|
|
|
Feminismos, India e calceta... Conversa con María Reimóndez |
|

Á terraza chea de xasmíns do Café Valle Inclán de Carballo acudiron numerosas persoas, maioritariamente mulleres, para conversar coa autora de O club da calceta. Mais a xente non quería conversar só coa escritora, tamén quería falar coa feminista e coa implicada no desenvolvemento.
María Reimóndez agardounos aproveitando para tecer uns puntos de calceta, e cando xa fomos sentando, Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños, encargouse de presentárnola e de introducir a conversa. María comezou falando da obra, feita coa intención de axudar a mudar o mundo. Dixo que había que darlle visibilidade ao feminino, como pode ser a calceta, actividade privada tradicionalmente feminina que aproveita na obra para darlles voz ás súas seis protagonistas. A calceta, coa que se crean obras de arte que ademais son útiles e prácticas.
A conversa foise tecendo co libro, cos feminismos e coa situación da India que ela ben coñece, polo tempo que alí pasa colaborando no desenvolvemento de diversos proxectos. Por iso ten a sorte de poder ver o mundo con diversas perspectivas, alén da occidental. Un exemplo: desde a nosa visión de occidente a mutilación xenital parécenos unha auténtica aberración, que o é, pero igual que lles parece unha auténtica aberración ás persoas da India o corta e pega que por razóns estéticas impostas se fan no corpo moitas persoas de occidente. E, claro, a mutilación xenital é un problema, mais o verdadeiro problema no que pensan as mulleres da India é que teñen que percorrer a pé 20 quilómetros con 25 quilos ao lombo para conseguir auga. Outro exemplo: ninguén falaba dos burkas de Afganistán até que os occidentais decidimos invadir ese país; entón tiñamos que buscar unha xustificación. E falabamos do problema das mulleres por teren que levar burka, cando o principal problema das mulleres afgás nese momento era, loxicamente, que as estabamos bombardeando e matando.
A charla era amena e o interese de todas e de todos por cada unha das cousas das que María falaba facía que se fora prolongando: prexuízos e estereotipos sobre o feminino ou sobre diversas cuestións alén do occidental, o sistema democrático da India, a participación comunitaria das mulleres nese país, e un longo etcétera.
E todo isto no día en que se coñecía que O club da calceta era premiado cun dos máis fermosos premios do sistema literario galego, o San Clemente, que conceden alumnas e alumnos de bacharelato de institutos públicos galegos. As persoas alí asistentes non sabiamos a nova, polo que non puidemos felicitar á autora. Dáse a casualidade que os outros dous finalistas do certame eran dous escritores que xa estiveron con nós en Literactúa: Diego Ameixeiras (Tres segundos de memoria) e Francisco Castro (Spam). Parabéns María, Diego e Francisco.
Con O club da calceta péchase o segundo trimestre do programa Literactúa, que se retomará con tres novas propostas nos meses de setembro, outubro e novembro...
Pero antes o Xardín Municipal encherase durante catro días de libros, de actividades lúdicas, participativas, divertidas e formativas para nenas e nenos e para persoas adultas, de autoras e de autores da comarca e do país, de presentacións e sinaturas de libros, de recitais poéticos, de actuacións musicais, de representacións, etc. Será durante a nova edición da Praza dos Libros de Carballo, entre o 23 e o 26 de agosto, que este ano incorporará novidosas propostas e á que non podes faltar.
Podes ler dúas entrevistas que lle foron feitas a María a raíz desta participación en Literactúa. Unha, na edición en papel do Diario de Bergantiños, e outra en La Voz de Galicia. Tamén podes ver algunhas fotos da conversa aquí. |
|
|
|
Literactúa con María Reimóndez. Mércores 27 de xuño |
|
 O Concello de Carballo, o Café Valle Inclán e a Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños convídante á conversa con María Reimóndez, autora de O club da calceta, dentro do proxecto Literactúa.
Día: mércores 27 de xuño de 2007
Hora: 20.30 h
Lugar: Café Valle Inclán. Rúa de Valle Inclán 32. Carballo
A autora será presentada por Fina Bastón,
da Marcha Mundial das Mulleres.
Merca o libro nas librarías Brañas, Teldy, Trasgo ou Villar.
|
|
|
|
Literactúa con María Reimóndez sobre O club da calceta |
|

|
|
|
|
O club da calceta |
|

O club da calceta
...de María Reimóndez
...O libro de Literactúa para xuño de 2007
ISBN: 978-84-9782-437-8
Editorial: Xerais
Páxinas: 272
Ano de edición: 2006
Prezo: 16,00 ?
Presentación editorial:
Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.
A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora de O club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina.
Conversa coa autora:
María Reimóndez conversará cos lectores e lectoras de O club da calceta o mércores 27 de xuño de 2007 a partir das 20.30 h.
A conversa terá lugar no CAFÉ VALLE INCLÁN de Carballo (Rúa de Valle Inclán 32).
A autora será presentada por Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres.
O club da calceta pola rede:
> No blog Brétemas.
> En Xornal.com.
> No web de Xerais.
> En LG3, de Culturagalega.org.
> Crítica de Manuel Rodríguez Alonso no Cartafol de libros de Vieiros.
> Ficha da obra na Biblioteca Virtual Galega.
> Existen redes de solidariedade moi fortes entre as mulleres, pero invisibilizadas. Reportaxe en Vieiros.
E TI, QUE OPINAS DESTE LIBRO? DI ALGO! |
|
|
|
María Reimóndez |
|

...a autora do libro proposto por Literactúa para xuño de 2007, O club da calceta.
María Reimóndez Meilán naceu en Lugo en 1975 e é tradutora e intéprete de profesión e feminista por convicción. O seu primeiro libro publicado é Moda Galega (Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Positivas 2004). En 2005 foi finalista do Premio Merlín coa súa novela xuvenil Usha e finalista do Premio Xerais con O club da calceta, que xa vai pola súa 2.º edición. Tamén colaborou con O son das buguinas, un libro e DVD solidarios promovidos por Implicadas/os no Desenvolvemento.
Leva escribindo desde que tiña 6 anos, recibiu premios durante a súa mocidade (Rúa Nova, Minerva), é autora de varias obras de teatro e participou en múltiples recitais poéticos. Tamén colaborou con artigos de opinión en A Nosa Terra e en Vieiros. Forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) da Universidade de Vigo.
María Reimóndez leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realiza a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, principalmente de formación e participación en diversos proxectos, todos na India, funda Implicad@s no Desenvolvemento, que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurábel. É experta en enfoque de xénero na planificación e avaliación de proxectos de diversa índole, sobre todo de desenvolvemento integral tanto en zonas urbanas como rurais.
María Reimóndez é tamén fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI).
Conversa coa autora:
María Reimóndez conversará cos lectores e lectoras de O club da calceta o mércores 27 de xuño, ás 20.30 h, no CAFÉ VALLE INCLÁN (Rúa de Valle Inclán 32).
A autora será presentada por Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres.
María Reimóndez pola rede:
> Ficha en Xerais.
> O blog de Implicad@s no Desenvolvemento.
> Ficha na Biblioteca Virtual Galega.
> Ficha en Lg3 de Culturagalega.org.
> En +Internet, +Galego, + Futuro.
> María Reimóndez estivo no noso club de lectura, no blog da Biblioteca do IES Auga da Laxe de Gondomar.
> A escritora María Reimóndez actúa coa súa ONG en India e Etiopía, reportaxe en El País.
> GENTE QUE CAMBIA EL MUNDO: Con mujeres de India y Etiopía, reportaxe en La Voz de Galicia.
> Os seus artigos en Vieiros.
> Os favoritos de... María Reimóndez. En Culturagalega.org. |
|
|
|
|
|
|
|