Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
literactúa


    literactúa


Propostas do segundo trimestre de 2007



Para o 2.º trimestre do 2007, propoñémosche tres lecturas... Literactúa!







Abril 2007
Vidas exemplares

Uxía Casal

A autora estará o mércores 25 de abril, ás 20.30 h, no Pub Silfo.






Maio 2007
Home sen nome

Suso de Toro

O autor estará o mércores 30 de maio, ás 20.30 h, na Cervexaría San Xoán.






Xuño 2007
O club da calceta

María Reimóndez

A autora estará o mércores 27 de xuño, ás 20.30 h, no Café Colón.




Merca estes libros nas librarías Brañas, Teldy, Trasgo ou Villar.



Le, comenta, opina, participa, goza... Literactúa!
Literactúa! Comentarios (5) - Categoría: PROPOSTAS TRIMESTRAIS - Publicado o 30-03-2007 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Francisco Castro conversou cos lectores e lectoras do seu libro Spam no Patacón de Carballo

Moita xente moza na Taberna Café O'Patacón de Carballo para conversar co autor de Spam.

A medida que a xente ía chegando, o baixista Álvaro Muras, acompañado na percusión de Vítor Charly, foi animando o ambiente co seu funk-fusion instrumental. No Patacón había moita xente moza, e Francisco Castro xa estaba alí acompañado do director de edicións de Galaxia, Carlos Lema.

O propio Álvaro Muras foi o encargado de introducir a conversa, e fíxoo marcando unha estreita relación entre a música e a literatura. Tamén salientou que el, mentres ía lendo o libro, vía nel unha historia cinematográfica, coa cal sería moi interesante facer, quizais, unha curta. O propio Francisco recoñeceu que era posíbel, e que tamén había xente que lle dixera que vira en Spam unha historia moi acaída para levar á banda deseñada.

A medida que a conversa foi avanzando, analizouse a actitude de Gómez, a súa relación coa secretaria, a súa relación con Helena; a súa obsesión pola rede. Analizouse a actitude do director xeral, dos traballadores, da propia empresa e incluso do narrador.

Falouse do ritmo da novela e do seu trepidante final, e incluso houbo quen se atreveu a propor finais alternativos.

Ao longo da charla, e a raíz da historia de Spam, falouse de Internet, ese marabilloso mundo virtual que tamén ten os seus perigos. Falouse das vidas paralelas virtuais que algunha xente mantén na rede; das relacións creadas aí por persoas que, paradoxalmente, non manteñen relacións no mundo ?real?; do cibersexo, do messenger, dos sistemas de contactos persoais, da internet oculta, etc. Tamén se falou do mundo laboral, da precariedade, da deshumanización das empresas, etc.

E así foi pasando unha hora e media de intercambio de impresións entre os/as lectores/as e o autor.

Ao finalizar, Francisco Castro asinou exemplares do seu libro e Álvaro Muras e Vítor Charly agasallaron a todas as persoas asistentes cunha nova sesión de funk-fusion.

Podes ver as FOTOS desta conversa AQUÍ.
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 29-03-2007 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
Conversa con Francisco Castro. Mércores 28 de marzo

O Concello de Carballo e a Taberna Café O'Patacón convídano/a á conversa con Francisco Castro, autor de Spam, dentro do proxecto Literactúa, de difusión do libro e da lectura en galego.

No acto actuará Álvaro Muras, acompañado na percusión de Víctor Charly. Música funk-fusion intrumental con baixo e percusión.

DÍA: mércores 28 de marzo de 2007
HORA: 20.30 h
LUGAR: Café Taberna O'Patacón. Rúa de Ourense 19

Podes mercar o libro nas librarías de Carballo Brañas, Teldy, Trasgo ou Villar.
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 26-03-2007 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Fina Casalderrey e Os libros arden mal, Premios Irmandade do Libro

Recoñecer o traballo de promoción e divulgación do libro e da lectura en galego é o obxectivo dos Premios Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, que nesta XVI edición foron entregados en Carballo, no transcurso dunha cea que tivo lugar o venres 23 de marzo e na que se deron cita numerosos escritores e escritoras, autores/as, libreiros/as, representantes institucionais, de medios de comunicación, etc..

O xurado decidiu outorgarlle a Fina Casalderrey o Premio á Autora do Ano, polo seu compromiso coa dignificación da literatura infantil e xuvenil.

Fina Casalderrey foi, sen dúbida, a grande homenaxeada da noite.

No resto de categorías os premiados foron:

LIBRO DO ANO:
Os libros arden mal, de Manolo Rivas

OBRA EDITORIAL DO ANO:
O feísmo, de Difusora das Letras, Artes e Ideas

INSTITUCIÓN:
Centro Ramón Piñeiro

MEDIOS DE COMUNICACIÓN E NOVAS TECNOLOXÍAS:
Biblioteca Virtual (BIVIR), da Asociación de Tradutores/as Galegos/as

CENTROS DE ENSINO:
CEP Marcos da Portela, de Monteporreiro, Pontevedra

LIBRARÍAS:
Ler Librarías, de Santa Comba

No acto interviron, ademais de todos/as os/as gañadores/as, Manolo Rivas, que o fixo por partida dobre, que salientou o baixo índice de lectura no noso país e que reivindicou a necesidade de potenciar a lectura en galego. Rivas cualificou o libro como "a nación portátil".

O presidente da Federación de Libreiros, Xaime Corral, salientou a importancia da recentemente aprobada por unanimidade Lei do libro e a lectura, promovida pola Consellería de Cultura e redactada tendo en conta as demandas do sector. Nela recoñécese o libro como elemento identificador de Galiza e saliéntase o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro pola súa importancia cultural, social e económica e como instrumento de normalización lingüística; como garante do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, a historia e a lingua de Galiza.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destacou que "o libro debe ser unha obriga na acción de goberno, e debe ser ademais unha acción transversal que transcende do ámbito exclusivamente cultural, pois implica ao comercio, á normalización lingüística, á educación, ao benestar social... E así o entendemos desde o goberno de Carballo"; cualificou as librarías como "as mellores e maiores difusoras do libro e a lectura", e como "grandes dinamizadores culturais permanentes das vilas e cidades. Son un ben social. Son totalmente necesarias. E é responsabilidades de todas e de todos traballar, loitar, reclamar, impulsar e colaborar para o seu mantemento". Agradeceulles aos libreiros o seu traballo, pois "quen fai libros, fai país; quen edita libros, fai país; e quen vende libros, fai país".

O acto tamén serviu para reivindicar a figura de Xesús San Luís Romero, arredor do que en Carballo está nacendo un movemento para solicitar que se lle dedique o Día das Letras Galegas.
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 25-03-2007 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con Francisco Castro sobre Spam

Mércores 28 de marzo
20.30 h
Taberna Café
O'Patacón
(Rúa de Ourense 19)

O acto de conversa con Francisco Castro estará amenizado con música funk-fusion instrumental por parte do baixista Álvaro Muras, acompañado na percusión de Víctor Charly. Máis información sobre este músico en www.alvaromuras.info.
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 16-03-2007 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
XVI Premios Irmandade do Libro 2007, en Carballo
Este tarde (15 de marzo) tivo lugar a presentación dos actos de entrega da XVI edición dos Premios Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, que terán lugar en Carballo o vindeiro 23 de marzo.

Nunha conferencia de prensa no Pazo de Cultura de Carballo, na que participaron Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros; Ramón Tasende, da Libraría Brañas de Carballo; Antonio Fernández Maira, coordinador xeral de Federación, e Belén Lendoiro, concelleira de Cultura de Carballo, avanzouse o programa de actos e os nomes dos finalistas.

FINALISTAS DOS XVI PREMIOS IRMANDADE DO LIBRO. CARBALLO 2007

CENTROS DE ENSINO
-CEP Marcos da Portela, de Monteporreiro, Pontevedra.
-CEIP Castrelo, de Cambados.
-CEIP San Martiño, de Igrexa, Salcedo, Pontevedra.

LIBRO DO ANO
-Home sen nome, de Suso de Toro
-Os libros arden mal, de Manolo Rivas
-Pepa a Loba, de Carlos Reigosa

OBRA EDITORIAL DO ANO
-Diciopedia do Século 21, de Editorial Galaxia, Edicións do Cumio e Ediciós do Castro
-O feísmo, de Difusora das Letras, Artes e Ideas
-Colección Rescate, da Editorial Alvarellos

INSTITUCIÓN
-Fundación Alexandre Bóveda
-Centro de Investigación Ramón Piñeiro
-Biblioteca Municipal de Cambre

MEDIOS DE COMUNICACIÓN E NOVAS TECNOLOXÍAS
-Faro das Letras
-Programa A casa do vagabundo, da Radio Galega
-Biblioteca Virtual (BIVIR), da Asociación de Tradutores/as Galegos/as

LIBRARÍA
-Ler, de Santa Comba
-Andel do Libro Galego e Portugués, de Vigo
-Libraría Nós, da Coruña
-Libraría Torga, de Ourense

O autor ou autora do ano darase a coñecer o mesmo día 23 de marzo.

AVANCE DO PROGRAMA DOS ACTOS DE ENTREGA

DÍA: venres 23 de marzo de 2007
LUGAR: Carballo

18.00 h: Viaxe turística por Carballo e pola comarca de Bergantiños
21.30 h: Cóctel de recepción no Hotel Punta del Este
22.00 h: Cea
23.30 h: Apertura cultural
23.45 h: Lectura da acta do xurado e proclamación de gañadores/as. Entrega de galardóns e intervención dos/as gañadores/as
24.00 h: Intervencións institucionais e peche do acto

O obxectivo destes premios, que naceron en 1991, é recoñecer o traballo de promoción e divulgación do libro e da lectura en galego, desenvolvidos por persoas, entidades e institucións da sociedade galega. Na pasada edición, en 2006, foron premiados o CEP Riomaior, de Vilaboa; o xornal Galicia Hoxe; a autora Teresa Moure; a Nova enciclopedia da Bioética; a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e a Libraría Gráficas Santiago, de Ribadeo.

Desde a primeira edición foron recoñecidos autoras e autores como Francisco Fernández del Riego, Bernardino Graña, Xesús Alonso Montero, Darío Xohán Cabana, Ramiro Fonte, Manuel María, Xohana Torres, Manuel Rivas, Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Roberto Vidal Bolaño, Suso de Toro, Agustín Fernández Paz, Miguel Anxo Fernán-Vello, ou a última gañadora, Teresa Moure.
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 15-03-2007 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
III Premio a artigos xornalísticos normalizadores


A Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística do Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con oito medios de comunicación escritos, convoca o III Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2007 cos seguintes obxectivos:

  • Promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega.

  • Crear espazos nos xornais para analizar a situación social da lingua galega.

  • Promover o uso do galego na prensa escrita.


O premio outorga dous premios, un primeiro de 1.000 euros e un segundo de 350 euros. Ademais, os dous artigos gañadores serán publicados nos oito medios colaboradores, que son: A Nosa Terra (semanal), A Peneira (quincenal), Diario de Bergantiños (diario), Galicia Hoxe (diario), La Opinión de A Coruña (diario), La Voz de Galicia (edición Carballo, diario), Tempos Novos (revista mensual) e Vieiros (xornal dixital).

As bases completas pódense descargar en formato .pdf aquí.
As bases en .pdf
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 15-03-2007 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
O IES Alfredo Brañas convoca o Premio Literario Manolo Lado
O Instituto de Educación Secundaria Alfredo Brañas de Carballo convoca a XVI edición do premio Manolo Lado, co que se volverán premiar as mellores creacións literarias das alumnas e dous alumnos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de toda Galiza.

O premio divídese en dúas modalidades (narrativa e poesía) e repartirá 600 euros.

Os traballos deberán ser inéditos, estar redactados en galego e ir asinados con pseudónimo. No caso da narrativa terán unha extensión de entre dous e oito folios e no da poesía, serán de catro a dez composicións. Deberán entregarse antes do día 13 de abril na secretaría do IES (Rúa da Vila de Corcubión s/n, 15100, Carballo) xunto cunha copia nalgún soporte dixital. As obras gañadoras serán publicados na revista Pomba Dourada, que edita o centro.

Máis información no IES Alfredo Brañas. Tfno.: 981 700 911
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 15-03-2007 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Solicitude de homenaxe co Día das Letras Galegas a Xesús San Luís Romero

Os ENL de Carballo inician un proceso para solicitarlle á RAG que se lle dedique o Día das Letras Galegas ao poeta e dramaturgo carballés Xesús San Luís Romero

Os equipos de normalización lingüística (ENL) dos centros de ensino de Carballo, por iniciativa do ENL do CEIP Canosa-Rus, acordaron iniciar un proceso que remate coa petición á Real Academia Galega (RAG) de que en 2008, ou nun prazo máximo de catro anos, se lle dedique o Día das Letras Galegas ao poeta e dramaturgo carballés Xesús San Luís Romero (Carballo, 1872 - Santiago, 1966).

Para isto, todos os ENL asinaron unha declaración de apoio á solicitude e agora esténdese esta petición a todas as asociacións de Carballo, a todas as anpas, á prensa local, ás zapatarías e ao propio Concello de Carballo.

Por este motivo, todas estas entidades recibirán nos próximos días unha carta na que se lles explica o proceso e a importancia da solicitude e un modelo de declaración de apoio que poderán devolver asinada para sumarse á iniciativa.

Até agora xa manifestaron o apoio os ENL dos centros de ensino, mais é fundamental implicar os diferentes sectores culturais e educativos da vila no proceso: asociacións (culturais, empresariais, etc.), anpas, prensa, Concello de Carballo..., e tamén zapateiros/as, profesión que practicou o propio Xesús San Luís Romero.

Que se homenaxee co Día das Letras Galegas a San Luís Romero significará que se lle dediquen numerosos recursos e esforzos, institucionais e non institucionais, a investigar, estudar, analizar, publicar e difundir a vida e obra do autor o que contribuirá, ao mesmo tempo, a promocionar o concello de Carballo e a comarca de Bergantiños.

Xesús San Luís Romero naceu en Carballo en 1872, onde cursou os estudos primarios e onde comezou a traballar de zapateiro. Con 20 anos emigrou á Arxentina e alí comezou a publicar versos e pezas teatrais. En 1908 volveu a Galiza e montou un obradoiro de zapateiro en Santiago, mais tamén retomou a escrita e chegou a ser tenente de alcalde de Compostela durante a República. Nas súas obras destaca a liña social e o ataque anticaciquil. A súa peza de maior éxito foi O fidalgo, estreada no Teatro Principal de Santiago en 1918, que se representou numerosas veces dentro e fóra do país (unhas sesenta antes de 1930) e que estivo a piques de ser levada ao cine.

Breve biografía de Xesús San Luís Romero, en .pdf.
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 14-03-2007 11:34
# Ligazón permanente a este artigo
Sección OUTRAS NOVAS
A partir de agora, na sección OUTRAS NOVAS deste blog irase dando conta de todas aquelas actividades, noticias de interese, novidades, etc., relacionadas, dun ou doutro xeito, coa difusión do libro e da lectura en Carballo, estean ou non integradas dentro do proxecto Literactúa.
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 14-03-2007 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Blog do programa Literactúa para o fomento do libro e da lectura en galego no Concello de Carballo.

O QUE É LITERACTÚA...
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 PROCURA
 ALGUNHAS LIGAZÓNS
 ARQUIVO

Concello de Carballo

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


free web counter

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0