Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Ás veces matinaba. Xoana Torres
Eu vivín moitos anos no bairro de Canido,
batido polo vento nos seus catro costados,
casas no alto, rúas estreitiñas,
o Cristo do cruceiro, a fonte da Tafona...
Entón, cantaba para nós unha sirena.

IV

Ás veces matinaba por que porta ou que banda aparecías,
ti que xurras agora coma chuvia na pedra.
Erguíaste moi cedo, corrías toda a casa.
Estou vendo aquel ansia, sinxelo ritual,
movo non movo chícharos no teu mandil a raias.
Ibas dereita ao teu coma as aves que emigran.
Diste xeito, sen máis, unha tarde calquera,
foron as mans caídas polas sábanas,
corpo en quebranto que me fería por primeira vez.
Morrer coma unha luz debe de ser moi fácil,
pero ti combateche hastra o últemo instante
cunha forza terrible. Toda unha turboada.
Fúcheste co mencer, non houbo prórroga:
Eran xa moitos anos e unhas pálpebras cansas
que ao final nin fechache.
(Non vos podedes figurar qué duro
para entregarse un corpo enteiro á morte)

Alguén dixo: "Finou. Nada se pode".
Qué de horas seguidas interroguei ao ceo
agardando un prodixio.
Pero non houbo signos, nin panos, nin aviso.
Suspensa nesa órbita onde nada se perde,
traspasache ao fin todo o orden dos astros
e a túa vouguedade será seguramente
un oco incalculable. ¿Ou é ao revés?
¿Supremas luces, tornasol, espello
dende onde me esculcas docemente sen ollos?..

..................................................

Apura o tempo e todo volve ao seu.
Pasaron carros polo camiño real;
quenceu o viño polas túas cepas.
Dende que ti te fuche
fixo máis frío logo.
Fun logo máis cativa e máis cobarde.

Alerta a noite un aguia escura
que me presta de ti, unicamente,
unha mirada grave.

De Elexías a Lola

Xohana Torres, Estacións ao mar, 1980


Comentarios (0) - Categoría: 061. Máis poetas dos 50 - Publicado o 07-02-2011 10:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal