Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

'El hermoso rostro del país'
"EL HERMOSO ROSTRO DEL PAÍS"
(Titular de "Faro de Vigo")

A miña terra é doce coma o mel,
abondosos e gasalleiros os seus froitos.
Na primavera agroman os touzales
e o cuco canta.
Xermola a natureza
baixo a fecunda codia das labranzas.
Alédanse os boscos
i as noites son infindas i estreladas.
Si.
A miña terra é doce coma o mel,
pro, a carón de tan fermosura,
a miseria labroulle
un túnel amarguísimo na historia.

A miña terra é soave, solermiña,
polo vrau, cando as anduriñas tecen
os seus voos de soños. Os grilos poñen
axóuxeres vibrátiles na serán lenta.
Os reisiñoles cantan ás portas do mencer,
e os ríos pasan en romería.
Si.
A miña terra é soave, solermiña,
pro, nos ollos dos meniños
que van á escola nas mañás frías,
hai unha tristura antiga.

A miña terra é aquelada coma unha mazá
polo outono, cando os arbres son de ouro
e a brisa acariña coma un beixo.
Nácenlle á paisaxe camiños novos
con merlos chifradores baixo as parras.
Farturentas colleitas,
dondos acios, cántigas de ceifa e de vendima.
Ateigadas de graus fican as tullas.
Si.
A miña terra é aquelada coma unha mazá,
pro a inxusticia, proterva, dura, fonda,
vai furando
o corazón dos homes coma un verme.

A miña terra é íntima e tenra
coma un colo de nai polo inverno
rente ao lume do lar.
Húmedos e verdes, os campos
expónxanse na brétema, os vales
dormen brandamente, as cumes branquenexan
baixo un vento fungón que ven no norde.
As vacas muxen nos cortellos
e o fume das lareiras
arromeda pantasmas nos tellados.
Si.
A miña terra é íntima e tenra,
pro, a mocedá fuxe dela
en busca de outra terra
onde o pan
se pode comer sin bágoas.


Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao país dos ananos, 1968


Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 01-02-2011 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0