Ultimamente fálase moito do
e-book ou libro electrónico. Mentres as empresas tecnolóxicas apuran para mellorar a tecnoloxía e reducir o prezo dos lectores dixitais (
e-readers), as editoriais de todo o mundo prepáranse para non quedar atrás na revolución do libro dixital. Xerais lanzou en novembro de 2009 as máis recentes novelas de Diego Ameixeiras e Suso de Toro, que foron publicadas e postas á venda a un tempo en papel e formato eletrónico para e-readers.
As obras son
Sete palabras, unha novela de Suso de Toro presentada como unha viaxe cara ás orixes para desvelar as claves da identidade persoal do protagonista, e
Dime algo sucio, un novo relato de intriga de Diego Ameixeiras.
Mercar as obras en formato electrónica supón un aforro do 30%. Grazas a un acordo con Publidisa, as obras en formato dixital tamén estarán presentes nas tendas de e-books de El Corte Inglés, La Casa del Libro e a Librería Ghandi, entre outras.
Dende Xerais tamén apuntan que nos vindeiros meses irán ampliando o seu catálogo de e-books, con títulos das coleccións Narrativa, Poesía e Ensaio, incorporando tanto novidades coma material descatalogado.
Fontes:
Vieiros (15/10/2009)
Código cero (10/11/2009)