Eis parte da banda sonora da novela de Domingo Villar Ollos de auga:
"Oíron o fungar do vento cando baixaron abrazados ao cuarto. Dende o salón, Billie Holiday regaláballes The man I Love.
Someday he'll come along
The man I love
And he'll be big and strong
The man I love."
"Cando Clara Barcia rematou de esculcar nun dos cadros que os fíos formaban no chan, achegouse á seguinte fracción de alfombra, a máis próxima ao equipo musical e, sen querer, premeu no interruptor da cadea. Unha voz cálida de muller soou dende todos os recantos da peza.
Day in, day out.
The same old voodoo follows me about.
A moza buscou sen éxito a chave que detería a música.
-Perdón, perdón -escusouse, ruborizada pola súa torpeza.
-Por min podes deixala -dixo Caldas, restando importancia ao asunto.
-Iso que é? -gruñiu Estévez.
-Billie Holiday -dixo o inspector indo até o equipo de música e subindo o volume. Clara Barcia sorriu e volveuse axeonllar no cadro que os fíos delimitaban na alfombra.
That same old pounding in my heart,
Whenever I think of you.
And baby I think of you
Day in and day out.
(...)"
"O son afogado do contrabaixo do irlandés rompeu o silencio expectante. Un foco cenital alumeou a Iria, pálida, e o seu piano negro. Afundiu aos dedos nas teclas cos ollos pechados. Leo coñecía a peza: Embraceable you dos irmáns Gershwin. Notas graves e ritmo pausado. Cumpría interpretala con sentimento e a Iria Ledo
sobráballe."
"Tocaron Laura, de Charlie Parker, coa zanfona interpretando as notas que na melodía orixinal interpretaba o saxofón. O antigo instrumento non tiña os rexistros do saxo nin era doado substituír o vento coa corda, mais a rinchante zanfona daba a sensación de chorar. Non choraba por Laura, como Parker, senón por Reigosa."
"O concerto rematou cunha dedicatoria de Iria a Lois Reigosa: Angel Eyes.
Caldas non esquecera a cor de auga das meniñas dos ollos do morto, e pensou que Ollos de anxo era un acertado título para aquel tributo.
And why my angel eyes ain't here
Oh, where is my angel eyes.
Cando, dende a barra, oíu a voz esgazada de Iria Ledo cantando entre bágoas, o inspector soubo que non existía un agasallo mellor.
Excuse me while I disappear
Angel eyes, angel eyes."