Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Parece un cadro. Xabier Cordal
A María, compañeira de COU que en 1982 me falou
galego no bar dos Dominicos e eu tiven vergonza
de responder. Acepta as miñas desculpas.


Parece un cadro
feito desde un lugar seguro
por alguén que nunca ergueu
a pulso un palangre,
nin encofrou cemento,
nin levantou unha picaña;
en calquera caso
é un cadro que nos deu valor,
porque del saímos perfumados
e peiteados moi cedo
pola rúa do Faro cos libros,
as palabras e os números.
Tivemos que deducir
unha nación da ausencia,
non estaba no encerado,
non estaba na boca
nin no traballo diario da muller
e do home, que se ocultaban
no calor da familia
e aconchegaban tanto
o lugar de onde viñan
-o lugar onde estaban-
que acabou por brillar,
rebelde, cando a señorita
Manolita cantou o vilancico
por entre das silveiras
cantan alegres os paxariños
e voltei a casa con oito anos
e a panxoliña na memoria
como un estandarte, mostreina,
estendina ao clareo na entrada
do golfo Ártabro ata o Seixo
que apostaba contra o mar
o seu dente pirata, os nomes:
Miragaia, Bao, Patiño, Eiroa,
Cedeira, Porto, Portela, Picallo,
Ferreiro, Varela, Estraviz,
así que ao pasar lista
o mestre lía a Pondal
sen sabelo, e os cregos
criados no corazón de Nafarroa
e Castela, bondadosos, corrixían
o noso tempo verbal (corrixían
especialmente o pretérito perfecto
e o presente histórico).
Quizais por iso
o meu compañeiro de diante
poñía tanta ansia en pintar
a bandeira española
na popa do barco,
tardaba séculos
en debuxar aquilo,
e con catro borranchos de cera azul
resolvera mar e ceo, irritado
coa idea de que o barco aquel
non había navegar na vida.
O sábado a luz de inverno
entraba a clase en voz baixa;
éramos aplicados, alegres
porque tocaba por fin marchar
e deixar no armario o uniforme.
Algúns non tiñamos aldea.


en "a ollada fixa e outros relatos"


Xabier Cordal, 2001, A vella peneira a noite, A Coruña: Baía Edicións


Comentarios (0) - Categoría: 071. Poesía dos 90 - Publicado o 11-07-2011 15:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal