literactúa


Literactúa con María Reimóndez sobre O club da calceta

Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 26-06-2007 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
O club da calceta



O club da calceta


...de María Reimóndez


...O libro de Literactúa para xuño de 2007



ISBN: 978-84-9782-437-8
Editorial: Xerais
Páxinas: 272
Ano de edición: 2006
Prezo: 16,00 €



Presentación editorial:

Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.

A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora de O club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina.


Conversa coa autora:

María Reimóndez conversará cos lectores e lectoras de O club da calceta o mércores 27 de xuño de 2007 a partir das 20.30 h.
A conversa terá lugar no CAFÉ VALLE INCLÁN de Carballo (Rúa de Valle Inclán 32).
A autora será presentada por Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres.


O club da calceta pola rede:

> No blog Brétemas.
> En Xornal.com.
> No web de Xerais.
> En LG3, de Culturagalega.org.
> Crítica de Manuel Rodríguez Alonso no Cartafol de libros de Vieiros.
> Ficha da obra na Biblioteca Virtual Galega.
> Existen redes de solidariedade moi fortes entre as mulleres, pero invisibilizadas. Reportaxe en Vieiros.


E TI, QUE OPINAS DESTE LIBRO? DI ALGO!
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: LIBROS - Publicado o 08-06-2007 13:12
# Ligazón permanente a este artigo
María Reimóndez
María Reimóndez. Foto de Paco Vilabarros
...a autora do libro proposto por Literactúa para xuño de 2007, O club da calceta.

María Reimóndez Meilán naceu en Lugo en 1975 e é tradutora e intéprete de profesión e feminista por convicción. O seu primeiro libro publicado é Moda Galega (Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Positivas 2004). En 2005 foi finalista do Premio Merlín coa súa novela xuvenil Usha e finalista do Premio Xerais con O club da calceta, que xa vai pola súa 2.º edición. Tamén colaborou con O son das buguinas, un libro e DVD solidarios promovidos por Implicadas/os no Desenvolvemento.

Leva escribindo desde que tiña 6 anos, recibiu premios durante a súa mocidade (Rúa Nova, Minerva), é autora de varias obras de teatro e participou en múltiples recitais poéticos. Tamén colaborou con artigos de opinión en A Nosa Terra e en Vieiros. Forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) da Universidade de Vigo.

María Reimóndez leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realiza a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, principalmente de formación e participación en diversos proxectos, todos na India, funda Implicad@s no Desenvolvemento, que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurábel. É experta en enfoque de xénero na planificación e avaliación de proxectos de diversa índole, sobre todo de desenvolvemento integral tanto en zonas urbanas como rurais.

María Reimóndez é tamén fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI).


Conversa coa autora:

María Reimóndez conversará cos lectores e lectoras de O club da calceta o mércores 27 de xuño, ás 20.30 h, no CAFÉ VALLE INCLÁN (Rúa de Valle Inclán 32).
A autora será presentada por Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres.

María Reimóndez pola rede:

> Ficha en Xerais.
> O blog de Implicad@s no Desenvolvemento.
> Ficha na Biblioteca Virtual Galega.
> Ficha en Lg3 de Culturagalega.org.
> En +Internet, +Galego, + Futuro.
> María Reimóndez estivo no noso club de lectura, no blog da Biblioteca do IES Auga da Laxe de Gondomar.
> A escritora María Reimóndez actúa coa súa ONG en India e Etiopía, reportaxe en El País.
> GENTE QUE CAMBIA EL MUNDO: Con mujeres de India y Etiopía, reportaxe en La Voz de Galicia.
> Os seus artigos en Vieiros.
> Os favoritos de... María Reimóndez. En Culturagalega.org.
Literactúa! Comentarios (8) - Categoría: AUTORES/AS - Publicado o 08-06-2007 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
Suso de Toro conversou cos seus lectores e lectoras

Foron moitas as persoas que se achegaron á Cervexaría San Xoán de Carballo para conversar co autor compostelán Suso de Toro sobre a súa última novela, Home sen nome. A conversa foi presentada por Farruco Fraga, presidente da Asociación Cultural Lumieira.

Aquí podes ver as fotos da conversa.
FOTOS da conversa con Suso de Toro
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 31-05-2007 02:13
# Ligazón permanente a este artigo
Artigos gañadores do III Premio a artigos xornalísticos normalizadores
Xa foron publicados nos oito medio colaboradores os dous artigos gañadores do III Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Concello de Carballo 2007.

O artigo que recibiu o primeiro premio, "Obreiras, tolos, escolares, poetas... A lingua galega nas cidades", de Miguel Mosquera Fociños, pódelo ler na rede en:

-Vieiros

-Galicia Hoxe

-A Peneira

-La Voz de Galicia

-La Opinión de A Coruña (.pdf), páx. 7


O artigo que recibiu o segundo premio, "Guía sexual da sociolingüística", de Séchu Sende, pódelo ler na rede en:

-Vieiros

-Galicia Hoxe

-A Peneira

-La Voz de Galicia

-La Opinión de A Coruña (.pdf), páx. 8

Tempos Novos, Diario de Bergantiños e A Nosa Terra tamén publicaron os dous artigos nas súas edicións en papel.
Literactúa! Comentarios (1) - Categoría: VARIOS - Publicado o 30-05-2007 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con Suso de Toro sobre Home sen nome

Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 28-05-2007 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
Home sen nome


Home sen nome


...de Suso de Toro

...O libro de Literactúa para maio de 2007



ISBN: 84-9782-447-4
Editorial: Xerais
Páxinas: 400
Ano de edición: 2006
Prezo: 19,50 €




Presentación editorial:

Nano, encamado no cuarto dun hospital, acompaña durante dous días a un vello terminal, só, entubado e consumido fisicamente. O vello, un home sen nome, un enigma invadido polas lembranzas, entre o delirio e o soño provocados pola medicación, enunciará o monólogo da súa arrepiante biografía centenaria. Unha vida desacougante, condicionada pola perda prematura da nai, a presenza da sombra do seu irmán xemelgo, o seu paso polo Berlín onde emerxía o nazismo co que axiña simpatizou, o seu protagonismo nas sacas da feroz represión do 36 en Compostela ou a súa participación como voluntario na División Azul.

A visita de Celia, unha moza guionista, obrigará ao vello sen nome a confesar lucidamente, sen rastro de arrepentimento nin remorso, a súa participación en múltiples fusilamentos, torturas e violacións e as súas razóns para facelos…Empregando formas achegadas ao drama, Suso de Toro ofrece a súa obra literaria máis ambiciosa: un relato de ficción intenso e emotivo onde pairan como pano de fondo os acontecementos da represión en Galicia durante os días do alzamento e os anos da posguerra. Unha reflexión perturbadora sobre a memoria que deita a mirada dun dos verdugos. Unha novela que procura as palabras necesarias que expresen e absolvan tanta dor afogada.


Conversa co autor:

Suso de Toro conversará cos lectores e lectoras de Home sen nome o mércores 30 de maio de 2007 a partir das 20.30 h na Cervexaría San Xoán de Carballo (Rúa de Ourense 8-10).

Home sen nome pola rede:

> Prensentación no blog Brétemas.
> Máis sobre Home sen nome no blog Brétemas.
> Ano da memoria. Episodio I. Crítica de Ana Domínguez Salgado en Culturagalega.org.
> Comentarios no blog dos pelachos.
> Ficha na Editorial Xerais.

O anuncio televisivo de Home sen nome:




E TI, QUE OPINAS DESTE LIBRO?

Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: LIBROS - Publicado o 16-05-2007 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Suso de Toro
...o autor do libro proposto por Literactúa para maio de 2007, Home sen nome.


Naceu en Santiago de Compostela en 1956. Está licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. É Premio Nacional de Narrativa 2003.

Como narrador publicou: Caixón desastre (1983, 1991), relatos, Premio Galicia da Universidade de Santiago; Polaroid (1986), relatos, Premio da Crítica Galicia; Land Rover (1988), novela; Ambulancia (1990), novela; Tic-Tac (1993, 2003), novela, Premio da Crítica Española 1994; A sombra cazadora (1994), novela; Conta saldada (1996), novela; Calzados Lola (1997), Premio Blanco Amor 1997; Círculo (1998), relatos; Non volvas (2000), novela, Premio da Crítica Española; Trece badaladas (2002), novela, que foi adaptada libremente ao cine por Xavier Villaverde co título homónimo (2003) e Premio Nacional de Narrativa 2003; Morgún (2003), novela e Home sen nome (2006), novela.

Escribiu os libros de xornalismo e ensaio: F.M. (1991), Unha memoria da esquerda nacionalista (Camilo Nogueira e outras voces) (1991), Eterno retorno (1996), Parado na tormenta (1996), O país da brétema (2000), A carreira do salmón (2001), Nunca máis, Galiza á intemperie (2003), Españois todos (2004), Ten que doer (2004) e Outra idea de España (2005).

Publicou ademais a obra de teatro Unha rosa é unha rosa (1997) e Servicio de urxencias (2002), guións de televisión, etc. Tamén é protagonista do libro, preparado por Antonio Pedrós-Gascón, Conversas con Suso de Toro (Xerais 2005)

Conversa co autor

Suso de Toro conversará cos lectores e lectoras de Home sen nome o mércores 30 de maio, ás 20.30 h, na Cervexaría San Xoán de Carballo (Rúa de Ourense 8-10).

Suso de Toro pola rede

> Botelha ao mar, o blog de Suso de Toro
> Na Galipedia
> Na Biblioteca Virtual Galega
> Na Editorial Xerais
> En Culturagalega.org
> Suso de Toro e a proxección exterior da literatura, audio en Culturagalega.org
> Chat con Suso de Toro en Vieiros
Literactúa! Comentarios (1) - Categoría: AUTORES/AS - Publicado o 16-05-2007 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
Miguel Mosquera Fociños e Séchu Sende gañan a terceira edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo
Miguel Mosquera Fociños e Séchu Sende gañan a terceira edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

  • O xurado tamén quixo recoñecer cun accésit un artigo de Xabier Cid

  • «Obreiras, tolos, escolares, poetas. A lingua galega nas cidades», de Miguel Mosquera Fociños, é o título do primeiro premio

  • «Guía da sociolingüística sexual», de Séchu Sende, é o título do segundo premio


O xurado da terceira edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse para decidir os artigos gañadores deste certame, ao que se presentaron 33 traballos de todas as partes do país e incluso de fóra, e decidiu concederlle o primeiro premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Tempos Novos e Vieiros, a un artigo titulado «Obreiras, tolos, escolares, poetas. A lingua galega nas cidades», de Miguel Mosquera Fociños (Lalín, 1982), licenciado en Filoloxía Románica e Galega, estudante de terceiro ciclo da USC, bolseiro do Departamento de Lingua do Concello de Santiago e membro do grupo de rock galego de serie B Ataque Escampe.

O seu artigo analiza a necesidade de que haxa proxectos normalizadores que conecten á clase obreira e á xente do ámbito cultural, por seren estes dous sectores os de maior uso do galego. O artigo foi galardoado «pola súa calidade, pola súa clareza expositiva e calidade lingüística, polos contidos orixinais e pola concreción nun tema concreto, cunha proposta clara para a normalización da lingua galega».

Tamén se decidiu concederlle o segundo premio, dotado con 350 euros e a publicación nos mesmos xornais, ao artigo «Guía da sociolingüística sexual», de Séchu Sende (Padrón, 1971), activista social e cultural, dinamizador sociolingüístico, profesor, autor de obras como Orixe (Premio Blanco Amor 2003) ou a de poemas Odiseas, e participante activo en diversos colectivos sociais, como Arredemo, Burla Negra, Area Negra, AS-PG, Nunca Máis, etc.

O seu artigo fai analoxía entre os bicos e a lingua, partindo de que «normalmente a primeira vez que outra persoa entra no noso corpo, ou a primeira que nós entramos dentro doutra persoa, é coa lingua». O artigo foi premiado «polos seus contidos orixinais e atractivos, pola súa capacidade de incidencia no público, polo seu humor e polas súas posibilidades no ámbito xuvenil».

Os membros do xurado do certame tamén quixeron recoñecer cun accésit, aínda que sen dotación económica, o artigo «Rariño seralo ti», do xornalista e na actualidade lector de galego en Stirling (Escocia), coordinador do suplemento proTexta da revista Tempos Novos e habitual colaborar do Vieiros, Xabier Cid (Ourense, 1975), «pola súa calidade, polas súas ideas innovadoras e pola concreción nun tema concreto cunha proposta de reflexión no mundo da normalización lingüística clara e necesaria, cuestionando o propio termo “normalización”».

A entrega de premios terá lugar o xoves 17 de maio de 2007, ás 19.00 h, na Praza do Concello de Carballo, no transcurso dos actos do Día das Letras Galegas, e os artigos premiados serán publicados nos medios colaboradores diarios o sábado 18 de maio o (segundo premio) e o domingo 19 de maio (o primeiro premio), e nos casos dos medios non diarios nas edicións inmediatamente posteriores a eses días.

O xurado estivo composto por Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino; Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor da Universidade da Coruña e director do Servizo de Normalización Lingüística desa universidade; Ramón Vilar Landeira, segundo premio na edición de 2006 desta certame e director do xornal dixital Vieiros; e por Nel Vidal Barral, do Servizo de Normalización Lingüística de Carballo, con voz e sen voto.

Segundo se reflexa na acta, «o xurado considera que a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega, de crear espazos nos xornais para analizar a situación social do galego e de promover o uso do galego na prensa escrita. Tamén destaca que esta terceira edición consolida o certame», tamén «considera que a calidade dos traballos presentados é alta, polo que felicitan a todas as persoas que se presentaron. Tamén destaca que a calidade lingüística do conxunto dos artigos aumentou con respecto ás edicións anteriores».
Literactúa! Comentarios (8) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 11-05-2007 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa en Culturgal
Culturgal. Feira do Libro e da Industria Cultural do 10 ao 13 de maio

O programa de difusión do libro e da lectura en galego no Concello de Carballo, Literactúa, será dado a coñecer en Culturgal, a Feira do Libro e da Industria Cultural de Galicia que ten lugar en Pontevedra do 10 ao 13 de maio, promovida pola Asociación de Editores de Galicia (AGE).

A organización da feira interesouse no proxecto Literactúa como mostra de boas prácticas para o fomento do libro e a lectura en galego desde unha administración local, polo que decidiu dalo a coñecer neste feira e distribuír información do proxecto. A intención é avaliar por parte da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia o interese doutros concellos para a posíbel ampliación deste programa do Concello de Carballo a outras entidades, como xeito de estabilizar e darlle continuidade ao fomento do libro galega desde as administracións públicas, implicando a diversos sectores, facendo participar e opinar aos/ás lectores/as, achegadon entre si a autores/as e lectores/as, etc.

Pódese consultar a información completa de Culturgal en www.culturgal.com.

Literactúa! Comentarios (1) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 10-05-2007 13:52
# Ligazón permanente a este artigo
Blog do programa Literactúa para o fomento do libro e da lectura en galego no Concello de Carballo.

O QUE É LITERACTÚA...
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 PROCURA
 ALGUNHAS LIGAZÓNS
 ARQUIVO

Concello de Carballo

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


free web counter

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
© by Abertal