literactúa


Nós podemos facer da sociedade o que queiramos que sexa. Conversa con Séchu Sende

Neste mes de setembro propúxose en Literactúa a lectura de algo máis que un libro. Propúxose toda unha ferramenta transformadora da sociedade. Unha ferramenta non só para ler, senón tamén para utilizar, recomendar, agasallar, propor, converter, rir, convencer, opinar, gozar, participar, comentar, comunicar... E iso notouse na conversa con Séchu Sende, o autor de Made in Galiza, na Taberna Café O’Patacón, que estivo abarrotado de xente con moitas ganas de participar, de opinar e preguntar sobre o libro e de reflexionar sobre o conflito lingüístico no noso país.

Porque Séchu é autor, escritor, si. Mais Séchu é, ademais, un auténtico activista e dinamizador social. Si, sobre todo iso. Unha desas persoas que estea onde estea, pase o que pase, alí está el argallando algo. Nunha vila, nun instituto, na comunidade de veciñas e veciños, etc. Non para: Letras da Cal, Burla Negra, Nunca Máis, Area Negra, Arredemo, Tagen Ata, SOS Caurel... E así anda o Séchu, entre o instituto, a dinamización sociolingüística, o activismo social, a literatura, a cultura, etc.

E, aínda por riba, escribe. E como escribe! E que escribe! Primeiro impresionounos cos poemas de Odiseas, logo coa incitación político-social, a magnífica historia de historias políticas e poéticas que é a novela Orixe, despois unha chea de textos soltos como a «Guía sexual da sociolingüística» ou o «Manifesto publicitario da língua», e agora con todos estes relatos Made in Galiza sobre os que se falou no Patacón.

Séchu nas súas obras dinos claramente que «nós podemos facer da sociedade o que queiramos que sexa». Dinos, dun ou doutro xeito, que debemos facer nosa e fortalecer a máis poderosa proclama anticolonizadora, que é unha frase súa: «Eu nunca serei yo».

Séchu agasállanos a todas e a todos con estes textos de Made in Galiza que seguro que son ben útiles para que as e os profes poidan usar nas aulas, para que os animadores e as animadoras sociolingüísticos/as desenvolvan con eles unha chea de actividades, para empregar por parte da xente que traballa pola lingua, para facer reflexionar a nenas e a nenos e tamén a maiores.

Se temos un amigo que non se atreve, que lle dá corte, que lle soa mal o galego, podemos agasallalo con Made in Galiza. Se somos profes de galego, podemos ler na aula co alumnado Made in Galiza. Se hai un papá ou mamá que fala galego pero que á filla ou fillo lle fala castelán, podemos agasallalo/a con Made in Galiza. Se a médica, o señor do banco, ou o señor ou señora de atención ao público dunha administración non nos quere atender na nosa lingua, podemos agasallalo/a con Made in Galiza.

Son relatos, mais non só relatos; a maioría centrados na lingua, pero hai máis que lingua... O manual de Instrucciones para empezar a hablar gallego... A nena dun ano e poucos días que se prepara para botarse a falar, que escoita, e que non acaba de entender que é o que acontece... O país no que un ladrón vai roubando palabras... As historias contadas nas Antípodas de T. Lijó e B. Regueira en Radio Fusión... O diálogo entre as letras ñ e nh... O home que recupera a súa lingua na oficina de obxectos perdidos... A historia de Verba, a empresa que comercializa un idioma... A súa historia de cando fixo ouigha co espírito de Castelao... O método de autohipnose para aprender galego... O estudo sociolingüístico da mocidade baixo os efectos das drogas... O conflito sociolingüístico en Madrith...

Cando se fala da lingua, do conflito lingüístico en Galiza e dos dereitos lingüísticos, estamos moi acostumados a ver señores e señoras formais, con caras enfadadas (e con razón!) e dicindo cousas moi serias. Pois, normal, o da lingua évos un asunto moi serio... Mais, cómpre ter en conta que unha das mellores maneiras de enfrontármonos aos asuntos máis serios é con humor. E o Séchu, seguramente consciente, reivindica, procura e consegue introducir unha maior presenza do discurso máis lúdico e humorístico no conflito lingüístico no noso país.

E así transcorreu a conversa con Séchu Sende no Patacón, na que o autor falou de todo isto, e na que, a partir das súas anécdotas e das historias que contou, provocou un longo debate sobre o libro, sobre o conflito lingüístico, o amor á lingua, os dereitos lingüísticos, a comunicación, a normalización e a promoción do noso idioma.

Podes ver as FOTOS AQUÍ.
Fotos da conversa con Séchu Sende
Literactúa! Comentarios (25) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 27-09-2007 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con Séchu Sende. Mércores 26 de setembro

O Concello de Carballo e a Taberna Café O’Patacón convídante á conversa con Séchu Sende, autor de Made in Galiza, dentro do proxecto Literactúa, de difusión do libro e da lectura en galego.

Día: mércores 26 de setembro de 2007
Hora: 20.30 h
Lugar: Taberna Café O’Patacón
Rúa de Ourense

Podes mercar o libro nas librarías Brañas,
Teldy, Trasgo ou Villar.
Literactúa! Comentarios (5) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 24-09-2007 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con Séchu Sende sobre Made in Galiza

Literactúa! Comentarios (5) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 19-09-2007 14:29
# Ligazón permanente a este artigo
6 meses literactuando


MÁIS FOTOS

Diego Ameixeiras

Teresa Moure

Francisco Castro

Uxía Casal

Suso de Toro

María Reimóndez
Literactúa! Comentarios (10) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 06-07-2007 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Feminismos, India e calceta... Conversa con María Reimóndez

Á terraza chea de xasmíns do Café Valle Inclán de Carballo acudiron numerosas persoas, maioritariamente mulleres, para conversar coa autora de O club da calceta. Mais a xente non quería conversar só coa escritora, tamén quería falar coa feminista e coa implicada no desenvolvemento.

María Reimóndez agardounos aproveitando para tecer uns puntos de calceta, e cando xa fomos sentando, Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños, encargouse de presentárnola e de introducir a conversa. María comezou falando da obra, feita coa intención de axudar a mudar o mundo. Dixo que había que darlle visibilidade ao feminino, como pode ser a calceta, actividade privada tradicionalmente feminina que aproveita na obra para darlles voz ás súas seis protagonistas. A calceta, coa que se crean obras de arte que ademais son útiles e prácticas.

A conversa foise tecendo co libro, cos feminismos e coa situación da India que ela ben coñece, polo tempo que alí pasa colaborando no desenvolvemento de diversos proxectos. Por iso ten a sorte de poder ver o mundo con diversas perspectivas, alén da occidental. Un exemplo: desde a nosa visión de occidente a mutilación xenital parécenos unha auténtica aberración, que o é, pero igual que lles parece unha auténtica aberración ás persoas da India o corta e pega que por razóns estéticas impostas se fan no corpo moitas persoas de occidente. E, claro, a mutilación xenital é un problema, mais o verdadeiro problema no que pensan as mulleres da India é que teñen que percorrer a pé 20 quilómetros con 25 quilos ao lombo para conseguir auga. Outro exemplo: ninguén falaba dos burkas de Afganistán até que os occidentais decidimos invadir ese país; entón tiñamos que buscar unha xustificación. E falabamos do problema das mulleres por teren que levar burka, cando o principal problema das mulleres afgás nese momento era, loxicamente, que as estabamos bombardeando e matando.

A charla era amena e o interese de todas e de todos por cada unha das cousas das que María falaba facía que se fora prolongando: prexuízos e estereotipos sobre o feminino ou sobre diversas cuestións alén do occidental, o sistema democrático da India, a participación comunitaria das mulleres nese país, e un longo etcétera.

E todo isto no día en que se coñecía que O club da calceta era premiado cun dos máis fermosos premios do sistema literario galego, o San Clemente, que conceden alumnas e alumnos de bacharelato de institutos públicos galegos. As persoas alí asistentes non sabiamos a nova, polo que non puidemos felicitar á autora. Dáse a casualidade que os outros dous finalistas do certame eran dous escritores que xa estiveron con nós en Literactúa: Diego Ameixeiras (Tres segundos de memoria) e Francisco Castro (Spam). Parabéns María, Diego e Francisco.


Con O club da calceta péchase o segundo trimestre do programa Literactúa, que se retomará con tres novas propostas nos meses de setembro, outubro e novembro...

Pero antes o Xardín Municipal encherase durante catro días de libros, de actividades lúdicas, participativas, divertidas e formativas para nenas e nenos e para persoas adultas, de autoras e de autores da comarca e do país, de presentacións e sinaturas de libros, de recitais poéticos, de actuacións musicais, de representacións, etc. Será durante a nova edición da Praza dos Libros de Carballo, entre o 23 e o 26 de agosto, que este ano incorporará novidosas propostas e á que non podes faltar.


Podes ler dúas entrevistas que lle foron feitas a María a raíz desta participación en Literactúa. Unha, na edición en papel do Diario de Bergantiños, e outra en La Voz de Galicia. Tamén podes ver algunhas fotos da conversa aquí.
Fotos da conversa con María Reimóndez
Literactúa! Comentarios (5) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 28-06-2007 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con María Reimóndez. Mércores 27 de xuño

O Concello de Carballo, o Café Valle Inclán e a Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños convídante á conversa con María Reimóndez, autora de O club da calceta, dentro do proxecto Literactúa.

Día: mércores 27 de xuño de 2007
Hora: 20.30 h
Lugar: Café Valle Inclán. Rúa de Valle Inclán 32. Carballo

A autora será presentada por Fina Bastón,
da Marcha Mundial das Mulleres.

Merca o libro nas librarías Brañas, Teldy, Trasgo ou Villar.
Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 26-06-2007 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con María Reimóndez sobre O club da calceta

Literactúa! Comentarios (2) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 26-06-2007 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
Suso de Toro conversou cos seus lectores e lectoras

Foron moitas as persoas que se achegaron á Cervexaría San Xoán de Carballo para conversar co autor compostelán Suso de Toro sobre a súa última novela, Home sen nome. A conversa foi presentada por Farruco Fraga, presidente da Asociación Cultural Lumieira.

Aquí podes ver as fotos da conversa.
FOTOS da conversa con Suso de Toro
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 31-05-2007 02:13
# Ligazón permanente a este artigo
Literactúa con Suso de Toro sobre Home sen nome

Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 28-05-2007 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Palabras contadas, de Camilo Franco

O libro:
Palabras contadas de Camilo Franco inclúe máis dun cento de microrrelatos, outros trinta argumentos de novela, ademais de cinco relatos algo máis extensos, a xeito de bises.
Aproveitando a funcionalidade da literatura breve o autor aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría.

O autor:
Camilo Franco (Ourense, 1963) é escritor e xornalista. Correspondente cultural de La Voz de Galicia. Ten publicado os libros: A lúa no cénit e outros textos (1988), Ribadavia (1993), En malos pasos (Xerais 1995), «Chuvia tralos cristais» en Narradores de cine (Xerais 1996), do que foi coordinador; Por conto alleo (2003) e Palabras contadas (Xerais 2006). No espazo electrónico Vieiros publicou as series de narracións: Por conto alleo (1999) e Necesariamente X. A razón máis quente (2001). Palabras contadas deu pé á exposición homónima da Fundación Luís Seoane, organizada dentro do Proxecto-Edición (2006).

A presentación:
Camilo Franco presentará este innovador libro, Palabras contadas, en Carballo o mércores 9 de maio, na Cervexaría Dublín a partir das 20.30 h, e farao dun xeito particular: mediante unha performance, acompañado do músico Magín Blanco.
Literactúa! Comentarios (3) - Categoría: ACTIVIDADES LITERACTÚA - Publicado o 02-05-2007 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
Blog do programa Literactúa para o fomento do libro e da lectura en galego no Concello de Carballo.

O QUE É LITERACTÚA...
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 PROCURA
 ALGUNHAS LIGAZÓNS
 ARQUIVO

Concello de Carballo

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


free web counter

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
© by Abertal