literactúa


Nós podemos facer da sociedade o que queiramos que sexa. Conversa con Séchu Sende

Neste mes de setembro propúxose en Literactúa a lectura de algo máis que un libro. Propúxose toda unha ferramenta transformadora da sociedade. Unha ferramenta non só para ler, senón tamén para utilizar, recomendar, agasallar, propor, converter, rir, convencer, opinar, gozar, participar, comentar, comunicar... E iso notouse na conversa con Séchu Sende, o autor de Made in Galiza, na Taberna Café O’Patacón, que estivo abarrotado de xente con moitas ganas de participar, de opinar e preguntar sobre o libro e de reflexionar sobre o conflito lingüístico no noso país.

Porque Séchu é autor, escritor, si. Mais Séchu é, ademais, un auténtico activista e dinamizador social. Si, sobre todo iso. Unha desas persoas que estea onde estea, pase o que pase, alí está el argallando algo. Nunha vila, nun instituto, na comunidade de veciñas e veciños, etc. Non para: Letras da Cal, Burla Negra, Nunca Máis, Area Negra, Arredemo, Tagen Ata, SOS Caurel... E así anda o Séchu, entre o instituto, a dinamización sociolingüística, o activismo social, a literatura, a cultura, etc.

E, aínda por riba, escribe. E como escribe! E que escribe! Primeiro impresionounos cos poemas de Odiseas, logo coa incitación político-social, a magnífica historia de historias políticas e poéticas que é a novela Orixe, despois unha chea de textos soltos como a «Guía sexual da sociolingüística» ou o «Manifesto publicitario da língua», e agora con todos estes relatos Made in Galiza sobre os que se falou no Patacón.

Séchu nas súas obras dinos claramente que «nós podemos facer da sociedade o que queiramos que sexa». Dinos, dun ou doutro xeito, que debemos facer nosa e fortalecer a máis poderosa proclama anticolonizadora, que é unha frase súa: «Eu nunca serei yo».

Séchu agasállanos a todas e a todos con estes textos de Made in Galiza que seguro que son ben útiles para que as e os profes poidan usar nas aulas, para que os animadores e as animadoras sociolingüísticos/as desenvolvan con eles unha chea de actividades, para empregar por parte da xente que traballa pola lingua, para facer reflexionar a nenas e a nenos e tamén a maiores.

Se temos un amigo que non se atreve, que lle dá corte, que lle soa mal o galego, podemos agasallalo con Made in Galiza. Se somos profes de galego, podemos ler na aula co alumnado Made in Galiza. Se hai un papá ou mamá que fala galego pero que á filla ou fillo lle fala castelán, podemos agasallalo/a con Made in Galiza. Se a médica, o señor do banco, ou o señor ou señora de atención ao público dunha administración non nos quere atender na nosa lingua, podemos agasallalo/a con Made in Galiza.

Son relatos, mais non só relatos; a maioría centrados na lingua, pero hai máis que lingua... O manual de Instrucciones para empezar a hablar gallego... A nena dun ano e poucos días que se prepara para botarse a falar, que escoita, e que non acaba de entender que é o que acontece... O país no que un ladrón vai roubando palabras... As historias contadas nas Antípodas de T. Lijó e B. Regueira en Radio Fusión... O diálogo entre as letras ñ e nh... O home que recupera a súa lingua na oficina de obxectos perdidos... A historia de Verba, a empresa que comercializa un idioma... A súa historia de cando fixo ouigha co espírito de Castelao... O método de autohipnose para aprender galego... O estudo sociolingüístico da mocidade baixo os efectos das drogas... O conflito sociolingüístico en Madrith...

Cando se fala da lingua, do conflito lingüístico en Galiza e dos dereitos lingüísticos, estamos moi acostumados a ver señores e señoras formais, con caras enfadadas (e con razón!) e dicindo cousas moi serias. Pois, normal, o da lingua évos un asunto moi serio... Mais, cómpre ter en conta que unha das mellores maneiras de enfrontármonos aos asuntos máis serios é con humor. E o Séchu, seguramente consciente, reivindica, procura e consegue introducir unha maior presenza do discurso máis lúdico e humorístico no conflito lingüístico no noso país.

E así transcorreu a conversa con Séchu Sende no Patacón, na que o autor falou de todo isto, e na que, a partir das súas anécdotas e das historias que contou, provocou un longo debate sobre o libro, sobre o conflito lingüístico, o amor á lingua, os dereitos lingüísticos, a comunicación, a normalización e a promoción do noso idioma.

Podes ver as FOTOS AQUÍ.
Fotos da conversa con Séchu Sende
Literactúa! Comentarios (15) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 27-09-2007 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con Séchu Sende. Mércores 26 de setembro

O Concello de Carballo e a Taberna Café O’Patacón convídante á conversa con Séchu Sende, autor de Made in Galiza, dentro do proxecto Literactúa, de difusión do libro e da lectura en galego.

Día: mércores 26 de setembro de 2007
Hora: 20.30 h
Lugar: Taberna Café O’Patacón
Rúa de Ourense

Podes mercar o libro nas librarías Brañas,
Teldy, Trasgo ou Villar.
Literactúa! Comentarios (4) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 24-09-2007 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con Séchu Sende sobre Made in Galiza

Literactúa! Comentarios (4) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 19-09-2007 14:29
# Ligazón permanente a este artigo
Made in Galiza


Made in Galiza


...de Séchu Sende


...O libro de Literactúa para setembro de 2007



ISBN: 978-84-7154-091-1
Editorial: Galaxia
Páxinas: 156
Ano de edición: 2007
Prezo: 12,00 €




Presentación editorial:

Logo de Orixe, a súa primeira novela e Premio Blanco Amor 2003, Séchu Sende volve cun libro de relatos especialmente escrito para ti, que tamén buscas a vida nas palabras.

Un libro que procura a fórmula da liberdade na punta da lingua. Un libro de historias orixinais como cada unha das persoas e dos pobos que coñecemos ou soñamos: únicos. Un libro que conta contigo para ler o mundo con palabras que tamén son túas. Un libro difícil de soñar, como a vida mesma. Contraditorio, inocente, emocionante, creativo, rebelde: un libro Made in Galiza.


Conversa co autor:

Séchu Sende conversará cos lectores e lectoras de Made in Galiza o mércores 26 de setembro, ás 20.30 h, na Taberna-Café O'Patacón (na Rúa de Ourense, en Carballo).


Made in Galiza pola rede:


E TI, QUE OPINAS DESTE LIBRO? DI ALGO!
Literactúa! Comentarios (6) - Categoría: LIBROS - Publicado o 09-09-2007 16:26
# Ligazón permanente a este artigo
Séchu Sende

...o autor do libro proposto por Literactúa para setembro de 2007, Made in Galiza.

Séchu Sende (Padrón 1972) é activista social e cultural, dinamizador sociolingüístico, profesor de lingua e literatura galegas e autor de obras como Orixe (Premio Blanco Amor 2003) ou a de poemas Odiseas, e participante activo en diversos colectivos sociais, como Arredemo, Burla Negra, Area Negra, AS-PG, Nunca Máis, SOS Caurel etc.
Tamén foi cofundador da Cooperativa Tagen Ata de lingua e comunicación e do proxecto editorial Letras de Cal.
Está licenciado en Filoloxía Galego-portuguesa e exerce a súa actividade profesional no IES Marco de Camballón, de Vila de Cruces.

O seu artigo "Guía sexual da sociolingüística" foi galardoado co segundo premio no III Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2007.

O seu último libro é Made in Galiza (Editorial Galaxia, 2007) e, a raíz del, mantén o blog www.blogoteca.com/madeingaliza



Conversa co autor:

Séchu Sende conversará cos lectores e lectoras de Made in Galiza o mércores 26 de setembro, ás 20.30 h, na Taberna-Café O'Patacón (na Rúa de Ourense, en Carballo).


Séchu Sende pola rede:
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: AUTORES/AS - Publicado o 09-09-2007 14:34
# Ligazón permanente a este artigo
Blog do programa Literactúa para o fomento do libro e da lectura en galego no Concello de Carballo.

O QUE É LITERACTÚA...
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 PROCURA
 ALGUNHAS LIGAZÓNS
 ARQUIVO

Concello de Carballo

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


free web counter

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
© by Abertal