Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

O lobo da xente. Vicente Risco

O lobo da xente é unha narración breve de Vicente Risco, publicada en 1925 na revista Lar (A Coruña).

Podemos descargar O lobo da xente en PDF por xentileza da Fundación Vicente Risco.

O texto baséase nas lendas populares de lobishomes. Eis algunhas das que podemos atopar na rede:

O lobo da xente de Prado en Galicia Espallada.

O lobo da xente de Cereixedos en Galicia Encantada.


Comentarios (0) - Categoría: 046. Nós - Publicado o 18-10-2012 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
Casa Museo Otero Pedrayo
Casa Museo Otero Pedrayo
A Casa Museo Otero Pedrayo está en Trasalba (parroquia de San Pedro de Trasalba, concello de Amoeiro), no pazo que foi vivenda da familia de Otero e onde pasou os veráns da súa infancia.

Fotos do exterior e interior da casa.
Comentarios (0) - Categoría: 046. Nós - Publicado o 08-04-2010 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
Da medida das cousas
”Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Cada terra é como se fose o mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo do norte para o sur, do leste para o oeste noutro tanto; poderala volver andar outra vez e máis: non a has dar andado. E de cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito meirande de como ti a ves. ¿Non din os filósofos que o home é o “microcosmos”, o compendio, o resumo do universo todo? Para canto máis unha terra con todos os homes que nela viven, un pobo que, se cadra, é unha sorte de Adam Kadmon... Do grandor do teu espírito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo; nela estará o mundo con todos os seus climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena, es ti, que endexamais poderás concibir nada grande.”

Vicente Risco, Leria, 1965

Léria é unha miscelánea de textos filosóficos, críticos e literarios publicada en 1961, que reúne traballos realizados dende 1920 a 1955


Comentarios (0) - Categoría: 046. Nós - Publicado o 08-04-2010 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
Nós, os inadaptados (fragmentos)
I
Eu caracterizaría ós homes do meu tempo preocupados polas cousas do espírito, dicindo que eramos -e somos- os auténticos vencidos da vida (...) insatisfeitos, non conformistas, decote rebeldes. Vencidos da vida por inadaptados.
(...)
Efectivamente: introvertidos fomos ata non chegar a nós o galeguismo.

II
Os inadaptados son por definición os insatisfeitos do mundo sensible, os nemigos da realidade cotiá, os que procuran fuxir do medio que os rodea. De aquí a concepción da arte como evasión.
(...)
A nosa rebeldía consistía en segregármonos espiritualmente da sociedade, desapegármonos das súas tendencias e dos seus problemas, isolármonos na nosa alteirosa indiferencia dos seus afáns e trafegos, das loitas e porfías e a comprírmo-lo noso rol sen ledicia e sen pena, e principalmente sen interés ningún.

III
Eramos sinxelamente individualistas.
(...)
Non hai máis que ve-lo diferente significado que agora e entón ten e tiña a verba nós. Cando un do meu tempo dicía nós, se non refería endexamais ós da súa xeración, nin ós da súa clase; referíase decote a un pequeno agrupamento identificado no pensar e no facer, a unha escola, a unha capela, a un cenáculo (...)

......................

X
Ora o problema é cómo sendo como eramos e como somos, individualistas, inadaptados, antisociais, antigregarios, introvertidos, puidemos vir parar nunha cousa que semella tan cotiá e gregaria, como é o nacionalismo galego que na esencia é a afirmanza teimosa e forte da grei galega.
A resposta está dada, moito mellor do que eu puidera facelo, por Ramón Otero Pedrayo na súa novela Arredor de si.
Arredor de si, máis que unha novela, é a autobiografía non dun só home, senón dun agrupamento, case dunha xeración. É a autobiografía do cenáculo do autor ó que eu pertencín tamén. Polo seu mesmo individualismo, polo seu por min confesado egocentrismo, o noso agrupamento andou todo o tempo dando voltas arredor de si -e cada un arredor de si mesmo- sen atoparse endexamais de todo.
(...) Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polas lonxanías do espacio e do tempo, en procura de algo inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galicia, a nosa Terra, oculta ó noso ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofrecíanos un mundo tan esteso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, como os que andabamos a procurar por aí adiante.

Vicente Risco, Nós, os inadaptados, in revista Nós, nº 115, 1933


Comentarios (0) - Categoría: 046. Nós - Publicado o 08-04-2010 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
Os europeos en Abrantes
Os europeos en Abrantes (Epopea en prosa) é a segunda novela de Vicente Risco e foi publicada sen rematar en 1927 na revista Nós (nº39 e 40).

Podemos descargar Os europeos en Abrantes en PDF por xentileza da Fundación Vicente Risco.
Comentarios (0) - Categoría: 046. Nós - Publicado o 08-04-2010 17:38
# Ligazón permanente a este artigo
Na clase
"Cada longo día do Maio ten infindos espacios de tempo pra os rapaces do Instituto. A cada hora esculcan novos horizontes e novas dores nas seráns queimadas polo sol, no balbordo cidadán das rúas cando se acenden as luces. Ollan novas cousas nos pais, nas amigas dos irmáns, nas compañeiras, nos amigos. Soio o sonido das leccións dá un pouquiño de unidade a iste vivir neboento afundido nas ondas vitales dun mundo novo.
A maior parte destes rapaces son galegos. Todos saben, inda que non todos a falen, a súa lingua. Diante iles penso na terra, na ridente ribeira frolecida, na basta montaña escondida polos termos do horizonte. Dentro de tres, catro anos, cada un collerá o seu camiño. Diste fato de trinta e tantos estudiantes sairán moitos comerciantes, algúns funcionarios, algunhas maestras, quizais ningún labrego. ¿Cantos deles serán perdidos para a terra? ¿Cantos mimarán e acougarán a noble dirección dun vivir galego, consciente da función da Galiza no mundo?”


Ramón Otero Pedrayo, 1927

OTERO PEDRAYO, Ramón: “Na clase”, in A Nosa Terra, nº 236, 1927


Comentarios (0) - Categoría: 046. Nós - Publicado o 08-04-2010 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal