Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Soldado

Guernica de Picasso (1937)
Xorxe, meu vello amigo,
¿como fuches parar á tropa?

W.H. Auden

1

Tiña os ollos azules poboados de preguntas
sobre o tempo i as colleitas. Seu pensamento estaba
cos segadores cantando na serán, ao comenzo
do solpor, cando a noite empeza a ser mociña.
Non comprendía os termos honorábeles,
nin as palabras encheitas de solemne soberbia,
nin aos homes aquelados de estúpida suficiencia
que se coidaban importantes
porque os seus devanceiros chegaron a señores
a forza de prostituírse, axionllarse e podrecerse.
Ouvía falar dos deberes co estado soberano,
das sacras instituciós, do orde, da groria
e lembrábase axiña do carballo que había
na porta do seu casal, alá na outa montaña,
perto dun río que fungaba un laio monocorde
de escumas entre as pedras; lembrábase asimesmo
do traxe esfarrapado do escolante loiro
que un día fora á guerra e non voltara;
e aínda se lembraba das maletas dos emigrantes
e das anduriñas que pasaban voando cara o sul.
Tiña o corazón cheo de verbas pequeniñas
coma cativas patrias ou pulsos latexantes.
Iletrado e sinxelo, gardaba a sabencia dos bosques
e interpretaba o profundo vento que xeme na noite.
Decía con dozura as súas verbas antigas
e dempois calaba pra escoitar o silencio
do mundo, dilatado e inmenso coma unha chaira.
Abría as maus labregas,
que agora empuñaban un fusil,
e púñase a miralas con atención lenta e teimosa.

2

De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte
fitou o resprandor dunha cidá en chamas
semellante a un remoto mencer amarelo.
De enriba baixou un rumor de treboada,
un xordo bruído de río enrabexado,
coma un rouco balbordo cubrindo a paisaxe.
Oubeou un can nos arrabaldos,
e comenzaron os lóstregos.
O fume,
coma unha palmeira xigantesca
abriu os seus brazos ardentes
i esparexeu pola bóveda celeste
un escuro anuncio de morte.
Asubíos e lóstregos.
Os paxaros da tarde
caíron mortos cal follas de outono.
A sireia da fábrica ergueu o seu chifro
fendendo en dous anacos o día tépedo,
o día húmido e íntimo con sabor de beixo.
Lóstregos.
(Alcendeuse a bombilla).
Unhas maus deformes afirmaron os cotobelos
no aire estremecido
e un retablo de caras esmaceladas,
mirando para o cumio, increparon aos dioses.
Queimada carne, pernas, pés, ferraduras...
Un touro axexante, coma un Minotauro perdido
nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos tumefactos,
muxía longamente.
(Apagouse a bombilla).
Un cincel roto
procramou a súa protesta.
Un cabalo
dislocado, desbocado, agallopou frenético
sobre os cascos de pedra e nitroglicerina.
Lóstregos.
Fedía a cortello misturado con cloaca e xofre.
(Alcendeuse, apagouse a bombilla).
Viuse e non se viu unha paisaxe
de brazos, rostros, pernas, dedos,
tellas, seos, portas, aramios...
Lóstregos e os derradeiros estoupidos.
Dempois, nada. Silencio. Un mesto silencio
de noite nevada ou de terra erma.
Xorxe, meu vello amigo:
Ti que estás cos que sofren a historia
i en contra dos que a escriben,
¿como fuches parar á tropa?

3

Chegaron ás aforas da cidade
cubertos de borralla e de cansancio.
O teniente berrou "alto, quén vive";
na inmensa soedá nasceron nardos.
O silencio da noite estrelecida
era un longuísimo camiño branco.
As cartucheiras ían tintintín,
decían tintintín, marcando o paso.
Un bisoño decúbito supino
miraba para o ceo despiadado,
no fusil unha mau,
na outra mau un saco.
O fillo da súa nai estaba morto,
groriosamente morto sobre un charco.
Tiña nos ollos vento. Preguntaba
cunha ollada azul de animal manso.
Xorxe, meu vello, meu eterno amigo,
dime no que estás pensando


Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962

Este poema publicouse por primeira vez en Papeles de Son Armadáns, nº XLIX, de abril de 1960, número de homenaxe a Picasso, precedido dunha dedicatoria ao pintor: "A Picasso con profunda admiración".

Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 02-02-2011 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0