Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
literactúa


    literactúa


Francisco Castro
Francisco Castro
...o autor do libro de Literactúa para marzo de 2007, Spam.

Naceu en Vigo en 1966. Na actualidade traballa en xestión cultural e en comunicación. É director, tamén, do Taller Literario Caixanova e do Taller de Poesía Caixanova.

No ano 1991 publicou Amor de cinema, ao que lle seguiron Play-Back (Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 1997), os libros de relatos A canción do náufrago (2001), Xeografías (finalista do Premio de Narrativa Erótica Positivas, 2001), a novela histórica Memorial do infortunio (2003), traducida no 2004 ao castelán; a novela Xeración perdida (2004); e o libro para xente moza Un bosque cheo de faias (2004).

No ano 1999 recibiu o Premio de Xornalismo Manuel Reimóndez Portela, en 2002 o Premio Facho de poesía e en 2005 o Premio Rosa Reboredo de Narrativa da Asociación Cultural Galega de Cornellá, polo relato ?Venres desesperado (look casual friday)? e o Premio Modesto R. Figueiredo de narracións breves polo traballo ?Ningún fascista morreu inxustamente?.

A súa novela Spam recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de Novela.

Francisco Castro mantén tamén o blog A canción do náufrago, no que todas as súas lectoras e todos os seus lectores poden interactuar con el a través da rede.


Conversa co autor:

Francisco Castro conversará cos lectores e lectoras de Spam o mércores 28 de marzo, ás 20.30 h, na Taberna Café O'Patacón (Rúa de Ourense 19).


Francisco Castro pola rede:

>Ficha do autor na Editorial Galaxia.
>Ficha do autor na Biblioteca Virtual Galega.
>Ficha do autor no Centro de Documentación da AELG.
>Francisco Castro gaña o Blanco Amor
coa historia dunha ?rata con traxe?, en A Nosa Terra.
>Preséntase Spam, a novela de Francisco Castro sobre o individuo fronte á rede, en Vieiros.
>Francisco Castro gaña o Blanco Amor cunha novela sobre a mentira de Internet, en Galicia Hoxe.
O blog de Francisco Castro
Literactúa! Comentarios (4) - Categoría: AUTORES/AS - Publicado o 06-03-2007 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Ateigado o Café Valle Inclán para falar con Teresa Moure
O Café Valle Inclán de Carballo agardaba onte ateigado de xente desde as 20.30 h a chegada de Teresa Moure, autora de Herba Moura. Algo chamaba a atención: aínda que había algún home, a gran maioría das persoas que estaban sentadas nas cadeiras da cafetaría eran mulleres.

A segunda proposta de Literactúa levantou, sen dúbida, grande expectación en Carballo.

Teresa chegou e foi presentada por Mercedes Queixas, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e desde hoxe mesmo coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística da Coruña. Mercedes fixo unha loanza da autora e da súa obra en xeral, mais nomeadamente de Herba moura, merecente xa de ser incluída na listaxe das grandes obras da literatura galega.

Teresa salientou que Herba moura, que xa vai pola súa cuarta edición, é realmente unha historia das mulleres. A novela narra como Einés Andrade comeza a súa tese. Einés vai descubrindo cartas, receitas, feitizos, herbas medicinais e outros documentos. A raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, unha curandeira e herborista que será considerada bruxa, son outras dúas mulleres da novela. A liberación da memoria das mulleres invisíbeis na obra comeza pola sabedoría rexeitada por non científica, o que configura un universo silenciado e desvirtuado polo discurso patriarcal dominante. Ese discurso masculino está representado polo director de tese de Einés.

Á vez que van aparecendo cuestións filosóficas e incluso lingüísticas, como por exemplo a posibilidade de crear artificialmente unha nova lingua universal, as páxinas de Herba moura van penetrando no tacto e no olfacto. Esta novela é, sobre todo, sensual. É un canto aos sentimentos, ás paixóns, ao coñecemento, ás relacións humanas, á maternidade, á lectura.

Teresa, logo de varias preguntas e opinións de persoas asistentes sobre a obra pero tamén sobre a situación da muller na actualidade, deixou claro que era necesario un cambio, e non un cambio paulatino, senón unha revolución radical e abrupta. Deixou ver que Herba moura estaba tamén concibida para iso e que ela só concibe un xeito de estar no mundo: loitar por cambialo.

Finalmente, e antes de comezar a asinar exemplares do libro e a recibir saúdos e felicitacións persoais, adiantou que dentro duns quince días, aproximadamente, sairá do prelo a súa nova novela, Benquerida catástrofe, unha historia que comeza pola separación dunha parella heterosexual e na que se conta unha metamorfose do home, que se vai convertendo en muller. Unha novela sobre a orientación e a identidade sexual.

Pódense ver as fotos deste acto aquí.
Literactúa! Comentarios (5) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 01-03-2007 13:54
# Ligazón permanente a este artigo
Conversa con Teresa Moure. Mércores 28 de febreiro

O Concello de Carballo e o Café Valle Inclán convídana/o á conversa con Teresa Moure, autora de Herba moura, dentro do proxecto Literactúa, de difusión do libro e da lectura en galego.

A autora estará acompañada por Mercedes Queixas, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).

Día: mércores 28 de febreiro
Hora: 20.30 h
Lugar: Café Valle Inclán. Rúa de Valle Inclán 32

Podes mercar o libro en Carballo nas librarías Brañas, Teldy, Trasgo ou Villar.
Literactúa! Comentarios (4) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 19-02-2007 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
Literactua con Teresa Moure sobre Herba moura

Mércores 28 de febreiro
20.30 h
Café Valle Inclán

(Rúa de Valle Inclán 32)
Literactúa! Comentarios (4) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 14-02-2007 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
Herba moura
Herba moura

...de Teresa Moure

...O libro de Literactúa para febreiro de 2007

ISBN: 84-9782-347-8
Editorial: Xerais
Páxinas: 442
Ano de edición: 2005
Premios: Premio Xerais de Novela 2005, Premio da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega 2005, Premio Irmandade do Libro á Autora do Ano 2005, Premio Benito Soto á Mellor Novela 2005 e Premio da Crítica Española 2005
Prezo: 18,70 ?


Presentación editorial:

Herba Moura, de Teresa Moure, novela gañadora do Premio Xerais 2005, trasládanos, da man dun personaxe contemporáneo chamado Einés Andrade, ao século XVII, onde nos atopamos coa figura dun Descartes humano e fráxil ?nunha perspectiva inédita do filósofo? e, sobre todo, coa figura de dúas mulleres: a raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, unha entráñabel meiga residente en Amsterdam. A través dunha miscelánea de textos (cartas, poemas, receitarios, herbarios) a autora, coma se fose un compendio de estilos literarios e botando man de recursos tan dispares como a epístola, o diario, o ensaio, a poesía, o estilo directo, etc., constrúe unha novela estilisticamente abraiante, sen caer nunca no lirismo gratuíto nin no sentimentalismo, chamada a situar á narrativa galega nun novo contexto. Herba Moura é un canto ás paixóns: á paixón amorosa, dende logo, mais tamén a outras paixóns deostadas como a do amor polo coñecemento, a da amizade, a da maternidade, a da lectura e a da palabra. Unha novela que deita unha ollada crítica sobre o devir das mulleres na historia, dándolles voz e recuperándoa para elas.


Conversa coa autora:

Teresa Moure conversará cos lectores e lectoras de Herba moura o mércores 28 de febreiro de 2007 ás 20.30 h no Café Valle Inclán de Carballo (Rúa de Valle Inclán 32).


Críticas e opinións sobre o libro na rede:

>Crítica de Manuel Rodríguez Alonso no Cartafol de Libros de Vieiros.
>Presentación en Culturagalega.org.
>Ficha técnica na Editorial Xerais.

E TI, QUE OPINAS DESTE LIBRO?
Literactúa! Comentarios (4) - Categoría: LIBROS - Publicado o 05-02-2007 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
Teresa Moure
Teresa Moure
...a autora do libro de Literactúa para febreiro de 2007, Herba moura.

Teresa Moure é doutora en Lingüística xeral e exerce a docencia nas Facultades de Filosofía e Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa especialidade ten publicados máis dunha ducia de traballos onde salienta a responsabilidade ética do investigador, o temor ao colonialismo e á homoxeneización cultural dentro dunha decidida vocación anti-globalización.

Gañou premios como o Lueiro Rey de novela curta 2004 pola novela A xeira das árbores, o Ramón Piñeiro de Ensaio 2004 con Outro idioma é posible (2005), o Xerais de Novela 2005 con Herba Moura, o Premio Irmandade do Libro á Autora do ano 2005, o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2005, o Premio Benito Soto á mellor novela de 2005 por Herba moura, o Premio da Crítica Española 2005 tamén por Herba moura, etc.

Así se presenta ela na Biblioteca Virtual Galega:

"Non me gusta mirar para atrás porque non sempre me recoñezo no que foi pasando. Contáronme que nacín cando os astronautas comezaban a explorar a Lúa; de aí véñenme o espírito soñador e as ganas de ir por libre. Toda a miña infancia estivo marcada pola enfermidade que me atou a unha cama e, consecuentemente, obrigoume a ser amante dos libros e dos mimos. Contravindo as decisións habituais na miña tribo para as mulleres do meu tempo, deume por ser nai cedo e, para seguir distinguíndome, por recuncar varias veces no experimento. Os meus tres fillos vanme criando como poden, porque son un xardín húmido, con especies imposíbeis de clasificar que poñen a proba a súa capacidade de xardineiros, domadores de enredadeiras tumultuosas e exterminadores de plagas. Noutras palabras, que son rebelde e desconfiada, gústame escarmentar en cabeza propia e levar o pelo sobre a cara. Eles, os meus tres, que son sabios, van orientando as miñas inseguridades, templando a miña natureza volcánica, axudándome a decidir; vanme, xa o dixen, criando como poden: cravándome titores nos laterais e abonando os meus soños selváticos. Ás veces tamén lles axudan na tarefa os meus alumnos e as miñas alumnas, outro grupo de seres alucinantes, que teiman en facer de min un ser que ame a linguaxe. Se cadra, xa o amaba antes mais non me decatei ata que @s estudant@s universitari@s se me puxeron diante pedíndome que falase de algo. Nese momento da miña boca abrollaron os adxectivos barrocos e os verbos de acción, mais axiña albisquei que as que realmente nos facían gozar eran as preposicións. Gústanme os salseiros que salfiren con pingas prometedoras cando bogo pola ría, os nomes de lugar, o queixo, as árbores, os gatos, a cor verde, o Subcomandante Marcos, os crebacabezas, nadar, as flores das cerdeiras, remexer nas librarías, as películas de Humphrey Bogart, a auga, ter tempo, o viño, os bicos, escachar a rir ata que me doa o ventre, a chuvia, o sol, a Revolución, os ordenadores, a poesía, o jazz, limpar a fondo e ordenar os armarios, as conversacións con respostas picantes e rápidas, os cadros de Magritte, os amorodos, o vento nordés e a utopía. Porén, o que máis me gusta é poñer o mundo patas arriba. Para que os tópicos non boten raíces e nin eu mesma crea que é verdade todo o que digo".


Conversa coa autora:

Teresa Moure conversará cos lectores e coas lectoras de Herba moura o mércores 28 de febreiro, ás 20.30 h, no Café Vallé Inclán (Rúa de Valle Inclán 32).


Teresa Moure pola rede:

>Ficha da autora na Biblioteca Virtual Galega.
>Ficha no Centro de Documentación da AELG.
>Ficha da autora en Xerais.
>Entrevista en Vieiros.
>Entrevista en Gara.
>Entrevista en La Voz de Galicia.
>Entrevista en A Nosa Terra.
>Entrevista na Cadena Ser.
>Entrevista en Folque.com.
>Teresa Moure gaña o Premio Xerais de novela, no web da AGE.
>Teresa Moure publica en castelán e catalán Herba moura, en La Vanguardia.
>"Una història de dones, uns valors amagats", Herba d'enamorar en catalán, en Vilaweb.
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: AUTORES/AS - Publicado o 05-02-2007 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa nas Quimbambas
O xoves 1 de febreiro, o programa As Quimbambas da Radio Galega fixo unha reportaxe sobre o comezo de Literactúa. Nel participaron Diego Ameixeiras, o primeiro autor proposto neste proxecto, e Belén Lendoiro, concelleira de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística de Carballo.

Aquí están os case vinte minutos de entrevista.



Por outra banda, o carballés Quico Balay publica hoxe, 2 de febreiro, en La Voz de Galicia unha interesante crónica do acto titulada Retrato dun mozo "oitocentoseurista". Uns grolos con Diego Ameixeiras. Pódese ler aquí.
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: VARIOS - Publicado o 02-02-2007 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
Así foi a charla con Diego Ameixeiras no Pub Silfo
Onte, mércores 31 de xaneiro, tivo lugar no Pub Silfo de Carballo o primeiro acto de conversa cun autor dentro do proxecto Literactúa.

Desde as 20.30 h e até preto das 23.00 h, Diego Ameixeiras, autor de Tres segundos de memoria, estivo no Silfo conversando cos lectores e lectoras que por alí se achegaron.

Xan Fernández foi o encargado de presentar a este mozo ourensán, do que destacou a súa mocidade, o seu bo facer como autor, o éxito dos seus libros, a proximidade á realidade, aos temas actuais, etc.

Logo, Ameixeiras introduciu algunhas reflexións sobre Tres segundos de memoria, pero decontado as persoas asistentes comezaron a facerlle preguntas, a dar a súa opinión sobre a obra, etc.

Nun ambiente agradábel e distendido, entre pinchos de tortilla, lambonadas e cervexas, falouse da precariedade laboral, da situación da mocidade na actualidade, do sistema capitalista, de grupos de música, de sexo, de relacións sentimentais, de ambientes urbanos e rurais, da memoria, do sistema literario galego, das funcións da literatura e dos/as autores/as, da imaxinación do protagonista da obra, etc.

As FOTOS deste acto pódense ver aquí.

La Voz de Galicia puxo como titular Lectores activos en Carballo, e tamén lle fixo unha entrevista a Diego. Tamén recolleron información deste primeiro acto as versións en papel de La Opinión e de Diario de Bergantiños e radios como Radio Voz ou a Radio Galega, entre outras.
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 01-02-2007 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Conversa con Diego Ameixeiras. Mércores 31 de xaneiro
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 24-01-2007 16:31
# Ligazón permanente a este artigo
Acollida de Literactúa pola rede
Así recolleron algúns sitios web a presentación e o inicio de Literactúa:

Ademais, tamén se falou do inicio de Literactúa nas edicións en papel de La Voz de Galicia, Diario de Bergantiños, La Opinión de A Coruña, El Correo Gallego, etc., e noutros sitios como o Diario Cultural da Radio Galega, en Radio Voz Bergantiños, en RadioFusión, etc.
Literactúa! Comentarios (4) - Categoría: VARIOS - Publicado o 16-01-2007 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Blog do programa Literactúa para o fomento do libro e da lectura en galego no Concello de Carballo.

O QUE É LITERACTÚA...
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 PROCURA
 ALGUNHAS LIGAZÓNS
 ARQUIVO

Concello de Carballo

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


free web counter

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0