Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

11. Eva Veiga
No reino da choiva
esta tarde
este sol tersamente
a nacer
nas follas da laranxeira.
A horta da avoa
arrecende
toda luz.
Translúcida memoria.
Inocente
clarividencia húmida
que fundou este lugar
de ausencia.



Eva Veiga, 2006, A luz e as súas cicatrices, Ferrol: Esquío


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
9. Eva Veiga
Ventá amarela.
Do outro lado, casa azul.
Detrás, un bosque branco.
Máis atrás e por riba do ceo, verde o sol.



Eva Veiga, 2006, A luz e as súas cicatrices, Ferrol: Esquío



Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 15:48
# Ligazón permanente a este artigo
5. Eva Veiga
Apalpábate o mundo
dende a súa pálpebra.
A súa epiderme reclamaba
a túa pupila gustativa e táctil.
E a luz ía escuramente
na xema
descubrindo o labirinto.



Eva Veiga, 2006, A luz e as súas cicatrices, Ferrol: Esquío


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 15:48
# Ligazón permanente a este artigo
3. Eva Veiga
A primeira luz foi de leite,
morna e mol.
Naceu e rebentou interior
rosa
e labres a diluírse
no mesmo zume
que se mira ?como nun espello-
na sede sideral e necesaria.



Eva Veiga, 2006, A luz e as súas cicatrices, Ferrol: Esquío


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 15:48
# Ligazón permanente a este artigo
Porque te estou chamando. Eva Veiga
Porque te estou chamando
desde moito antes de que esta voz
saíra desanoándose.
Desde o principio.
Desde o olvido estoute chamando.
Ás escuras e a esta hora
quizais do meu corpo enluándose.
A este combate e a esta derrota.
A este resistir sen tregua estoute chamando.
Estoute chamando para sempre
e aínda despois estoute chamando.

Eva Veiga, 1999, Paisaxes do baleiro, Vigo: Xerais



Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 15:23
# Ligazón permanente a este artigo
Eva Veiga vai falar de poesía no Breamo

A xornalista e poeta Eva Veiga vainos visitar mañá no instituto para falar de poesía cos alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato.

E estamos especialmente encantad@s de recibila no Breamo porque, ademais dos seus méritos como xornalista e poeta, Eva estudou o Bacharelato no noso instituto.

Eva Veiga naceu en Ombre, Pontedeume, en 1961.

Tras ter realizado estudos de Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou en El Ideal Gallego e, a partir do ano 1985, na Televisilón de Galicia, onde desenvolveu unha polifacética e intensa actividade profesional, sobre todo na dirección e presentación de programas culturais. Neste eido foi dúas veces Premio TP e Premio Galicia de Comunicación. Asemade, presentou e dirixiu para televisión a serie documental sobre a historia da arte galega Galicia no Tempo, programa que foi galardoado co Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia e co Premio de Honra da UNESCO.

Realizou estudos de dirección de cine e de teatro con J. A. Bardem e Leonid Roberman, respectivamente.

Ten publicados os libros de poesía Fuxidíos (1993, accésit Premio Esquío), Paisaxes do baleiro (Xerais, 1999), A pedra insomne (Ferrol-Análisis, 2002), A Luz e as súas cicatrices (Esquío, 2006), Desconcerto (Biblos, 2006), Nesta hora imposible (2010) e A frecha azul do teixo (Espiral Maior, 2010).

Realiza cartafoles de poemas e gravados co artista Alfonso Costa. A súa poesía adoito comparte espazo coa doutros poetas en libros colectivos. Ten publicado tamén varios relatos.

No ano 2002 publicou unha guía sobre Compostela titulada Santiago, Cidade de peregrinación e é autora tamén, en colaboración con Ánxeles Pena, do libro Alfonso Costa (2008), un exhaustivo estudo da vida e da obra do pintor noiés.

Na actualidade colabora en diferentes xornais e revistas e forma parte do Grupo Ouriol, co que realiza espectáculos poético-musicais tanto dentro como fóra de Galicia.


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
O perigo dunha historia única


"As historias importan, moitas historias importan. As historias usáronse para despoxar e calumniar, pero as historias tamén poden dar poder e humanizar. As historias poden quebrar a dignidade dun pobo, pero tamén poden reparar esa dignidade rota. (...) Cando rexeitamos a historia única, cando nos damos conta de que non hai unha soa historia sobre ningún lugar, recuperamos unha sorte de paraíso."

Palabras da novelista nixeriana Chimamanda Adichie


Fonte: Aí falaches!


Comentarios (0) - Categoría: 000. Xeral - Publicado o 09-02-2012 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
O incierto señor Cunqueiro
El incierto señor Cunqueiro (2010) é un documental dirixido por Antón Reixa con guión de Miguel-Anxo Murado, no que se intenta resolver a cuestión de por que 20 años despois da morte dun dos escritores en lingua galega máis importantes de todos os tempos, este segue sendo aínda un escritor ignorado.





Antón Reixa recolle neste documental imaxes de arquivo nas que o propio Álvaro Cunqueiro fala das súas claves literarias, os seus amigos, os seus gustos... Testemuños aos que se suman os de máis dunha decena de familiares, escritores, críticos, amigos e especialistas como Xuan Bello, Quico Cadaval, Xavier Castro, César Cunqueiro, Juan Ramón Díaz, Luis Mateo Díez, Francisco Fernández del Riego, José María Merino, César Antonio Molina, César Morán, Sacha Ormaechea e Nélida Piñón.


Fonte: Canle de ACEcultura


Comentarios (0) - Categoría: 055. Prosa de posguerra - Publicado o 09-02-2012 12:45
# Ligazón permanente a este artigo
The Child. Alex Gopher




Fonte: Laura Borràs
Comentarios (0) - Categoría: 000. Xeral - Publicado o 03-01-2012 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
Onda a unha fonte. Antonio Noriega Varela


ONDA A UNHA FONTE

Do P. Vicente Rigueros, S.J.


Sobre mimosas froles e verdura
sentou ó Neno a cándida María
onda a unha fonte cristalina e pura
que no camiño de Salem había.
E ó ver no chau sentado
ó que do chau é esteio,
ó que en trono dourado
triunfa sobre os abismos, terra e ceio...
suspirou tenramente
en doce amore o corazón desfeito,
e o Fillo, ansiosamente,
gardou o suspiriño no seu peito.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 03-01-2012 16:46
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [7] [8] [9] 10 [11] [12] [13] ... [71]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0