Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Moraima, marzo 1972
0 meu país é pequeno,
pro non ten fronteiras.
A.S.


A muller de Boabdil
chamábase coma ti,
Moraima.
Eu, coma il,
tamén perdín Granada.


Perdín a primavera,
teño murchas as azas.
Perdín pra sempre
a cidá da esperanza,
das rúas silenciosas
e os parques de mazairas.

Perdín vales e ríos,
chairas e montes,
perdín os manantíos,
perdín as fontes.
Prediquei no deserto,
arei no mar,
tecín rendas de soños,
sementei no vento
zugameles fantásticos.
Vivín na terra allea,
comín o pan amargo do desterro.
convivín cos badocos
i esparexín na vida
mensaxes sin respos



Perdín Granada,
pro non a ti,
Moraima.
Por eso non perdín
nada.


Celso Emilio Ferreiro


A continuación o poema recitado por María García Esperón:




Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 12-06-2012 21:30
# Ligazón permanente a este artigo
Lingua Proletarian de Mi People. Celso Álvarez Cáccamo


Versión trilingüe do poema de Celso Emilio Ferreiro "Sentado frente ao mar", escrita e recitada por Celso Álvarez Cáccamo:

Lingua Proletarian de Mi People
(Laying Rente The Sea, Ise Camino...)
Celso Emilian Smith



Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 10-05-2011 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
Neno orfo con cabalos ao fondo

Fotografía de Enrique López Dabali (Todos os dereitos reservados)


Pasaron os cabalos da noite
e veu a ialba.
Madre,
iste é o país do pranto.
Pasaron os cabalos da noite
agallopando.
Madre,
iste é o país do pranto.
Coma un vagalume senlleiro,
estar quixera
cheo de luz nos carreiros.
Pasaron os cabalos da noite
coma un vento mouro.
Madre,
os cabalos deixáronme orfo.


Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962


En 1978, a cantautora Pilocha, no seu primeiro LP incluíu unha versión cantada deste poema coa música de Antón Seoane. Escóitaa aquí.


Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 22-04-2011 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
Versión bilingüe do poema "Deitado frente ao mar" por ALDAO+LADO
Lucía Aldao e María Lado recitando no evento Poesía Alimentaria a súa versión "bilingüe" do poema de Celso Emilio Ferreiro "Deitado frente ao mar":




Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 18-04-2011 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
Longa noite de pedra
No medio do caminho tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
tinha uma pedra
no meio do caminho tinha uma pedra
.
Carlos Drummond de Andrade

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.


Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962

Comentarios (3) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 02-02-2011 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
Soldado

Guernica de Picasso (1937)
Xorxe, meu vello amigo,
¿como fuches parar á tropa?

W.H. Auden

1

Tiña os ollos azules poboados de preguntas
sobre o tempo i as colleitas. Seu pensamento estaba
cos segadores cantando na serán, ao comenzo
do solpor, cando a noite empeza a ser mociña.
Non comprendía os termos honorábeles,
nin as palabras encheitas de solemne soberbia,
nin aos homes aquelados de estúpida suficiencia
que se coidaban importantes
porque os seus devanceiros chegaron a señores
a forza de prostituírse, axionllarse e podrecerse.
Ouvía falar dos deberes co estado soberano,
das sacras instituciós, do orde, da groria
e lembrábase axiña do carballo que había
na porta do seu casal, alá na outa montaña,
perto dun río que fungaba un laio monocorde
de escumas entre as pedras; lembrábase asimesmo
do traxe esfarrapado do escolante loiro
que un día fora á guerra e non voltara;
e aínda se lembraba das maletas dos emigrantes
e das anduriñas que pasaban voando cara o sul.
Tiña o corazón cheo de verbas pequeniñas
coma cativas patrias ou pulsos latexantes.
Iletrado e sinxelo, gardaba a sabencia dos bosques
e interpretaba o profundo vento que xeme na noite.
Decía con dozura as súas verbas antigas
e dempois calaba pra escoitar o silencio
do mundo, dilatado e inmenso coma unha chaira.
Abría as maus labregas,
que agora empuñaban un fusil,
e púñase a miralas con atención lenta e teimosa.

2

De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte
fitou o resprandor dunha cidá en chamas
semellante a un remoto mencer amarelo.
De enriba baixou un rumor de treboada,
un xordo bruído de río enrabexado,
coma un rouco balbordo cubrindo a paisaxe.
Oubeou un can nos arrabaldos,
e comenzaron os lóstregos.
O fume,
coma unha palmeira xigantesca
abriu os seus brazos ardentes
i esparexeu pola bóveda celeste
un escuro anuncio de morte.
Asubíos e lóstregos.
Os paxaros da tarde
caíron mortos cal follas de outono.
A sireia da fábrica ergueu o seu chifro
fendendo en dous anacos o día tépedo,
o día húmido e íntimo con sabor de beixo.
Lóstregos.
(Alcendeuse a bombilla).
Unhas maus deformes afirmaron os cotobelos
no aire estremecido
e un retablo de caras esmaceladas,
mirando para o cumio, increparon aos dioses.
Queimada carne, pernas, pés, ferraduras...
Un touro axexante, coma un Minotauro perdido
nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos tumefactos,
muxía longamente.
(Apagouse a bombilla).
Un cincel roto
procramou a súa protesta.
Un cabalo
dislocado, desbocado, agallopou frenético
sobre os cascos de pedra e nitroglicerina.
Lóstregos.
Fedía a cortello misturado con cloaca e xofre.
(Alcendeuse, apagouse a bombilla).
Viuse e non se viu unha paisaxe
de brazos, rostros, pernas, dedos,
tellas, seos, portas, aramios...
Lóstregos e os derradeiros estoupidos.
Dempois, nada. Silencio. Un mesto silencio
de noite nevada ou de terra erma.
Xorxe, meu vello amigo:
Ti que estás cos que sofren a historia
i en contra dos que a escriben,
¿como fuches parar á tropa?

3

Chegaron ás aforas da cidade
cubertos de borralla e de cansancio.
O teniente berrou "alto, quén vive";
na inmensa soedá nasceron nardos.
O silencio da noite estrelecida
era un longuísimo camiño branco.
As cartucheiras ían tintintín,
decían tintintín, marcando o paso.
Un bisoño decúbito supino
miraba para o ceo despiadado,
no fusil unha mau,
na outra mau un saco.
O fillo da súa nai estaba morto,
groriosamente morto sobre un charco.
Tiña nos ollos vento. Preguntaba
cunha ollada azul de animal manso.
Xorxe, meu vello, meu eterno amigo,
dime no que estás pensando


Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962

Este poema publicouse por primeira vez en Papeles de Son Armadáns, nº XLIX, de abril de 1960, número de homenaxe a Picasso, precedido dunha dedicatoria ao pintor: "A Picasso con profunda admiración".

Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 02-02-2011 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
Libremente
Nós queríamos libremente
comer o pan de cada día. Libremente
mordelo, masticalo, dixerilo sin medo,
libremente falando, cantando nas orelas
dos ríos que camiñan pra o mar libre.
Libremente, libremente,
nós queríamos somente
ser libremente homes, ser estrelas,
ser faíscas da grande fogueira do mundo,
ser formigas, paxaros, miniños,
nesta arca de Noé na que bogamos.
Nós queríamos libremente surrir,
falarlle a Dios no vento que pasa
-no longo vento das chairas e dos bosques-
sin temor, sin negruras, sin cadeas,
sin pecado, libremente, libremente,
coma o aire do mencer e das escumas.
Coma o vento.
Mais iste noso amor difícil rompéuse,
-vidro de soño fráxil-
nun rochedo de berros
e agora non somos máis que sombras.


Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962

Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 02-02-2011 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
Monólogo do vello traballador
Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentres o tomo, espero.


Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962


Engadimos un videopoema deste poema:



Videopoema creado por Andrea Nunes, Lorena Souto e Mario Regueira con motivo do recital poético "Ergueremos a esperanza", celebrado na Universidade de Deusto o 26 de abril de 2012 para conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.

Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 02-02-2011 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
Carta á miña muller
Querida, non o esquezas, hai palabras
que é pecado decilas niste tempo.
Palabras que non debes pronuncialas,
nin xiquera pensalas, cavilalas,
tatexalas, gabalas, escribilas...
Moito menos berralas.
Esposa, toma nota e non esquezas:
non digas libertá palabra triste
con peligro de morte e calivera.
Si é certo que me queres nunca digas
esta palabra estúpida
que ten dentes e morde coma un lobo.
Non digas tan xiquera
as verbas derivadas,
por moi lonxano e vago
que sexa o parentesco etimolóxico,
como son, verbigratia, libertino,
liborio, liberata, libre cambio.

En troques di cadea, viva, viva,
si señor, moitas gracias, Dios llo pague.
¡Xa verás que felices imos sere!

Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962




Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 01-02-2011 16:06
# Ligazón permanente a este artigo
Mariña Soliña
Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
Nos areales de Cangas,
muros de noite se erguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As gueivotas sobre Cangas
sonos de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de auga fría:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.


Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962
Comentarios (0) - Categoría: 053. Celso Emilio Ferreiro - Publicado o 01-02-2011 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal