Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Onda a unha fonte. Antonio Noriega Varela


ONDA A UNHA FONTE

Do P. Vicente Rigueros, S.J.


Sobre mimosas froles e verdura
sentou ó Neno a cándida María
onda a unha fonte cristalina e pura
que no camiño de Salem había.
E ó ver no chau sentado
ó que do chau é esteio,
ó que en trono dourado
triunfa sobre os abismos, terra e ceio...
suspirou tenramente
en doce amore o corazón desfeito,
e o Fillo, ansiosamente,
gardou o suspiriño no seu peito.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 03-01-2012 16:46
# Ligazón permanente a este artigo
Levántate, nebra... Noriega Varela
LEVÁNTATE, NEBRA...

¡Levántate, nebra,
do bico da serra!
Ahí vén San Martiño
no seu cabaliño,
que te ha de levar,
que te ha de pousar
na tona do mar.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (2) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 30-07-2011 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
O sol e o mar... Noriega Varela
O SOL E O MAR...

O sol e o mar á montaña
muito lle poden querer,
coróalle o sol a testa
e bícalle o mar os pés.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 30-07-2011 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
Nus farrapos... Noriega Varela
NUS FARRAPOS...

Nus farrapos envolto, meu neniño
unha vella topouno nun camiño;
rapaz, morou nas fragas recadado,
en compaña dun can, gardando o gado;
mozo, picou prá guerra, frente a frente
da morte non tremeu, era valente:
bateuse co enemigo de tal xeito
que loitou, moitas veces, peito a peito.
Sin cruces, nin galós, no chau tirado
dun balazo morreu, probe soldado.
........................................
........................................
A vella que o criou está tullida:
naide máis o recorda nesta vida.


1904

Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (2) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 30-07-2011 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
O trono da paz. Noriega Varela
O TRONO DA PAZ

Pra Ramón Otero Pedrayo.


Preséntame -lle dixen
amorosiño ó ermo-,
renovos dun carballo,
ruínas dun mosteiro,
ou do bravío cardo
unha froliña ó menos.

Huraño, sólo quixo
enseñarme un penedo.

Mais, cántas alabanzas
e gratitú lle eu debo:
aquel coloso é o trono
da Paz, e monumento
que unánimes lle alzaran
os siglos ó Silencio.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 30-07-2011 20:20
# Ligazón permanente a este artigo
Pasa un vermiño. Noriega Varela
PASA UN VERMIÑO

Pra Enrique Chao Espina.


No me tripes, camiñante:
cousiña insinificante,
teño Un Santo a meu favor
que lle chama ó lobo errante
hirmao e representante
das finezas del Señor.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 30-07-2011 20:20
# Ligazón permanente a este artigo
Díxenlle a unha xirifeira. Noriega Varela
DÍXENLLE A UNHA XIRIFEIRA

Díxenlle a unha xirifeira:
-¿Quéresme levar ó lado
para entrar pomposa na feira?
E respondeu de contado:
-Xa che levo a faldriqueira.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 30-07-2011 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
O demo. Noriega Varela
O DEMO

Das millenta falcatrúas,
que nos fan, e que facemos,
¿a quen se lle bota a culpa
na miña parroquia?
Ó demo.


O demo apaga os candiles,
o demo queima os palleiros,
entra o demo nunha casa
e anda todo ós catro ventos;
no hai reparto de consumos
sin intervención do demo;
el é o que mata e esfola,
e o que revolve o concello;
el é quen me tenta a min
sempre que publico versos;
e ás mozas que están... pra diante
tamén as tentou... o demo.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 30-07-2011 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
Toda humilde belleza... Noriega Varela


TODA HUMILDE BELLEZA...

Pra don Purificación de Cora Sabater.


Vago xirón de brétema, atavío
soberbio de hirta xesta, reidora,
fulgurante doíña de rocío
(pazo do sol e lágrima da aurora);

raiola de lunar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,
ou das redes da araña un tenue fío,
toda humilde belleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro
do meu nume saudoso... Antes reparo
na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen,
que nos mantos dos pinos, que se engríen,
que nas blondas do mar, que se rebela.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Foto: José Luís Cernadas Iglesias


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 11-07-2011 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
Unha breve pucharquiña. Noriega Varela


UNHA BREVE PUCHARQUIÑA

É unha breve pucharquiña
sobre un enorme penedo.

Sin fatuidade urbana,
míranse naquel espello
as froliñas dun carpazo,
a ramaxe dun esvedro,
linda pastora de Anaigo,
e as estreliñas do ceio.

É unha breve pucharquiña
sobre un enorme penedo.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 11-07-2011 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal