Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

NAI. Eva Veiga
NAI

CANDO veña o tempo de derrubar
as estatuas nosas
pola súa man noutrora ergueitas,
cando os nosos actos
e tamén os desleixos
voen como follas desprendidas
no aire indolente e incomprensible,
cando os nosos átomos e mesmo
os xenes que compartimos
se esquezan xa noutras existencias
da vida e da forma sucesiva que nos deron,
entón, alén do sol e deste inverno
que me anega,
a luz túa sempre acesa
e desa luz a miña sede
avivarán o amor universal
que adoito refai tan alta casa.



Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 16:43
# Ligazón permanente a este artigo
E o sol pousou no río. Eva Veiga
E o sol pousou no río
A noite



Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 16:43
# Ligazón permanente a este artigo
Levo debaixo das unllas. Eva Veiga
Levo debaixo das unllas a proba fatal e inequívoca
da miña orixe: a terra amortizada co sangue nobre
dos homes e das mulleres da miña estirpe,
a liña ascendente que foi soltándome
do colar e das gadoupas dos Señores
que aínda agora no seu fondo seguen
a poñerlle prezo de embargo á nosa liberdade



Eva Veiga, 2006, Desconcerto, A Coruña: Biblos



Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 16:14
# Ligazón permanente a este artigo
Durmo. Eva Veiga
Durmo
atada
a
un
fío
que
vai
dar
a un mar escuro onde afondan estrelas de ollos abisais
que me miran dende min mesma e tan lonxe
enleada pero comprendo porque amo ata
queimarme a lingua estas palabras tan estrañas
e súbito esperto a pedir auxilio na ribeira
do corpo e só me acode a mudez da voz
como a sede da auga por ser auga.



Eva Veiga, 2006, Desconcerto, A Coruña: Biblos


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 16:13
# Ligazón permanente a este artigo
A lúa aínda latexaba. Eva Veiga
A lúa aínda latexaba
cando entrou polo balcón.



Eva Veiga, 2006, Desconcerto, A Coruña: Biblos






Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 16:12
# Ligazón permanente a este artigo
Unha e outra vez o paxaro. Eva Veiga
Unha e outra vez o paxaro porfiaba contra o cristal coas ás
abertas mentres os seus pés se contraían no baldeiro
intento por aferrarse á impenetrable e esquiva
transparencia. No seu baterse aquel corpo semellaba o
desconcertado latexo dun arrebatado corazón e as súas
contorsións evocaban as dun peixe nas redes do desespero.



Eva Veiga, 2006, Desconcerto, A Coruña: Biblos


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 16:12
# Ligazón permanente a este artigo
58. Eva Veiga
Na lagoa azul do meu reino
vértome de lonxes e de flor.
Ábrenseme de noite todas as
portas que penetran os astros
a buscar ávidos de sentido
algo tan de min que descoñezo.
De cando en vez despréndense
as augas do soño e confúndense
os tempos na súa absoluta transparencia.



Eva Veiga, 2006, A luz e as súas cicatrices, Ferrol: Esquío


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
57. Eva Veiga
Altos na crista da onda que se apaga
enriba doutras ondas que tamén nos
precederon en abismos e corazón.

Un movemento ou vibración do tempo
que irrompe e rómpese e, se cadra,
xa se erixe en acordes intocables.

Escoitar o propio sangue, o segredo de todas as buguinas.



Eva Veiga, 2006, A luz e as súas cicatrices, Ferrol: Esquío


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
44. Eva Veiga
Chegar así
No bico da luz
Dende tan lonxe
A unha horta exactamente como esta
E abrollar na flor do limón



Eva Veiga, 2006, A luz e as súas cicatrices, Ferrol: Esquío


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 15:54
# Ligazón permanente a este artigo
43. Eva Veiga
De súpeto, abro as mans e escoito a música
da tarde que se pousa como un paxaro,
entregada coma area finísima
na que se desfai o primeiro estourido
das galaxias. Tan lonxe e tan cerca estamos
de todo canto flúe eternamente.
Ave sonora vai deixando un ronsel
de silencio nos dedos asombrados.
Inatinxible gozo da ebriedade.
Toco a morte, pero xa fun coa vida.



Eva Veiga, 2006, A luz e as súas cicatrices, Ferrol: Esquío


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 23-04-2012 15:53
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [71]
© by Abertal