Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Ledicia Costas explica como naceu Escarlatina, a cociñeira defunta


Nas X Xornadas dos Clubs de lectura, celebradas en Compostela o pasado 17 de xuño, Ledicia Costas cóntalles ás alumnas e alumnos do IES Breamo como se lle ocorreu escribir Escarlatina, a cociñeira defunta.






Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 08-10-2017 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Os Megatoxos. Anxo Fariña
Anxo Fariña é o autor da colección Os Megatoxos, que, ademais de escribir, ilustra.

Pero quen son os Megatoxos?

Pois catro mozos e mozas: Ninfa, Faísca, Lúa e Ruxe que teñen que compatibilizar as clases no instituto, cunha dobre vida que os impulsa a viaxar polo tempo en busca dunha cura á súa mutación xenética.

Títulos da colección publicados ata o momento:

Os Megatoxos e o aprendiz de druída
, A Nosa Terra, 2007
Os Megatoxos e a espada esmeralda, A Nosa Terra, 2008
Os Megatoxos e os templarios da luz, A Nosa Terra, 2009

Artigo relacionado: "Os Bolechas e os Megatoxos, pendentes do futuro de ANT" publicado en Galicia Confidencial (15/03/2011)

Máis información no Blog Os Megatoxos



Entrevista realizada a Anxo Fariña no IES do Son:

megatoxos 1 /entrevista a Anxo Fariña from SonCine on Vimeo.




Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 27-03-2011 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
Suso de Toro abandona a escritura profesional
"A vida son máis cousas: a miña carreira literaria como tal remata aquí"

Vieiros conversa co autor compostelán logo de que anunciase na súa bitácora que, despois de 16 anos, lle pon fin á súa traxectoria de escritor profesional para volver ás aulas.

Podes ler a entrevista completa en Vieros (22/04/2010)

Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 01-05-2010 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
Manuel Rivas e Suso de Toro obxecto de estudo na Sorbona
La Sorbonne. Paris
Expertos europeos e de EE UU estudaron en París no mes de marzo a obra de Manuel Rivas e Suso de Toro.

Na reportaxe "Rivas e De Toro entran na Sorbona" de Ana Teruel, publicada no suplemento «Luces» de El País Galicia (12/03/2010), podemos ver algúns dos aspectos tratados desde moi variadas perspectivas de estudo no congreso que levou por título Dúas voces da literatura galega contemporánea e que reuniu na Sorbona a académicos de diversas universidades europeas e de EEUU, baixo a coordinación dos franceses Jorge Vaz, de orixe portuguesa, e Sadi Lakhadari.

Fonte: Blog de Xerais (12/03/2010)


Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 01-05-2010 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín: a prolongación da Xeración Nós
Antón Reixa
Artigo de Antón Reixa
publicado en Xornal.com (06/02/2010)

Castelao e Otero Pedrayo votarían con orgullo e convición a candidatura de Ferrín á presidencia da RAG. Estarían votando por si mesmos. Xa o teño escrito e insisto: Ferrín vén ser o último membro da Xeración Nós. É Nós despois de Nós. Representa os mesmos valores ca eles: a intelixencia, a paixón e a modernidade ao servizo de Galicia. Os de Nós respondían ao concepto clásico de “sabios”. Curiosidade e sabedoría enciclopédicas, esforzo e afán de transformación. Ferrín é todo iso en máximo grao. Unha curiosidade sen límites e unha fame constante de coñecemento. Unha conversa con Ferrín pode decorrer polos vieiros da toponimia, o rock and roll, Foucellas, a entomoloxía –a súa literatura está inzada de insectos–, a historia, a poesía ou o motor de explosión.

Ferrín é un coleccionista e transmisor constante de saberes co código da intelixencia emocional e da paixón. Foi o meu profesor de literatura e segue sendo o profesor da literatura da miña vida. Lembro unha das súas mellores clases en COU: o relato detallado dun paseo por unha Compostela nevada con Otero Pedrayo, o seu profesor universitario.

Lembro como me sinalou o correlato do Doutor Kleines da súa novela Arrabaldo do norte no seu escenario ficcionado, a taberna O 42 na rúa do Franco. Lembro a épica coa que nos relatou as mobilizacións obreiras de 1972 en Vigo e Ferrol, épica homologable a como nos fascinou pola obra de Cunqueiro. Impregnounos do vademecum da modernidade literaria: Rimbaud, a poesía radical de Rosalía, o vangardismo de Manoel Antonio, a entropía intelixente de Joyce, o metaforismo terribe de Kafka, o obxectivismo de Robbe Grillet.

Pero Ferrín é, sobre todo, boa xente porque patrimonializa o maior sentido da humildade. A súa biografía completa é a impugnación permanente do politicamente correcto e do previsible. Foi, no seu momento, o catedrático máis novo de España e cando todo conducía a que Ramón Piñeiro o investise da condición do seu herdeiro intelectual e político, optou por ser marxista e clandestino.

Desafiou escrupulosamente o mito de ter sido na liturxia do galeguismo sensato o mellor poeta, o mellor novelista ou o mellor filólogo. Porén, con ese disimulo da humildade xenial, revolucionou a poesía con seu Con pólvora e magnolias, consolidou o cosmopolitismo da prosa narrativa moderna e deulle a volta á crítica lieraria galega co seu De Pondal a Novoneyra. O seu compromiso intelectual resiste calquera tentación cortesana: rexeitou un premio literario na época da Xunta de AP, pero acolleu con gran sentido común o Premio Nacional de Literatura que lle entregou o bipartito.

Nas opcións militantes de Ferrín hai que entender, máis ca súa propia configuración, a autenticidade e a ética-estética de fuxir do acomodaticio, esa rebeldía constante desde a súa mocidade. A súa chegada á Academia é unha das poucas boas noticias para Galicia nos últimos meses. Restaura un espazo de tolerancia e sinceridade que é común á nosa idiosincrasia. A cuestión non é se Ferrín vai actuar desde a RAG con criterio institucional.

Os que vimos da soidade extraparlamentaria entendemos ben o valor das institución e o pragmatismo que requiren. As impecables declaracións de Ferrín nestes días asi o ratifican. A cuestión principal que se plantea é se a actuación da Xunta do PP é efectivamente institucional e digna coas súas previsións lexislativas para o galego ou se é institucional a falta de axudas regularizadas á Academia, que é a nosa autoridade lingüística. Xa o dixen aquí: “Viva Ferrín!”.


Fonte: Xornal.com (06/02/2010)


Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 08-02-2010 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a X. L. Méndez Ferrín
X. X. Méndez Ferrín
Méndez Ferrín, o recén nomeado presidente da Real Academia Galega, coa claridade á que nos ten acostumad@s, fala na entrevista publicada en Xornal.com (06/02/2010), da política lingüística actual, do proceso de colonización de Galicia, do conflito lingüístico, do futuro da RAG e do seu financiamento, da normativa do galego e das relacións con Portugal e do panorama literario actual.

Entrevista completa.


Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 08-02-2010 00:35
# Ligazón permanente a este artigo
Méndez Ferrín é nomeado presidente da Real Academia Galega


O escritor ourensán convértese no undécimo presidente da RAG co apoio de vinte dos vinte e tres académicos e ningún voto en contra.

Méndez Ferrín promete que a Academia será “inflexíbel” na defensa do idioma galego.

Máis información en Xornal.com (26/01/2010)
Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 08-02-2010 00:35
# Ligazón permanente a este artigo
Os once Premios Nacionais galegos piden a dimisión do conselleiro de Cultura polas súas palabras de desprezo á literatura galega
Once autores galegos, con obras escritas en lingua galega, recibiron nos últimos vinte e cinco anos o Premio Nacional de Literatura que concede o Ministerio de Cultura. Uns como narradores ou autores de textos teatrais, outros como ensaístas ou tradutores. Cada un dende as súas coordenadas estéticas e políticas, cada un a lombos de cadansúa xeración. Ao longo deste tempo, os premiados nunca se presentaron publicamente todos xuntos. De feito, até que asinaron a carta que se fixo pública esta mañá, só tiñan en común unha liña no currículo. Agora comparten tamén unha reivindicación unánime: piden a “dimisión” do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, pola súa “falta de consideración” e o seu “escaso coñecemento” da cultura que se fai en Galicia.

A paciencia ten un límite, e a dos asinantes desta carta caducou o pasado luns. Nun encontro con empresarios, creadores, autoridades e medios de comunicación na Coruña, Roberto Varela confesou que a cultura galega lle parece, ademais dun termo “espiñento”, unha cousa “ensimesmada e acomplexada”. As palabras, pouco diplomáticas para vir dun profesional das relacións institucionais, espalláronse decontado a través da rede. Aí apareceron os primeiros indicios do malestar, non só entre os autores que agora promoven esta iniciativa.

Os asinantes da carta son calquera cousa menos descoñecidos. Son Manuel Rivas, Suso de Toro, Alfredo Conde, Agustín Fernández Paz, Xabier P. DoCampo, Xusto Beramendi, Paco Martín, Antón Santamarina, Fina Casalderrey, Manuel Lourenzo e Rubén Ruibal.

Aa carta, que se difundiu esta mañá, esixe a “dimisión” ou o “cesamento inmediato” de Varela, a quen non consideran acaído para o cargo polo seu desprezo sistemático cara á cultura galega e os seus creadores. Os promotores amósanse tan sorprendidos como ofendidos polas declaracións do conselleiro, que teñen por despectivas e insultantes, e avogan por que abandone o Goberno da Xunta e se recupere a “cordura”.

“Non se trata de explicarlle ao conselleiro de Cultura o que é obvio, senón de recordarlle que dicir certas cousas non é de balde”, explica o escritor Suso de Toro, Premio Nacional de Narrativa en 2003 con Trece badaladas. “Cualificar como acomplexada e ensimesmada a cultura é tan grave como se o titular de Medio Rural dixese que hai que deixar de producir viño en Galicia porque é cativo e non serve, e que hai que importalo de fóra. Non se pode deixar pasar algo así”.

UN PREMIO NADA “ENSIMESMADO”

“Non sabemos se nos doe ou nos fai rir”, engade o vilalbés Agustín Fernández Paz, merecedor do Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil o ano pasado coa singularísima O único que queda é o amor. O autor, para quen este pronunciamento é “moi significativo” precisamente por vir avalado por escritores que gañaron un premio “tan pouco ensimesmado” como é o Nacional de Literatura, recorda que as “faltas de respecto” de Varela non son novas, senón que empezaron xa nas primeiras semanas do seu mandato.

Hai entrevistas, efectivamente, que perseguen a Varela dende que tomou posesión, hai case dez meses. Mil veces intentou explicar que fora un malentendido, que non quixera dicir tal cousa, pero tanto a oposición como calquera que busque unha coartada para ilustrar a súa disconformidade coa xestión do conselleiro rescata aquilo de que “a cultura galega está ben, pero limita”. Por iso os cualificativos “acomplexada” e “ensimesmada” que lle dedicou á cultura galega, nun coloquio no que tamén dixo que “a meirande parte dos libros que se editan en Galicia os compra a Xunta”, molestaron especialmente en certos sectores das industrias culturais.

A carta chega agora porque os asinantes están “fartos”, por dicilo con Xabier P. DoCampo, Premio Nacional en 1995 por Cando petan na porta pola noite, pero coincide cun momento delicado para Roberto Varela. O conselleiro de Cultura está a recibir tantas críticas dende a oposición como dende o Partido Popular polo “escaso” protagonismo que lle concedeu á cidade de Santiago na promoción do Xacobeo. Esta semana mesmo se chegou a especular sobre a súa posíbel dimisión, rotundamente descartada tanto polo seu gabinete como pola Presidencia da Xunta.


Fonte: Xornal.com (25/01/2010)


Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 08-02-2010 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
Manuel Rivas ingresa na RAG
O escritor e xornalista saúda a Xosé Ramón Barreiro. Foto de Irene Molina /AGN

Cunha flor de toxo na man, O'Rivas leu o seu discurso "A boca da literatura", co que pasa oficialmente a formar parte da Real Academia Galega.


"Non é por gloria, nin por riqueza, nin por honores polo que nós loitamos, senón pola liberdade", expresou o escritor coruñés Manuel Rivas durante o seu discurso na mañá deste sábado n'A Coruña.

No seu discurso, titulado "A boca da literatura: memoria, ecoloxía e lingua", falou tamén Rivas da literatura como o mellor instrumento para a recuperación da memoria individual e colectiva. De paso, o escritor tivo un recordo para o aínda presidente da Real Academia Galega (RAG), o historiador Xosé Ramón Barreiro, quen proximamente deixará o seu posto. Valorou Rivas que Barreiro foi "cando máis cumpría, sagaz, prudente e valente na defensa da nosa lingua". "A poesía é a maior milagre do mundo", concluíu Manuel Rivas ao remate da súa intervención.

Manuel Rivas Barrós naceu na Coruña en 1957 e é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Colaborador de diversos diarios galegos, como El Ideal Gallego, tamén participou cos seus artigos en revistas como Teima e Man Común e, de xeito fixo, no semanario A Nosa Terra. Cofundador da revista cultural Luzes de Galiza, na actualidade mantén unha columna semanal no xornal El País. Ademais, posúe unha extensa creación literaria en todos os xéneros literarios. O plenario RAG acordara o pasado mes de xullo o nomeamento como membro electo do escritor para ocupar a vacante producida tras o falecemento do académico Camilo González Suárez-Llanos.

Fontes:

Vieiros (12/12/2009)

Galicia Hoxe (13/12/2009)


Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 08-02-2010 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
Discurso de Fernández Paz nos Premios Xerais 2009
Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008
O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 realizou na entrega dos Premios Xerais 2009, que tivo lugar o sábado 6 de xuño, unha valente intervención en defensa da lingua, que foi agradecida polo longuísimo aplauso de trescentas persoas postas en pé.

Na súa intervención destacou a súa defensa da universalidade da literatura galega e a denuncia da súa situación de marxinación no país, tanto nas librarías "os nosos libros, confinados nunha reserva india en boa parte das librarías", como nos medios "o tratamento subordinado que recibe nos medios de comunicación" e nos discursos hexemónicos "a insistente mentira de que somos unha literatura subvencionada".

Podedes ler estractos do discurso ou velo completo gravado en Vieiros (10/06/2009).


Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 11-06-2009 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal