entendo a teima de compartir paraugas) , alí, agarrados os dous o bastón, cada un tirando para si, como se fai coas mantas na cama, ? EEII! Dáme un cacho mais, que me cae polo pescozo, e a ti so se che molla medio ombreiro?. O remate, os dous mollados, agarrados o mastro como dous mariñeiros nunha marexada, e pregando que pare de caer auga.
Se hai unha multitude, pois...de nada serven, cando eses trebellos do tempo empezan a chocar entre si, a auga esvara por eles como por un tellado, e métese imparable por todos os recantos ( desa so se salva o máis pequeno, por estar máis preto do chan), ...a mais do risco a quedar chosco que a situación leva . Neste caso, o mellor sería pórse de acordo e formar cos paraugas unha especie de escudo en formación de tartaruga, como facían os romanos, para que a auga correse para fora, en vez de poñer a todo deus pingando. Pero claro, somos unha especie animal tan individualista e xerarquizada, que haber quen é o bonito que quere quedar po-la parte de fora, aínda que por outro lado...coa humidade, a calor da roupa, e os ferumes que deixan algúns perfumes, mellor é molla-lo cu que morrer gaseado polos arrecendos sobaqueiros de algún dos que compartirían teito ...Ademais, tento imaxinar a dez persoas atravesando un paso de peóns nesa situación e non podo parar de escachar coa risa...
Eu cheguei a mercar un ?sete parroquias?, (como lle chamabamos de nenos a eses xigantescos paraugas que mais parecían tendas de campaña),un tan grande que as variñas viñan emparelladas por duplicado, para resistir os embates do vento , cun mango de madeira e co bastón de aceiro, e pesaba tanto o condenado, que a media hora os músculos dos brazos pedían papas . Era de cor vermella ... pero vermella -vermella... E nin con esas : o primeiro día que saín con el e deixou de chover, deixeino esquecido en algures, e nunca máis...Vamos. Que para ser galego, o da choiva e os paraugas...pois ren de ren. Así que a partires desa, so levo un chuvasqueiro dos que collen no peto, a fin de contas, mollase un igual e polo menos non me esquezo del (sen contar o aspecto de desamparados que temos cando cae auga arreo e estamos alí, metidos debaixo desa ridiculez, con cara de mágoa, e sen saber que facer) .
Resumindo, que despois de pensalo moito, ceo que é o artefacto inventado polo home mais absurdo e con menos utilidade....Despois da teletenda...Aínda que polo menos, esta última serve de somnífero
Comentarios (0) - Categoría: Anacos certos e incertos - Publicado o 16-12-2011 19:47
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0