Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Galicia soñada


Miguel Ángel Carregado Silva, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, le "Galicia soñada" de Luís Pimentel


Eu oio o silencio
con que se labra a estatua do milagre,
máis alá do bosque,
máis alá do mar.
¡Ou, miña Galicia misteriosa!


Luís Pimentel


Comentarios (0) - Categoría: 052. Luís Pimentel - Publicado o 12-06-2012 21:30
# Ligazón permanente a este artigo
Canción das tres cucharas


Para cando Mª Luísa teña o neno


Tac, tac, tac
cuchara de pau
cunca de madeira
o meu neno
está na lareira.

Tin, tin, tin
cuchara de prata
cunca do pazo
o meu neno
está no regazo.

Ton, ton, ton
cuchara de ouro
cunca de cristal
o meu neno
é príncipe real.


Luís Pimentel, Sombra do aire na herba, 1959


Pódese escoitar en Son de Poetas a versión musicada por Abe Rábade


Autor da ilustración: Fino Lorenzo


Comentarios (0) - Categoría: 052. Luís Pimentel - Publicado o 22-04-2011 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Cunetas
¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Hasta cando durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran mais que os que aman a Galicia-.
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres e de obreiros
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.
…………………………..
Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non terei palabras pra os meus versos.

Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crime
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguén podes trocar teu sorriso.
Nos arrabais,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta
que ninguén coñece aínda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home
chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.


Luís Pimentel


Comentarios (0) - Categoría: 052. Luís Pimentel - Publicado o 08-02-2010 16:20
# Ligazón permanente a este artigo
Xogo ruín
Aquil neno
pincháballe os ollos
ós paxaros;
e gustáballe ver saír
esa gotiña
de ar e de lus,
ise rocío limpo
de mañanciñas frescas
............
Logo botábaos
a voar
e reíase de velos
toupar contra o valado
da súa casa,
con un ruído
moi triste
............
Creceu e foi de aqueles.


Luís Pimentel, Sombra do aire na herba, 1959


Comentarios (0) - Categoría: 052. Luís Pimentel - Publicado o 08-02-2010 16:11
# Ligazón permanente a este artigo
Paseo
De sutaque sorprendín á mañá
entrando na vila
cantando da mao da fina chuvia.
Cos pes espidos e mollados
viña dos camiños verdes, profundos.
Dedos de vento transparentes, baleiros,
en bruñidas bandexas.
Scherzo da zoca na acera.
Leda canción.
E debaixo do mantel de liño fresco
a muller do obreiro leva as doce campanadas.

Unha canción que se cae e se levanta.
O polvo nas alas e tamén o ceo.
Unha canción tan lonxana e lene
como a sombra do aire sobre a herba.
Ata min chega tan solo en anacos;
mais eu enténdoa exaita i enteira,
como a sombra do aire sobre a herba.


Luís Pimentel, Sombra do aire na herba, 1959


Comentarios (0) - Categoría: 052. Luís Pimentel - Publicado o 08-02-2010 16:10
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal