literactúa


A Praza dos Libros 2009 en imaxes
Praza dos Libros 09
Xa está dispoñíbel neste blog unha reportaxe fotográfica da Praza dos Libros 09 que tivo lugar en Carballo entre o xoves 27 e o domingo 30 de agosto de 2009.

ACCEDE A REPORTAXE FOTOGRÁFICA AQUÍ
Literactúa! Comentarios (8) - Categoría: VARIOS - Publicado o 02-09-2009 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
PRAZA DOS LIBROS 2009. Do 27 ao 30 de agosto
Praza dos Libros 2009Praza dos Libros: literatura, pan, animación, audiovisual e feira tradicional durante catro días en Carballo

Libros, actividades lúdicas, presentacións, actuacións, autoras e autores da comarca e do país, cinema, recitais, pan e moitas outras propostas encherán de vida, imaxinación e creatividade o Xardín Municipal de Carballo durante catro días. Unha nova edición da Praza dos Libros que cada ano pretende promocionar a lectura e achegarlle á cidadanía o libro e os produtos culturais galegos.

O Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística, organiza un ano máis a Praza dos Libros, que terá lugar desde o xoves 27 ao domingo 30 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá.

O inicio será o xoves 27 ás 10.30 h e a inauguración ás 13.00 h cun orixinal pregón do contador, actor e director teatral Quico Cadaval.

PROGRAMA


(Podes descargar o programa completo en .pdf aquí [1,61 MB])

Xoves 27 de agosto

10.30 h Inicio da Praza dos Libros 2009

11.00 h Contacontos ambulantes na Ciclobiblioteca de Anxo Moure.
A Ciclobiblioteca estará na Praza dos Libros os catro días

13.00 h Inauguración e pregón con Quico Cadaval
Participan:
-Belén Lendoiro, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística
-Xosé Antonio Viña, tenente de alcalde
-Quico Cadaval

19.30 h Recital e presentación da antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía da Costa da Morte
Participan:
-Miro Villar
-Modesto Fraga
-Outros poetas da Costa da Morte

21.00 h Fantasmas familiares. Contada de historias de Quico Cadaval


Venres 28 de agosto

12.30 h Lectura con nenos e nenas de Marcelo o morcego (Ed. Galaxia), de Beatriz Fraga Cameán, e sinatura por parte da autora

20.00 h Á pista, malabarista!!! Picompé - Circo de Rúa

21.00 h Presentación do poemario Olladas dun intre de amor (Ed. Toxosoutos, 2009), de Alberte Suras, e recital en homenaxe a Manuel María, coa participación de:
-Felipe Senén
-Henrique Rabuñal
-Jacobo Llamas (editor)
-Alberte Suras (autor)
-Estíbaliz Espinosa


Sábado 29 de agosto

11.00 h A Caixiña dos mistos. Cinema infantil itinerante sobre rodas coas mellores pelis para peques
De 11.00 h a 14.00 h e de 17.00 h a 21.00 h

12.30 h Lectura con nenos e nenas e sinatura de O Misterio na selva de Ngorongón (Ed. Galaxia) de Alberto Varela Ferreiro

19.00 h Palabra de chapeu. Contos para xogar. Teatro Patán

21.00 h Presentación de Contos azuis, de Fernando Cabeza Quiles (Ed. Galaxia).
Participan:
-Xosé M. Varela Varela
-Nel Vidal Barral
-Fernando Cabeza Quiles (autor)


Domingo 30 de agosto

10.30 h 14.30 h Un libro, un pan. Todas as persoas que merquen algún libro serán agasalladas cun pan da marca Pan de Carballo

Tamén pola mañá, gravación dun capítulo da serie de internet Para mariñeiros nós, progatonizada por Suso Lista e Manolo de Laxe e dirixida por Omar Rabuñal

12.00 h Presentación de A cociña dos larpeiros, de Benigno Campos (Ed. Galaxia)
Participan:
-Xulio Amigo (Ed. Galaxia)
-Henrique Mariño (xornalista)
-Benigno Campos (autor)

13.30 h Sorteo de tres lotes de produtos da I Ruta do pincho de verán de Carballo (para máis info: www.blogoteca.com/depinchosporcarballo)

18.00 h Contacontos ambulantes na Ciclobiblioteca de Anxo Moure

19.30 h Presentación de Sidecar, de Alberto Lema (Ed. Galaxia)
Participan:
-Belén Lendoiro Esmorís
-Alberto Lema (autor)

21.30 h Peche da Praza dos Libros 2009

(Podes descargar o programa completo en .pdf aquí [1,61 MB])

ORGANIZA
-Concello de Carballo. Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística

COLABORAN
-Pan de Carballo
-Concellaría de Promoción Económica do Concello de Carballo
-Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo
-Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia
-Deputación da Coruña

PARTICIPAN
-Libraría A Palavra Perduda (Santiago de Compostela)
-Libraría Brañas (Carballo)
-Libraría Como unha novela (A Laracha)
-Libraría Couceiro (A Coruña)
-Libraría Orizales (A Coruña)
-Libraría Roget (Vimianzo)
-Libraría Trasgo (Carballo)
-A Mesa pola Normalización Lingüística (xoves e venres)
-Rei Zentolo - Kamisolas (sábado e domingo)
-Concello de Carballo
Programa completo da Praza dos Libros 2009 en .pdf
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 19-08-2009 16:05
# Ligazón permanente a este artigo
A nena que berra, artigo de María Pilar García Negro, gañador do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo
Pilar García NegroO artigo premiado no V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009, "A nena que berra", de María Pilar García Negro, publícase nos dez medios de comunicación escrita colaboradores co certame: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, edición Carballo de La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.

No caso dos medios diarios está no número do domingo 31 de maio, e no caso dos medios non diarios, no número inmediatamente posterior a esa data.

Na rede xa se pode ler o artigo nalgúns medios dixitais:

- A nena que berra en Vieiros

- A nena que berra en Galicia Hoxe

- A nena que berra en A Nosa Terra Dixital

Algúns dos medios colaboradores tamén publican o artigo "GZ Power", de Marcos Abalde Covelo, que foi recoñecido cun accésit.
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: VARIOS - Publicado o 01-06-2009 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
María Pilar García Negro gaña o V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009
Pilar García Negro- O V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009, dotado con 1.200 euros e a publicación nos dez medios de comunicación colaboradores, foi para o artigo «A nena que berra», da profesora da Universidade da Coruña, sociolingüista, ensaísta e escritora María Pilar García Negro.
-Ao certame presentáronse 45 traballos, chegados de todas as partes de Galiza e incluso algún de fóra do país.
-A autora galardoada recollerá o premio o venres 29 de maio ás 21.00 h no Pazo da Cultura de Carballo, no transcurso do espectáculo poético multimedia Yolanda Castaño.


O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse o mércores 27 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 45 traballos de todas as partes do país e incluso de fóra, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.200 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia, ao artigo titulado «A nena que berra», de María Pilar García Negro.

Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á imaxe moi plástica e moi visual que retracta e describe a situación actual de conflito lingüístico entre galego e castelán; á introdución de conceptos interesantes, modernos, novidosos e moi valiosos para a descrición sociolingüística, como «lingua inevitábel» ou «xustiza ecolingüística»; á súa calidade e ligazóns lingüística e argumentativa, cun fío discursivo que dirixe todo o artigo cunha tese que se defende durante todo o texto e que o pecha; e por considerar moi valiosos e útiles os argumentos defendidos.

María Pilar García Negro (Lugo, 1953) reside na Coruña. É doutora en Filoloxía e profesora titular da Universidade da Coruña. Como estudosa é experta en literatura e mais en sociolingüística galega. Neste último campo foi autora da primeira tese sobre lexislación lingüística galega, e publicou numerosos artigos e libros básicos na sociolingüística galega como O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991), Sempre en galego (1993), O ensino da língua: Por un cámbio de rumo (1995) ou Direitos lingüísticos e control político (2000). No ámbito político foi, entre outras cousas, deputada polo BNG no Parlamento galego entre 1989 e 2003. No ámbito social foi presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada deste en Galiza entre 1985 e 1990. Na actualidade é directora da Fundación Bautista Álvarez.

O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «GZ Power», do autor lugués Marcos Abalde Covelo. O accésit concédeselle pola capacidade de empatía que o artigo ten co público lector, pola súa fluidez, pola defensa dunha lingua moi viva, útil e válida para todos os contextos sociais, e pola introdución de optimismo discursivo e de toques de humor. Por estas razóns, o xurado recomendarlles aos medios de comunicación colaboradores a publicación destoutro artigo.

O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, redactora da revista Tempos Novos; Goretti Sanmartín Rei, sociolingüista e directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo e presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.

Nas catro edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa ou Xesús Fraga.

Os medios de comunicación escrita que colaboran e que publicarán o artigo gañador son: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.


Acto de entrega do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009

ESPECTÁCULO POÉTICO MULTIMEDIA DE YOLANDA CASTAÑO


O acto de entrega do premio, ao que asistirá a propia autora premiada, María Pilar García Negro, terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo e consistirá nun espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño, un novo formato moderno e innovador para a poesía galega da man das novas tecnoloxías e unha moderna posta en escena achegada á música e ao audiovisual.

DÍA: venres 29 de maio
HORA: 21.00 h
LUGAR: Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo (Rúa do Pan s/n)

Entrada libre
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: VARIOS - Publicado o 28-05-2009 17:46
# Ligazón permanente a este artigo
Espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño




Xunto coa entrega do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores, Yolanda Castaño ofrece un recital multimedia da súa propia obra poética, con son e videopoesía. Un novo formato moderno e innovador para a poesía galega da man das novas tecnoloxías e unha moderna posta en escena achegada á música e ao audiovisual.



-DÍA: venres 29 de maio

-HORA: 21.00 h

-LUGAR: Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo (Rúa do Pan s/n)

Entrada libre

Literactúa! Comentarios (6) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 26-05-2009 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
Toda unha semana dedicada ao libro e á lectura en Carballo e centrada no tema do amor
Entre os días 24 e 29 de maio Carballo ten unha cita moi especial cos libros e coa lectura. Porque durante estes seis días o Pazo da Cultura acolle a cuarta edición da Semana do Libro e a Lectura, actividade organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e promovida polo Concello de Carballo coa colaboración de Caixanova.

Trátase dunha semana repleta de actividades dedicadas a promover a lectura e a entre os/as escolares, os/as profesores/as, as nais e os pais e o público en xeral. A Semana do Libro e a Lectura ten como eixo temático o amor. Arredor deste tema desenvólvense no Pazo da Cultura actividades participativas con carácter formativo e lúdico nas que os nenos e as nenas xogan un papel moi activo.

As actividades inclúen obradoiros destinados ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e secundaria de Carballo que abranguen aspectos moi diversos. Desenvólvense en horario de mañá no segundo andar do Pazo da Cultura, decorado con temática amorosa e repleto de libros de literatura infantil cedidos por diferentes editoriais; así coma por material achegado polos centros educativos e elaborado polos/as propios/as alumnos/as. Estes tres eixes integran esta exposición permanente durante a semana.

Outra parte do programa está dirixida ao profesorado, co obxectivo de proporcionar estratexias para fomentar entre o seu alumnado o gusto pola lectura. Tamén as familias poden participar en diferentes actividades.

O programa da Semanas do Libro e a Lectura complétanse con actividades abertas ao público xeral e que se desenvolverán habitualmente en horario de tarde. A inauguración deste semana –o domingo 24 de maio ás 12.30 horas– correu a cargo do mago Martín Camiña e do alumnado do CEIP Bergantiños, coa posta en escena dunha regueira, e do IES Parga Pondal, cunha actuación musical e a interpretación da peza teatral Cinco mulleres con Mario.

Ademais, todos os días hai contacontos abertos ao público a partir das 18.30 horas:

-Luns 25: Marisa Irimia
-Martes 26: Servando Barreiro
-Mércores 27: Raquel Queizás (Queliña)
-Xoves 28: Celso Fernández Sanmartín
-Venres 29: Caxoto Contacontos
  • Exposicións: libros cedidos por editoriais, ilustradores e ilustradoras (Iván Prieto, OQO, Xaquín Marín), homenaxe a Fina Casalderrey, etc.

  • Encontros co alumnado: Marisa Irimia, Escola de Tempo Libre Paspallás, Serxio Cobos, Oscar Villán, CasaHamlet, Celso F. Sanmartín, Fran Bueno, David Otero, Chus Álvarez, Caxoto, etc.

  • Para o profesorado: escrita, música e danza, banda deseñada, amor, expresión teatral, etc.

A semana fecharase coa entrega do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009 e cun espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño, o venres 29, ás 21.00 h, no auditorio do Pazo da Cultura.

A programación completa pódese consultar, en .pdf, aquí.
Literactúa! Comentarios (4) - Categoría: OUTRAS NOVAS E OUTRAS ACTIVIDADES - Publicado o 26-05-2009 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
Xurxo Borrazás presenta no Literactúa a súa última novela, Costa Norte/ZFK, centrada en Carballo
O escritor carballés Xurxo Borrazás é o protagonista do programa Literactúa no mes de maio, e presenta a súa última novela, Costa Norte/ZFK, que centra a súa historia en Carballo, o venres, 22 de maio, ás 21.00 h no Pub Silfo.

O venres 22 de maio o recoñecido escritor carballés Xurxo Borrazás presentará no marco do programa Literactúa a súa última novela, Costa Norte/ZFK, e estará acompañado polo presidente da Asociación Cultural Lumieira, Farruco Fraga. A cita será o venres 22 de maio, ás 21.00 h, no Pub Silfo de Carballo (Rúa de Rosalía de Castro 8).

Xurxo Borrazás (Carballo, 1963) é, sen dúbida, un dos escritores máis sobresaíntes da narrativa galega actual. A súa produción literaria comprende títulos como Cabeza de chorlito (1991), Criminal (1994), Eu é (1996), Contos malvados (1998), O desintegrista (1999), Na maleta (2000) e Ser ou non (2004).

En 2007 publicou o seu primeiro ensaio, Arte e parte.

Coa súa obra Criminal obtivo o Premio da Crítica Española e o Premio San Clemente.

En Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás fai unha incursión nunha zona de pesadelo industrial cun espazo físico e unhas relacións sociais opostas ás que coñecemos, ou non tanto, nun futuro que é apenas unha sofisticación do presente. Unha novela esteticamente impactante e radicalmente anovadora que nos fala da soidade do individuo, dos límites da natureza, das fronteiras do humano e do noso medo a espertar, a que o monstro do real afogue a nosa capacidade para seguir a imaxinalo todo.

Unha novela que está sorprendendo tanto á crítica como aos lectores e lectoras e que se centra en Carballo (vila chamada Costa Norte na novela) e nos seus arredores como exemplo dun mundo novo e dunha sociedade globalizada, baseada nunha estrutura social diferente á coñecida, na que conceptos como vila, comunidade ou nación carecen de sentido.
Literactúa! Comentarios (5) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 21-05-2009 14:36
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con Xurxo Borrazás sobre o seu último libro Costa Norte / ZFK
Literactúa con Xurxo Borrazás
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 18-05-2009 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009
V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con dez medios de comunicación escrita, convoca por quinto ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o uso do galego na prensa escrita.

Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con accións de impulso ao uso social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística, etc. Os artigos deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 400 e 550 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión estará aberto até o 8 de maio.

Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.200 euros, ademais da publicación nos dez medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.

Nas catro edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa e Xesús Fraga.

As bases completas poden descargarse aquí [.pdf. 1,16 MB]
Literactúa! Comentarios (7) - Categoría: VARIOS - Publicado o 20-04-2009 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
A cultura que facemos, escóllea no Nadal


A música emerxente de todos os estilos, o cinema, o teatro, os libros..., son a mellor elección.
A cultura que facemos, escóllea no Nadal.
Literactúa! Comentarios (6) - Categoría: VARIOS - Publicado o 26-12-2008 11:22
# Ligazón permanente a este artigo
Blog do programa Literactúa para o fomento do libro e da lectura en galego no Concello de Carballo.

O QUE É LITERACTÚA...
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 PROCURA
 ALGUNHAS LIGAZÓNS
 ARQUIVO

Concello de Carballo

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


free web counter

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
© by Abertal