Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

O piano. Antón Avilés de Taramancos


O PIANO
(BAMBUCO)

A NENA DO FACENDEIRO QUER UN PIANO DE VIENA.
A nena do facendeiro
Do facendeiro
De Anserma.

¿Quen ha de traer piano
En tren, en barco de vela?
¿Quen ha de traer piano
Á nena do facendeiro
De Anserma?

As morrocotas de ouro fan o miragre:
A goleta
Cruza o Océano Atlántico,
Chega ao porto de Bruxelas,
Vai buscar o piano
Da nena
Do facendeiro
De Anserma.

Do Danubio ao río Nare
Hai leguas de mar e terra:
A meniña ama Beethoven,
A nena do facendeiro
De Anserma.

O piano en Budapeste
Aprende danza secreta.
En París voilà! adeprende
A valsar. Chega a Bruxelas
E cruza o mar; mariñeiros
Adeprénden-lle habanera
Ao piano da meniña
Do facendeiro
De Anserma.

Negros de Buenaventura
Tocan tambor na ribeira,
O piano
Colle un tento
De currulao que arrabea.

Os arrieiros de Caldas
Soben piano. Cautela!
Moito monte para arriba
Soben piano de Viena;
Cantan guabinas, xoropos,
Cantan bunde e tamborera:
Ai a nena
Do facendeiro
De Anserma.

Non toca Beethoven, non,
Toca baixo das estrelas
Un son quente de bambucos
No seu piano de Viena.
A nena do facendeiro
Do facendeiro
De Anserma.


Antón Avilés de Taramancos, Cantos caucanos, 1985


AVILÉS DE TARAMANCOS, Antón, 2000, Cantos caucanos, A Coruña: Espiral Maior AULIGA


Comentarios (0) - Categoría: 061. Máis poetas dos 50 - Publicado o 01-08-2011 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal