Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Cidade Cemiterio. Férnán Vello


Xardín Desordenado interpreta "Cidade Cemiterio" do libro Territorio da desaparición (2004) de Miguel Anxo Fernán Vello.

Vídeo realizado no Museo Verbum - casa das palabras, por Alén Filmes para o programa 29 de "Música ambiente" de V Televisión


Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
tronzo as marañas que urdiu o meu desexo. Pilar Pallarés
tronzo as marañas que urdiu o meu desexo
solto as amarras que te unían a min:
exímote do amor



Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior



Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
O desexo era un lóstrego. Pilar Pallarés
O desexo era un lóstrego
que nos alzaba unánimes cara un ceu de sangue
partido polo raio.

Os astros tiñan pel
e respiraban,
pugnaban por ser un cos pés no abismo.

Pairamos sobre a dor e a cor dos mapas.
Un continente en branco,
unha sabana inmensa a agardar por un nome.

Balbuciamos palabras inauditas.
Eramos deuses novos, e morrían
sen chegaren á terra.

Caímos ao mencer
en lados diferentes da fronteira da vida.



Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:44
# Ligazón permanente a este artigo
Foron as miñas mans coroa de espiñas? Pilar Pallarés
FORON as miñas mans coroa de espiñas?
Eu quería que fosen cunca e leito
para che dar a paz e adormeceres
sen ira e sen temor.

Máis imbatíbeis son que as que traza a cobiza
as fronteiras do eu,
máis fonda que a trincheira que divide o planeta
a fenda de silencio onde xacemos mortos.



Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
E agora son de novo. Pilar Pallarés
E agora son de novo
unha voz que teima en responder a outra voz,
ese oficio primeiro das palabras,
a viaxe desnortada nun navío de mortos
(o ceu vougo,
como aldea deixada ás tropas inimigas,
como piso onde un gato inutilmente espera),
fracasada odisea,
lingua franca dos corpos perdida para sempre.



Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
Non temas. Pilar Pallarés
NON temas, meu amor,
cando na hora da morte desza o anxo:
direi que crin en Deus
na ollada sixilosa do felino,
na súa fe en min cando o aloumiño
e lle curo as feridas,
na argucia da paixón reinstaurando a desorde.

“Talvez non che perdoe, dime o anxo,
seres unha vez deusa, cando amabas,
teres calcado o chan da eternidade”.



Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
Exposta aos temporais. Pilar Pallarés
EXPOSTA aos temporais,
cercada polo vento,
circundada de ausencias.
A chaminé da estufa explora firmamentos,
engaiola as estrelas,
e unha lúa raquítica dorme sobre os guindastres
de ollos entreabertos.

Eu gardo o teu djembé
e, en caixas diminutas,
materiais co adn dunha pedra preciosa,
dun navío sonámbulo
que me manda S.O.S. nunha lingua enigmática,
dun leopardo errático
que repite unha sura cincuenta e tantas veces
por conxurar o diabo:
“anxo da señardade, anxo escuro do medo,
non fagas casa en min, non me abata a túa sombra”



Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
Pero ti. Pilar Pallarés
PERO ti, vaidosa, soñabas co silencio expectante de abril
tronzado co teu berro como un talo de hortensia.
Salutación da terra. As pombas son ourives,
lúen ancos de sombra, acarrexan espigas,
poñen o ramo á casa.

Raíña cativa e megalómana, o paso vacilante, o dedo firme
a decretar que o ceu nunca tolda,
que o mundo é afirmación: un longo urro
de gata apareándose, a pavana perfeita.

(Hai aves que non nacen, choivas que non escampan,
a morte do teu pai ceifando maios).



Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
Hai estratos distintos de vacío. Pilar Pallarés
HAI estratos distintos de vacío.
Un medra indiferente
alimentado da miña indiferenza,
o meu rosto de pálpebras fechadas,
o visgo lento das horas, a súa orde
que simula (non mantén)
a vida.
Dentro dos ollos pode haber rúas con sol,
unha avenida con árbores que conto
para chegar á casa, un longo corredor
con lóstregos nas costas
e a confusión de bocas e de tactos
nun cuarto que foi branco
e crepita coas voces da mañá
en tanto se enche de sombras e borralla
e fica para sempre nas paredes
a silueta dun home, un can, unha muller,
e nas estantes un animal sen pel
desvalido e voraz como o meu medo.
Non quero abrir as portas,
non quero ouvilo arfar tras os espellos,
meu amor sen caricias e sen bocas
asfixiando nas pálpebras fechadas
no seu vacío sen tempo
(o tempo é un espellismo)
en carne viva.



Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
Son de novo eu voltando. Pilar Pallarés
SON de novo eu voltando, despiadada,
femme Lazare aínda,
aterecida boca que reclama alimento
de fóra.
Deberíate odiar porque xa non me abonda co meu sámago?
Es ti ao fin que volta, a miña carencia,
o meu brazo amputado que xa manca.
Tes outro rosto, é certo, e mudaron as formas do teu corpo.
É tan meu que a duras penas nel me recoñezo
eu –senlleira e poderosa,
morta, dona de min.
Deberías saber que non che podo dar o que precisas.
Non creas no meu sorriso, porque non teño poutas,
nen dentes,
nen unha lingua ávida que se sacie de vida.
Talvez son branca e tépeda aos teus ollos,
mais fun eu quen ceifou as flores do xardín
-a prisioneira-
quen cegou os mananciais e se tapiou
nunha cámara espida.

Pedes que sexa fonte
-e son a sede.



Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 070. Xeración dos 80 - Publicado o 29-04-2012 23:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal