Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

"Xan"
Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentras seu home traballa,
ela lava os pes no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira si hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo embaixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera antre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:

-Por Dios, non barulles moito,
que me estou mesmo morrendo.
-¿Pois que tes, ña mulleriña?
-¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio...
-Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentras os meniños deito.

De bágoas se enchen os ollos
de Xan ó ver tales feitos;
mais non temás, que antre mil
n'hai máis que un anxo antre os demos;
n'hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.

(Poema 5 de "Da Terra" en Follas Novas)

Comentarios (5) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
"Apresa, Álvaro de Anido"
Apresa, Álvaro de Anido,
vive moito en pouco tempo,
espolea o teu cabalo
e espoleándoo, revéntao.
¿Que importa un nobre cabalo?
¿Que importan dous nin trecentos?
que importa, Álvaro Anido,
é chegar cedo.

Vai dun polo a outro polo,
rexistra os antros terreos,
monta na locomotora,
sube nos grobos aéreos,
e coa centela recorre
do vacío o espazo inmenso:
es home, e cansarás, Álvaro,
correndo e correndo.

(Poema 33 de "Varia" en Follas Novas)
Comentarios (0) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
"¡Soia!"
Eran cráro-los días,
risóña-las mañáns,
i era a tristeza súa
negra como a orfandá.
Íñase á amañecida,
tornaba coa serán...;
mais que fora ou viñera
ninguén llo iña a esculcar.
Tomou un día leve
camiño do areal...
Como naide a esperaba,
ela non tornou máis.
Ó cabo dos tres días,
botouna fóra o mar,
i alí onde o corvo pousa,
soia enterrada está.

(Poema 36 de "¡Do íntimo!" en Follas Novas)
Comentarios (4) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:06
# Ligazón permanente a este artigo
A xustiza pola man
Aqués que ten fama de honrados na vila,
roubáronme tanta brancura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en donde eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos..., ¡meus anxos!..., que tanto eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronme a vida,
fixéronme un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

-Salvádeme, ouh, xueces!- berrei... Tolería!
De min se mofaron, vendeume a xusticia.
-Bon Dios, axudaime- berrei, berrei inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... ¡Ne as herbas sentían!
I a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces..., estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

(Poema 25 de "¡Do íntimo!" en Follas Novas)


Versión de Abe Rábade e Guadi Galego

Versión musicada por Nao

Comentarios (7) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:05
# Ligazón permanente a este artigo
"De balde"
Cando me poñan o hábito,
si é que o levo;
cando me metan na caixa,
si é que a teño;
cando o responso me canten,
si hai con que pagarlle ós cregos,
e cando dentro da cova...
¡Que inda me leve San Pedro
se só ó pensalo non río
con unha risa dos deños!
¡Que enterrar, han de enterrarme
anque non lles den diñeiro...!

(Poema 13 de "¡Do íntimo!" en Follas Novas)

Comentarios (7) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:04
# Ligazón permanente a este artigo
"Cando era tempo de inverno"
Cando era tempo de inverno,
pensaba en donde estarías;
cando era tempo de sol,
pensaba en donde andarías.
¡Agora... tan soio penso,
meu ben, si me olvidarías!

(Poema 16 de "Vaguedás" en Follas Novas)
Comentarios (6) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
Abrimos o caderno
Abro este caderno dixital para complementar o traballo de aula coas alumnas e alumnos de Lingua e Literatura Galega do IES Breamo.

Aquí podedes facer os vosos comentarios aos textos de lingua e literatura que se vaian engadindo.

Os textos de autoras e autores clásicos conservarán a ortografía coa que foron publicados. Só se incluirán cambios na acentuación para adaptala ás normas actuais.

Os comentarios serán xestionados por min (María do Carmo), isto quere dicir que os lerei antes de activalos. Nalgúns casos activareinos en grupo para evitar que uns inflúan noutros, así que non vos impacientedes se os vosos comentarios non están á vista inmediatamente.

Se queredes que avalíe os vosos comentarios, poñede neles o voso nome, apelidos e curso. Se non queredes que aparezan os vosos datos publicados, só tedes que indicalo e engadir con que nome queredes figurar.

Comentarios (0) - Categoría: 000. Xeral - Publicado o 02-05-2007 22:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal