literactúa


Séchu Sende

...o autor do libro proposto por Literactúa para setembro de 2007, Made in Galiza.

Séchu Sende (Padrón 1972) é activista social e cultural, dinamizador sociolingüístico, profesor de lingua e literatura galegas e autor de obras como Orixe (Premio Blanco Amor 2003) ou a de poemas Odiseas, e participante activo en diversos colectivos sociais, como Arredemo, Burla Negra, Area Negra, AS-PG, Nunca Máis, SOS Caurel etc.
Tamén foi cofundador da Cooperativa Tagen Ata de lingua e comunicación e do proxecto editorial Letras de Cal.
Está licenciado en Filoloxía Galego-portuguesa e exerce a súa actividade profesional no IES Marco de Camballón, de Vila de Cruces.

O seu artigo "Guía sexual da sociolingüística" foi galardoado co segundo premio no III Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2007.

O seu último libro é Made in Galiza (Editorial Galaxia, 2007) e, a raíz del, mantén o blog www.blogoteca.com/madeingaliza



Conversa co autor:

Séchu Sende conversará cos lectores e lectoras de Made in Galiza o mércores 26 de setembro, ás 20.30 h, na Taberna-Café O'Patacón (na Rúa de Ourense, en Carballo).


Séchu Sende pola rede:
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: AUTORES/AS - Publicado o 09-09-2007 14:34
# Ligazón permanente a este artigo
Propostas setembro, outubro e novembro de 2007



Para o 3.º trimestre de Literactúa de 2007, propoñémosche tres lecturas... Literactúa!








Setembro 2007
Made in Galiza

Séchu Sende

O autor estará o mércores 26 de setembro, ás 20.30 h, na Taberna-Café O'Patacón








Outubro 2007
O home inédito

Carlos G. Meixide

O autor estará o mércores 31 de outubro, ás 20.30 h, no Café Colón.








Novembro 2007
Os libros arden mal

Manuel Rivas

O autor estará o mércores 28 de novembro, ás 20.30 h, na Cervexaría Dublín.




Merca estes libros nas librarías Brañas, Teldy, Trasgo ou Villar.



Le, comenta, opina, participa, goza... Literactúa!
Literactúa! Comentarios (1) - Categoría: PROPOSTAS TRIMESTRAIS - Publicado o 29-08-2007 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
A Praza dos Libros pechou a súa segunda edición con máis de 20.000 visitantes



Despois de catro días de feira e de intensas actividades, a Praza dos Libros 2007 pechou cunha moi alta participación e con boas vendas




Logo de catro días de feira literaria en Carballo as valoracións da Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística son moi positivas en todos os sentidos: asistencia de público, vendas das librarías, participación cidadá nos numerosos os actos lúdicos, musicais e literarios, e calidade de todos os actos que conformaban a programación de Praza dos Libros.

Máis de 20.000 asistentes e arredor de 15.000 euros en venda de libros son unha cifras moi positivas que superan a xa exitosa primeira edición da Praza dos Libros.

Os libreiros e libreiras, pola súa banda, fixeron un balance moi positivo desta nova edición, na que os ingresos superaron os acadados na anterior. A maiores dos postos de venda de libros, e ademais doutros de camisetas de marca galega que se achegaron en días alternos, tamén participou nesta ocasión a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que aproveitou a oportunidade para recadar fondos a través da venda da súa artesanía.

Xosé Ramón Freixeiro Mato, Paco Souto, Xurxo Borrazás, Xan Fraga, Alberto Varela Ferreiro, José Antonio Andrade e Farruco Graña conforman a nómina de escritores que pasaron pola Praza das Letras para presentar as súas respectivas novidades editoriais, unha lista á que hai que engadir os nomes de Mercedes Queixas Zas, encargada do pregón inaugural, e de Santiago Jaureguizar, que asinou libros na última xornada. Cómpre destacar a alta participación en todas as presentacións.

Tamén son de destacar os concertos de Nancy Vieira e Norge Batista, a actuación de Leo i Arremecághona, a de Brais Fernández e a de Viravolta.


Un libro, un pan

O feito de que Praza dos Libros coincidise, tanto na xornada do xoves coma na do domingo, coa celebración do mercado de Carballo permitiu que, ao longo do día de onte e grazas á asistencia das panadarías produtoras da marca Pan de Carballo, as librarías puidesen agasallar cun molete a todas as persoas que mercaron un libro. Esta iniciativa, impulsada polo departamento de Promoción Económica do Concello de Carballo, animou a venda no último día dunha feira á que o departamento de Cultura e Normalización Lingüística pretende dar continuidade nos vindeiros anos.

Nos próximos meses o program Literactúa tomará o relevo de Praza dos Libros como promotora e difusora do libro galego en Carballo.


CRÓNICA GRÁFICA DA PRAZA DOS LIBROS 2007

Podes acceder á crónica gráfica da Praza dos Libros aquí.


NA PRENSA

Así foi recollida a Praza dos Libros 2007 nalgúns medios dixitais.





CRÓNICA GRÁFICA
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 28-08-2007 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
Pregón de Mercedes Queixas na Praza dos Libros 2007
Acóllenos hoxe nesta praza-encontro de camiños vertebrador do pobo carballés unha nova edición da feira literaria baixo o nome A Praza dos Libros.

Nesta última cuarta feira de agosto, ao abeiro organizativo do Concello de Carballo, singularizado na súa Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística, xunto á imprescindíbel asistencia doutras colaboracións e participacións sempre benvindas, ofértasenos para o noso tempo e para os nosos sentidos un fermoso programa que, como se agardaría do mellor manxar, poñamos por caso o propio Pan de Carballo, adobíase con materia prima de primeira calidade, amasada con mans profesionais, levedada con doses de coñecemento e cocida con horas demoradas de compromiso intelectual. Velaí un programa festivo-literario apto para todos os públicos, sen rombos de antano nin recomendacións privativas de hogano que desde hoxe habita en Carballo, concello onde as iniciativas culturais nacen con vocación de continuidade.

Porque, ao longo dos próximos catro días, todo virará ao redor do LIBRO, intencionadamente con maiúsculas, como corresponde ao actor principal que domina prepotentemente o escenario consciente das inmensas posibilidades de éxito.
Imos, pois, co LIBRO, ese obxecto de aparencia por veces desvalida, ora tamén en ocasións mesmo desmedida, en pose sedente maiormente –malia algúns exemplares non permitiren máis pose irreverente que a erecta-, onde dormen títulos evidentes á par daqueloutros máis contraditorios e onde o abano de arcos da vella se funde en aromas e recendos de papel bañado en fluído negro.

Aplicándomos a corrección máxima, a definición pura e espida, fóra de metáforas engaiolantes, o LIBRO é, na súa primeira acepción do dicionario, “un conxunto de follas de papel ou doutro material, manuscritas ou impresas, cosidas, pegadas ou fixadas entre si por calquera outro sistema, e encadernadas, destinadas á lectura”. Até aquí todo ben, mais, que nos di, como segunda acepción, o dicionario deste nome substantivo masculino singular que desde hoxe e nos vindeiros días dará que falar en Carballo e comarca? Velaí a resposta: “Publicación non periódica que ten máis de 48 páxinas”. Ollen para aí que é agora que entendo por que, cando recomendaba unha lectura ao meu alumnado, o primeiro que facía este era preguntarme cantas páxinas tiña o volume tal; era para confirmar que se trataba dun LIBRO e non dun folleto, pasquín, bando, prospecto, panfleto ou manual de instrucións calquera. E eu que recoñezo ter sido un chisco maliciosa coa interpretación da pregunta!

Continuándomos con este san exercicio de revisión do vocábulo no dicionario, achamos o libro branco, amarelo, vermello, o controlador libro de a bordo, o ratificador libro de acordos, o fuxidío libro de cabalarías, o calculador libro de caixa, o rexistro do libro de entradas, o ambicionado libro de escolaridade, o pulido libro de estilo, o exacto libro de fábrica, o fidedigno libro de familia, o litúrxico libro de horas, o salvagarda-libro de navegación, o cativo libro de peto, o democrático libro de reclamacións, o visual libro de sinais, o escolar libro de texto, o documentado libro diario, o necrolóxico e espiritual libro dos mortos de Exipto, o macroeconómico libro maior, o sacramental libro parroquial, o adoutrinamento dos libros sagrados, o libro de ouro dos ilustres, etc.

Quen non precisou e aínda precisa dun ou outro LIBRO na súa vida? Todas e todos, mesmo aqueles que colgaron os libros!

No entanto, cando se dá en falar dos LIBROS, inmediatamente xorden asociadas queixas e comentarios a respecto do pouco que se le no noso país e do consecuente estatus de fraqueza que lle atribuímos ao obxecto LIBRO. Certamente é así de nos compararmos con outros países europeos ou mesmo con outras comunidades do estado español. Mais, nesta, como noutras análises comparativas que se xulgaren rigorosas, non podemos valorar só o punto final-presente ao que se ten chegado, senón que debemos precisar ben o punto de partida-inicial de cadaquén para que porcentualmente os datos sexan máis reais.
Exercitemos a curiosidade e esculquemos na memoria individual e colectiva, na nosa traxectoria como lectores practicantes e/ou agnósticos, na experiencia lectora do noso contorno familiar, amical, laboral, etc., e cotexémolo co presente. A resposta debe ser coincidente: medrou o consumo de libros en xeral porque hoxe formamos parte dunha sociedade alfabetizada, mellor formada intelectualmente e con maior accesibilidade ao libro a partir do esforzo institucional, sobre todo, na completa dotación e actualización dos fondos bibliográficos das bibliotecas escolares e públicas.

Só é así como hoxe podemos aplaudir orgullosos a recente publicación da 20 edición en galego de Cartas de inverno, unha novela xuvenil de Agustín Fernández Paz, o que implica que desde 1995, ano da súa publicación, foron vendidos máis de 65.000 exemplares no noso país –lidos moitos máis-, independentemente dos vendidos e lidos traducidos a catalán, portugués, eusquera e castelán, ou que a novela de Teresa Moure intitulada Herba Moura chegue á súa 4ª edición en escasos dous anos desde a súa publicación e xa fose traducida a cinco idiomas. Ao tempo, os nosos pícaros están a construíren o seu mundo iniciático da man d´Os Bolechas, de Pepe Carreiro, personaxes de ficción que cohabitan nas nosas casas con espontánea naturalidade pedagóxica. Ou mesmo quen non sabe da aventureira interespacial Anamarciana carballesa?

Non imos deixar de lembrar que contamos, desde hai uns anos, con autores –e mesmo xa algunha autora- posuidores dun gran valor mediático, cuxas novas obras son sempre agardadas con expectación, o mesmo que as súas declaracións e implicación comprometida no noso evolucionar como pobo, porque como aseveraba o escritor Carlos Casares “o escritor debe pór sempre a súa pluma ao servizo da liberdade”.

Mais é innegábel que o valor da literatura non se pode medir só cuantitativamente en cifras como unha balanza económica unicamente ganancial. En todo caso, será un ben ganancial comunitario cun montante igual a un proxecto colectivo que traduce en metáforas, hipérbatos e sinécdoques, escenas, versos e parágrafos, aquelas dúbidas, amores e desamores, desasosegos, memorias, existencialismos e humores (sonoros e líquidos), Pensamentos impuros e Contos malvados con que a lingua nos seduce e o profesional da escrita traduce para o seu goce compartido.

Ao tempo, os libros forman parte do mercado de ideas, da transmisión altruísta das emocións experimentadas no tempo como follas de almanaque que repasan e fixan o vagar da historia e da creación literaria que a acompaña.

Certo é que a lectura, a súa descuberta e degustación, é un proceso individual, mais o produto reside na sociedade e esta fornécenola como un complemento á nosa existencia para domesticar o noso tempo habitualmente manipulado desde o tempo dos outros. A lectura implica partillar experiencias comúns pensadas por un escritor ou unha escritora a partir da renuncia a calquera acto de egoísmo por apreixar unha historia para si. O escritor e a escritora vólvense na súa escrita sementadores de colleitas cos que cadaquén amasar o seu pan intelectual.

Nos últimos anos, desde a AELG, estamos a apostar pola visibilidade social dos creadores e creadoras e da súa obra, polo seu achegamento a unha sociedade cada vez máis normalizada e menos elitista. Eis un obxectivo compartido con este concello, pois o esforzo común de Galiza Nova de Bergantiños, Biblos e a AELG durante o inverno pasado conseguiu que na feira de Carballo se inaugurase a repartición de centos de exemplares do boletín literario Biblos Difusión, experiencia ben acollida e por iso repetida posteriormente noutros lugares de gran convocatoria social como a feira de Paiosaco ou os locais de hostalería da costa da comarca de Bergantiños.

Asemade, a AELG ambiciona, desde a programación aplicada nos centros de ensino galegos a través dos obradoiros de creación con escritores, fixar o goce do texto literario durante a infancia e a adolescencia como antesala dun achegamento máis complexo e reflexivo, para facer da literatura unha ferramenta comunicativa que dea sentido á experiencia persoal e colectiva, para entender o pasado, o presente e o futuro e para explorar os non-límites e as infinitas posibilidades expresivas da linguaxe. Máis unha vez, obxectivo compartido por este concello e plasmado na organización da Semana do Libro e a Lectura como lugar de encontro entre os colectivos implicados na educación: pais e nais, alumnado e profesorado.

Con vocación de exemplar proxecto colectivo divulgador do libro en galego e da súa lectura e mais de reforzador da rede social carballesa naceu tamén en Carballo a comezos de ano Literactúa, a xanela real que nos brinda, mes a mes, a posibilidade de ler, comentar, opinar, participar e, sobre todo, gozar, individual e colectivamente, ao redor da creación literaria con propostas para todas as sensibilidades. Xa que, como dicía Borges, “a literatura non é outra cousa que un soño dirixido”, permitámonos soñar e ser democraticamente dirixidos polos múltiples discursos que os construtores da palabra poética, narrativa, dramática, científica, amasan para nós e reparten por todas aquelas canles que a sociedade da información en que habitamos nos oferta ora nos formatos tradicionais ora naqueles propios da rede virtual contemporánea.

Porque o libro precisámolo coma sempre e máis que nunca dispomos de facilidade para chegar a el. Velaquí o potencial desa xanela virtual universal, a internet, onde o coñecemento se multiplica e ao que o noso libro galego non pode dar as costas se non quere pasar mundialmente desapercibido, que é o mesmo que non querermos pasar nós, como pobo, tamén desapercibido nesta nova feira de relacións, comunicacións, operacións de compra-venda, traducións a outros idiomas, etc. É por iso que desde a AELG nos parabenizamos do recente acordo entre a editorial galega Galaxia e o xigante portal da comunicación Google para divulgar a literatura galega, como de sempre aplaudimos o importante labor desenvolto neste sentido desde hai máis dunha década pola Biblioteca Virtual Galega desde a Universidade da Coruña. Asemade, como proxecto propio, velaí está o Centro de Documentación dos escritores e escritoras socios, incluído na páxina web da AELG, ademais da recentemente inaugurada Editora Virtual en que a palabra literaria dos novos creadores e creadoras terá un novo foro aberto de expresión.
Segundo Daniel Cassany, “sempre é imprescindible ler con perspectiva crítica. O que fai internet é incrementar esa necesidade, ao multiplicar o número e a diversidade de discursos aos que potencialmente podemos acceder”.

O libro e a literatura galega precisan para a súa boa saúde da internet –velaí as edicións de libros previamente lidos vía internet: Por conto alleo de Camilo Franco e O home inédito de Carlos Meixide. Asemade, precisan de boas bibliotecas onde o préstamo aos lectores e lectoras sexa eficaz, ou de programas específicos de divulgación a través dos medios audiovisuais –como está a ser a programación da Radio Galega ou o programa televisivo Libro Aberto, malia o seu pouco atinado horario de emisión-, da creación de foros de debate social e clubes de lectura, da aprendizaxe do valor da lectura –e tamén da escrita previa necesaria- desde a infancia como unha alternativa de ocio, da adaptación do libro a sistemas de lectura accesíbeis ás persoas con discapacidade –como na pasada feira do libro da Coruña comprobamos coa edición da obra de Suso de Toro Home sen nome en sistema braille-, dos novos xograres-contacontos que nos seducen a pequenos e a grandes coa súa oralidade, porque alguén pensaba que os contos eran apenas cousas de rapaces?

Mais, como sempre foi, o libro galego e en galego precisa da complicidade dos libreiros e das libreiras, os axentes culturais máis próximos á sociedade dentro da industria do libro, que nos transmiten o valor que eles posúen e colaboran á hora de dinamizalo e abrilo á sociedade, como é ben evidente na organización desta Praza dos Libros.

A recentemente aprobada Lei do libro e da lectura de Galiza recoñece o libro e a lectura como instrumentos indispensábeis para a transmisión da cultura e para o desenvolvemento da identidade de noso, en convivencia e complementación coas tecnoloxías audiovisuais e os sistemas multimedia que teñen dado lugar a novos soportes. É por iso que esta lei obriga a Xunta de Galiza a promover “a imaxe da libraría como punto esencial de venda de libros, así como axente cultural activo indispensable para que a industria do libro manteña a súa creatividade”.

Debería ser, pois, obxectivo común e prioritario que o libro en galego acade unha atención e tratamento espacial privilexiado nas nosas librarías; a actualización do seu fondo editorial, a atención á divulgación das novidades e a actualización informativa que xeran estas deberían ser, xunto á profesionalidade, un dos selos de garantía dese local comercial especializado até o converteren no espazo cultural dinámico e de referencia obrigada que toda sociedade precisa. Só así é que o libro galego deixará de ser desideratum para se converter en realidade tanxíbel.

Esta praza convócanos semanal e quincenalmente coas regalías da terra que a man traballadora tira dela. Desde hoxe e ao longo dos próximos días os carballeses e as carballesas converteredes coa vosa asistencia e participación activa esta Praza dos Libros na Festa dos Libros, asumindo a condición de Arte e Parte do xeneroso mundo das letras, aproveitándomos o título da novidade editorial que mañá presentará o voso premiado escritor carballés Xurxo Borrazás.

Libros e Pan. Que vos preste! Deica a próxima feira! E se é en Carballo, mellor!
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 28-08-2007 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
Programa da Praza dos Libros 2007

O Xardín Municipal de Carballo encherase durante catro días, do 23 ao 26 de agosto, de libros, de actividades lúdicas, participativas, divertidas e formativas para nenas e nenos e para persoas adultas, de autoras e autores da comarca e do país, de presentacións e sinaturas de libros, de recitais, de actuacións, de representacións, etc. Unha nova edición da feira literaria de Bergantiños á que non podes faltar.

E todo isto convivirá o xoves e o domingo coa feira tradicional, polo que haberá moito máis que libros...


PROGRAMA


XOVES 23

11.00 h: Inicio da Praza dos Libros 2007 e Ciclobiblioteca

12.30 h: Presentación do terceiro trimestre do programa Literactúa, de difusión do libro e a lectura en galego (setembro, outubro, novembro)

INAUGURACIÓN

- Luís Bará (director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia)
- Evencio Ferrero (alcalde de Carballo)
- Belén Lendoiro (concelleira de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Carballo)

PREGÓN de Mercedes Queixas Zas

19.30 h: Presentación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, coa presenza de Mahmoud Elhda, subdelegado saharauí para Galiza

20.30 h: Presentación de Lingua, nación e identidade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

21.30 h: Recital-presentación de As horas de María, de Paco Souto


VENRES 24

11.30 h: A fábrica da fantasía: Actividades veloces para facer e levar (actividade para nenas, nenos e maiores). Contos rápidos para levar. Poemas a toda máquina. Imaxes que contan historias

13.30 h: Charla dramatizada de María Mariño, por Brais Fernández Álvarez

20.00 h: Actuación de Títeres Viravolta. Unha de piratas

21.00 h: Presentación conxunta de Arte e parte, de Xurxo Borrazás, e da reedición de Crónicas de Carballo I, de Xan Fraga

22.30 h: Concerto da caboverdiana Nancy Vieira


SÁBADO 25

13.00 h: Presentación de Historia dunha lata e de Lume!, de Alberto Varela Ferreiro

19.30 h: Presentación de Seavia é nome de parroquia, de José Antonio Andrade

20.30 h: Presentación de O bosque de Nadgor, de Farruco Graña

21.30 h: Concerto-presentación Hai cu. Pintadas no váter, de Leo i Arremecághona


DOMINGO 26

11.00 h: Un libro, un pan. Todas as persoas que merquen algún libro serán agasalladas cun pan da marca Pan de Carballo

12.00 h: Sinatura de libros de Santiago Jaureguízar

21.30 h: Concerto do cantautor cubano Norge Batista e remate da feira


HORARIO DAS CASETAS

Mañás: de 11.00 h a 14.00 h
Tardes: de 17.30 h a 21.30


PARTICIPANTES
Libraría Brañas (Carballo)
Libraría Trasgo (Carballo)
Libraría Roget (Vimianzo)
Libraría Couceiro (A Coruña)
Libraría Orizales (A Coruña)
A Xente das Cores
Manis
Solidariedade Galega co Pobo Saharauí
Concello de Carballo

ORGANIZA
Concello de Carballo
Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística

COLABORA
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura e Deporte

AGRADECEMENTOS
Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG)
Pan de Carballo
Servizo de Normalización Lingüística
Programa completo en .pdf
Literactúa! Comentarios (18) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 17-08-2007 13:50
# Ligazón permanente a este artigo
A Praza dos Libros. As actividades
Do 23 ao 26 de agosto de 2007
Xardín Municipal
Carballo


Ciclobiblioteca
Xoves 23. 11.00 h

Unha orixinal biblioteca con rodas percorrerá a feira para animar a todo o mundo a participar e para difundir o conto do carballo con botas... Esta actividade está promovida pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.


Mercedes Queixas Zas
Pregón. Xoves 23. 13.00 h

Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) é a secretaria xeral de Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e até hai ben pouco exerceu de profesora de lingua e literatura galegas no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Na actualidade é coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística da Coruña. Como autora publicou libros como Breve historia da literatura galega (A Nosa Terra, 1999), Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega (Laiovento, 2002) ou Os trobadores do Reino de Galiza (A Nosa Terra 1998). Ademais, participou na publicación de diversos manuais de lingua e literatura galegas; publicou numerosas críticas e recensións sobre obras e escribiu numerosos artigos sobre lingua, sobre literatura ou sobre Bergantiños.


Lingua, nación e identidade. Xosé Ramón Freixeiro Mato
Presentación. Xoves 23. 20.30 h

Lingua, nación e identidade (Laiovento, 2006) é unha compilación de artigos sobre lingua, sobre a relación do galego co portugués, sobre a imposición do castelán en Galiza, sobre o proceso de normativización, sobre o acordo normativo de 2003, etc.

Xosé Ramón Freixeiro Mato (Vilanova, Cances, Carballo, 1951) é profesor titular na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña na área de Filoloxía Galego-Portuguesa. Nesta universidade tamén é director do Servizo de Normalización Lingüística. Entre os seus abondosos traballos e investigacións podemos destacar títulos como A cara oculta de Noriega Varela (Laiovento, 1992); Lingua galega: normalidade e conflito (Laiovento, 1997); Cucou o cuco cuqueiro. Lingua e estilo na obra de Manuel María (2006); ou a súa Gramática Galega que publicou A Nosa Terra en catro volumes (1998-2003).


As horas de María. Paco Souto
Recital-presentación. Xoves 23. 21.30 h

O poeta Paco Souto presentará o seu último poemario, As horas de María (Espiral Maior, 2007), premio Johán Carballeira, obra de rico rexistro, de trazo minimalista, a vida dunha muller do século XX cun diálogo entre a cultura tradicional e a occidental capitalista.

Paco Souto (A Coruña, 1962) é coeditor de Letras de Cal e Edicións do Dragón, Dous bocetos e A rota dos baleeiros. Ten editados As árvores do incesto, premio Espiral Maior 1994, Fado, Crebar cristais coa lingua e a peza teatral Amar non ten laranxas.


A fábrica da fantasía
Actividades. Venres 24, de 11.30 h a 13.30 h

Nenos, nenas e maiores poderán achegarse e participar na Fábrica da fantasía da Cooperativa Tagen Ata e ás súas actividades veloces para facer e levar. Contos rápidos para levar, poemas a toda máquina e imaxes que contan historias. Non podes deixar de imaxinar e participar.


Brais Fernández Álvarez
Charla dramatizada de María Mariño. Venres 24. 13.30 h

O actor Brais Fernández Álvarez fará unha charla dramatizada sorprendente e humorística da poeta noiesa María Mariño, autora á que se lle dedicaron as Letras Galegas en 2007.

Unha de piratas. Títeres Viravolta
Representación. Venres 24. 20.00 h

Viravolta, que cumpre o seu vinte e cinco aniversario, presentará unha viaxe chea de aventuras na que atoparemos títeres, malabaristas, contacontos, zancudos..., na que rapazas e rapaces deberán colaborar como feros piratas na captura dun fantástico tesouro.


Arte e parte. Xurxo Borrazás
Presentación. Venres 24. 21.00 h

Este libro ofrécese ao público como escenario de conflito, como problematización duns conceptos culturais tan asumidos que se converteron en paisaxe e deixaron de ser útiles. Dun xeito ameno, rigoroso e heterodoxo, o autor parte da experiencia literaria para repensar o carácter da arte contemporánea, a realidade social, política e artística da Galiza de hoxe. Chégase así a unha visión válida e non simplificadora da nosa tradición, dos procesos de creación, do papel das institucións e do pensamento crítico.

Xurxo Borrazás (Carballo, 1963) é un dos escritores máis sobresaíntes da narrativa galega actual. A súa produción literaria comprende títulos como Cabeza de chorlito (1991), Criminal (1994), Eu é (1996), Contos malvados (1998), O desintegrista (1999), Na maleta (2000) ou Ser ou non (2004). El foi o pregoeiro da Praza dos Libros 2006.


Crónicas de Carballo I. Xan Fraga
Presentación da reedición. Venres 24. 21.00 h

Crónicas de Carballo (Asociación Cultural Lumieira) xa vai polo terceiro volume, que se presentou en 2006. Agora reedítase o primeiro da, até o momento, triloxía. Esta obra publicouse por primeira vez en 1999, e nesta reedición presenta un novo formato, seguindo a liña dos volumes II e III.

Xan Fraga (Carballo, 1958) é profesor de Historia no IES Alfredo Brañas de Carballo. Foi declarado Carballés do Ano en 1997. Publicou numerosos artigos e obras, entre as que poden destacar, ademais das Crónicas de Carballo, outras como Memoria de Carballo ou Trolebús.


Nancy Vieira
Concerto. Venres 24. 22.30 h

Nancy Vieira (Cabo Verde) está recoñecida como unha das novas voces de prestixio da música caboverdiana e como sucesora de Cesária Évora. A súa doce e grave voz achegarannos á vastísima tradición de xéneros como mornas, coladeiras ou butaques, que Nancy Vieira interpreta con moito sentimento e expresividade.


Historia dunha lata e Lume! Alberto Varela Ferreiro
Presentación animada. Sábado 25. 13.00 h

Historia dunha lata (Planeta-Oxford, 2006) cóntanos a odisea dun orgulloso envase industrial fabricado para conservar alimentos para a humanidade. Unha historia sobre o lixo e a reciclaxe. Unha historia dun encontro inesperado entre unha lata e unha vaca. Un conto para lectores/as a partir dos sete anos. Un diálogo entre unha lata faladora e unha vaca con fame.

Lume! Dona Landra contra a Lapa (Xerais, 2007) é un conto para primeiros/as lectores/as. Unha lapa esfameada fuxiu dunha cachela e vai cara ao carballo máis vello da fraga para devoralo. Dona Landra chama a toda a veciñanza para trazar un plan...

Alberto Varela Ferreiro (Carballo, 1963) é debuxante, ilustrador e deseñador gráfico. É licenciado en Belas Artes especialista en Deseño pola Universidade de Barcelona. Como autor-ilustrador ten publicadas obras como Anamarciana (Xerais, 2000); Anamarciana: Vacacións en Europa (Xerais, 2003); Anamarciana no Planeta Vermello (Xerais 2005); Brrumm-Brrumm (Xerais). Colaborou en publicacións como A Nosa Terra, A Ameixa Cacofónica, Can Sen Dono, TBO, Golfiño, etc. Recibiu numerosos premios en certames de ilustración, banda deseñada e deseño de todo o estado.


O bosque de Nadgor. Farruco Graña
Presentación. Sábado 25. 20.30 h

O bosque de Nadgor (Agrupación Cultural Francisco Lanza, 2007) é un canto ás vilas galegas feitas a escala humana que moitos de nós acordamos –ben sexa por vivencia directa, ben a través das fotografías contempladas en exposicións ou nos nosos libros de historia local–. Hai que ter a valentía de recoñecer o que pasou, o que fixemos con elas. Non han volver tal como eran... Mais podemos recuperar o seu encanto.

Farruco Graña é de Carballo e na actualidade vive en Ribadeo. É profesor de Filosofía en Tapia (Asturies). É colaborador habitual da prensa local de Bergantiños e da Mariña luguesa, e tamén do xornal dixital Vieiros.



Hai cu. Pintadas no váter. O Leo i Arremecághona
Actuación-presentación. Sábado 25. 21.30 h

O Leo tenta neste recital, que combina a poesía escatolóxica das paredes dos váteres coa música e os monólogos, darlle a volta ao púb(l)ico e o privado levando a espera íntima para defecar aos escenarios. Ao fin e ao cabo, trátase de facer o mesmo que se fai no váter diante de todo cristo: tocar a guitarra e cantar (o baño é a peza con mellor acústica da casa), facer pintadas e cultivar o monólogo interior, que deste xeito se fai exterior. E, por suposto, cagar. Porque mentres hai cu, hai esperanza. Este recital será o adianto do seu libro de próxima publicación: Hai cu. Pintadas no báter, que recollerá algúns dos haicus xa editados en http://haicu.blogspot.com.


Santiago Jaureguizar
Sinatura de libros. Domingo 26. 12.00 h

Santiago Jaureguizar naceu en Bilbo (Euskadi) en 1965 e é un dos autores máis destacados na narrativa galega actual. Na súa produción destacan títulos como: Comendo espaguetis diante da televisión (Xerais, 1998); As horas sucias (Xerais, 2001); Breve crónica universal da clase obreira (Sotelo Blanco, 2001); Fridon spik (Xerais 2003); Casa Skylab (Xerais, 2003); ou Cabaret Voltaire (Galaxia, 2005). Tamén é autor, ademais, das novelas xuvenís Todo a cen (Sotelo Blanco, 1995); A rutina corsaria (Xerais, 1998); Salitre (Xerais, 1999); ¡Balea morta ou lancha a pique! (Xerais, 2002); A cova das vacas mortas (Xerais, 2006); Unha cabana na lúa (Baía, 2006); e Plastilina nos pulmóns (Tambre, 2007).
Mantén o blog Cabaret Voltaire.


Norge Batista
Concerto. Domingo 26. 21.30 h

O cantautor e trobador cubano Norge Batista, un dos máis destacados expoñentes da Nova Troba Cubana, pechará a Praza dos Libros cun concerto no que interpretará, sempre acompañado da súa guitarra, cancións tradicionais, clásicos da nova troba e temas propios.

Norge Batista (Las Tunas, Cuba, 1969) ten editados dous discos: Búscame adentro (1997) e Algo crece (2001). En 2008 verá a luz o seu novo traballo: A empezar otra vez. Realizou numerosos concertos tanto en Cuba como no Estado español e foi merecedor de varios premios de composición e do recoñecemento da crítica e do público cubano.



O domingo pola mañá, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun Pan de Carballo. E, ademais de libros, poderemos atopar outros produtos, como orixinais camisetas ou produtos de artesanía saharauí. A Praza dos Libros convivirá o xoves e o domingo coa feira tradicional de Carballo.

Literactúa! Comentarios (1) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 17-08-2007 13:49
# Ligazón permanente a este artigo
Proximamente...

Literactúa! Comentarios (1) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 10-08-2007 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
6 meses literactuando


MÁIS FOTOS

Diego Ameixeiras

Teresa Moure

Francisco Castro

Uxía Casal

Suso de Toro

María Reimóndez
Literactúa! Comentarios (8) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 06-07-2007 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Feminismos, India e calceta... Conversa con María Reimóndez

Á terraza chea de xasmíns do Café Valle Inclán de Carballo acudiron numerosas persoas, maioritariamente mulleres, para conversar coa autora de O club da calceta. Mais a xente non quería conversar só coa escritora, tamén quería falar coa feminista e coa implicada no desenvolvemento.

María Reimóndez agardounos aproveitando para tecer uns puntos de calceta, e cando xa fomos sentando, Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños, encargouse de presentárnola e de introducir a conversa. María comezou falando da obra, feita coa intención de axudar a mudar o mundo. Dixo que había que darlle visibilidade ao feminino, como pode ser a calceta, actividade privada tradicionalmente feminina que aproveita na obra para darlles voz ás súas seis protagonistas. A calceta, coa que se crean obras de arte que ademais son útiles e prácticas.

A conversa foise tecendo co libro, cos feminismos e coa situación da India que ela ben coñece, polo tempo que alí pasa colaborando no desenvolvemento de diversos proxectos. Por iso ten a sorte de poder ver o mundo con diversas perspectivas, alén da occidental. Un exemplo: desde a nosa visión de occidente a mutilación xenital parécenos unha auténtica aberración, que o é, pero igual que lles parece unha auténtica aberración ás persoas da India o corta e pega que por razóns estéticas impostas se fan no corpo moitas persoas de occidente. E, claro, a mutilación xenital é un problema, mais o verdadeiro problema no que pensan as mulleres da India é que teñen que percorrer a pé 20 quilómetros con 25 quilos ao lombo para conseguir auga. Outro exemplo: ninguén falaba dos burkas de Afganistán até que os occidentais decidimos invadir ese país; entón tiñamos que buscar unha xustificación. E falabamos do problema das mulleres por teren que levar burka, cando o principal problema das mulleres afgás nese momento era, loxicamente, que as estabamos bombardeando e matando.

A charla era amena e o interese de todas e de todos por cada unha das cousas das que María falaba facía que se fora prolongando: prexuízos e estereotipos sobre o feminino ou sobre diversas cuestións alén do occidental, o sistema democrático da India, a participación comunitaria das mulleres nese país, e un longo etcétera.

E todo isto no día en que se coñecía que O club da calceta era premiado cun dos máis fermosos premios do sistema literario galego, o San Clemente, que conceden alumnas e alumnos de bacharelato de institutos públicos galegos. As persoas alí asistentes non sabiamos a nova, polo que non puidemos felicitar á autora. Dáse a casualidade que os outros dous finalistas do certame eran dous escritores que xa estiveron con nós en Literactúa: Diego Ameixeiras (Tres segundos de memoria) e Francisco Castro (Spam). Parabéns María, Diego e Francisco.


Con O club da calceta péchase o segundo trimestre do programa Literactúa, que se retomará con tres novas propostas nos meses de setembro, outubro e novembro...

Pero antes o Xardín Municipal encherase durante catro días de libros, de actividades lúdicas, participativas, divertidas e formativas para nenas e nenos e para persoas adultas, de autoras e de autores da comarca e do país, de presentacións e sinaturas de libros, de recitais poéticos, de actuacións musicais, de representacións, etc. Será durante a nova edición da Praza dos Libros de Carballo, entre o 23 e o 26 de agosto, que este ano incorporará novidosas propostas e á que non podes faltar.


Podes ler dúas entrevistas que lle foron feitas a María a raíz desta participación en Literactúa. Unha, na edición en papel do Diario de Bergantiños, e outra en La Voz de Galicia. Tamén podes ver algunhas fotos da conversa aquí.
Fotos da conversa con María Reimóndez
Literactúa! Comentarios (4) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 28-06-2007 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con María Reimóndez. Mércores 27 de xuño

O Concello de Carballo, o Café Valle Inclán e a Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños convídante á conversa con María Reimóndez, autora de O club da calceta, dentro do proxecto Literactúa.

Día: mércores 27 de xuño de 2007
Hora: 20.30 h
Lugar: Café Valle Inclán. Rúa de Valle Inclán 32. Carballo

A autora será presentada por Fina Bastón,
da Marcha Mundial das Mulleres.

Merca o libro nas librarías Brañas, Teldy, Trasgo ou Villar.
Literactúa! Comentarios (1) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 26-06-2007 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [11]
Blog do programa Literactúa para o fomento do libro e da lectura en galego no Concello de Carballo.

O QUE É LITERACTÚA...
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 PROCURA
 ALGUNHAS LIGAZÓNS
 ARQUIVO

Concello de Carballo

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


free web counter

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
© by Abertal