Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Lírica relixiosa galego-portuguesa: As Cantigas de Santa María
Scriptorium do rei Afonso X. Miniatura das Cantigas de Santa María.
Por imitación da lírica profana amorosa, xorde a lírica relixiosa galego-portuguesa, a cal está representada polas Cantigas de Santa María, 427 composicións saídas do scriptorium do rei Afonso X.

Walter Mettmann, autor dunha edición crítica dos textos das Cantigas de Santa Maria, cre que moitas desas cantigas poderían ter sido escritas polo trobador Airas Nunes.

Mais aínda que a cuestión da autoría destas cantigas non está resolta, é visíbel nun bo número delas o afán propagandístico do monarca, que coa súa creación tentaba agasallar ao Papa e convencelo para que primase a Sé episcopal de Toledo sobre a de Santiago de Compostela. Pode parecer paradóxico que usase o rei sabio a lingua galega para conseguir un obxectivo desfavorábel para Galiza, mais debemos ter en conta que, na Idade Media, considerábase na maioría da Península Ibérica que o galego-portugués era a lingua máis idónea para a creación lírica.

As Cantigas de Santa María trasladan o amor cortés ao plano relixioso. Mais agora o poeta, no canto de lle xurar fidelidade a unha senhor, xuraralle fidelidade á Virxe; e se na cantiga de amor o poeta cantaba as cualidades dunha muller ideal, nas Cantigas de Santa María cantarase á Virxe María.


Códices

As Cantigas de Santa María están recollidas en catro códices: un deles na Biblioteca Nacional en Madrid, dous en San Lorenzo del Escorial e o cuarto en Florencia.

Á marxe doutras consideracións, as Cantigas de Santa María seguen tendo un gran atractivo nos nosos días pola notación musical que as acompaña e moi especialmente polas ricas miniaturas que as ilustran. Hai que ter en conta que constitúen unha das coleccións de miniaturas máis importantes de todo o Medievo, o que as converte nun documento moi útil para coñecermos a vida cotiá da época, desde o vestiario e o mobiliario até os instrumentos musicais.

Como manuscrito iluminado, quíxose ver nas Cantigas de Santa María a primeira historieta da península Ibérica e un dos primeiros exemplos da banda deseñada no Occidente, anticipando recursos de sintaxe da imaxe que tardarían sete séculos en volver a desenvolverse.


Galería de imaxes das ilustracións das cantigas de Santa María

Galería de Cantigas de Santa María


Vídeo con imaxes das ilustracións das cantigas de Santa María nas que aparecen menestreis, os instrumentistas da época (a música de fondo é de Luar na Lubre):




Todos os textos transcritos das Cantigas de Santa María.


Máis información sobre as Cantigas de Santa María na Galipedia.


Comentarios (0) - Categoría: 010. Literatura medieval - Publicado o 19-11-2009 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal