Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

É neste bosque. Antón Avilés de Taramancos


2

É NESTE BOSQUE onde a sombra do tempo está carpindo. É neste bosque,
neste cheiro de abrótenas, neste miúdo caravel que abrolla,
é neste bosque: Aquí encontrara o corazón a fonte; aquí a silveira
cobre os despoxos de ouro calcinados do que foi o amor. Cantan as rulas
tristísimas da vida. Un fondo revoar de asas tan lenes
sobre esa hora que pasou, eterna, que agora tremelece na soidade,
e un corpo nu de orvallo aterecido cruza na luz: ouvide un astro
a deslizar-se no claror da aurora...
Outro vento viñera á miña man, outra raiola feríra-me nos ollos docemente,
ollai-me a transparencia. É neste souto
onde o transfondo dun sabor a guinda deixa o sinal na glándula e no canto.
Orvalla
tan miudiño na felicidade!


CANTOS A CARÓN DA TERRA

Antón Avilés de Taramancos, As torres no ar, 1989


AVILÉS DE TARAMANCOS, Antón, 2003, As torres no ar, Vigo: Galaxia


Autor da fotografía: Salmo Trutta Xalleira (Jorge García Duarte)


Comentarios (0) - Categoría: 061. Máis poetas dos 50 - Publicado o 02-08-2011 15:51
# Ligazón permanente a este artigo
A luz que me circunda. Antón Avilés de Taramancos


1

A LUZ QUE ME CIRCUNDA cando entro no recinto
-o pórtico do bosque, o pórtico da infancia, o tempo
resgatado nun intre, diante dos ollos abraiados-. A música
das árvores míticas, firmes no medio das idades,
o arrecendo da noz -o outono concentrado nesa nave tan mínima-
a humidade, a grisalla da chuvia e o seu canto
que cae lenemente na alma. A maravilla
sempre anovada dos paxaros recoñecidos -son os mesmos-
que me saúdan erguendo o seu pequeno chapeu de boavinda.
O rechouchío do xerín -a subtileza desvelando o segredo-,
o asubío do merlo desde a figueira espida
na que o sol derradeiro tende os fíos. O paporroibo e o pimpín
o pulo da harmonía sostida sobre o vento; a ascua negra
dun estorniño no fulgor da tarde.
O ulmeiro branco, o freixo ateigado de pérolas
-brilla a luz nas pingueiras da chuvia afroitecida-, un castiñeiro
funga desde o cume do vento, e o corvo antigo
voa descifrando a memoria:
Neste pórtico entrara de corazón noviño
da man do meu amor -lembrade as harpas-, entrara
atoutiñando a luz e estremecéndo-me. Agora ábre-se a fenda
que o corazón reserva dos antigos aromas, das lixeiras
pegadas da andadura dos días, e aquí, neste ámbito
estanca a coitelada, bebe na fonte mesma
da eterna xuventude. Onde a soidade canta.


CANTOS A CARÓN DA TERRA

Antón Avilés de Taramancos, As torres no ar, 1989


AVILÉS DE TARAMANCOS, Antón, 2003, As torres no ar, Vigo: Galaxia


Autor da fotografía: iamato


Comentarios (0) - Categoría: 061. Máis poetas dos 50 - Publicado o 02-08-2011 15:46
# Ligazón permanente a este artigo
Casa urxente. María Lado

Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 02-08-2011 14:54
# Ligazón permanente a este artigo
O corredor. María Lado

Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 02-08-2011 14:53
# Ligazón permanente a este artigo
O arrolo dos carburos metálicos. María Lado

Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 02-08-2011 14:53
# Ligazón permanente a este artigo
Un tostador de pan. María Lado

Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 02-08-2011 14:52
# Ligazón permanente a este artigo
Como se pega a min esa cousa. María Lado

Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 02-08-2011 14:51
# Ligazón permanente a este artigo
O piano. Antón Avilés de Taramancos


O PIANO
(BAMBUCO)

A NENA DO FACENDEIRO QUER UN PIANO DE VIENA.
A nena do facendeiro
Do facendeiro
De Anserma.

¿Quen ha de traer piano
En tren, en barco de vela?
¿Quen ha de traer piano
Á nena do facendeiro
De Anserma?

As morrocotas de ouro fan o miragre:
A goleta
Cruza o Océano Atlántico,
Chega ao porto de Bruxelas,
Vai buscar o piano
Da nena
Do facendeiro
De Anserma.

Do Danubio ao río Nare
Hai leguas de mar e terra:
A meniña ama Beethoven,
A nena do facendeiro
De Anserma.

O piano en Budapeste
Aprende danza secreta.
En París voilà! adeprende
A valsar. Chega a Bruxelas
E cruza o mar; mariñeiros
Adeprénden-lle habanera
Ao piano da meniña
Do facendeiro
De Anserma.

Negros de Buenaventura
Tocan tambor na ribeira,
O piano
Colle un tento
De currulao que arrabea.

Os arrieiros de Caldas
Soben piano. Cautela!
Moito monte para arriba
Soben piano de Viena;
Cantan guabinas, xoropos,
Cantan bunde e tamborera:
Ai a nena
Do facendeiro
De Anserma.

Non toca Beethoven, non,
Toca baixo das estrelas
Un son quente de bambucos
No seu piano de Viena.
A nena do facendeiro
Do facendeiro
De Anserma.


Antón Avilés de Taramancos, Cantos caucanos, 1985


AVILÉS DE TARAMANCOS, Antón, 2000, Cantos caucanos, A Coruña: Espiral Maior AULIGA


Comentarios (0) - Categoría: 061. Máis poetas dos 50 - Publicado o 01-08-2011 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chachahuí. Antón Avilés de Taramancos


CHACHAHUÍ

TER UNHA CASA EN CHACHAHUÍ SOBRE DO CUME
do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron
polas grandes aves míticas. Ter unha casa en Chachahuí
e ver no fondo do precipicio o Putumaio
brincar como un regueiro pequeniño.

Ter unha casa en Chachahuí
e escoitar á noitiña o zunido dos vagalumes,
dos cocuios, o canto do turpial
e o miar estremecedor do puma negro.

Ter unha casa en Chachahuí,
esquecerse do tempo, estar ao pé dun deus antigo
amigo do sol.

Ter unha casa en Chachahuí.

Abaixo, no camiño de Ipiales, na estrada do Ecuador,
brillan as flores ventureiras.
Pero as estrelas son máis grandes.

Ter unha casa en Chachahuí.



Antón Avilés de Taramancos, Cantos caucanos, 1985


AVILÉS DE TARAMANCOS, Antón, 2000, Cantos caucanos, A Coruña: Espiral Maior AULIGA


Comentarios (0) - Categoría: 061. Máis poetas dos 50 - Publicado o 01-08-2011 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
Non hai regreso, avoa. Antón Avilés de Taramancos


PRIMEIRO CANTO

IV

Non hai regreso, avoa,
nunca
regresa o mesmo home
ao mesmo sitio.
O lobo do deserto
perdeu a túa voz,
e a auga clara da túa man
non apaga a saudade revertida.
Todos os rumbos, todos os navíos
lévan-me ao grande río a renacer:
No ámbito do Cauca


Antón Avilés de Taramancos, Cantos caucanos, 1985


AVILÉS DE TARAMANCOS, Antón, 2000, Cantos caucanos, A Coruña: Espiral Maior AULIGA


Autor da fotografía do río Cauca en Dosquebradas, Risaralda (Colombia): Germán Trujillo


Comentarios (0) - Categoría: 061. Máis poetas dos 50 - Publicado o 01-08-2011 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0