Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Celsa R. I. aforcouse en xulio do 74. Luís Seoane
Celsa R. I. pendurouse dunha viga.
Aforcouse nun alpendre.
Profesión: pescantina. Estado: viúda.
Ós coarenta e cinco anos xa era vella.

Cómo brúa a mar.
Qué negra noite, Celsa R. I.
O vento bate a porta aberta do alpendre
e abana paseniñamente teu corpo.
Renxe a viga.

Cuando nena, o pai mariñeiro
contáballe a Celsa R. I. dunha onda roxa
no mar, cun anxo sentado enriba.
Tamén da estadea azul cun pano branco
perpetuamente ergueita na mesma rocha
que enfeitizaba os mariñeiros.
O pai de Celsa R. I. falaba de encantamentos.
Non falaba da súa vida.
Tampouco o fixera o seu home. Afogado,
naufragou nun barco de pesca.
¿Que se ten de falar da vida dun mariñeiro?

Celsa R. I. vivía nunha aldea de vellos e nenos.
Illada, soia, medoñenta.
Tampouco tiña nada que falar de si.
¿A quen lle podía importar Celsa R. I.
nunha terra maldita, de xentes emigradas,
rillada polos usureiros,
opremeda dende lonxe polos burócratas?

Celsa R.I traballadora no peirao,
aforcouse.
Non a levou nengún anxo da terra.
Non a enfeitizou nengunha estadea azul.

Cómo brúa a mar...
Qué negra noite, Celsa R. I.
O vento bate a porta aberta do alpendre
e abana paseniñamente teu corpo.
Renxe a viga.



Luís Seoane, A maior abondamento, 1972

Comentarios (0) - Categoría: 051. Xeración do 36 no exilio - Publicado o 08-02-2010 08:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal